Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

CausaGaliza

Arquivo: Maio 2009

31/05/2009 GMT -1

NIN ETA NIN E.T.

augasceives @ 17:52

Rescatamos, polo seu interese e función pedagóxica, un artigo publicado no portal de contrainformación La Haine e asinado por Carlo Frabetti. Trátase dun exemplo perfecto que evidencia o absurdo dos argumentos fascistas que se empregaron para tentar ilegalizar a candidatura de Iniciativa Internacionalista e que se seguen a escoitar como fundamentos da criminalización mediática que esta formación padece. Velaquí a tradución ao galego:

Tras a presentación da candidatura de II-SP en Donosti, unha moza xornalista preguntoume se no noso manifesto falabamos de ETA. "Non, e de E.T. tampouco", contesteille. A rapaza quedouse un tanto desconcertada e non me preguntou nada máis; pero a conversa podería ter continuado así:

-E que ten que ver E.T.?

-O mesmo que ETA: nada.

-Como que ETA non ten nada que ver co voso manifesto? Non cres que deberiades deixar clara a vosa postura fronte á violencia etarra?

-E por que non deberiamos deixar clara a nosa postura fronte ás invasións extraterrestres?

-Porque ninguén dixo que tras II-SP se ocultan os extraterrestres, e si que dixeron que seguides consignas de ETA.

-Moita xente dixo que o Borbón é un ursicida e un fillo político de Franco, e ninguén lle pide que condene os crimes do franquismo nin aos canallas que matan por diversión exemplares de especies protexidas. Moita xente dixo que Felipe González é o responsábel último da infamia dos GAL, e non lle piden ao PSOE que condene a González e os seus cómplices. Tampouco lle piden ao PP que condene a invasión de Iraq, nin as mentiras de Aznar sobre as armas de destrución masiva...

-Vale, vale... Pero ti, persoalmente, condenas a ETA?

-Imos sentarnos; pode levarme un bo anaco contestarche.

-Non podes contestar sinxelamente si ou non?

-Podo facerche antes unha pregunta eu a ti?

-Por suposto.

-Cobras moito por un ‘revolcón’?

-Cómo te atreves?!

-Non entendo por que te ruborizas e me levántas a voz. Só che fixen unha pregunta. Non podes contestar sinxelamente si ou non?

-Pois claro que non podo! Se digo que si, é que cobro moito, e se digo que non, é que cobro pouco. A túa pregunta só contempla esas dúas posibilidades, e polo tanto é, máis que impertinente, ofensiva e machista.

-Efectivamente. E se en vez de ser unha pregunta retórica cha tivese feito en serio, sería mesmo unha forma de acoso. E por análogas razóns, a túa pregunta tamén é unha forma de acoso.

-Non vexo a analoxía.

-Vivimos nunha sociedade patriarcal e machista, na que moitos homes se cren con dereito a abordar as mulleres e a tratalas como obxectos eróticos, e iso é o que fai que unha pregunta como a miña sexa unha forma de acoso. Estás de acordo?

-Totalmente.

-Pois, ademais de vivir nun mundo machista, vivimos nun país (por chamalo dalgún xeito) no que os poderes establecidos e os medios de comunicación se cren con dereito a pedirnos aos disidentes que deamos continuas mostras de docilidade (igual que fan os homes coas mulleres); e nese contexto, a túa pregunta tamén é unha forma de acoso.

-Pero, en calquera caso, ao preguntarme se cobro moito ti só contemplas dúas posibilidades, e ambas as dúas falsas, posto que eu non cobro nin pouco nin moito.

-Ti tamén, ao pretender que conteste si ou non á túa pregunta, contemplas dúas posibilidades nada máis, e ambas as dúas falsas. Se digo que non condeno, parece que apoio a ETA, o cal non é certo, e se digo que si parece que acepto a intolerábel esixencia do Goberno, o cal tampouco é certo.

-A que esixencia te refires?

-Á esixencia da condena pública, obviamente. O Goberno non ten ningún dereito a esixir que unha persoa ou unha organización condenen publicamente nada nin a ninguén, e menos aínda que condenen aquilo e só aquilo que aos poderes establecidos lles interesa que se condene.

-E por que pensas que aos poderes establecidos lles interesa que se condene a ETA e só a ETA?

-Para facernos crer que ETA é o mal absoluto e impoñer unha visión simplista e maniquea dun problema político sumamente complexo. Para xustificar as máis brutais medidas represivas e aberracións xurídicas como a Lei de Partidos. Para intentar convencernos de que "o problema de España é ETA", como dicía Aznar a todas as horas, e desviar a atención de asuntos moito máis graves. Para poder criminalizar os que denuncian as súas mentiras e se negan a seguirlles o xogo.

-Como vós?

-Como os centos de miles de persoas que nos van votar o 7 de xuño.

-Debería ter sacado a gravadora. Non sei se serei capaz de transcribir fielmente as túas palabras.

-Dá o mesmo. O teu redactor xefe xa escribiu o titular do teu artigo: "Iniciativa Internacionalista non condena a ETA".

Ler máis »

28/05/2009 GMT -1

O NOVO GOBERNO ESTÁ DECIDIDO A DERRUBALO TODO

augasceives @ 15:34

Confirmouse. Xa o dixera Beiras, “a nova Xunta é unha compañía de demolicións”. E á vista dos non moitos avances do Goberno Bipartito, é doado deducir que Feijóo estase xa excedendo e comeza a atentar mesmo contra herdanzas do fraguismo. Un claro exemplo é a materia lingüística, na que está incorrendo en retrocesos históricos propios dun autoodio e dunha irresponsabilidade incalculábel. Hoxe o Consello da Xunta deu un paso máis cara o exterminio do galego, buscando esa morte lenta e doce que lle agoira o seu “bilingüísmo cordial e amábel”. Non será preciso coñecer o idioma para ser funcionario público, poderase facer o exame en castelán e posteriormente deberase “acreditar” o coñecemento do galego… Feijóo supera o imaxinábel en canto mesquindade.

 

Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento”. Dío o Estatuto de Galiza. Incumpre pois o PP esta, entre outras leis. A galegofobia que demostra este Goberno atinxe niveis descoñecidos até agora, que non se viran nin en tempos de Fraga. Porque Feijóo remóntase á Idade Media, cando o funcionariado do País foi substituído por xentes alleas que descoñecían a lingua e a desprazaron do uso na Administración. Isto pode supor unha violación do noso dereito a sermos atendidos en galego na administración pública, algo que nin agora está garantido xa e que se agravará cando calquera poida, independentemente dos idiomas que coñeza, converterse en empregado público en Galiza.

Pretenden relegar o uso do galego aos espazos nos que sobrevivía durante o Franquismo: o ámbito privado, o rural, facelo patrimonio inmaterial en perigo de extinción, peza de museo… E todo detrás da faixa da liberdade, da protección e do amor pola lingua. Avanzan cara a eliminación do galego no ensino, desactivan a obrigatoriedade de coñecelo na administración pública. Cunha xa moi limitada vida no campo xudicial, no da sanidade, no dos medios e noutros de grande importancia cotiá, buscan agora aniquilalo do futuro (roubárllelo ás vindeiras xeracións, que hoxe están nos colexios, nas Galescolas).

Pero non se limita ao ámbito lingüístico a acción esnaquizadora do novo Goberno de Feijóo, as súas ansias de facer ver que son eles quen agora dirixen este País son tales que chega mesmo a extremos surrealistas. Bota abaixo as tímidas medidas que restrinxían o espolio ambiental, que coutaban a "barra libre" dos construtores (agora en decadencia) e proxectan a negación dos avanzos en materia deportiva, por citar só algúns. Quizais o máis delirante foi desbotar o logotipo do Xacobeo 2010 que a anterior Consellaría de Industria e Turismo estreara (e que valera 200.000 euros) e co que xa tiña identificados todos os espazos, albergues, instalacións e demais material relacionado coa promoción da conmemoración turístico-relixiosa. Decidiron recuperar o do ano 2004, que xa tiña desaparecido como símbolo identificativo do evento. Realmente inexplicábel.

Ler máis »

27/05/2009 GMT -1

QUE ALGUÉN OS POÑA NO SEU SITIO E NO NOSO TEMPO!!

augasceives @ 15:58

Sabela Ferreirós responde neste artigo ás ansias da Igrexa Católica de botar man da Praza da Quintana, logo dos aires que lles supón a novo goberno nacional-catolicista de Feijoo. É posíbel que precisen un alamaque para decatarse do tempo no que vivimos.

 

Nostálxicos daqueles tempos nos que a súa moral era norma civil, os dirixentes da Igrexa Católica vén agora como paseniñamente a súa influencia vaise diluíndo na sociedade. Doídos pola masiva perda de fanáticos que fan que enfraqueza a estrutura empresarial e económica da súa doutrina procuran fórmulas que poidan compensar este feito. A chegada ao poder no Estado Español de Rodríguez Zapatero supuxo un punto de inflexión na radicalización do seu discurso, invocando mesmo mañas do 36 para recuperar un poder que volvera reverdecer durante a etapa fascista de Aznar. En Galiza, aínda que non podían estar descontentos co tratamento que Touriño lles daba, a chegada de Feijóo fíxoos sorrir de novo. A Igrexa Católica segue a ser unha confesión subvencionada no noso país, segue a gozar de privilexios fiscais e mantén aínda unha influencia social sobre todo nas xeracións máis vellas que é froito do longo e pesado xugo co que cargaron a toda a sociedade cando foron un dos principais piares que sostiveron a Ditadura fascista de Franco.

Os valores nos que se fundamentan as súas teses están absolutamente desactualizados e fican ancorados na escura e bretemosa noite dos tempos. Son amorais moitos dos seus discursos e pódense responsabilizar de lacras desta sociedade; a educación e o adoutrinamento que pretenden manter foi noutrora o único que moitos individuos de extrema debilidade mental recibiron, a educación sexista, machista, ultraconservadora e reaccionaria está hoxe detrás de moitos casos que cómpre erradicar definitivamente desta sociedade. O seu aparello propagandístico actívase cando o debate social cuestiona moitos dos seus preceptos e os xerarcas retórcense cando no Parlamento se comeza a falar de leis que amplíen dereitos, séntense ameazados e ousan actuar de contrapoder político.

Arestora aprovéitanse do Partido Popular para teledirixir as súas mensaxes, utilizando este partido como conduto para facer chegar á política e á vida civil a súa doutrina. A súa radical oposición a leis como a dos matrimonios homosexuais, a do aborto ou outras semellantes son un claro exceso que ameaza con invadir o ámbito privados das persoas, sexan ou non clientes da súa empresa. O seu desafío aos avances da ciencia pode resultar devastador nos territorios do chamado Terceiro Mundo, que é onde mais cala o seu discurso contrario aos métodos anticonceptivos e onde precisamente máis se espalla o mortal virus da SIDA.

Hai uns días tiñamos en Galiza a última proba da súa desvergoñada ousadía, alentada agora polo fanatismo que inspira as mentes sectarias dos máis importantes dirixente do novo goberno galego. O ‘opusdeísmo’ dalgúns dos máis notorios membros deste novo PP de Feijóo é aproveitado pola seita católica facer chegar as súas mensaxes e, agora si, convertelas en lei no Parlamente de Galiza. Feijóo xa anunciou que a organización do Xacobeo do ano que vén estará pilotada en todo momento polas sotanas, ás que lle prometeu un “Xacobeo espiritual”. Axiña os dirixentes católicos en Galiza recolleron a mensaxe e saíron para atreverse a reclamar a propiedade dun espazo público dos máis importantes da Capital de Galiza: reclamaron, nin máis ni menos, que a Praza da Quintana!!

Afirmaron que non querían que ese fora, como vén sendo habitual, o emprazamento de manifestacións ou concertos laiándose de que era “escandalosa” a montaxe que se realiza para este tipo de eventos. Esixen que se reserve para eles nin máis nin menos que toda a contorna da Catedral, pensando moi especialmente nas tradicionais manifestacións do Día da Patria que tinguen de reivindicación social o ar compostelán, afastando o rancio respirar relixioso co que o clero quere afogarnos. Tal demostración de prepotencia só indica o desnortados que están e o perdidos na liña do tempo que quedaron. Semella que o reloxo se lles parou aquel 20 de novembro e, como a tentativa do 23 de febreiro do 81 non frutificou, pensan agora en botar man dos vellos reloxos de sol para que lles marquen as horas.

Non á ditadura católica!

Ler máis »

26/05/2009 GMT -1

BILINGÜÍSMO DUNHA SOA LINGUA

augasceives @ 23:09

Artigo de Alberte Outeiro no que escribe sobre a nova ocorrencia do Goberno da Xunta de suprimir a esixencia de coñecer o galego para converterse en empregado público.

 

Aínda fachendosos polo vivido o 17 de maio en Compostela, onde este pobo fixo as máis notábeis demostracións públicas de forza colectiva ao longo da súa Historia, a pasada semana un novo golpe facíanos volver axiña á realidade. O novo goberno non está disposto a dar nin un só paso atrás nas súas pretensións de decidido exterminio da lingua galega. Estes, como tantos outros cualificativos semellan en ocasións esaxerados, pero a magnitude do desafío é merecente de alertas ben vermellas. A pasada semana, quen sabe se como resposta á manifestación do Día das Letras, a Dirección Xeral da Función Pública convocaba de xeito extraordinario a Mesa de Negociación de Empregados Públicos. Só un motivo, pero letal: a modificación (supresión) do artigo 35 da Lei da Función Pública Galega.

Este artigo é o que esixe que nas oposicións sexa obrigado demostrar o coñecemento do noso idioma para ser funcionario ou funcionaria. Este artigo é o responsábel legal de que na Administración Pública, no Ensino, na Sanidade ou na Xustiza poidamos ser atendidos ou atendidas en galego. Aínda que a práctica sexa ben distinta. Velaí unha nova aposta do Goberno de Feijóo no camiño que decidiu emprender contra o noso idioma. É tal a súa xenreira que raia o ilegal, pois é intención do PP aplicar a nova norma con efecto retroactivo (afectando xa aos procesos que están en marcha) e prexudicando claramente así aos matriculados e matriculadas por vérselles modificadas as condicións iniciais.

Os tres sindicatos maioritarios en Galiza (CIG, CCOO e UGT) expresaron o seu total rexeitamento a esta medida abandonando 13 dos 15 membros a devandita Mesa. Facer desaparecer a esixencia de coñecer o galego para converterse en empregado do sector público é unha mostra de autoodio sen precedentes no Goberno dun País do noso tempo. É un ataque suicida, infame, fundamentalista e sen saída posíbel o que este PP de Feijóo comezou contra o principal signo que nos identifica no mundo. Alguén concibe que a situación anormal que pretenden para a Galiza se podería dar noutro pobo do mundo? Alguén concibe que en Castela un funcionario puidera non coñecer o castelán? Viólase o dereito a sermos atendidos na nosa lingua diante dun despacho da Administración. Alguén concibe que vindeiras xeracións de mozos e mozas poidan saír do ensino obrigatorio sen coñecer a súa propia lingua? Liquidar a lingua nas linguas do futuro e suprimila da administración pública é tanto como afogala, esganala. Arrincarlle os espazos de supervivencia e facela retroceder varios séculos.

Ler máis »

22/05/2009 GMT -1

O TRIBUNAL CONSTITUCIONAL PERMÍTELLE A II-SP PARTICIPAR NAS EUROPEAS

augasceives @ 16:29

Os piares da ‘Democracia’ española deran nos últimos días un paso máis no seu avantar contra as liberdades políticas. Tirando da Lei de Partidos deciden ilegalizar a candidatura Iniciativa Internacionalista, que se presentaba ás eleccións ao Parlamento Europeo que no Estado Español se han celebrar o vindeiro 7 de xuño. O TS decidira, impulsado polo vento a favor da campaña mediática, negarlle a esta candidatura a posibilidade de participar argumentando uns supostos vencellos con formacións ilegalizadas xa anteriormente do independentismo vasco. Cómpre lembrar que II-SP está formada por representantes de todas as nacións e rexións do Estado.

Finalmente, o Tribunal Constitucional desacreditou onte ao Supremo ao non ratificar o fallo deste e permitindo, polo tanto, a presenza das papeletas e II-SP nos colexios electorais o vindeiro día 7.

No seu habitual artigo dos venres nun xornal vigués, Méndez Ferrín debulla hoxe algúns detalles do acontecido coa candidatura na que el participa en representación do noso País. O artigo, escrito antes de coñecerse a decisión do TC da xa explicacións do que finalmente rematou sucedendo.

A opción que representa esta candidatura vén a ser unha alternativa da esquerda anticapitalista e obreira dos pobos do Estado. A súa ilegalización estaba denunciada no Tribunal de Estrasburgo e de consumarse o atropelo, o caso saltaría ás máis altas estancias europeas en materia de Xustiza, xusto ás portas dunhas eleccións que se venden como exemplo de democracia e se fan chamamentos á participación.

Se o TC avalara a decisión que a instancias do Goberno Español tomou o Tribunal Supremo, desouvindo á Xunta Electoral Central que aprobara a candidatura nun primeiro momento, España quedaría núa diante dos ollos de Europa e os seus déficits democráticos serían actualidade nos corredores do Parlamento Europeo. Non só diante destas eleccións, senón da vindeira presidencia da UE que lle tocará ao PSOE o vindeiro semestre.

Haberá que ver a presenza nos medios que acada agora durante a campaña electoral que xa comezou esta pasada noite. De seguro que algunha argallada máis non é aínda desbotábel.

Ler máis »

MÁIS VIOLENCIA POLICIAL, MÁIS INTOXICACIÓN MEDIÁTICA, MÁIS LOITA OBREIRA

augasceives @ 14:59

A acción mediática é poderosa e pode conquerir obxectivos impensábeis. Actúa a pleno rendemento no conflito dos traballadores do metal presentándoos á sociedade como criminais violentos que esnaquizan todo o que atopan ao seu paso, verdugos dunha sociedade que ten que padecer as súas inxustas reclamacións e perigos para a orde cívica que a policía ten que restablecer, ás veces con actuacións en resposta ás agresións dos traballadores. E a todo isto, na sombra, a patronal dirixindo os fíos e marcándolle o paso ao poder político para orientar a presentación dos feitos en favor dos seus intereses. Espállase a idea entre ese sector inconsciente e desinformado da sociedade de que os traballadores do metal son violentos e loitan por algo que non lles pertence, de cuxos feitos a cidadanía é vítima e a cidade padece. Pois non, nada disto é certo e a realidade é demostrábel e pódea comprobar calquera que coñeza a situación, mais tamén quen fique alleo e teña interese en coñecela; hoxe, as armas da globalización tamén poden ser aproveitadas para desmontar a mentira do sistema. Velaquí dous vídeos (de GZVídeos e CIG) que dan boa conta da realidade. Durante a xornada de onte víronse as imaxes dos disturbios e os enfrontamentos máis graves entre traballadores e policía; hoxe, saíron á rúa de novo para protestar pola actuación policial de onte. (Picar na imaxe para ver o vídeo) 



A patronal esixe este ano a negociación dun convenio por dous anos e que implica unha conxelación salarial inasumíbel para os traballadores nestes tempos que corren, cando os anos anteriores este convenio se viña negociando ano a ano. A patronal, prepotente e asoballadora, non acode ás xuntanzas previstas desprezando aos traballadores e aos seus representes, desafiando e provocando un conflito no que saben de certo que os traballadores non se han agochar. A patronal, logo de tres días de folgas pacíficas, solicita “protección” policial para o cuarto día coa intención de prender a chama que faga estourar o caos, para sementar Vigo de disturbios e crear un escenario bélico cheo de caos e pánico entre a xente. Son os traballadores os que están na rúa, nunca os empresarios; son os traballadores os que se enfrontan á policía, que fan de representantes da patronal; está salvagardada a imaxe do empresariado e a que se pon en cuestión é a dos traballadores. Todo ben pensado para revivir as imaxes de lume e barricadas que dean paso ás condenas humildes e vitimistas, poñendo á “opinión pública” do seu lado.


A verdade é outra. A verdade está na capacidade organizativa e de loita dos traballadores, en lexítima reivindicación das súas condicións de traballo. Contra a minoría que segue traballando e non apoia a folga pero que despois se beneficia do mellor dos convenios posíbeis que se coñecen no mundo laboral en Galiza. Unhas condicións que se conseguiron loitando, enfrontándose sen medo á rede tecida polo poder: empresariado, gobernantes e medios de comunicación. Son inxustos cando condenan aos compañeiros que están nas rúas resistindo, sendo mallados polas forzas de represión e enfrontándose a xuízos e condenas desproporcionadas.


É tal a violencia e a desproporción das actuacións policiais que o mérito dos traballadores adquire unha consideración por enriba do normal. As ‘forzas da xustiza’ trasladan ás rúas os excesos da ‘democracia’, provocando –eles si!- danos no mobiliario, disparando contra casas e edificios e atacando coas súas pelotiñas de goma a veciños indiscriminadamente tanto se son cativos como se son anciás. No vídeo pódense ver os testemuños dos que a patronal non fala. Esa violencia non a condena o empresariado, porque é a súa violencia.


Ler máis »

21/05/2009 GMT -1

A LEI DE PARTIDOS NON ILEGALIZA AOS FASCISTAS

augasceives @ 16:51

A mesma Lei de Partidos que se invoca para moldear a participación democrática nas eleccións no Estado Español non se emprega noutras ocasións que responden sobradamente aos argumentos teóricos que sosteñen a citada lei. Estamos afeitos a escoitar falar de ‘apoloxía do terrorismo’, ‘inxurias á Coroa’ e outros delitos que tipifican como tales e polos que se condena ou ilegaliza a organizacións de esquerda e/ou antisistema. Porén, nunca se acusa destes feitos nin se lles prohiben manifestacións aos redutos nazis que fican polas rúas. A última vergoñenta argallada do Goberno español é a ilegalización de Iniciativa Internacionalista – Solidariedade dos pobos non permitíndolles, a falta de coñecer a resolución definitiva do recurso, participar nas eleccións ao Parlamento Europeo do vindeiro mes. Quen si van estar neses comicios son formacións de extrema dereita que louban o asasinato do mozo antifascista Carlos Palomino nunha estación de metro de Madrid en novembro de 2007.

 

Por medio dun artigo publicado nun foro de internet aloxado en espazos da extrema dereita, un indesexábel e repugnante fascista con cargo dirixente nalgunha das súas noxentas entidades enzoufa impunemente a memoria do rapaz asasinado e da suposta democracia española. Trátase dun tal José Luis del Corral, seica xefe do Movimiento Católico Español e da Acción Juvenil Española, as dúas organizacións perfectamente legais dentro do sistema democrático español.

Os desprezábeis e falsos argumentos que emprega para defender ao militar español que matou dunha navallada a Carlos Palomino non son merecentes, polo momento, de que a Fiscalía nin a Avogacía do Estado actúe de oficio para acusalo de apoloxía do terrorismo nin vencellalo con banda armada ningunha. “Como Josué sabe que la mejor defensa es un buen ataque y que no puede esperar otro segundo más, se acerca al Pollo y le toca (…) Entonces, Josué usa el puñal con rapidez, y con energía y fuerza agarra al 'Pollo' y lo empuja fuera del vagón, con sólo su brazo izquierdo y a contra cuerpo”. Velaí a descrición do asasinato en boca dos seus defensores. Di tamén que “estamos ante un acto en defensa propia, frente a unos agresores de la calaña que los hacía especialmente peligrosos”. Estas e outras afirmacións son perfectamente compatíbeis coa “democracia” española. Son os mesmos que sosteñen partidos de ultradereita que tranquilamente poden concorrer a todo tipo de eleccións que se celebran en España. Unha vez máis, esta ficticia democracia evidénciase por si mesma cos seus propios feitos.

Ler máis »

19/05/2009 GMT -1

ESPAÑA SEGUE A CONSTRUÍR A SÚA DEMOCRACIA

augasceives @ 16:39

A semana das Letras enguliu toda a nosa atención a pasada semana, que rematou con grande manifestación de Compostela en defensa do noso idioma. Pero ao tempo, producíase un feito sen precedentes no Estado Español que marca un antes e un despois no que se refire a dereitos e liberdades políticas dunha xa desenmascarada “democracia”. A rede fascista española, composta polos poderes Xudicial e Executivo e sostida polo conglomerado mediático ao servizo do sistema, deu un paso máis no seu esmagamento de toda alternativa á súa farsa. A candidatura ao Parlamento Europeo (para as eleccións do vindeiro 7 de xuño) Iniciativa Internacionalista – A solidariedade entre os pobos foi posta no camiño da ilegalización valéndose o Goberno do PSOE da Lei de Partidos e apoiándose na invención duns supostos vencellos coas formacións ilegalizadas da esquerda abertzale de Euskal Herria. A seguir relatamos os feitos acontecidos dende a pasada semana até hoxe, cando coñecemos que a candidatura na que se integra Méndez Ferrín recorrerá a decisión.

A candidatura representa unha opción obreira, de esquerda real anticapitalista e pretende levar a voz da alternativa a este sistema que se define ben a si mesmo polos seus propios feitos. Fórmana nomes de todos os pobos do Estado, encabezándoa o dramaturgo nado en Madrid e residente en Euskadi Alfonso Sastre, recoñecido persoeiro da literatura española contemporánea. Por Galiza aparece no posto 6 Xosé Luís Méndez Ferrín, que igualmente pode considerarse o maior representante da nosa literatura actual. Velaquí a lista completa. Ademais, figuran Xan Carballo e Ricardo Castro para completar a representación galega.

Axiña comezaron as especulacións sobre esta lista, auspiciadas polo fascismo mediático que inventou un debate inexistente arredor da suposta relación de Batasuna con I.I. Axiña a Fiscalía e a Avogacía do Estado puxeron en marcha o aparello das ilegalizacións ao impugnar a candidatura da que dicían que era froito do apoio do independentismo vasco, malia estar probado que non ese non a promovía. O pasado sábado, dezaseis de maio, o Tribunal Supremo anulaba a lista de I.I. por considerar que dous dos seus membros (Alfonso Sastre e Doris Benegas, 1 e 2 respectivamente) están relacionados con Batasuna. A agresión sen precedentes foi cualificada por Méndez Ferrín como “un atentado contra as liberdades”; os propios voceiros da candidatura falaron de “o máis grave atentado aos dereitos civís e políticos ocorrido dende o 23 de febreiro de 1981”. A determinación do PSOE, o apoio do PP e o silencio cómplice do resto de partidos do sistema, así como a brutal campaña de intoxicación levada a cabo especialmente por dous medios de comunicación indesexábeis rematou finalmente por axeonllar ao Poder Xudicial unha vez máis diante dos intereses do Goberno.

O rexeitamento desta decisión infame e golpista dos seudodemócratas foi plasmado no apoio dun grupo de representantes do mundo da cultura galega que asinaron un manifesto (ligazón á información do xornal Vieiros) que contou co apoio do Premio Nobel da Paz Pérez Esquivel, que remitiu unha carta ao Presidente do Goberno do Estado pedíndolle que deteña este atropelo e esta violación de dereitos.

Hoxe soubemos que Iniciativa Internacionalista – A solidariedade entre os pobos presentou un recurso contra a decisión do Tribunal Supremo de anular a súa candidatura. Nel, inclúese unha referencia explícita ao rexeitamento do uso da violencia para a obtención de fins políticos e o aparello xudicial do Estado ten até a medianoite de pasado mañá xoves, antes do comezo da campaña electoral, para emitir sentenza.

Ler máis »

18/05/2009 GMT -1

VÓS A LÁNCARA E NÓS A COMPOSTELA

augasceives @ 16:40

Alberte Outeiro escribe sobre "os dous Día das Letras" que onte se celebraron en Galiza. Describen á súa vez os dous "compromisos" co galego que se representan cada día na nosa sociedade: o verdadeiro, o que se mollar se é preciso; e o ficticio, o dos coches oficiais e actos insticionais baixo teito por se chove...

Como é habitual, e protocolario, cada ano no Día das Letras Galegas o persoeiro lembrado recibiu as tradicionais homenaxes na súa vila natal. Até Láncara, neste caso, se trasladou toda a comitiva institucional encabezada polo Presidente da RAG e o da Xunta de Galicia. A elección de Ramón Piñeiro para este 17 de maio foi a máis criticada dos últimos anos polo perfil político e as teses do mesmo. Sempre foi excesivamente morno, por sermos elegantes, o “compromiso galeguista” de Piñeiro. Moitas afirmacións súas non encaixarían hoxe co que este País precisa en termos de normalización política, social, cultural e, sobre todo, lingüística. Na súa conta de resultados ha ir sempre a responsabilidade de liquidar o histórico e verdadeiro PG. Por algo foi sempre unha referencia Ramón Piñeiro no estante “galeguista” que Fraga Iribarne ideou para o seu Partido Popular, un persoeiro carente de determinación que encaixaría á perfección nese galeguismo folclórico de gaitas e empanadas tan propio daquelas épocas do fraguismo e, todo hai que dicilo, recollido, revisado e adaptado aos tempos que corren por Anxo Quintana.

Dun pódese dicir que o resultado foi afogar a posibilidade de que un nacionalismo verdadeiramente de centro dereita, necesario, agromara en forma de partido fóra do PP. A dereita española de Fraga non foi nunca nin nacionalista galega nin de centro; a dereita española de Feijóo… nin que dicir ten. O exterminio do sector da boina dío todo. O “PNV ou CiU galego” non foi nunca o PP, nin tampouco o conseguiu o Bloque de Quintana e Aymerich, aínda que esta ameaza aínda non desapareceu. O que este país precisa non foi nunca a copia dun modelo alleo, nin tampouco o galeguismo de Ramón Piñeiro nin moito menos o de Fraga Iribarne. O novo “galeguismo” de Feijóo non só non o precisamos, senón que nos ameaza seriamente…

 

Como se ten dito en AugasCeives toda a pasada semana, o de menos onte eran os actos institucionais, as máscaras e as fotos. En Compostela houbo, parece ser que un número indeterminado de persoas, como adoita acontecer nestes casos, que verdadeiramente si festexaron como se debía o Día das Letras Galegas: con dignidade. Saíndo á rúa contra as pretensións exterminadoras do Goberno da Xunta en materia lingüística. En Compostela é onde estivo o verdadeiro espírito ao que temen Feijóo, Fraga e Ramón Piñeiro temen. O espírito decidido, de (auto)determinación e loita na defensa do noso idioma.

Feijóo sabe que ten diante á ampla maioría da sociedade galega que non está disposta a aceptar retrocesos en materia de normalización lingüística. Tamén é certo que esa sociedade que está polo idioma está ceibe de compromisos partidistas, non se adscribe a ningún voto e o compromiso co idioma non se reflexa necesariamente nas urnas. Que ningún partido tente apoderarse da libre vontade da sociedade galega porque está destinado ao fracaso, como fracasou quen quixo encabezar o movemento social que xurdira contra o poder político pola súa indecencia tralo afundimento do Prestige. Que ningún colectivo minoritario tente medir forzas desafiando ao pobo galego, nin con autobuses vidos dende fóra nin con autobuses viaxeiros por Galiza adiante.

Sería unha mala nova, pero non é de desbotar que mobilizacións semellantes se repitan en vindeiros meses. E dicimos que sería unha mala nova porque iso significaría que a ofensiva do PP non retrocedeu, e o noso idioma seguiría a precisar doutra demostración de forza. Mais tamén podemos ter a seguridade e a tranquilidade de que este País responderá. Polo momento, Feijóo non baixa as armas e repite, por boca do Conselleiro de Educación, que seguirá adiante coa súa intención de derrogar o Decreto 124/2007.

Ler máis »

17/05/2009 GMT -1

MOLLADURA DE DIGNIDADE

augasceives @ 19:06

Unha enxurrada de linguas libres percorreron hoxe as rúas de Compostela. Unha masa enchoupada pola choiva compostelá e pola dignidade chegada dende todas as comarcas da xeografía nacional portadora de bandeiras, faixas e cánticos diversos pero cunha determinación común e inquebrantábel: nin un paso atrás na defensa do idioma. Foi a resposta da sociedade civil galega á ofensiva españolista e ao desafío do goberno de Feijóo coa súa chegada ao poder. Foi, sen dúbida, a maior manifestación que se lembra coa defensa da lingua como eixo da mesma. Foi un berro claro e unánime avisando de que non se consentirá ningunha escusa para deter o proceso de normalización. Lembrou, pola inmensidade, pola chuvia, polos paraugas e máis pola importancia de asistir a aquela do 1 de Decembro de 2002 na que o pobo galego se puxo en pé contra uns gobernantes nefastos e ruíns que aldraxaban a nosa terra co seu comportamento e a súa indecencia.

 

Ninguén se atreve a falar claramente de cifras de asistencia. A organización falaba de “non menos de cincuenta mil persoas”; algún voceiro mediático do españolismo antigalego escribe “cerca de vinte mil”… Con prudencia pero significativa a cifra que apuntan pois hai que ter en conta que a realidade  nestes casos adoita multiplicar por dous ou tres os seus números. Quizais o mellor xeito de contabilizar sería explicar o acontecido: chegada a cabeceira á Praza da Quintana non saíra aínda da Alameda a parte traseira da manifestación. Os atoamentos eran de máis dun quilómetro nas peaxes da autoestrada que dan acceso á Capital. Quizais só as pedras molladas das rúas da zona vella compostelá poidan dicir cantos pés as percorreron hoxe.

Fronte aos renegados, fronte ao autoodio, fronte aos acomplexados e fronte aos autobuses que chegados de fóra carrexaban monicreques para participar nunha farsa que atentaba contra o noso principal signo de identidade: a nosa lingua. Fronte a todo iso e contra as inclemencias climatolóxicas, o pobo galego ergueuse e demostrou que non ha ceder dereitos adquiridos en materia lingüística e que ademais, ha seguir pelexando por poder exercelos. E todo, malia a choiva, en aire de festa ao son das gaitas. Un pobo disposto a vivir na súa lingua.

Persoeiros do mundo da cultura, da literatura e da sociedade galega, ademais de dirixentes do BNG, víronse entre os manifestantes. Non estaban os defensores da “liberdade” de elección, non estaban os “galeguistas” do PP, nin os do PSOE, non estaban nin se agardaba por eles. Estaba o pobo, estaba a Galiza consciente, máis consciente ca nunca. Hoxe deuse unha demostración de forza, de firmeza, de contundencia e de determinación. Hoxe podemos dárnolos parabéns  e festexar a viveza e o futuro da nosa lingua. Hoxe algúns e algunhas deberían de estar inquedas e preocupadas pola resposta da sociedade galega, pola contestación ás súas falacias e ás súas deplorábeis intencións. Á vista do de hoxe, aínda que non recoñeceran a realidade nin se darán por aludidos, uns terían que repensar as súas intencións á fronte da Xunta e outros revisar as súas teses e desaparecer definitivamente como colectivo agresor da lingua galega. Non poden derrogar o Decreto do Ensino e deberían garantir a súa aplicación, non deben insistir no seu desafío de “castelanizar” o Parlamento e non teñen que insistir no baleirado de contido das Galescolas. Como hoxe se berrou na Praza da Quintana, “conselleiros ás Galescolas!!

Ler máis »

15/05/2009 GMT -1

A HISTORIA DA NOSA LINGUA NA NOSA HISTORIA

augasceives @ 16:47

Rematamos a semana na que en AugasCeives lle prestamos unha atención especial á nosa lingua cos ollos postos no vindeiro domingo, 17 de maio, e na manifestación de Compostela que ten que servir de referencia na defensa do noso idioma. A difícil situación que vive e as graves ameazas ás que se enfronta, ás que nos enfrontamos, fai deste Día das Letras Galegas o máis importante dos últimos anos, e non precisamente polo persoeiro a homenaxear... Velaquí un pequeno percorrido pola Historia da Nosa Lingua dende os comezos até hoxe. Moi recomendábel a reflexión e a comparanza en varios momentos da situación que se daba coa que se nos presenta agora, en pleno século XXI. 17 de maio, sempre!

  

A Historia da nosa Lingua vai parella á nosa propia Historia como pobo. É un dos feitos principais que nos constitúe como tal, é o principal signo que identifica á Nación e simboliza o que somos: lingua de resistencia para un pobo que resiste. Describe un espazo que vai alén das divisións administrativas e vive alí onde vive a levan os seus portadores. Polo mundo adiante hai galegos e polo mundo adiante se fala galego.

Procedente do latín e irmá do portugués, a vía lusófona fai que se escoiten os nosos acentos dende o Brasil até Timor pasando por África. Mais o galego ten hoxe personalidade propia e o seu principal obxectivo é vivir en Galiza, que é tamén a nosa principal tarefa.

Temos que percorrer cara atrás a liña do tempo até chegar aproximadamente ao ano 900. No Reino de Gallaecia comezaba a falarse un derivado do latín que axiña callou no pobo, espallándose rapidamente sen diferenciar clases sociais. Choutamos ao século XII, cando o Reino gozaba do momento do seu maior esplendor e influencia política, cultural e social. Consecuentemente, a lingua de prestixio era o galego. En galego escribíanse as cantigas, a imaxe do que se facía na Provenza e nacendo os xéneros de amigo, amor e escarnio.

É inevitábel citar ao Rei Afonso X “O Sabio” como unha das figuras máis destacadas da literatura galega ao longo da historia escribindo as “Cantigas de Santa María”. Porén, a potenciación do galego viuse detida cando os intereses políticos provocaron que a Coroa Española decidira darlle un importante pulo á lingua de Castela. Engadido a isto, foi un feito decisivo a escisión de Portugal e o seu nacemento como reino independente: velaí comeza o gallo do que nacerán dúas pólas que foran un só tronco. A historia da nosa lingua é inseparábel da historia de Galiza, unha xeira de acontecementos puntuais van marcar o devir do pobo galego indo a situación deste sempre da man da súa lingua. Galiza ía perdendo influencia por aquela altura e con ela diminuía tamén a presenza do galego nas instancias de poder e decisión. Mais aí comeza a verdadeira historia dunha lingua de resistencia, afeita a sobrevivir entre as clases populares labregas e mariñeiras que maioritariamente conformaban xa daquela o noso País. O galego era xa a lingua da poboación en Galiza, escribíndose nela documentos e comunicados da vida cotiá como bandos ou comunicados; iso si, foi afastada de textos literarios.

A chegada dos Reis Católicos á monarquía castelá foi un feito letal para a nosa lingua, así como para o noso pobo. O traslado da nobreza galega á corte e o envio aquí de aristocracia castelá foi un golpe ao uso da lingua nos poderes civís. Mais tamén a Igrexa Católica contribuíu a ferir o idioma galego, colocando aquí dirixentes foráneos que impuxeron outra lingua aquí. Comeza a etapa coñecida como os Séculos Escuros, alongándose até o S. XVII, tempo no que as mostras de escrita en galego son moi escasas.

A seguinte parada ten que ser necesariamente Frai Martiño Sarmiento, monxe cuxa decisiva achega marca dalgún xeito o inicio da recuperación. O Padre Sarmiento, como tamén era coñecido, foi un estudoso da nosa lingua sendo o primeiro en reclamar a súa implantación no ensino e a súa dignificación. Arrepían as comparanzas… O castelán era daquela un idioma minoritario empregado só polas elites, considerada xa de prestixio a golpe de imposición. Falamos do S.XVIII, non esquezamos. A maioría dos mestres eran estranxeiros e impuxeron o seu idioma (o castelán) no ensino facendo que os rapaces foran desposuídos da súa propia lingua. Martiño Sarmiento é aínda hoxe un dos principais etnógrafos da nosa Historia.

Case un século despois ía aparecer a primeira obra contemporánea escrita integramente en galego, Cantares Gallegos (Rosalía de Castro, 1863). Xurdían escritores e obras ao abeiro do espertar da conciencia nacional propiamente dita encabezada polos principais intelectuais do país. Comeza a denuncia do abandono por parte do Goberno Central e a reivindicación do principal signo de identidade, a lingua. Estaba a nacer o Rexurdimento, tanto a nivel político como literario. Mais o certo é que curiosamente neste punto comeza o retroceso de falantes nas cidades, freando deste xeito o pulo que o movemento impulsado polos intelectuais galegos lle estaban dando ás reivindicacións nacionais. Unha vez máis, insistimos no camiño paralelo que percorre a Historia da Lingua e a Historia da Nación. O noso idioma servía xa para denunciar os nosos problemas, dos que a principal figura da nosa literatura por aquel entón, Rosalía de Castro, era perfectamente consciente: “Pobre Galicia, non debes chamarte nunca española, que España de ti se olvida cando eres, ai!, tan fermosa”.

Pero as proclamas de Rosalía e as ideas do Rexurdimento non sería recollidas de xeito máis determinante até comezos do S. XX, polas Irmandades da Fala e, máis tarde, pasando a ser a cerna dos discursos de Castelao. Os nosos máis salientábeis políticos ían expor os nosos problemas e reivindicacións na nosa lingua. O estatuto do 36 era o comezo da instauración do noso idioma na nosa vida institucional e administrativa, así como no ensino. Agardaba un fermoso camiño que comezaba co plebiscito do Estatuto, pero en xullo do 36…

A longa noite de Pedra puxo en risco a sobrevivencia do galego. Hoxe goza do rango legal de oficialidade e está garantida, sobre o papel, a súa absoluta igualdade co castelán en Galiza. Ademais, o proceso de normalización é tarefa asignada por lei ás administracións. Está aínda lonxe o día no que sexa posíbel vivir plenamente en galego en calquera eido da vida cotiá, e o horizonte, se atendemos aos colexios e ás máis novas xeracións (…!), di que haberá que seguir loitando. Seguir resistindo.

Ler máis »

14/05/2009 GMT -1

MÁIS FORZA CA ELES

augasceives @ 16:43

Nesta semana das letras participa tamén a nosa colaboradora Sabela Ferreirós, que nos remite este artigo no achega unha visión máis sobre a situación actual da nosa lingua e da importancia da manifestación do vindeiro domingo en Compostela.

 

 

O único idioma propio deste País é o galego.

Vaia por diante esta tan evidente afirmación pois semella que nos últimos tempos cóbrenos unha brétema de confusión que pode callar na sociedade sementando dúbidas en mentes fráxiles, que as hai. E non son precisamente as que espallan esta brétema á que me refiro; estas teñen outro nome que non é fráxil senón ruín. Tampouco se lles podería dicir ignorantes ou descoñecedores, pois eles e elas ben saben que están a erguer unha grandísima mentira importada que serve de colleita electoral a sectores políticos que practican o racismo lingüístico.

Eses e esas ben saben que o que queren para Galiza non é bilingüísmo, senón afondar na diglosia existente actualmente. Ben saben que se seguen a dar casos de discriminación lingüística na empresa privada, no eido público, en administracións, na xustiza, na sanidade, nos medios… e por suposto no ensino! Ben saben que é imposíbel hoxe en día vivir plenamente en galego, cando en castelán é perfectamente habitual. Ben saben eles que os únicos dereitos lingüísticos que están plenamente garantidos son os dos castelanfalantes.

Toda reacción hostil do pobo galego fronte a estas teses está plenamente xustificada, máis se cando os alentadores destas veñen de fóra con intereses partidistas por diante. Procuran utilizar a nosa terra como campo de manobras de onde tirar rédito electoral facéndonos dano, facéndolle dano á nosa propia lingua. E abofé que o poden facer se teñen neste río pedras nas que apoiárense. Propoñen unha regresión histórica en materia lingüística, desafían e poñen en dúbida dereitos consolidades e fano sabendas.

Buscan provocacións como é o falar no Parlamento galego outra lingua que non é a propia e a natural do pobo galego, que quen está teoricamente representado nesta institución, seguindo as teses que eles mesmos defenden. Insisten en furgar nas feridas que máis abertas están e máis dano producen, como a ameaza de recuperar a vella polémica do topónimo da cidade d’A Coruña. Moi propio de políticos en prácticas (L) como Diego Calvo, delegado da Xunta en territorio coruñés.

Estou certa que habemos saber facer fronte a esta ofensiva e habemos saber protexer o noso idioma para que poida florecer mil primaveras máis. Hoxe coñeceuse por fin quen será o Secretario Xeral de Política Lingüística do Goberno Feijóo, que non foi quen de atopalo até dous meses e medio despois de ter gañado as eleccións. Anxo Lorenzo é un filólogo vigués que non gusta á principal organización do fascismo lingüístico que actúa en Galiza, mais que tampouco esperta ledicia en entidades como A Mesa (sería preocupante que aplaudiran o nomeamento).

Comezaremos a gañar a batalla se o domingo demostramos forza. Máis forza ca eles.

Ler máis »

MÁIS CA FUTBOL

augasceives @ 16:09

O FC Barcelona ergueu por vixésimo quinta vez a Copa do Rei de España de fútbol ao vencer por un contundente 4 a 1 ao Athletic Club de Bilbao. Os vascos saíron cunha actitude encomiábel e dispostos a facer que a súa superioridade física se impuxera á calidade do Barça. Adiantáronse con gol de Gaizka Toquero no minuto 8 ao rematar un saque dende o curruncho e seguiron abafando a saída de xogo do equipo de Guardiola até que un sorprendente lanzamento do marfileño Yaya Touré empatou o xogo á medio hora. O Barcelona conseguira saír vivo do impresionante acoso ao que se veu sometido polos vascos a base de talento e calidade individual, aínda que sen crear moito perigo na primeira metade. O segundo tempo foi unha exhibición do que hoxe por hoxe é o mellor equipo de fútbol do planeta e que puido marcar máis dos catro goles que marcou. Messi, Bojan Krkic e Xavi Hernández fixeron os tres goles que certificaron o trunfo blaugrana.

Pero non, isto non é unha crónica deportiva nin o obxecto é falar de fútbol.


Se o fóra, habería que citar a envexábel irmandade entre as afeccións ou os xestos de deportividade dos campións festexando a súa vitoria con bandeiras do rival e de Euskadi. Tampouco se podería pasar por alto o comportamento da bancada basca, superioridade en número malia ter un desprazamento máis longo, que ficou no campo logo do final aplaudindo ao equipo que os derrotara e seguindo a animar aos seus.

Pero non, non imos falar (máis) de fútbol. O encontro era unha oportunidade envexábel para levar a ollos de todo o españolismo futbolístico e do resto de xentes que o seguirían por todo o mundo as reivindicacións de oficialidade das respectivas seleccións deportivas vasca e catalá, unha oportunidade para que dous pobos representados nun terreo de xogo amosaran o seu rexeitamento á figura retrógrada dun monarca que representa un Estado que nega dereitos lexítimos dos pobos que o conforman, unha oportunidade envexábel para que o mundo vira a anormalidade da situación política e social no Estado Español. Os preparativos xa anunciaban como o primeiro punto quente da noite o momento protocolario no que soara a marcha militar que serve de himno para o Estado Español.

O encontro era retransmitido en directo para todo o Estado pola televisión pública española, sostida con impostos recadados tamén en Euskadi e Catalunya. Minutos antes do comezo, e xusto cando comezan os acordes do himno afogados por unha inmensa pitada conectan en directo con Bilbo evitando que se vira a hostilidade cara o Xefe do Estado e cara o himno español que nese momento se estaba a dar no campo. Un acto de censura con todas as letras, millóns de espectadores nese momento non daban creto ao que estaban a ver.

No descanso do partido, con tempo suficiente para manipular e editar o vídeo, os presentadores da cadea pública avisan de que un “fallo humano” impedira antes emitir o momento no que se interpretaba o himno español. Emitírono entón descaradamente manipulado, aumentando o son “real” que se percibía no campo e poñendo en imaxes a un individuo coa man dereita no peito que se atopaba na bancada entre os seguidores do Athletic. As reaccións nos foros e en distintas webs son hoxe de verdadeiro odio e carraxe contra os que proferiron a pitada, interpretándoa como unha ofensa a España. Mais tamén se atopan explicacións como a identificación do individuo da man no peito e o descubrimento da preparación do momento, co home erguendo a man antes de ser enfocado para que o cámara o atopara entre a multitude e o balbordo.

Hoxe, tanto como do puramente deportivo fálase do escándalo de censura e da volta aos tempos do NODO. A iniciativa de protesta foi un éxito e non puido atopar mellor cobertura. TVE cesou ao Director de Deportes nun intento de pechar en falso o asunto, “cortando a cabeza” de se cadra quen non é responsábel. Non é difícil apreciar que todo estaba perfectamente calculado. Outra mención merecería o que non todo o mundo veu, o que as cámaras non censuraron simplemente porque non o captaron: a actuación policial e a súa actitude violenta cara os afeccionados que portaban material algún de carácter independentista. Como exemplo, foron requisados 5000 cartaces coa lenda “Catalonia is not Spain”. Unha mostra do nivel de democracia e liberdade que temos o pracer de gozar baixo esta España, con estes dirixentes e os seus correspondentes floreiros

Ler máis »

13/05/2009 GMT -1

A FOLGA NO ENSINO CULMINARÁ VARIAS SEMANAS DE TRABALLO E RESPOSTA ÁS AGRESIÓNS Á NOSA LINGUA

augasceives @ 18:21

Dende que o Primeiro de Marzo se confirmara a volta do PP ao goberno da Xunta e con el as ameazas que viñera lanzando durante a campaña contra a nosa lingua, nomeadamente contra o Decreto do Galego, moitas foron as reacción da sociedade galega. Xa como Presidente, as intencións de Feijóo non mudaron e avisou de que a nosa lingua perderá tamén presenza nas oposicións á Xunta e noutros eidos nos que estaba lixeiramente consolidada. Todo baixo a bandeira da liberdade, a liberdade que lle da o cargo para atentar contra o proceso normalizador que con tantas trabas vimos erguendo en Galiza e que non se vai parar agora.

 

Asociacións de mestres, equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, alumnado, Asociacións de Nais e Pais, centros de ensino, asociacións e entidades culturais, mocidade, etc. O movemento en prol da lingua adoptou diversas formas e xerando unha corrente defensiva social contra os poderes públicos que ousen adoptar medidas que supoñan algún tipo de retroceso no tocante aos nosos dereitos lingüísticos.

Conforme se achega o 17 de maio, axítase máis a conciencia e multiplícanse as iniciativas. Medidas de presións, recollida de sinaturas, organización de múltiples festas e outros actos son numerosos estes días. O traballo de base en todas as comarcas do País deixouse notar nas últimas semanas.

Para mañá está convocada unha folga no ensino secundario que ha culminar os actos que se viñeron desenvolvendo conducidos principalmente pola Mocidade pola Lingua, sen esquecer o programa Correlingua para os máis cativos e cativas e que tanto proe nas arañeiras españolistas. Todo encamiñado a garantir a posibilidade de ter un ensino en galego de calidade e deter a perda de falantes especialmente entre a xente máis nova. Vigo, Compostela, Ordes, Vilagarcía e Ourense acollerán ademais manifestacións.

Ler máis »

EN COMPOSTELA A LIBERDADE CUSTA DEZ MIL EUROS

augasceives @ 15:28

Un dos centros sociais de máis actividade do país, o compostelán Gentalha do Pichel, sofre dende hai meses a persecución do Grupo Popular da Capital de Galiza. Os fascistas, encabezados polo seu fhürer particular Conde Roa, propuxéronse avanzar no acoso ás entidades e locais verdadeiramente responsábeis da dinamización cultural da cidade; tamén a Sala Nasa sufrira a persecución dos que para outras cousas esixen liberdade. En plena efervescencia de actos, con motivo da semana das Letras Galegas e nas vésperas da grande festa que se ha celebrar o sábado 16, o goberno municipal (PSOE) atendeu as demandas do PP encamiñadas a pechar o Centro Social por non ter, coma tantos outros, licenza municipal. A Gentalha fixo un chamamento urxente de solidariedade económica pois precisa xuntar 5000 en tres días.

O investimento máis custoso que se lle esixe consiste na instalación dun elevador para persoas con discapacidade. A Gentalha do Pichel necesita 10.000 € no prazo dun mes, a metade de xeito inmediato. Coa axenda ateigada de actos esta semana, foilles imposíbel organizar unha campaña de máis repercusión para a recolleita das achegas económicas, aínda así, abriron unha conta para recadar axudas baixo a lenda “10.000 euros para calar a boca do Conde Roa”.

A resposta foi implacábel, contundente e inmediata. Segundo un socio do colectivo afirma para Vieiros, non hai dúbidas de que a cantidade total se poderá obter antes do prazo estando xa practicamente conseguidos os 5000 euros que de xeito inmediato se precisaban. Unha mostra máis da solidariedade e da resposta que en tempos de dificultade existe nas bases do movemento social galego.

Aledámonos pola boa nova e apoiamos totalmente aos compañeiros e compañeiras da Gentalha do Pichel na súa andaina, felicitándoos pola súa actividade exemplar e referente para outros centros sociais galegos.

Ler máis »

12/05/2009 GMT -3

VERMES

augasceives @ 14:55

Xa nas vésperas do Días das Letras 2009, que como xa dixemos ha ter especial importancia este ano coa manifestación nacional de Compostela (ás doce na Alameda), Alberte Outeiro escribe este artigo no que se refire á opinión vertida esta pasada fin de semana nun 'subvencionado' de Arteixo.

A crise bota as súas redes e amarra todo o que nelas queda. Á evidencia da situación económica e social que vivimos hai que engadir o que podemos cualificar como “crise do inmaterial”. O noso signo de identidade máis importante, o que nos distingue como pobo diferenciado e o que máis claramente nos define como Nación (con maiúsculas) é a lingua. O noso idioma é obxecto dunha outra violenta ofensiva por parte non só de intereses externos e pensados dende fóra senón tamén por parte de factores internos absolutamente desprezábeis, individuos e colectivos recheos de autoodio e acomplexados. Como un verme que por dentro fai podrecer unha mazá, así son os que falan de liberdade no eido lingüístico para covardemente agocharse detrás dela desexando o establecemento do castelán como lingua superior de facto.

A súa covardía impídelles predicar abertamente o seu discurso, porque xa non estaría revestido da demagoxia e da amabilidade pseudoinocente coa que engalanan todo. Non son quen de recoñecer abertamente que desexarían a desaparición total da vida pública do idioma propio de Galiza en prol da implantación absoluta da lingua castelá. Gustarían dunha administración pública totalmente en castelán e que o galego ficara reducido ao ámbito privado, detestan a presenza da nosa lingua no ensino público e irrítanse especialmente cando escoitan a un cativo falar en galego.

Son individuos cunha sorprendente querenza por deixárense engulir pola colonización cultural, acéptana e promóvena en si mesmos insistindo en espallala e facernos a todos partícipes da uniformización lingüística. Gozan dunha notábel presenza pública dende a que poden aproveitarse para facer resoar os ecos das súas falsidades, moitos deles dende tribunas de opinión en medios de comunicación de grande difusión. Estes son o complemento ideal e actúan de altofalantes das entidades que xiran en torno ao PP en Galiza, minoritarias pero cun pozo inesgotábel de financiamento descoñecido que lles permite vivir da publicidade que xeran. Moldean as súas falacias e insírenas na sociedade, conseguindo entre os sectores máis permeábeis que quede pouso das súas mentiras.

Este domingo podiamos ler nun espazo preferente de opinión dun medio publicitario radicado en Arteixo un infame artigo asinado por unha cara coñecida do panorama opinador en Galiza. Unha pluma indecente que xoga a imitar aos grandes mestres da manipulación madrileña créndose creador de opinión e dirixente de conciencias, xestor de vontades. Atacaba o programa escolar Correlingua, unha iniciativa que se desenvolve cada ano nas vésperas do 17 de maio e que nunca antes levantara as iras do españolismo máis férreo que parece reaxir este ano. Aquelas desprezábeis liñas lixadas de indecencia advertían á sociedade de que as organizacións nacionalistas (nomeadamente BNG, CIG e A Mesa) estaban a secuestrar as conciencias dos cativos (naturalmente castelanfalantes) situándoos baixo as súas teses. Tal nivel de xenreira contra o propio é dificilmente comprensíbel nunha sociedade tan avanzada como da que presumen.

Do que o individuo este non se atreve a falar é do escándalo maiúsculo do que se aproveitou o seu “xornal” cando o ano pasado de bo grao aceptou o millón de euros en concepto de subvención de Política Lingüística do Bipartito. Cómpre lembrar que o suxeito ao que nos referimos simpatiza cos preceptos do neofascismo español de UPyD e que incluso o seu fora un dos nomes cos que se especulara para conformar as listas ao Parlamento Galego das pasadas eleccións.

Teñen que saber que só son pequenas fochancas nun xa moi longo camiño e que non van ser quen de lograr o que durante centos de anos veñen procurando os seus antecesores. Nin con todo o poder militar nin publicitario do que gozou a Ditadura Franquista foron capaces de desposuírnos da nosa lingua. E non van ser tampouco estes agora.

Ler máis »

11/05/2009 GMT -3

17 DE MAIO, SEMPRE!

augasceives @ 12:28

Sempre é data de referencia o 17 de maio como xornada de compromiso co idioma. Unha lingua afeita a resistir e constantemente ameazada que vive momentos duros pola ofensiva colonizadora que sufre este país e que a ten como principal obxectivo. O españolismo, en cada unha das formas nas que se presenta, sabe que o galego é o noso principal signo de identidade e por iso centra nel os seus ataques. A volta do PP ao goberno da Xunta e as entidades satélite que se moven na mesma dirección están dispostos a, baixo a bandeira da súa liberdade, deixar sen lingua a un pobo que a precisa para sobrevivir nun mundo coma este. O Día das Letras deste ano non é un máis, é o máis importante dos últimos. Por primeira vez, o persoeiro homenaxeado non é o máis importante; o eixo central non será este ano a lembranza, senón o futuro.

 

Ramón Piñeiro foi designado pola RAG para que este 2009 o lembremos nas súas habituais cerimonias folcloristas e baleiras de todo contido, como era o propio protagonista. Foi un home máis salientábel no político ca no literario, e a súa achega non se pode dicir que fora para estármoslle agradecidos. O seu invento de pseudo galeguismo non nacionalista callou entre sectores hoxe reaccionarios, hai que dicilo, dos que se dicimos que Fraga é o máximo expoñente de seguidor das súas teses coidamos que xa está todo dito. Combatía o nacionalismo e consideraba que o mellor para o país non era a existencia de forzas propias, senón a galeguización (á súa maneira) doutras alleas xa existentes, por resumilo a grandes trazos. Moitas son as voces da sociedade galega que rexeitan a dedicatoria dun Dezasete de Maio ao que non pode ser lembrado doutro xeito máis ca como o responsábel da liquidación do histórico Partido Galeguista. Malia que é de xustiza recoñecerlle o seu compromiso co noso idioma e co proceso normalizador, tamén consideramos que non é merecente do máis alto recoñecemento que en Galiza se lle fai aos nosos escritores e escritoras.

Até aquí a referencia ao persoeiro homenaxeado, mais como indicabamos ao principio, non vai ser este ano o eixo central da xornada. En Compostela, ás doce do mediodía e dende A Alameda, celebrarase a manifestación máis importante dos últimos tempos coa nosa lingua como causa. Ten que ser multitudinaria, tense que ver na rúa que as falacias do españolismo non han rematar cun idioma acostumado a resistir contra todas as trabas que se lle puxeron ao longo da historia. Insistimos na necesidade de que o 17 de maio sexa só simbólico e que o compromiso non saiba de datas, pero o vindeiro domingo temos que dar unha demostración de forza. Nós non nos imos render nun conflito que eles provocaron e do que se aproveitan, sen escrúpulos.

17 de maio, SEMPRE!

Ler máis »

10/05/2009 GMT -3

O BNG TEN NOVO LIDER, MAIS NADA SE SABE DO PROXECTO POLÍTICO

augasceives @ 18:30

Celebrouse en Compostela a Asemblea Extraordinaria na que o BNG tiña que renovar os seus órganos de dirección e designar un novo Voceiro Nacional. Moito rebumbio ten habido nas últimas semanas no seo da formación nacionalista, coa presentación de catro candidaturas e intercambio de mensaxes entre os aspirantes. Pero o que o Bloque tiña que decidir hoxe non era só unha remuda de nomes, senón un proxecto político para o traxecto que comeza na oposición. O debate resúmese, con todos os matices que se lle queiran dar, a decidir se o BNG ten que continuar na deriva ideolóxica á que Quintana o levou ou se pola contra é preciso volver a posicións cos que obtiveron os mellores resultados e a meirande implantación na sociedade galega. O resultado da Asemblea de hoxe é un BNG máis fracturado ca nunca no que Guillerme Vázquez vai ser o novo Voceiro Nacional, unicamente co apoio da metade da representación en forma de delegados.

Segue a manterse a hexemonía da UPG e, ao rachar o pacto de intereses co “quintanismo” agora que xa non teñen poder que repartir, as fendas no seu da Dirección do BNG son máis visíbeis ca nunca. A Unión do Povo Galego é responsábel da deriva na que o Bloque se perdeu ao chegar á Xunta, perdendo sinais identificativos dunha forza que noutrora fora nacionalista e de esquerdas, sen ter medo a falar de soberanismo. A liña política dos últimos tempos carecía abraiantemente de ideoloxía claramente definida sendo as novas cabezas visíbeis da organización suxeitos sorprendentemente ineptos para liderar o proxecto que o nacionalismo galego precisa.

Ten o mérito o BNG que ocupou a metade da Xunta durante os últimos catro anos de inventar o neocaciquismo, unha versión moderna e “galeguista” do que mestres como Baltar, Cuíña ou Cacharro puxeran en marcha para soster a Fraga na Presidencia da Xunta durante 16 anos. Confiaban en que coa adecuación do BNG ao sistema gañarían en implatación, buscando votos en espazos da sociedade galega que nunca se identificou co BNG nin o fará nunca. Racharon co asemblearismo para parecerse aos demais partidos co sistema de delegados, mesmo anda polo ar a idea de rachar co modelo frontista e culminar co proceso de conversión do Bloque en partido ao uso. A indefinición ideolóxica foi a tónica xeral e mesmo durante estes últimos catro anos se teñen escoitado declaracións incríbeis de bocas do Bloque. En definitiva, o tandem Quintana – Aymerich foi devastador para os piares que durante os últimos 25 anos sostiveron o que fora o proxecto político do pobo galego.

Fóra o ex vicepresidente da Xunta da escena política, Carlos Aymerich apostou por continuar co proxecto “quintanista” e presentou a súa candidatura avalado por unha lista de cen nomes, malia que existía esa lenda urbana que de portas a fóra ninguén no BNG era quintanista… Negouse a pactar unha lista de consenso e evitar a votación final que evidenciara a división interna na Executiva, decidiu botarlle o pulso á UPG e perdeu. Son obscenas e ofensivas as intencións de Aymerich para o que dende sempre foi o BNG, e é ridículo que se enfronte verbalmente á maior figura política do País como é Xosé Manuel Beiras.

O Bloque decidiu non mudar de rumbo agora que podía, e semella que non se pode dicir que sae fortalecido e forte para afrontar o camiño na oposición. Viuse que no BNG hai quen desexa continuar co proceso de transformación interna até chegar a consolidar o novo BNG e viuse tamén que segue habendo aposta pola esencia tradicional do Bloque: o soberanismo. Ante este panorama está claro que non quedan alternativas, ou dentro ou fóra, pero parece claro que non vai ser posíbel reconducir o barco á deriva.

Dende fóra, e alleos aos intereses partidistas, hai voces que chaman polos que aínda manteñen a idea de que o proxecto chámase “Galiza” e non “BNG”.

Ler máis »

09/05/2009 GMT -3

UN PAÍS EN LEXÍTIMA DEFENSA

augasceives @ 11:39

Por enriba de corenta mil persoas botáronse ás rúas en 14 vilas de Galiza, nas que a grande maioría de pequenos establecementos e comercios mantivéronse pechados a mediodía. A gravísima situación que vive o sector lácteo galego non ameaza de morte unicamente aos propios gandeiros, senón que pon en risco de desaparición definitiva un dos piares da economía de todo un pobo. Por iso onte, nesas catorce cabeceiras de comarca non só se desenvolveron mobilizacións dun sector en concreto senón manifestacións de toda a sociedade galega en defensa de algo tan de seu como é o leite. A solidariedade de comerciantes e pequenos establecementos (non agardemos polas grandes superficies, cómplices en boa parte da situación) é unha mostra de consciencia e dunha cidadanía viva que loita polo propio. A boa nova é que non hai resignación, hai loita e vaina seguir habendo até o final.

 

Cun lema claro e concreto que indicaba as medidas prioritarias imprescindíbeis, “Esiximos garantía de recollida e prezo”, as catro entidades que convocaban (sindicatos agrarios e Asociación de cooperativas) sinalaban xa nas faixas que encabezaban as mobilizacións cales son as necesidades primeiras. Esas que se teñen que tomar xa, sen adialas máis porque non hai xa máis tempo. Son necesarias medidas de choque que as administracións teñen que pór en marcha de inmediato. Unhas administracións culpábeis pola pasividade que demostran, por deixar que se teña chegado a esta situación límite e que serán responsábeis do devir da situación.

Insisten, e chegan a ser xa coñecidas por todos cales son estas prioridades. É preciso que as administracións garantan un prezo mínimo que cando menos cubra os custes de produción e pague o traballo dos labregos e labregas (como calquera outro traballador), que se free a práctica habitual do dumping e que se poña solución á invasión de leite foráneo que despraza ao do país.

A liberalización dos mercados e as políticas europeas feriron de morte a un dos nosos principais sectores produtivos que, por se fora pouco, non goza da atención nin das axudas que outros si recibiron. Non acadamos a entender  porque, mais sospeitamos que o fondo da cuestión é o desprezo dos gobernantes polo nosa forma de vida e a incomprensión do que para nós, para este país, é o medio rural. O exterminio do noso agro comezou con Fraga, e non foi detido durante os catro anos de bipartito. Cunha ministra “galega” á fronte do departamento do Goberno do Estado, a situación leva camiño do abismo.

A vindeira semana, os sindicatos agrarios han ter unha entrevista co Presidente da Xunta. De aí han saír novidades, tanto nun coma noutro senso. Quedámonos con que este país está disposto a seguir vivindo do que o fixo até agora, é consciente de que este non é un sector produtivo máis, senón que é o noso sector produtivo. A dignidade da xente que vive do leite non está en dúbida e os corenta mil gandeiros que onte saíron á rúa só son a cabeceira da autodefensa galega, que ten que sobrevivir aos ataque de fóra e mailos de dentro. Xa se albiscan nun horizonte próximo máis medidas, haberá que botar man daquelas tractoradas que na pasada década paralizaban o país. Xa o dicían daquela Os Rastreros, "...se non se pode vivir por culpa do progreso, a proxima tractorada hache de ser no Congreso!!!"

Máis ca nunca, adiante a dignidade gandeira, adiante a loita labrega!!! Non pasarán!!

Ler máis »

07/05/2009 GMT -3

A RÚA COMO FORMA DE LOITA

augasceives @ 20:31

Remataron sen incidentes os dous días de folga convocados no sector do metal pontevedrés en protesta pola negativa da patronal a negociar o convenio do ano próximo. O paro foi practicamente total e a resposta dos traballadores, unha vez máis, unha mostra de unidade e determinación fronte a un empresariado prepotente que semellan estar a gusto na situación de folga. Durante o día de hoxe, os traballadores levaron a cabo unha acción de protesta chamativa e que consistiu na toma pacífica do IFEVI, onde se está a celebrar o Salón do Automóbil de Vigo.

Onde a situación é extremadamente crítica, como todo o mundo recoñece agás semella que as distintas administracións, é no agro galego. En concreto nun cada día máis afogado sector leiteiro que mañá sairá á rúa nas cabeceiras das principais comarcas labregas do país.

Chea de simbolismo foi a acción que hoxe realizaron os traballadores en folga do sector do metal pontevedrés. O Salón do Automóbil de Vigo é unha exhibición de vehículos de alta gama e unha exposición de luxos fastosos que simbolizan, dalgún xeito, o consumismo no que se basea o sistema que está a afundir levándose consigo ás clases traballadoras. As imaxes de caos e disturbios nas rúas viguesas de veces pasadas non se repetiron polo momento este ano. Chegaron ao Recinto Feiral de Vigo para ocupalo e pechar as portas impedindo o acceso ao público en xeral ao interior. Xa dentro, os responsábeis sindicais pediron que non se produciran danos nos coches expostos. Por volta das sete do serán, os folguistas abandonaron sen incidentes destacábeis as instalacións.

Para mañá está prevista a volta ás negociacións e anunciada a presenza da patronal nas mesmas, algo que non aconteceu o pasado martes e que deu pé aos dous días de paro anunciados a semana pasada. Se os empresarios non entran en razón e abandonan as súas pretensións de conxelacións salarial non se albisca a solución ao problema, o que xeraría as condicións para que a vindeira semana se produciran máis capítulos na loita do metal.

       MOBILIZACIÓNS DOS GANDEIROS

Se complicada é esta situación, de tráxica se pode considerar a que está a vivir o agro galego. Van alá xa moitos meses nos que os produtores de leite están a ver como o xugo lles pesa cada vez máis nos seus pescozos, até ameazar directamente a centos de explotacións gandeiras en Galiza. Esta semana sabiamos dun outro durísimo golpe: o peche mediante ERE da planta de Pascual en Outeiro de Rei, afectando a 155 postos de traballo e 332 gandeiros produtores. Os sindicatos agrarios iniciaron unha xeira de mobilizacións para tratar de obter resposta e solucións inmediatas que, ou se producen xa ou será tarde. Logo da multitudinaria manifestación en Madrid do pasado mes, mañá han saír á rúa nas cabeceiras das comarcas con produción leiteira sendo esta quizais a previa da versión 2009 das clásicas tractoradas.

Melide, Arzúa, Betanzos, Vimianzo, Ordes, Santa Comba, Chantada, Ribadeo, Sarria, Meira, Palas de Rei, Vilalba, A Estrada e Pontevedra acollerán as mobilizacións dos gandeiros. 13.000 explotacións que son piares dun dos principais sectores da nosa economía, como é a produción leiteira, que se ven ameazadas de morte pola conxugación de diversos factores. O aniquilamento iniciado polas políticas dos gobernos de Fraga, as permanentes agresións das políticas europeas (PAC, cota láctea, etc.) e agora, o manto da crise global. A indiferenza dos gobernantes provoca que sexa unha evidencia a gravidade da situación pero os labregos e toda unha sociedade afectada, como é a galega, non está disposta a aceptalo. Se é preciso endurecer as medidas de presións, farase, sen dúbida. É obrigada a defensa das nosas vacas, símbolo da paz como Castelao ten dito e referencia inevitábel na vida cotia´deste pobo. É obrigada a defensa da dignidade dos e das que delas viven, que somos todos e todas dun ou doutro xeito. Moitos son os debates sobre cales poderían ser solucións, sendo unha das principais a necesidade de dominar non só a produción senón tamén a distribución da nosa materia prima, ou o etiquetado da procedencia do leite (evitando a confusión sobre de onde vén o leite que nos venden como “galego”), a idea da creación dun grupo lácteo nacional galego… Moitas son as achegas do sentido común, todas en prol dunha solución inmediata e moito é o medo das administracións ás grandes industrias.

Ler máis »

06/05/2009 GMT 4

OUTRO GOLPE AO LEITE

augasceives @ 14:56

O sector lácteo en Galiza sufre outro violento golpe. Os gandeiros, permanentemente agredidos e sufridores maiúsculos da crise actual, ven como cada semana que pasa lles chega unha nova que empeora o que xa parecía difícil de superar. Onte, unha das principais compañías leiteiras anunciou un ERE que suporá (de ser aprobado) a extinción dos contratos dos 155 traballadores da pranta de Outeiro de Rei e o peche da empresa en Galiza. Isto supón non só a perda dos postos de traballo dos afectados senón o deixar de recoller o leite aos gandeiros por fin da actividade. O número de afectados directos por esta decisión é bastante maior que os 155 novos parados.

 

A ferramenta preferida do empresariado nos tempos que corren vaille permitir ao grupo Leche Pascual desfacerse do persoal pagando unhas indemnizacións moi por debaixo do establecido en condicións normais. A decisión comunicóuselle ao comité de empresa que, curiosamente, componse de membros “independentes” sen adscrición a ningún sindicato… Non se coñece reacción pública do mesmo. Todo bastante raro e sospeitoso.

O clima de crise é o marco perfecto para executar os planos de deslocalización de calquera grande empresa, e algo diso hai tamén neste caso. Hai xa un ano que Pascual comezara a prescindir da produción de varias cooperativas coas que viña traballando. Ao tempo, era unha das empresas que presumía de ter asinado xa os contratos homologados que a anterior Xunta establecera como primeira medida para a solución da crítica situación que vive o sector leiteiro en Galiza.

A situación complícase para un sector prioritario e base da economía galega. Hai moito tempo que non chega unha boa nova e, como xa din algúns gandeiros, os bancos “van ter que embargar vacas no canto de pisos”. As palabras que chegan de parte da nova Xunta non axudan tampouco nada ao optimismo. O novo Conselleiro de Medio Rural manifestaba a semana pasada a súa oposición a que a Administración impulse un grupo lácteo galego, un dos bos proxectos que coma tantos outros se quedou en promesas de fume por parte do Bipartito. Di o novo Conselleiro que sería “intervencionismo”… Habería que preguntarlle que opina da impunidade coa que actúan as empresas á hora de desfacerse de traballadores case sen custe e a facilidade coa que poden acceder a subvencións públicas. Unha mestura ao servizo da súa conta de resultados, sempre salvagardada dunha crise que non chega aos petos dos seus grandes dirixentes.

Non sabemos, ninguén o sabe, onde vai rematar toda esta situación, pero non se albisca solución doada. É hora, se cadra, de axitar un pouco máis o movemento social e tomar medidas máis contundentes para a nosa propia supervivencia. Cómpre sacudir a pasividade e o desánimo e botar man do que sexa preciso…

Ler máis »

ATENTADO EN EUSKADI

augasceives @ 05:43

Durante a tarde de onte consumouse o maior atentado á “democracia española” dende que, seica, existe. Como estaba acordado, dous comandos do españolismo máis rancio e intolerante detonaron a carga explosiva producindo graves danos á razón e á credibilidade do xa maltreito sistema español. A vontade da cidadanía tivo que ser atendida no lugar dos feitos e a estas horas as últimas informacións falan de que o seu estado reviste extrema gravidade. Segundo as primeiras investigacións, o método empregado foi o do pacto frontista e o reparto de poder, co único fin de arredar ao PNV do Goberno Vasco.

 

Os sicarios políticos executaron esta tarde o plano trazado en Madrid, logo de que primeiro se achanzara o camiño por parte do aparello xudicial prohibíndolle a unha parte da cidadanía vasca a súa participación nas eleccións do pasado 1 de marzo. Os efectos que puido producir o estoupido están aínda por determinar, pois as consecuencias que durante os vindeiros catro anos a poboación da C.A.V. pode padecer son letais para o seu desenvolvemento en todos os eidos.

Non é doado explicar como se conformou o comando, pero o certo é que a súa intervención estaba calculada ao milímetro e todos os detalles estaban previstos dende o comezo da ofensiva. Mais o certo é que a nova situación que se presenta en Euskadi non é alentadora. Habemos ver se hai prezo político e en que consiste, pois PP e PSOE dispáranse mutuamente e acotío en Madrid. Falan de próxima moción de censura en Madrid, téñense acusado de complicidade cos terroristas e outras semellanzas, están en loita permanente polo poder e discrepan en asuntos chave no que se refire á política do Goberno do Estado. Tanta diferenza queda afogada en momentos puntuais coma este, pero o que non será doado soster han ser as explicacións que uns e outros teñan que dar cando chegue o momento. Patxi López é, dende xa, o novo lehendakari vasco grazas ao apoio dos que o levaron aos tribunais hai poucos meses acusándoo de “falar cos terroristas”.

Ler máis »

05/05/2009 GMT -1

METAL Á FOLGA, EDICIÓN 2009

augasceives @ 21:24

Era máis ca previsíbel que a patronal non mudara de postura hoxe na negociación do convenio do metal da provincia de Pontevedra. Polo tanto, e como estaba previsto, os traballadores irán este mércores e xoves á folga anunciada xa a semana pasada.

 

Un ano máis repítese a historia e a representación empresarial non acude á cita fixada para avanzar na negociación do convenio, todo un desprezo ao colectivo de traballadores e unha demostración de intencións. Quizais desexen máis ca ninguén que se repitan imaxes de anos anteriores polas rúas de Vigo e que as consecuencias posteriores as paguen coma sempre os traballadores. Diversas informacións apuntan no día de hoxe a que efectivos antidisturbios chegados dende fóra de Galiza están preparados xa para “actuar” nas rúas de Vigo.

As xornadas de folga dos anos anteriores caracterizáronse pola unidade e a contundencia obreira, así como pola violencia e a represión policial. En moitas ocasións, graves altercados que se teñen producido eran a continuación das provocacións dos antidisturbios. Lembremos que varios traballadores foron xulgados logo de seren identificados ao chou e culpados de actos dos que non eran responsábeis. Semella que tanto a patronal como as F.S.E. estaban a gusto na situación de caos que durante varios días se viviu na cidade viguesa.

Habemos ver como transcorren os acontecementos este ano e cal é a posición do novo goberno de Feijóo con respecto ao conflito.

Ler máis »

AUSTERIDADE POPULAR

augasceives @ 09:57

Unha das principais bandeiras coas que o PP de Feijóo chega á Xunta é a da “austeridade”. Se algo manexa á perfección o novo líder da dereita española en Galiza é a demagoxia, e sabe ben o que vende e o que non, especialmente nestes tempos de crise. Logo dunha campaña argallada sobre a base das acusacións de “despilfarro” do Bipartito, a contra-receita é a austeridade que precisa a administración e que el ha instaurar. Comezou con sonoros anuncios e contundentes medidas, recortando notabelmente o número de altos cargos do novo goberno galego e anunciando aos catro ventos un baile de cifras que nos fan preguntármonos para que eran precisos tantos despachos no anterior Executivo. Mais parece que a aposta de Feijóo non é compartida por todos os membros do seu partido, como exemplo citamos hoxe ao Alcalde de Muras.

 

Se ben é certo que o asunto dos coñecidos como 5 “superdelegados” merece un capítulo á parte no que habemos afondar nos vindeiros días, a Xunta de Feijóo ha facer unha concentración de competencias da que está por ver a súa eficacia. Mais ese é outro asunto. A onde non debeu chegar a mensaxe do profeta d’Os Peares é ao Concello de Muras, na Terra Chá. Logo de dezaoito anos como alcalde, o médico de profesión Isaam Algnam Azam acordou consigo mesmo deixar a súa profesión (a falta de dous anos para a xubilación) e exercer de rexedor con dedicación exclusiva. Ao parecer, debeuse ver moi afectado pola crise e o xa groso salario que percibía pola súa profesión máis os ingresos en concepto de dietas e desprazamentos suponse que non cubrirían as súas necesidades.

Facendo uso da súa maioría absoluta, decidiu establecer un salario de preto de 60.000 euros para o Alcalde, que curiosamente é el. Esta cantidade, segundo denuncian os voceiros da oposición supera considerabelmente o orzamento que o municipio dedica a infraestruturas. Cómpre lembrar que o Concello de Muras ten conta cunha poboación de ao redor de 800 habitantes e un orzamento total que non acada o millón de euros.

Agardaremos a que o Presidente da Xunta se pronuncie sobre este exceso e desautorice ao Alcalde facéndoo partícipe da súa política de austeridade. Así mesmo, é de agardar tamén que comece a pórlle límites aos salarios desorbitados de alcaldes e alcaldesas do seu partido que, como en Sanxenxo ou en tantos outros concellos fan da función pública un rendíbel negocio. Para cando un tope salarial nas alcaldías acorde cos ingresos medios da poboación?

Ler máis »

03/05/2009 GMT -1

A CRISE GLOBAL E A SÚA PRESENTACIÓN Á SOCIEDADE

augasceives @ 20:09

Artigo de Alberte Outeiro no que afonda sobre o tratamento mediático do que deron en chamar "gripe nova", seica pandemia que ameaza á especie humana.

  

Son os efectos da globalización. A alerta mundial fronte ao inimigo descoñecido que ameaza a supervivencia dunha Humanidade convencida da súa invulnerabilidade. Capaz de artellar formas impensábeis de morte e sufrimento pero ineficaz fronte a ameazas que non se disparan cun fusil, diante dos cales se compite en valentía dende un avión de guerra que pode facer desaparecer cidades enteiras con só premer un botón. O inxente gasto militar mundial e os desorbitados beneficios do tráfico de armamento deixan ao investimento en investigación nunha anécdota do tamaño dun microbio. O primeiro mundo, en crise, presumía de ter superado o perigo que representa unha simple gripe, aínda devastadora en pobos do que chaman Terceiro Mundo.

Agora a sicose espállase polo mundo enteiro a velocidade de banda ancha. O virus gripal partiu de América para conquistar o mundo e poñelo debaixo dos pés do seu imperio. As novas ciencias da comunicación e da imaxe vetaron un bautizo con referencias á “americanidade” na súa nomenclatura, polo que o principal traballo da OMS nos últimos días foi atopar un nome “apropiado” e que non danara ningún interese. Non queda nada xa da gripe porcina, pasou tamén a gripe AH1N1, agora falan da gripe nova… A importancia de cómo se vende o produto, aínda que sexa unha pandemia que seica ameaza á Humanidade.

Eses efectos colaterais do publicitario forman parte xa do espectáculo mediático no que se converteu o pé que faltaba da crise, a crise sanitaria. Instauraron a necesidade na poboación de lucir máscara (preferentemente azul) sen saber moi ben porque, sen saber moi ben se é un medio para evitar o contaxio. Espallaron polo mundo a imaxe da xente con ese pano azul na boca e converteron en nova de todas as primeiras calquera caso de sintomatoloxía gripal. Sentíronse fortes e donos das conciencias escribindo titulares grandiosos e de alta sonoridade, cos que ameazan á poboación sementando o medo e o pánico nun mundo xa atemorizado pola crise. Unha crise global que moitos medios están aproveitando para sentírense donos dun mundo que se ve pequeno diante dun inimigo que non se ve.

Ler máis »

01/05/2009 GMT -1

RESPOSTA TRABALLADORA Á CRISE CAPITALISTA

augasceives @ 18:52

 Milleiros de traballadores e traballadoras saíron ás rúas esta sexta para conmemorar o Día Internacional da Clase Traballadora, nunha data que sempre é de referencia pero que este ano adquire outra dimensión debido ao abafamento que a crise capitalista provoca. En Galiza producíronse mobilizacións nas principais cidades do País sendo as convocadas pola CIG as máis concorridas e rexistrando o acto central de Vigo unha moi notábel participación. A central nacionalista levou consigo a aposta pola mudanza do modelo social, rexeitando un capitalismo fracasado que quere refundarse para seguir cometendo os mesmo excesos que nos deixaron nesta situación. O que si estivo xa abertamente nas bocas tamén dos dirixentes dos sindicatos estatais foi a posibilidade dunha folga xeral se o Goberno do Estado cede ás presións da dereita e do empresariado.

Non é nova esta esixencia para os traballadores e traballadoras que están a padecer xa dende hai meses as consecuencias da crise, en forma de despedimentos, EREs, Lei Concursal e outras armas legais que os empresarios teñen ao seu dispor. Aledámonos que esta necesidade comece a chegar aos despachos máis altos de CCOO e UGT. Porén a súa aposta non contempla nada que non estea agora xa inserido no actual modelo fracasado, así o entendemos ao escoitar as verbas do Secretario Xeral de UGT en Galiza: “É a hora das políticas públicas con maiúscula, estas deben dar a talla na actual situación: hai que investir en infraestruturas, vivenda protexida e rehabilitación”. Sendo isto posíbel e necesario, cremos que a solución pasa por medidas que afecten máis á estrutura que ás posibilidades que agora existen.

A excesiva prudencia e mesmo o inmobilismo que se albisca nos sindicatos do sistema plásmase na resposta social que reciben, sensibelmente menor á que apoia as teses máis decididas do sindicalismo nacionalista. Demóstrase que xa non valen as dúbidas diante dunha situación gravísima e a unidade sindical e o diálogo social recontan menos apoio que a determinación que demostra a CIG, cando menos nas verbas do seu Secretario Xeral: “Dende a CIG continuamos mantendo a necesidade dun cambio de modelo que pasaría por adoptar medidas na liña da nacionalización da banca e o sector enerxético, un sistema fiscal progresivo, a supresión dos paraísos fiscais, o apoio decidido aos sectores básicos da economía galega, máis investimento público e social, etc. (…)Os cambios non van vir dados polas forzas políticas e económicas ás que lle foi moi ben co modelo neoliberal, os cambios teñen que ser conquistados”. Nas mobilizacións da CIG non faltaron as referencias en cada comarca aos principais conflitos laborais que se dan a nivel local, que en realidade teñen o eixo común característico sobre o que vén xirando esta crise.

Mais o compromiso social non se pode restrinxir unicamente á situación laboral, pois Galiza con atoparse loxicamente baixo o mesmo xugo ca o resto de pobos do mundo arestora tamén se enfronta a dificultades propias. Unha das máis importantes é a ofensiva españolista contra o noso idioma, e velaí atopamos outra diferenza entre o os do “diálogo social” e a CIG. Para os e as que hoxe saíron á rúa, a vindeira cita será (para algúns xa antes) o 17 de maio en Compostela na defensa da Nosa Lingua, e non faltaron referencias a esta data nin ao avanzo do acoso españolista contra o galego. Noutras manifestacións este non é un tema prioritario, velaquí outra explicación de porque en Galiza os dous sindicatos estatais collidos da man xeran menos mobilización ca o sindicalismo propio.

Ler máis »

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis