Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

CausaGaliza

Arquivo: Xuño 2009

29/06/2009 GMT -1

O CONFLITO DO METAL TRASLÁDASE, A PÉ, ATÉ COMPOSTELA

augasceives @ 17:51

O conflito do metal deste ano é xa o máis importante, en canto a duración e traballadores afectados, de cantos se teñen rexistrado nos últimos anos en Galiza, así como de cantos se levan producido no Estado Español neste 2009, ano da crise. Logo de dezaoito días de folga, negociacións, loita nas rúas, enfrontamentos cos violentos e moitos paus e pelotazos no lombo, hoxe comezaron a camiñar cara a Capital de Galiza. É máis ca un simbólico peregrinar percorrendo camiños con esencias espirituais ou relixiosas, é un andar de dignidade no que máis de 2000 persoas van chegar mañá a Compostela para levar a situación ás portas da administración galega, por se aínda non se enterou de cómo van as cousas… Hoxe partiron dende Pontevedra, colapsaron o tráfico alí por onde avanzan, comeron en Caldas de Reis e durmirán en Valga, Padrón en Pontecesures. Mañá a mediodía está prevista a arribada.

 

A CIG, maioritaria no sector e que está encabezando a resistencia obreira, é a que convoca unha mobilización que apoia CCOO e á que UXT anunciou que se engadiría cando logo de percorrer os 60 quilómetros os traballadores chegaran á Capital. Até o momento, a Xunta de Galiza permanece pasiva nun conflito que afecta a 27000 traballadores do sur do País e que os empresarios comezaron a intoxicar xa con declaracións tinguidas de catastrofismo, vitimismo e chantaches. A administación galega só presentou unha proposta insuficiente para as demandas dos traballadores e á que mañá está previsto que resposten as partes (a CIG xa anunciou o rexeitamento). Unha actitude, a da Xunta, excesivamente pasiva á vista do volume de afectados.

Antolín Alcántara, unha das cabezas visíbeis da CIG neste conflito, anunciou xa que conforme sigan transcorrendo os días han avaliar as posibilidades con respecto aos tempos e decidiran se continúa a folga indefinida ou se os traballadores volven aos centros de traballo (para tratar de minimizar o impacto económico); aínda así ten anunciado que se seguirá ‘incrementando a intensidade da folga’. O metal pontevedrés recibiu hoxe mesmo o apoio dos compañeiros de Navantia Ferrol, que xunto cos traballadores doutras auxiliares se concentraron para amosar o seu apoio ás reivindicacións.

A unidade dos traballadores do sector xa ten amosado o seu potencial nas rúas de Vigo, xa ten demostrado que é capaz de paralizar a rutina diario da maior cidade do País. Hoxe mesmo deu outra mostra de forza ao colapsar o tráfico durante o percorrido até Caldas primeiro (pola mañá) e a continuación no avanzar da tarde. Mañá Compostela ha notar as consecuencias da chegada pacífica dos do metal, que farán así verlle ao resto da sociedade aínda allea que este non é un conflito local, senón que a súa loita é a máis potente mostra da situación de conflitividade que vive Galiza na actualidade.

Ler máis »

GAITAS CONTRA FUSÍS, CIDADÁNS CONTRA MILITARES

augasceives @ 17:20

Perto de 2000 persoas saíron onte ao monte en Salcedo, parroquia pontevedresa na que o Exército Español está a usurpar mediante unhas obras ilegais o monte comunal dos veciños. O Estado Español pasa por enriba de calquera lei ou orde e ataca aos veciños coas armas da prepotencia e da forza militar. A recreación dunha aldea afgá para que os valentes soldadiños xoguen afecta a territorio civil que a banda armada española pretende roubar. O movemento veciñal ergueuse dende o primeiro momento, na defensa tanto das súas propiedades como de elementos patrimoniais –como unha mámoa ou petróglifos- danados.

 

Baixo o lema “Non ás franxas de seguridade Non ás obras ilegais no monte dos vecinos”, a marcha celebrouse no ambiente festivo que creou o son das gaitas e panderetas. Unha mobilización cargada de simbolismo: a música popular contra as disciplinas militares, a paz veciñal contra o belicismo militar, a dignidade cívica contra a prepotencia militar…

Botando en falta un apoio máis firme e decidido por parte da clase política local e galega, o Secretario da Mancomunidade de Montes de Pontevedra en palabras recollidas pola prensa propagandística asegurou que “é un cambio unilateral das condicións da cesión realizada no seu día polo Concello. E este cambio non se pode facer gratuitamente [...] porque a decisión do Ministerio afecta negativamente á calidade de vida dos habitantes da parroquia”.

Con respecto á política oficialista, dous apuntamentos: o menosprezo do líder do PP en Pontevedra Telmo Martín á participación na mobilización e a solicitude da Consellaría de Cultura ao Ministerio de Defensa para a paralización das obras. Do resto, ren. Non é doado entender como asuntos coma este, que supoñen cun claro atropelo aos veciños e a toda a cidadanía non son centro do debate e da acción daquelas formacións que se din identificar máis co País. Referímonos, claro está, aos que se din nacionalistas e diante dun ataque coma este fican máis pasivos do que cumpriría agardar…

Ler máis »

26/06/2009 GMT -1

NOVA MARCHA CONTRA O EXÉRCITO ESPAÑOL EN PONTEVEDRA

augasceives @ 18:42

Non hai volta atrás. Este país decidiu erguerse e respostar todas e cada unha das agresións que padece. Adoita dicirse que falta a grande unidade nacional que agrupe a esa ‘Galiza consciente’ que en cada punto da nosa xeografía loita para rexeitar unha orde establecida perversa e violenta contra os nosos intereses. Se cadra non é imprescindíbel. O pobo galego está a dar unha verdadeira lección de resistencia estando fronte ao acoso da crise capitalista, da destrución da nosa paisaxe, na loita labrega, na defensa da nosa lingua, na promoción da nosa cultura e contra cada un dos ataques que a nivel local non transcenden pero que supoñen graves inxustizas. Exemplo disto último é o que está a acontecer no monte veciñal de Salcedo (Pontevedra) onde nin máis nin menos que o mesmísimo Exército Español pretende roubarlle aos veciños o seu territorio. Pero a dignidade segue en pé contra o fascismo militar: o vindeiro domingo, ao monte!

O Goberno Español está a realizar traballos en terreos dos veciños cos quere ampliar o campo de xogos dos militares. Estes traballos afectan á paisaxe e ameazan restos arqueolóxicos do patrimonio cultural, como petróglifos ou mámoas. E non, non pretendemos que as baleiras e ocas cabezas pensantes do militarismo español amosen un mínimo de sensibilidade cara a estas figuras e o que supoñen, mais o que é doado de entender é que non poden danar as propias vivendas dos veciños!

Este próximo domingo, 28 de xuño, unha nova marcha sairá polos montes da zona a berrar ‘Fóra de Pontevedra, Fóra de Galiza!. Vaia dende aquí todo o noso apoio a esa mobilización, non só polo que pretende senón tamén polo fondo que garda. A ocupación militar das nosas terras é un ataque directo do Estado a esta Nación, un atentado contra as propiedades dos veciños que vén mesmo invadidas as súas casas e como a faixa de seguridade llas engule. O espírito deste movemento é o da expulsión do Exército Español e dende Augas Ceives apoiámolo rotundamente.

Ler máis »

25/06/2009 GMT -1

DEMOCRÁTICAS PELOTAS DE GOMA

augasceives @ 19:03

O conflito do metal viu como esta semana se ían engadindo elementos, encamiñados todos eles á presión social e mediática contra os traballadores. A patronal segue a valerse das terminais propagandísticas e nos últimos días comezou a difundir o discurso de que moitas factorías están ao bordo da creba, do peche e o sector naval vigués precisa para salvarse a fin inmediata da loita obreira. Os xornais, que levan intoxicando todo o que tocan durante as últimas semanas non aforran en grandes cifras tendenciosas que tinguen de vitimismo o papel dos empresarios.

  A Xunta interferiu esta semana para pór enriba da mesa unha proposta de achegamento que ficaba aínda lonxe dos obxectivos polos que os traballadores (ninguén fala do sacrificio económico que están a facer) levan 17 días loitando e sendo agredidos polas FSE. Nese punto tremeu a unidade sindical: CCOO anunciou un paro nas mobilizacións para estudar a proposta, apostando claramente por aceptala; UXT aceptou seguir coas reivindicacións mais sen participar na convocatoria de folga xeral que para hoxe fixera a CIG; a central maioritaria no sector segue a conducir a loita e rexeitou tanto a tregua nas mobilizacións como a proposta da Xunta (que si gustaba á Patronal).


A determinación tanto da CIG como da maioría dos traballadores desespera aos que se asustan ao comprobar a forza da unidade obreira. Ademais das manobras dos despachos, contan nas rúas para enfrontarse fisicamente aos traballadores á maquinaria “humana” (?) armada. Os sementadores de violencia vestidos de azul e protexidos polos cascos e escudos dunha democracia agresiva e agresora teñen orde de non diminuír a forza coa que atacan a canto se move polas rúas de Vigo e se cruza no seu camiño.

Aos traballadores feridos, que parecen non merecer consideración por parte do ‘sistema’, hai que engadir os danos materiais que os disturbios deixan e que se lle atribúen automaticamente aos folguistas. É algo predeterminado: as desfeitas son culpa dos obreiros, os antidisturbios están para manter a orde. Por sorte, as novas hoxe podemos ter acceso a máis imaxes que as que nos serven editadas os aparellos propagandísticos do poder, tanto públicos coma privados. Logo das provocacións de onte mesmo inseríndose na marcha dos traballadores, hoxe presentáronse ás portas de Citroën á hora na que os piquetes tentaban bloquear o acceso á factoría. Non podía rematar doutro xeito distinto ao que finalmente rematou: unha outra brutal carga contra os traballadores.

Xa a mediodía, reproducíronse os enfrontamentos. Os disparos dos antidisturbios non entenden de obxectivos, e calquera que pase pode ser vítima dos seus irracionais bombardeos de orde e xustiza. Así lle ocorreu a unha muller que naquel momento pasaba por alí, que foi acadada por unha pelota de goma e a deixou doente dunha perna. Impactou nela toda o peso da Democracia Española e tivo que resgardarse nun portal ante tanta carga de xustiza e liberdade que lle bateu no seu corpo.

Ler máis »

NIN PARTIDO, NIN SOCIALISTA, NIN OBREIRO NIN ESPAÑOL

augasceives @ 18:20

O acontecido hai dous días en Madrid dá pé a tirar unha pequena reflexión sobre o chamado Partido Socialista Obrero Español. Por se alguén aínda non atinou, referímonos á lamentábel demostración do grupo de amigos que baixo o nome PSOE se agrupan no Congreso de Deputados: tiña pactada co grupo IU-ICV unha reforma lexislativa que implicara un aumento na tributación para as rendas máis elevadas no Estado Español. Gabábanse de tecer unha normativa de esquerdas, facendo por unha vez unha política social e coherente co discurso que predican. Mais ás poucas horas, a dereita catalá de CiU botou abaixo o acordo ao proporlle ao PSOE absterse nunha votación a cambio de que non se levara a cabo a medida anunciada. E como se nada, atendendo aos seus intereses, o PSOE vendeuse ao mellor pagador esquecendo coma se nada o que esa mesma mañá anunciara. Unha traizón ao grupo de IU-ICV, co que tiña pactada a reforma; mais non se pode falar de traizón a uns principios, porque é algo do que carece o PSOE.

Co P de Partido. É unha das dúas formacións que sosteñen o ‘sistema democrático’ español e foi o protagonista principal da tan cacarexada ‘Transición’. Como corresponde ao seu volume de representatividade, tamén lle hai que atribuír unha moi elevada cota de culpabilidade no ‘pacto de esquecemento’ de todos os crimes franquistas que eles mesmos padeceron. Arestora, o ‘Partido’ entendido como tal componse dun conxunto de intereses cuxo único fin e obxectivo é manterse no poder alí onde o ocupen, sen unha liña ideolóxica clara nin unha idea política definida, sen modelo propio e cun discurso e un nivel de autonomía distinto segundo o territorio do que se fale. É posibelmente a formación que aglutina no seu seo a maior número de ignorantes políticos carentes do máis mínimo perfil ideolóxico, e moitos deles ocupando cargos directivos a distintos niveis.

Co S de Socialista. É un insulto que hoxe esta formación manteña a palabra ‘socialista’ no seu nome. É obsceno relacionar a este PSOE con Karl Marx e outros históricos dunha teoría política que procura a igualdade social e a fin das desigualdades, que rexeita o modelo actual de capitalismo depredador e salvaxe, destrutivo e letal para a clase traballadora. O PSOE é un firme valedor das prácticas económicas propias da dereita e un mestre da corrupción. Irremediabelmente, estas siglas estará por sempre vencelladas a outras que pariu a comezos dos 90: GAL, sinónimo de terrorismo de estado.

Co O de Obreiro. Igual ca socialista, un insulto que esta palabra fique na denominación desta formación. É responsábel de reformas laborais ben distantes dos intereses dos traballadores, non hai máis que ver a lexislación actual e os matices dos que é responsábel tanto o Goberno de Felipe González como o actual de Rodríguez Zapatero. A súa sensibilidade co movemento obreiro apréciase na brutal represión contra calquera mobilización de traballadores, non é necesario falar da proba actual máis alarmante: Vigo.

Co E de Español. As circunstancias políticas e a radicalización do discurso da dereita española fíxolle crer que era preciso avivar a teoría españolista, sen aforrar en xestos. Aínda así, non é doado describir con claridade cal é o modelo territorial polo que aposta: se un federalismo con tinguiduras nacionalistas ao estilo catalán ou o frontismo españolista no caso vasco. A súa indefinición permítelle pactar sen problemas con ERC e co propio PP ao mesmo tempo.

Ler máis »

23/06/2009 GMT -1

A VERDADEIRA RESISTENCIA GALEGA

augasceives @ 18:00

 Artigo de Alberte Outeiro no que explica cal é o verdadeiro significado de dúas palabras que teñen adquirido significado distinto cando se xuntan. O fetichismo paranoico das autoridades españolas outorgoulles categoría superior a unha pantasma descoñecida a quen culpar para non buscar outras razóns de fondo: que é Resistencia Galega? Aí vai a explicación.

 

A creba do sistema capitalista e do modelo social que impuxo esta devastadora globalización provocou unha crise que está a ter consecuencias tráxicas entre as clases traballadoras. Galiza resiste a ofensiva, a conflitividade asolaga o País e as loitas obreiras están vivas en toda a xeografía nacional. Por se fora pouco, temos que soportar o engadido de ver como un goberno movido polo afán autodestrutor e u odio antigalego pula pola destrución do noso principal signo de identidade: a resistencia lingüística está presente e moi viva.

A ofensiva dos valedores do sistema capitalista, que pretenden aproveitarse dunha crise que eles mesmos provocaron está a prender a chama da loita obreira en cada recanto do País. Só os que atinxen ao maior número de traballadores e traballadoras saen á luz, por considerar dalgún xeito o escurantismo mediático que bota de todo menos luz. Pero son moitos máis os que se rexistran case en silencio en pequenas empresas espalladas polo país adiante.

O sector do metal na provincia de Pontevedra é o máis claro exemplo de unidade obreira, de forza e de disposición a loitar por unhas condicións dignas. O deste ano, cando van 15 días de folga e enfrontamentos na rúa contra os violentos, é xa o conflito laboral máis longo de cantos hai no Estado. A mobilización é capaz de colapsar totalmente a primeira cidade de Galiza, e se a violencia policial da pé, o resultado é o caos e os disturbios que se viron en días anteriores. A orde habitual viuse interrompida no que vai de ano en todas as cidades de Galiza por motivos de loita laboral. Compostela, por ser a sede principal da administración galega, rexistra numerosas protestas contra os atropelos da patronal; ademais, polo simbolismo de ser capital do País lévanse alí numerosas loitas á procura do eco mediático. A crítica situación que vive o agro galego provocou que o mércores e o xoves da pasada semana a maior tractorada dos últimos anos paralizara o tráfico circulatorio nas rúas compostelás.

A Coruña viu como as traballadoras de Caramelo tomaron as rúas para facer visíbel a súa situación. A téxtil desafiounas e a resposta foi dabondo contundente. Lugo asistiu ao conflito de Pascual (situada en Outeiro de Rei) e a Muralla coñeceu de primeira man a determinación dos afectados. En clave gandeira, as cabezas das principais comarcas do sector acollen periodicamente a axitación da dignidade labrega. Vilas e concellos menores axítanse cada vez que traballadores e traballadoras en loita saen ás rúas. A unidade pode alterar calquera normalidade baseada en anormais condicións.

E máis alá dos conflitos laborais, o pobo galego centraliza en Compostela a loita pola defensa da súa lingua. Dende alí, dende o corazón da Nación os infames gobernantes atacan o idioma acosándoo na función pública, no ensino e en todos os ámbitos posíbeis. Afogan a débil lexislación que da acubillo á normalización lingüística pero ven como os sectores máis conscientes (como o ensino, cos mestres á cabeza) rexeitan as políticas exterminadoras deste novo PP.

O leite e a lingua son dous motivos que superan a condición local para convertérense en prioridades nacionais. A liquidación lingüística que persegue o PP e a pasividade letal dos gobernos con respecto ao sector leiteiro ameazan non só a galegofalantes, a funcionarios ou aos cativos e cativas en idade escolar: ameazan a supervivencia dun pobo tal e como é, coas súas identificacións propias e que non o vai permitir. En Galiza, resistencia galega!

Ler máis »

A INTRANSIXENCIA PATRONAL PON O CONFLITO DO METAL 'AO LÍMITE'

augasceives @ 16:56

O conflito do metal no sur do País está a chegar a límites de tensión moi elevados. Logo de quince días de folga as imaxes que están a deixar as protestas dos traballadores polas rúas de Vigo segue a ser de resistencia fronte ás actitudes provocadoras tanto da patronal nos despachos como das forzas represoras a pé de rúa. A pouca vontade de acordo que amosa a patronal está a pór en risco a varias empresas, segundo teñen informado representantes dos sindicatos. As súas posturas inamovíbeis na negociación, as acusacións polos ataques dos últimos días e a disposición a alongar o conflito procurando unha rendición dos traballadores afecta directamente ás propias empresas. Na xornada de hoxe, volvéronse ver imaxes de violencia policial e as agresións deron con cinco traballadores feridos e un deles no hospital.

 

Contan os empresarios con gañar por desgaste e amedrentamento dos traballadores, mais estes están dispostos a non ceder até o final. Tensan a patronal buscando “sacar tallada” do conflito en plena crise e saír dela asegurándose un aproveitamento que queren que paguen os traballadores. As súas receitas son as do neoliberalismo, as que predica o Presidente do BCE e aplaude a dereita cavernícola tanto europea como española en particular. Abaratamento do despido e moderación salarial para os traballadores e que as súas contas de beneficios poidan seguir medrando.

O metal pontevedrés non o vai aceptar, como tampouco está disposta a clase traballadora galega. Pero non o ven con malos ollos por San Caetano, polo que permiten as manobras da patronal desafiando cada día un pouco máis aos traballadores. Teñen da súa man aos violentos, aos que seica non é preciso condenar. Hoxe mesturáronse entre a masa obreira, como vén sendo habitual cun despregue propio dunha guerra e non dun conflito laboral no que uns traballadores exercen un dereito básico como é o da folga. Logo da asemblea celebrada na Praza do Rei, os antidisturbios “acompañaron” aos traballadores pola Gran Vía armados coas armas que o Estado de Dereito lles outorga e coa licenza que a Delegación do Goberno lle concede. En actitude claramente provocadora e entre as consignas dos folguistas, o resultado non podía ser outro máis ca o que foi. Cinco traballadores resultaron agredidos nunha curta pero violenta carga. Posteriormente, segundo denuncian dende a CIG, tentaron roubar cámaras que documentaron as agresións.

Ler máis »

17/06/2009 GMT -1

ACCIÓNS Á MARXE DA ESTRATEXIA SINDICAL INTERFIREN NO CONFLITO DO METAL

augasceives @ 23:11

A pasada madrugada producíronse tres accións que tiveron como resultado danos materiais en puntos concretos do sur de Galiza. Un artefacto explosivo estouraba nun caixeiro dunha entidade bancaria en Vigo, un concesionario de automóbiles era atacado tamén por medio dalgún artefacto e a casa do presidente dunha empresa de instalacións eléctricas resultou tamén prexudicada por unha acción semellante. O contexto de conflito e folga do sector do metal, coa contundencia demostrada pola loita obreira nos últimos días fai automaticamente procurar algún tipo de vencello entre os tres feitos puntuais e o a propia situación de tensión que se vive na principal cidade do sur do país. As organizacións sindicais indicaron que non gardan relación coa estratexia sindical e a Delegación do Goberno Español en Galiza (lembremos que con novo responsábel) afirmou que tampouco ve esa relación (apunta como adoita facelo a “grupos minoritarios e radicais”). Mais os intoxicadores de sempre xogan á insinuación para seguir prexudicando os intereses dos traballadores.

 

Ninguén pode asegurar con certeza a autoría dos tres actos, nin tan sequera confirmar a relación entre eles. O sensacionalismo xornalístico non tardou en tomar esta nova como bo xeito de seguir criminalizando aos traballadores en folga sen desaproveitar a ocasión de facer unha curiosa mestura entre estes e “grupos independentistas radicais”. A tensión que se está a vivir no contexto desta folga faría posíbel a hipótese da relación: que traballadores adoptaran decisións á marxe da liña sindical seguida até o momento. Tampouco é de desbotar que colectivos ou particulares alleos ao conflito actuaran de xeito independente como resposta ás ofensivas e agresións permanentes ás clases populares e traballadoras. En ningún dos dous casos achamos a necesidade destas accións, pero a xustificación ou non destes actos débese analizar sen esquecer as sensacións extremas de xenreira e desesperación que está a espertar este conflito.

Pola súa banda, a patronal aproveitou a ocasión para apuntalar o seu vitimismo e xogar á esixencia tan de moda de “condenar a violencia”. A cuestión (non o aceptan!) non é condenar ou deixar de condenar o que eles esixan, non o fan eles coas intoxicacións mediáticas, nin cos excesos policiais, nin recoñecen a súa teimosa estratexia de radicalización do conflito. Apareceu tamén a Conselleira de Traballo para alimentar a publicidade destes actos e mesturalos co conflito, falando de ‘batasunización’ e ‘kale borroka’.

A estratexia sindical ten a clara consigna de non renderse, pero ten tamén a capacidade de modularse e adaptarse ás necesidades en cada momento. En días pasados, os representantes dos traballadores decidiron que os sectores máis contrarios ás demandas dos traballadores serían tamén os máis prexudicados pola folga. Así, os piquetes centráronse nas últimas horas en boicotear os concesionarios de coches impedindo que os posíbeis clientes accederan para mercar automóbiles. Os traballadores seguirán na súa loita alleos ás accións puntuais e illadas que poidan acontecer á marxe da estratexia sindical.

Ler máis »

OS TRACTORES TOMAN AS RÚAS DAS CIDADES: TRACTORADA!!

augasceives @ 22:12

Rotundo éxito da tractorada convocada para este mércores polo SLG e Gandeiros Unidos en demanda dun prezo digno para o leite, en defensa do sector agrario galego e co obxecto de manter acesa a loita dos labregos e labregas pola súa supervivencia; pola supervivencia dun dos nosos principais sectores produtivos. A unidade sindical amosada en todas as accións levadas a cabo até agora non foi posíbel nesta ocasión, semella que outras organizacións antepoñen outros interese (políticos) aos dos gandeiros, semella que a mudanza de goberno trouxo modificacións no discurso de quen se atopaba cómodo contra ‘os de antes’. Máis dun milleiro de tractores ateigaron as rúas das principais cidades do país, colapsando a capital de Galiza aproximadamente 600 deles.

 

Compostela ruxiu ao son dos motores que a primeiras horas da tarde atoaron totalmente a circulación polas rúas da cidade, sementando o caos no tráfico e poñendo nos espazos urbanos as reivindicacións de todo un país que ten a súa orixe no rural. Os piares agrarios fixeron remover as cómodas estruturas do benestar capitalista alleas a toda orde lóxica. As grandes superficies de distribución espallan tanta comodidade nas grandes cidades como miseria nas vilas e aldeas, coas súas prácticas especulativas, dumping, marcas brancas, promocións agasallando litros de leite e outras accións que contribúen a afogar un pouco máis a crítica situación do sector lácteo.

Lugo, Chantada, Vimianzo, Ribadeo, A Coruña e Ferrol foron as outras cidades que se paralizaron pola chegada dos tractores dende as comarcas con máis presenza agrícola do País. Un dos colectivos convocantes, Gandeiros Unidos, anunciaba pola tarde que os tractores ficarían en Compostela (na zona do mercado de Salgueiriños) até seren recibidos por algún alto cargo da Consellaría de Medio Rural.

As organizacións afíns aos dous grandes partidos estatais, UUAA e XXAA desmarcáronse desta proposta, rachando así a unidade sindical que había até o de agora. Estas dúas organizacións anunciaron outros actos de protesta para este venres que consistirá no boicot a algunhas das principais superficies comerciais.

AugasCeives achegou o seu apoio sumándose á tractorada virtual ideada pola RA! (Rede Anticapitalista) e por medio da cal o tractor azul percorreu moitas webs galegas durante o día de hoxe. Sexa esta unha mostra simbólica do noso firme apoio ás reivindicacións do sector, que tamén son as nosas.

Ler máis »

16/06/2009 GMT -1

AS AGRESIÓNS LINGÜÍSTICAS ATOPAN RESPOSTA

augasceives @ 23:36

A ofensiva lingüística do Partido Popular aséntase no marco legal por medio do derrubamento dos escasos piares normativos que sostiñan as bases institucionais da normalización lingüística. Partindo de que o proceso normalizador sempre estivo (está e estará) en mans da iniciativa popular e do tecido asociativo e social de Galiza, podería parecer que a cuestión legal é menor pois a clase política que nas diferentes épocas dirixiu este País sempre estivo lonxe de comprometerse seriamente. Mais é evidente que non é así. Os lixeiros avances que se tiñan conseguido están agora no punto de mira de Feijóo e os seus sicarios, e saben que o desmantelamento das garantías na función pública e no ensino son bos comezos para alzárense como liquidadores definitivos dun idioma ao que menosprezan. A xa famosa enquisa, denunciada pola CIG e rexeitada polas principais organizacións de ensinantes e ANPAs do ensino público, está a xerar a máis fonda indignación no eido educativo. Aínda así, hai resposta e estase a producir contra todas as trabas, ameazas e coaccións inquisitoriais da Consellaría.

 

As irregularidades coas que se perpetrará esta inútil enquisa son múltiples e variadas. Sen respectar ningún tipo de rigor científico nin estatístico, sen garantir nada do referido a protección de datos nin fiabilidade dos resultados, facendo dos cativos e cativas simples carteiros e carteiras ao servizo da Consellaría de Educación, unha razón érguese por enriba de todas as senrazóns: o inquérito é propaganda electoral e non servirá para escoitar ningún tipo de opinións, o novo Decreto do Galego está pensado xa e todo responde a unha farsa comprometida no programa electoral de Feijóo. A maldade e a terxiversación preséntase na redacción das preguntas, así como nas posibilidades de resposta.

De crermos, que non o facemos, os argumentos da Consellaría dos que bota man para tratar de explicar esta parvada, malévola parvada, cumpriría preguntármonos porque non son os mestres e especialistas os consultados sobre o modelo educativo e non os pais e nais, que non deixan de ser persoas coas súas propias ocupacións e nivel de coñecementos (non sempre indicados para deseñar un modelo educativo). No fondo está esa concepción ultraconservadora do santificado termo de ‘familia’ no que os fillos e fillas son reféns duns pais que, co pretexto da liberdade para educar aos seus cativos, poderían intervir en algo tan importante como o modelo educativo e a futura competencia de varias xeracións de galegos e galegas.

Falsa tamén é esa bandeira da ‘liberdade’ baixo a cal se din mover os noxentos grupos que no fondo só procuran o exterminio dunha lingua para espallar o monolingüísmo. Detestan a diversidade porque a entenden como un atranco. Cumpriría dicirlles que a primeira e inescusábel condición para que exista a liberdade é a igualdade. Sen igualdade non pode haber liberdade, porque o espazo de decisión veríase limitado como se ve un paxaro engaiolado: pode voar …dentro da gaiola. E no tema lingüístico non existe igualdade, existe desigualdade; non existe bilingüísmo cordial, existe diglosia. Para conquerir escenarios de liberdade é preciso pular pola igualdade real entre as linguas, e as matemáticas din que o idioma ameazado non pode ficar por debaixo do 50% de presenza no ensino (que é o que recolle o cativo Decreto do Galego en vías de extinción). Os expertos falan de que para aseguramos a supervivencia da nosa lingua, esa porcentaxe ten que necesariamente aumentar en prol do único idioma magoado neste país, o único idioma propio deste país: o galego.

Estase a producir reacción por parte dos sectores máis comprometidos e sensíbeis coa cuestión lingüística no eido do ensino. Os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos colexios galegos estanse a unir para artellar resposta a esta agresión e información coa que botar luz no medio das falsidades tecidas pola rede de agresión permanente que constituíron varios colectivos españolistas, partidos políticos e medios de comunicacións. A Consellaría de Educación prohibiu todo tipo de actos informativos baixo ameza dos e das inspectoras, coacción aso centros e acoso á dignidade resistente que se organiza e traballa arreo polo máis prezado valor patrimonial que posuímos, e que temos a obriga de conservar. A infamia inquisitorial non ha poder coa vontade firme da defensa da nosa lingua.

Ler máis »

ESTE NOVO PP

augasceives @ 21:22

Alberte Outeiro escribe unha reflexión sobre a forza política que domina os resultados electorais en Galiza e a mutación que vén experimentando dende a ausencia de Fraga Iribarne á fronte.  

 

Criamos que o punto de inflexión que supuxo o cambio de goberno en 2005 había traer consigo unha necesaria renovación de caras no seo do PP. A morte política do franquista Fraga Iribarne precisaba un sucesor que tería unha difícil tarefa e que de seguro non contaría co carisma nin co perfil de líder que o Partido Popular en Galiza atopaba en ‘Don Manuel’, como lle chamaban os seus a quen dirixía con man de ferro e controlaba absolutamente todo canto se movía arredor do partido. Coa perda do poder, semellaba que a división interna e as loitas encarnizadas pola sucesión habían dar do derrubamento dunha estrutura baseada no control do poder e sostida grazas á máis magna obra que en dezaseis anos levantou Fraga: o perfecto tecido dunha rede caciquil que parecía abranguelo todo.

O Congreso de 2005, no que a ‘dedocracia’ interna deu con Alberto Núñez Feijóo como relevo de Fraga Iribarne á fronte do PP, non foi só unha remuda de líder. As acusacións de fraude nas supostas eleccións internas no proceso de sucesión chegaron dende dentro, cando o aspirante López Veiga denunciou que se favorecía deliberadamente ao candidato ‘oficialista’. Sexa como for, Feijóo era o escollido por Fraga e con este en vida ninguén discutiría aínda a súa decisión. Presentábase como o xugo perfecto para acadar o entendemento entre esas dúas correntes tan afastadas que ficaban en silencio diante de Fraga, pero que agardaban a oportunidade para imporse. ‘Boinas’ e ‘birretes’ puxaban polo control para levar ao PP en Galiza a ser ‘o PNV galego’ como moitas veces dixera Fraga ou pola contra a estreitar relacións coa Dirección madrileña e axeonllarse submisamente ás súas directrices.

A travesía polo deserto da oposición antollábase como o enterro político dun Feijóo que parecía incapaz de chegar á Presidencia da Xunta, quizais a súa verdadeira pretensión era (e segue a ser?) chegar a Ministro de Rajoy en Madrid. De poza en poza e a cada cal máis fonda, ese foi o camiño de Feijóo na oposición, onde axiña demostrou cal era seu verdadeiro perfil. Aquela histórica foto na que de zapatos collía unha mangueira diante dos fotógrafos para aparentar apagar un lume na crise dos incendios forestais do verán de 2006 deixou ás claras cal era a facción á que máis se achegaba.

Alberto Núñez Feijóo non ten nada que ver cos máximos expoñentes do sector do ‘boina’. A súa esencia elitista non lle permite facer súas mañas propias do caciquismo de Baltar ou Cacharro, está lonxe do ideario de Cuíña (aínda que caciquil, con consciencia de País) e desbota aquela vella pantasma que algún día planeara polo PP de Galiza: a pantasma do galeguismo. Non hai dereita galeguista posíbel con Feijóo, porque esa opción require baleirar de demagoxia o contido dun discurso que debe ser decididamente galego, en galego e próximo á xente.

Mais a tornas cambiaron inesperadamente o 1 de marzo pasado. O fracaso estrepitoso do Bipartito nas urnas deulle a posibilidade de converterse en Presidente da Xunta, algo no que nin el mesmo confiaba nin merecera. Durante a campaña rematou por posicionarse definitivamente e botou man de elementos descoñecidos en Galiza até esta altura. Organizacións de corte ultraespañolista e galegófobas, a importación de conflitos e teses impropias de aquí pero que a Dirección Estatal do PP utilizara electoralmente contra Zapatero, radicalización do discurso e aposta decidida pola demagoxia pensando en que non sería preciso nunca dar contas dende o poder hipotecaron as primeiras semanas á fronte da Xunta. Co éxito como chaqueta presentouse ao Congreso sen opoñentes posíbeis, converténdoo nun paseo trunfal en un baño de eloxios pouco antes de ter que comezar a repartir postos e cargos na administración galega.

Rodeouse dun equipo que en nada fai lembrar aos que secundaban a Fraga para asentir e axeonllarse diante do vello fascista cada vez que fora necesario. Os homes e mulleres de Feijóo desprenden elitismo, españolismo, madrileñismo, ultracatolicismo e sobre todo, autoodio, xenreira e desprezo cara a todo o propio deste país, arrepentimento fondo e sincero diante da FAES por ter cometido o imperdoábel pecado de seren galegos e galegas. Snobs de camisa cara e xersei polos ombreiros, de vela en Baiona e golf en Sanxenxo, de tradicionalismo neocón e outros cualificativos que describen perfectamente a dirixentes do seu partido, pero que non viramos nos nefastos dezaseis anos de Fraga en Galiza: esas características eran as dos empresarios ricos e turistas estranxeiros que comezaron a esixir unha costa galega para si mesmos e un sector turístico que controlar. Agora tamén os gobernantes fan parte dese desprezábel galiñeiro.

A nova manchada de dirixentes e cabezas visíbeis do PP en Galiza suplen as súas carencias como políticos con inxentes doses de demagoxia e radicalismo. Teñen présa por borrar algúns trazos que a sociedade galega comezara a debuxar no papel en branco da Galiza que soña, porque a quen o PP lle ten medo é a xente, sabe que os seus resultados electorais se apoian nesa masa durmida que só esperta cada catro anos. Esa é a súa democracia, a de votar e calar, a de non participar. Mais todo ese tecido que por baixo se está movendo e contesta as súas crueis intencións esixe non ser contada como un feixe de votos sen máis. Porque lle esiximos a este novo PP que deixe de atentar continuamente contra os nosos sinais de identidade, que deixe de bater con tanta violencia na nosa lingua, que deixe de afogar os espazos nos que estaba agromando e saíndo á luz o potencial creativo da cultura galega, que deixe, en definitiva, de ser unha simple copia das probas involucionistas que saen do laboratorio ‘faescista’.

Ler máis »

11/06/2009 GMT -1

CARA A LIQUIDACIÓN PLENA

augasceives @ 17:53

Avanza a Xunta nos seus plans de exterminio. Feijóo fixouse como acción prioritaria nos seus primeiros meses de goberno o ataque á raíz da supervivencia do noso idioma nas vindeiras xeracións. Paseniño vai anunciando medidas cada semana que só chaman á desesperación: a derrogación do Decreto do galego, a supresión da lingua nas oposicións, o recorte de espazos nos medios públicos, a enquisa envelenada… Agora chégalle a vez ás Galescolas. Un asunto que xa irritara ao PP da oposición e co que ensaiaran a súa maquinaria demagóxica e propagandística publicando verdadeiras pezas de coleccionista, tamén polas terminais de Madrid. Ademais, Feijóo e os seus tentan reter a oposición social maioritario no eido do ensino aos seus plans ameazando intolerabelmente a mestres e centros.

 

O ensino público e universal nunca foi prato de bo gusto da dereita, o ensino público e en galego tampouco foi manxar que dixerira con agrado o PP, pero ao tratarse das tradicionais gardarías e por seren dirixidas aos máis novos e novas que comezan a idade escolar, Feijóo comezou a amosar síntomas de desesperación. Unha das iniciativas máis positivas do anterior goberno, en concreto do BNG, foi a creación dunha rede pública de escolas en galego para os pícaros en idade de acceso á ensinanza pública. Fíxose cuestión de estado o asunto dos mandís, ou tamén aquelas inxenuas declaracións de Quintana afirmando que os rapaces e rapazas saberían entoar o himno galego ao saíren desa primeira etapa escolar.

A dereita política e mediática asustábase polo sectarismo dun goberno que seica quería adoutrinar dende pequenos aos futuros cidadáns e cidadás deste país. O nome lembráballes ás Ikastolas vascas, nas que chegaron a dicir pouco menos que eran berce de futuros terroristas. Entendendo o termo na amplitude que eles lle adoitan outorgar, entendendo que un terrorista tamén é quen fai unha pintada nunha parede… Para eles, o coñecemento dos nosos símbolos nacionais é adoutrinamento, non o é porén a materia de relixión católica dende os tres anos no ensino público.

As Galescolas estaban no punto de mira de Feijóo, e así o confirmou hoxe. Tralo Consello da Xunta, os mandatarios desta nación decidiron suprimir o nome destes 467 centros para pasaren a ser ‘escolas infantís’ e a integralas na Consellaría de Educación. Coa falta que lle facía a moitos conselleiros e conselleiras pasar un tempo nelas para cando menos aprender a dicir 'bos días'...

Mais aí non rematan as novidades. Vendo a contestación social e o rexeitamento masivo que a famosa ‘enquisa lingüística’ provocou nos sectores conscientes desta sociedade, deciden botar man mordaza. Anunciárase campaña contra esta pseudoconsulta por parte dos sindicatos e demais colectivos protagonistas como pode ser a Coordinadora EDNL. A meirande parte dos que para outras cousas chaman ‘axentes sociais’ pronunciárase en contra dos avances contra a normalización lingüística nas aulas. A Consellaría de Educación respondeu prohibindo os actos informativos sobre esta malévola e falsaria enquisa nunha circular remitida aos centros. “Aproveito para lembrarlle que a Dirección do centro é a responsábel do normal desenvolvemento do proceso de realización da consulta e en consecuencia deberá prohibir todas as accións ou actos, tanto a favor como en contra do mesmo, mantendo informada en todo momento á Inspección Educativa”. Velaí o parágrafo da inquisición na que se tenta intimidar aos mestres para que non se rexistre actividade ningunha en denuncia do inquérito.

Ler máis »

CONFLITIVIDADE LABORAL COMO EXEMPLO DE RESISTENCIA

augasceives @ 16:58

Os niveis de conflitividade laboral continúan elevados en Galiza. Segue viva a loita gandeira en demanda de solucións á situación crítica que vive o sector, xa hai convocada unha tractorada para a semana que vén (mércores 17) co SLG á cabeza. Os traballadores da planta de Pascual de Outeiro de Rei continúan coas súas protestas e a pasada noite xuntaron máis dun milleiro de persoas en Lugo contra o ERE que os ameaza. Na Coruña, o persoal de Caramelo continúa coas accións tamén contra o expediente de regulación que a multinacional pretende e estendendo as protestas á situación do sector téxtil, que está a ser ameazado polo virus da deslocalización. Por debaixo da liña mediática, continúan vivos centos de conflitos en todos os recantos do país cos traballadores e traballadoras pagando a crise do capital (Galfrío, Seaga, ABB, Ingemarga, Valoriza, Viproga, Maderas del Atlántico e tantas outras). Coa pasividade cómplice e letal da Xunta e maila envelenada actuación dos medios deformando a realidade, a loita obreira enche as rúas do País. Mais á cabeza segue o conflito do metal no sur de Galiza, con Vigo como capital da resistencia.

 

Patronal, sindicatos e Xunta manteñen as negociacións dende o día de onte. Logo das xornadas de violencia e disturbios das pasadas semanas, os representantes dos traballadores convocaran para onte, hoxe e mañá xornadas de folga. Mentres se prolongan durante varias horas as negociacións e o suposto achegamento de posturas, cómpre preguntarse porque se tiveron que pasar polos chanzos previos de caos, cargas policiais, lume, barricadas e firmeza obreira. Semella que o empresariado vai marcando os tempos da negociación, non acudindo primeiros ás reunións fixadas, provocando a folga despois, soltando nas rúas aos violentos armados e orientando o conflito á sociedade presentando aos traballadores como violentos e delincuentes por esixiren os seus dereitos. Agora deciden sentar nunha mesa da man da Xunta do PP.

Pero mentres as xuntanzas discorren, os traballadores seguen nas rúas dispostos a non ceder. Na tarde do martes, a chuvia asistía tamén á manifestación en solidariedade cos traballadores do metal e pola reclamación da solución e a sinatura do convenio. Onte mércores os representantes dos traballadores tornaban ás negociacións e hoxe xoves, aínda cos representantes sindicais sentados e coa mediación da Xunta, os obreiros decidiron saír á rúa mantendo a xornada de folga prevista. De non haber solución, segue en pé a convocatoria para mañá na que o paro tomará carácter indefinido e afectará tamén ás empresas con convenio propio. Isto é, o venres parará tamén a factoría de PSA Peugeot-Citroën.

A loita está servida. De manter a patronal as súas inasumíbeis pretensións e prepotencia, de continuar a indiferenza da Xunta perante o conflito laboral máis grave de Galiza, de ter que seguir pagando os traballadores a crise do capital ao tempo que as grandes multinacionais seguen a encher os petos con axudas públicas; será (se non o é xa) o momento de pensar noutras alternativas. A vía do diálogo esgótase, porque este é utilizado como estratexia de dilación e para non atender a situacións graves. Algún sindicato debe tomar a dianteira e chamar de inmediato á folga xeral; e sabemos que non o vai facer, por sometemento ao ‘diálogo social’ e por non molestar a un Goberno amigo. Polo tanto, todos os dedos apuntan nunha dirección. A clase traballadora está esixindo esa convocatoria, agora a alguén lle tocará atender esa demanda.

Ler máis »

10/06/2009 GMT -1

PECHADO POR REFORMAS

augasceives @ 04:13

Opinión de Sabela Ferreirós arredor da saída de Xurxo Souto do programa 'Aberto por reformas' da Radio Galega. Este cese supón moito máis ca remuda -previsíbel, máis non deste xeito tan inmediato- dun profesional á fronte dun programa de radio. Aínda que o programa polo momento segue, non é xa a oportunidade que Xurxo Souto ideara para os músicos galegos e para as súas músicas, non é xa ese excelente instrumento de normalización lingüística na radio pública de Galiza.

 

Unha semana despois e logo de ter visto xa numerosas mostras de apoio e espazos adicados, velaquí vai unha pequena achega máis sobre o primeiro grande atentado cultural do novo Goberno da Xunta. Non por agardado é menos destrutivo o impacto que sufre a música galega, e con ela a nosa lingua, coa saída de Xurxo Souto da Radio Galega. Esta é unha agresión máis ao noso idioma na xeira que comezou este novo PP dende que se fixo co control do Goberno e do Parlamento Galego.

Sen ningunha dúbida, a Radio Galega foi o único que verdadeiramente cambiou e onde máis se apreciou a fin do fraguismo a partires de 2005, bastante máis ca súa irmá a televisión. A radio pública de Galiza experimentou unha verdadeira abertura de fiestras polas que entrou unha corrente distinta que limpou os recantos daquel rancio instrumento ao servizo do ‘partido único’ durante aqueles interminábeis dezaseis anos.

Nese mar das ondas, galegas e en galego, sobresaían dúas grandes centolas que representaban a riqueza do marisco cultural galego: o Aberto por Reformas e o Extrarradio. Os nomes son toda unha declaración de intencións, o primeiro deles era a disco-tasca de Xurxo Souto e Vituco Neira, na que as reformas que eran precisas trala expulsión do PP do poder e do control dos medios abrían esa hora diaria de radio; o segundo dos casos aséntase nas mañás do fin de semana e ten a Belén Regueira como facho dun magacín diferente até daquela, diferente por ser puramente galego e sen complexos. A universalización da cultura galega débelle moito a Belén e a cantos con ela enchen, polo momento, a Radio Galega os sábados e domingos pola mañá.

O pasado luns eran nomeadas as novas Directoras da Radio e da Televisión públicas, ese mesmo día ás oito do serán Xurxo Souto despedíase logo de tres anos á fronte do Aberto por Reformas. Ao día seguinte, o programa comeza co mesmo nome e a mesma sintonía (‘A nossa história’, da Matraca Perversa) mais con distinto condutor e con contidos e finalidades totalmente distintas. O ‘Aberto por Reformas’ de Xurxo Souto foi a maior oportunidade que a música galega tivo na nosa Historia, o acceso á radio pública de numerosos grupos de todos os estilos imaxinábeis e sen máis credenciais que o seu talento foi un fito de valor incalculábel que os músicos deste país saben, recoñecen e agradecen. A descuberta que puidemos facer de toda canta creatividade musical se movía entre nós foi como ir desenterrando cada día un tesouro soterrado na fosa común que cavaron os ‘limitadores da nosa cultura’. Algo tan básico como a promoción da nosa lingua e da nosa cultura nos medios de comunicación públicos era impropio en Galiza até que Xurxo Souto chegou á Radio Galega, agora que se vai, a normal anormalidade volverá. O novo ‘aberto’ é a máxima expresión deste cinismo bilingüe de Feijóo e o sicario Xusto López Carril, novo presentador do espazo que polo momento mantén o nome, a sintonía, algunha sección pero que desbotou e borrou a esencia e principal razón de ser do verdadeiro ‘aberto’: a música galega.

Non quedan espazos propios para a música galega e a promoción dos nosos artistas na nosa radio, e con isto ráchase unha cadea que se entrelazaba e entrealimentaba. Vai sufrir a creatividade musical en galego, van volver á invisibilidade (a esa caste de clandestinidade) ducias de bandas de todos os estilos e con elas van caer moitos festivais organizados a partires do compromiso social e da autoorganización de base, van desaparecer moitos dos soños deste ‘pobo de artistas’ como gusta Xurxo de dicir deste recanto da fin do mundo chamado Galiza.

Mais algo estase a cocer xa como resposta a esta nova infamia galegófoba de Feijóo e os seus. A resposta non ha facerse agardar e o PP vai comprobar que ten en fronte a determinación dunha sociedade que si, é toda ela a que ameaza os intentos de agresión que padece. É toda ela a que non consente que 39 zombies controlados por Madrid, como dirían Galegoz, sigan a bater impunemente na nosa lingua e a magoar a nosa cultura.

Ler máis »

08/06/2009 GMT -1

AS ELECCIÓNS EUROPEAS DA DEMOCRACIA ESPAÑOLA

augasceives @ 17:53

Non erraron desta vez os prognósticos que apuntaban a unha escasa participación nas Eleccións ao Parlamento Europeo de onte 7 de xuño. Non se percibe con proximidade este organismo, óllase como algo demasiado afastado como para podermos ser influíntes nunha cámara tan grande como é a de Bruxelas. Malia escoitar reiteradamente que alí se toman cada vez máis decisións que atinxen moi directamente á nosa vida cotiá, o certo é que a percepción que temos é que o noso poder de decisión alí é mínimo mentres que moitas das súas políticas supuxeron medidas negativas aquí.

Dá a impresión de que, cando menos, hai dúas situacións difíciles de superar nestas eleccións. Unha é o sistema, que parece inquebrantábel ao ter como máximos valedores aos Sarkozy, Merkel, Berlusconi e demais ultraliberais que levan até os extremos a doutrina do capitalismo destrutor. A outra é a coxa democracia española, que nestas eleccións puxo a ferver a maquinaria mediática do bipartidismo. Ao ser circunscrición única o Estado Español, semellaba reducirse todo a dúas opcións, máis aínda ca do normal. A exclusión do resto de opcións foi total en pos dunhas eleccións nas que pouco importaba a Unión Europea (o seu futuro non estaba en xogo e pouco lle afectaría o resultado) e si se presentaron como unha proba de lume ao Goberno do PSOE. Un PSOE que tentou a maior das atrocidades democráticas ao pretender ilegalizar a candidatura de Iniciativa Internacionalista. Finalmente, a candidatura apoiada (cando menos de discurso) pola práctica totalidade do movemento independentista galego estivo nas eleccións con máis ou menos dificultades. O silenciamento desta por parte dos medios de comunicación do sistema foi total e absoluto.

En clave electoral, a lectura que se pode facer é que a nivel estatal a fractura do sistema económico e a consecuente crise que estamos a padecer estalle a pasar factura ao partido do goberno. Mais ao tempo, a suposta alternativa que a ‘Democracia’ española ten (o PP) non é quen de imporse claramente debido á insólita incapacidade do seu chamado líder. A cativa vitoria, con tan só 23 escanos, non pode ser vista noutra clave máis ca en voto de castigo ao PSOE. Coa participación máis baixa da historia nestas eleccións pouco valen os resultados. En Galiza esta situación pode ser asimilada e atribuída á resaca das eleccións de hai só tres meses e nas que mudou o goberno. A clamorosa incapacidade tanto de BNG como de PSOE para renovarse e facerlle fronte ao despropósito de Feijóo levou ao PP a choutar por enriba do 50% de votos. Así, o BNG comeza unha travesía polo deserto que semella longa e da que non ofrece signos de recuperación a curto prazo. Os seus líderes agora non só carecen de altura política, como era o caso da anterior dirección; agora están faltos tamén de personalidade e carisma, Quintana cando menos axitábase nos mitins. Tanto a candidata como o novo voceiro nacional non inspiran absolutamente nada nin son quen de prender nin tan sequera entusiasmo entre os seus. Votar ao BNG agora mesmo é facer un verdadeiro exercicio de fe: crer o que non se percibe. A desastrosa campaña (e xa van dúas seguidas) na que se potenciou descaradamente a figura do novo líder en prexuízo de Ana Miranda reportoulles uns resultados pésimos. Aproveitaranse dos votos de ERC para estar no Europarlamento durante ano e medio, segundo o pacto da candidatura na que concorría con independentistas vascos e cataláns.

No que se refire ás alternativas de esquerda anticapitalista no Estado, os resultados non permitiron obter representación ningunha. O sistema non permite competir en igualdade de condicións e, por se fora pouco, contra os que manexan os recursos (económicos, legais, mediáticos, represivos, etc.) non se pode loitar xogando coas súas armas. Nun escenario no que as condicións e as regras as poñen eles co fin de asegurárense o seu obxectivo, competir electoralmente é pouco menos ca inútil. Cómpre, se cadra, unha reflexión no seo das forzas que están fóra do marco deste ‘sistema’. Sería de replantexar se é viábel entrar a bater de fronte contra as paredes que sosteñen a maltreita estrutura do edificio do ‘statu quo’. É isto un chamo a abandonar? Para nada! Máis ben ao contrario. É pensar na posibilidade de procurar os espazos de loita e resistencia e aproveitalos a diario, máis alá do inxente traballo que supón unha campaña en desigualdade de condicións e por enriba boicoteada de todos os xeitos e maneiras posíbeis. É isto dicir que non debe haber opción electoral? Coidamos que si debe habela, por suposto! Máis non son de agardar uns grandes resultados polo traballo que se faga en dúas semanas, por moi bo e positivo que sexa.

O exemplo máis claro é o do independentismo galego. O de toda a xente que traballou en prol da candidatura de Iniciativa Internacionalista esquecendo por uns días as siglas que están a coutar a posibilidade de artellar unha opción única dende o punto de vista electoral. Unha opción posíbel e viábel á vista dos case imperceptíbeis matices que presentan uns e outros proxectos. Mais unha opción que, como se viu, non puido presentarse ás Elección do pasado 1 de marzo. A enxurrada de colectivos non remata de confluír nun mar desexábel e necesario que sería o da forza senón única, si maioritaria no autodeterminismo en Galiza. Non abonda con chamar ao voto a unha lista ou ofrecer o apoio mediante un texto na rede, algo que tanto un particular como un colectivo pode facer. O que suma é o traballo e a verdadeira solidariedade, o que suma é a altura de miras e o verdadeiro compromiso demóstrase antepoñendo o proxecto de autodeterminación para esta nación antes que as fotos nas que un ou uns poidan figurar. Agardamos que onte non rematara nada, agardamos que hoxe comece a nacer a alternativa necesaria. Cómpre esquecerse de buscar apoios en espazos electorais descoñecidos e comezar por centrármonos en acumular as nosas forzas para ir a por eses caladoiros indecisos.

Ler máis »

05/06/2009 GMT -1

PREGUNTAS CON RESPOSTA XA ESCRITA

augasceives @ 16:42

Non hai respiro. As ansias aniquiladoras do novo goberno da Xunta con respecto ao idioma galego e ao referido á educación non descansan, fican activa e producen novas cada día. Día tras outro, unha especie de cadea que vai destapando ideas destrutivas que van minguando cada unha á que a precede. Primeiro foi a promesa de liquidación do decreto do galego, despois a extinción da obrigatoriedade do galego nas oposicións, agora a famosa enquisa… Por se fora pouco, ao tempo dísenos que queren estes ultracatólicos que os cativos e cativas comecen a ser xa adoutrinados na súa moral dende os tres anos!!! Por un lado venden a bandeira de outorgarlle a decisión aos pais, agardando que sexan avaladas as súas intencións; pero polo outro desatenden as súas opinións cando por medio da confederación de ANPAs piden un ensino laico…

 

O Conselleiro de Educación presentou hoxe os cuestionarios que han recibir 330.000 familias galegas para que contestes a catro preguntas tendenciosas sobre a opción que ‘poden’ elixir para que os seu fillos e fillas sexan educados no ensino non obrigatorio. Os resultados serán moldeados ao gusto do informe final que a Xunta queira presentar… quen comprobará a autenticidade das respostas? É isto un referendo encuberto?

Como se os fillos foran reféns dos seus pais, como se eses 330.000 elixidos puideran mudar o modelo educativo, como se este goberno tivera lexitimidade para comerlle máis espazo aínda á nosa lingua no sistema educativo, impóñense as teses dun minoritario pero ruidoso grupo fascista cuxa existencia é a cara “social” da teoría lingüística deste novo PP de Feijóo. Non é tal a liberdade da que fala este Goberno! Non teñen dereito a modificar ao seu gusto as materias a impartir nin na lingua na que impartilas, non poden negarlle a ningún neno ou nena o dereito a coñecer a súa propia lingua, independentemente do que pensen os seus pais! Se a súa vontade é rematar para sempre con esta lingua están no acertado: mutilala de raíz! Velaquí a infamia, que non está no que se ve senón nas intencións que se agochan detrás.

Ler máis »

04/06/2009 GMT -1

AS PELOTAS DE GOMA NON DETEÑEN A DIGNIDADE OBREIRA

augasceives @ 16:23

As pelotas de goma e a represión policial non amedrentan aos traballadores en loita. Onte e hoxe (quinto e sexto día de folga) reproducíronse as imaxes que se viran días atrás nas que o conflito laboral adquiría forma de guerrilla urbana: lume, barricadas, disturbios, disparos, pedradas, carreiras, agochos detrás dos coches, feridos… a posta en escena lembra moito á invasión televisada do Exército dos EUA en Bagdad.  A calquera guerra na que a forza invasora loita a pé de rúa coa resistencia polo control dunha cidade, cos seus sitios estratéxicos e demais ingredientes propios. Mais a diferenza é que isto é unha folga, na que os traballadores reclaman que a patronal deixe de bloquear a negociación dun convenio digno e atopan nas rúas da súa cidade a resposta violenta dunhas forzas de ocupación que sementan violencia.

 

Hai que insistir en que a imaxe de caos que se xera só beneficia á patronal, que valéndose da distorsión dos medios enfoca un conflito no que non loitan e no que de cara á sociedade só os traballadores fican mal parados. O empresariado manda aos seus propios piquetes ás rúas e van equipados con armamento. Dende os cómodos despachos moven os fíos orientando, sempre en perfecta conexión coas terminais propagandísticas do sistema, cara a onde vai ir o conflito en función da violencia que a policía propoña. En actitude prepotente atrévense a fixar prazos e a retirar as súas ofertas negociadoras, perante o silencio e a complicidade da Xunta. Para a patronal, subvencións públicas e axudas de todo tipo; para os traballadores, EREs e conxelación salarial. E cando as condicións melloran, como é o caso do aumento de necesidade produtiva en Citroen, a decisión empresarial non é a contratación como piden os sindicatos, senón as horas extras e o traballo en sábados. Simplemente incríbel.

Na xornada de onte, recruou o conflito. Catro traballadores feridos tiveron que ser atendidos en centros hospitalarios tras os enfrontamentos coa policía. As rúas de Vigo foron testemuñas un día máis da firmeza obreira fronte á violencia das “forzas da orde”, responsábeis da desorde. Mais non só os folguistas son obxecto da senrazón dos terroristas legais, calquera viandante alleo ao que acontece pode ser vítima das agresións policiais e das pelotas de goma que son disparadas, en realidade, dende os grandes despachos. Anunciouse para hoxe unha resposta proporcionada ao acontecido onte.

E así foi. O terrorismo legal non é quen de reducir a determinación obreira. As imaxes falan por si soas e espallarse no texto non achegaría nada novo, non é doado describir todo o acontecido, e moito menos os sentimentos de xenreira que fai agromar en nós a súa ameazante presenza e a súa irracional actuación. Para a semana que vén están anunciados tres días de folga, sendo paro xeral en todo o sector o venres. Camíñase xa cara a unha indefinida, que alongará o conflito e o endurecerá á vista da posición inmóbil da patronal.

A nosa absoluta solidariedade e apoio aos traballadores do metal. O noso desprezo á actuación policial, á actitude da patronal e aos manipuladores subvencionados dos panfletos publicitarios… 

Adiante!

Ler máis »

CENSURA ACTIVADA

augasceives @ 14:45

Ben sabiamos que da man do PP había chegar todo ao que nos tiña acostumados e se habían reproducir as mañas que se empregaron durante o fraguismo e que afogaron a este País en múltiples escuridades. Certo é que este renovado PP está atinxindo co Feijóo cotas impensábeis cando o equilibrio entre boinas e birretes era algo maior que o que hai agora, que practicamente desapareceu a influencia dos primeiros. Referímonos á cuestión lingüística, onde as agresións ao noso idioma están lonxe da perversión e da maldade que Fraga e os seus podían desenvolver. Onde non defraudan e comezan a andar polos mesmo vieiros é na apropiación (indebida) dos medios de comunicación públicos (así como o dos privados, aos que lles engordará as axudas). A primeira decisión da nova directora da televisión pública é digna do máximo esplendor da censura fraguista, o que coñecemos por exemplo canda o ‘caso Prestige’.

Estreouse hai tres semanas un novo programa, producido por Antón Reixa e a súa produtora, de nome Caixa negra e con vontade de recordar episodios notorios da nosa historia recente. A primeira entrega abordou a crise do buque Casón e no documento lembrouse a realidade daqueles tempos, nos que non saía ben parada a xestión das administracións. A segunda entrega fíxonos tornar ao escenario da chamada "Operación Nécora" contra o narcotráfico. Na terceira, a desta semana, habiamos recordar a crise das ‘vacas tolas’, unha das actuacións máis detestábeis de entre as moitas que tivo o Goberno de Fraga.

Un caso espiñento do que aquela Xunta non sairía moi ben parada pola súa nefasta xestión. Os enterramento de máis de 300 vacas en Mesía, a manipulación informativa, o escurantismo, a desinformación, o autoritarismo… marcas todas elas propias deses fatídicos dezaseis anos. Un caso espiñento a emitirse a poucos días dunhas eleccións e no medio da situación de máis gravidade da historia do agro galego.

Razóns suficientes como para cancelar a emisión do programa e pór nas pantallas da televisión pública de Galiza un filme de Clint Eastwood dos que tanto gustaba a vella TVG dos últimos tempos do demócrata Fraga. Primeiro escándalo maiúsculo de censura e manipulación informativa dos moitos que han vir para consolidar o novo modelo Feijóo tamén en cuestións de márqueting mediático.

Mais o motivo oficial é que un sindicato agrario, concretamente o deles, Xóvenes Agricultores, solicitou a non emisión do documental. Argallada conxunta e intolerábel na que os “seudogandeiros de cidade” aceptan cargar ao lombo co primeiro grande escándalo mediático da nova lexislatura. Revivindo os vellos tempos de censura tan clamorosa que semellaba cómica, ao tempo que noxenta. Cando a pasada semana os tres sindicatos maioritarios lle esixían a Feijóo que non modificara a Lei da Función Pública o Goberno non os atendía; agora que o suposto sindicato lle pide que enterre a ollos da pantalla pública aquel negro episodio para o agro galego… entón agora si está receptivo Feijóo!

Ler máis »

02/06/2009 GMT -1

ELECCIÓNS AO PARLAMENTO EUROPEO: OS DE SEMPRE E ALGO MÁIS (II)

augasceives @ 17:20

O vindeiro domingo celébranse as Eleccións ao Parlamento Europeo. As previsións indican unha elevada cota de abstención contra a que loitan ‘os europeístas’ convencidos, empezando polos propios candidatos. Tratan de procurar respostas a porque estas votacións xeran tan escaso interese …

A grande nova que precedeu a campaña electoral en todo o Estado foi a aparición dunha candidatura que, primeiro foi posta no branco da Lei de Partidos mais que finalmente vai poder estar presente. Iniciativa Internacionalista – A solidariedade entre os pobos constitúe unha agrupación de representantes de todos os territorios do Estado Español que pretenden levar a bandeira do socialismo e da alternativa anticapitalista ao galiñeiro ultraliberal no que cacarexan os galos máis fortes, apertando cada día un pouco máis o xugo que impide o dereito de autodeterminación dos pobos do vello continente.

 

O boicot mediático está sendo maiúsculo, como era de agardar. Tan só se referiron as grandes terminais propagandísticas españolas á candidatura que encabeza Alfonso Sastre cando o líder abertzale Arnaldo Otegui a apoiou publicamente. O sensacionalismo atopou aquí unha fonte de audiencia que tentou aproveitar, mais tampouco se pararon moito pois non era asunto do que poder sacar moito máis. Isto non quere dicir que o traballo das persoas que por toda a xeografía estatal apoian a candidatura non estea a ser excelente, facendo campaña case na clandestinidade.

No tocante a Galiza o referente é Xosé Luís Méndez Ferrín, que ocupa o sexto lugar. II-SP está a sumar o apoio público de pódese dicir que a totalidade do independentismo galego, amosándose en favor desta opción a maré de siglas e colectivos que conforman o movemento social en Galiza e están ceibes de ataduras a outro “voto obrigado”… Aínda está pendente aquí tamén unha necesaria renovación de caras e nomes dirixentes, electoralmente fracasados polo visto tantas veces (a última, o 1 de marzo) pero que non falan de asumir unhas responsabilidades que si lle reclaman a outros. Non son poucos os que pensan que o verdadeiro problema do independentismo galego non é o que se di, senón quen e como o di. Noutras verbas: non hai división nas bases, son as “elites” as que están coutando a posibilidade de avanzar.

Pode ser a primeira vez que o independentismo galego vote unido, mais non será unha referencia a ter en conta se quixeramos ter unha valoración da potencia electoral da hipotética “candidatura unitaria” que xa soa a utópica e á que tantas veces nos temos referido. A grande influencia que ha ter a abstención de seguro ha afectar tamén e non votará a totalidade dos posíbeis apoios que o soberanismo galego puidera obter se houbera que buscar a presenza no Hórreo. Malia ver curiosos feitos como o apoio expreso de formacións como Nós-UP a unha candidatura na que figura o que recibiu as máis duras críticas dunha campaña máis ca discutíbel na limpeza. Apoia realmente Nós-UP a candidatura de Ferrín malia quedar fóra dela ou o que pasa é que non gusta de ficar á marxe doutros colectivos cos que ten boa relación como Batasuna ou Maulets…? Sexa como for, aledámonos da unidade arredor de Iniciativa Internacionalista de cara a estas eleccións. Adiante!

Ler máis »

ELECCIÓNS AO PARLAMENTO EUROPEO: OS DE SEMPRE E ALGO MÁIS

augasceives @ 16:44

O vindeiro domingo celébranse as Eleccións ao Parlamento Europeo. As previsións indican unha elevada cota de abstención contra a que loitan ‘os europeístas’ convencidos, empezando polos propios candidatos. Tratan de procurar respostas a porque estas votacións xeran tan escaso interese e argumentan razóns de descoñecemento da poboación da importancia do P. E. e deficiencias na comunicación das mensaxes. O certo é que existe unha grande inconsciencia de que o Parlamento Europeo é hoxe culpábel de moitas cousas, se falamos de Galiza case ningunha boa… Tan só as inxentes subvencións que encheron os petos dos que as “distribuíron” entre amigos e parentes. Mais non menos certo é que, ouvindo o que se oe, pouco semella importarlle aos partidos que se presentan máis ca o número total de votos para extrapolar resultados. Analizaranse, como todas, en clave de éxito ou fracaso, aínda que ninguén recoñecerá ter perdido.

 

O feito de que o Estado Español conforme unha circunscrición única, algo que non acontece con cada unha dos territorios cando se trata de escoller Parlamento propio ou estatal, fai proliferar as alianzas entre distintas formacións a fin de colleitar representación en Bruxelas. En Galiza temos o exemplo máis chamativo no BNG, que da alianza Galeuscat (cos dereitistas PNV e CiU) de hai catro anos pasou a concorrer este na Europa dos Pobos (cos independentistas de ERC ou Aralar): todo sexa pola rédito electoral, a quen lle importan as ideas?

O BNG autoinsertado xa irremediabelmente no ‘sistema’, é vítima do bipartidismo feroz que o afoga e o deixa case sen espazo. O que hai uns anos combatía, hoxe enguliuno e tan só é unha migalla máis no bandullo dese grande monstro chamado españolismo (PP e PSOE). E todo iso a pesares de insistir a mensaxe do Bloque no máis importante, obter representación parlamentar. Un renovado en nomes e caras que están tendo a primeira oportunidade para demostrar a súa cativa valía; Guillerme Vázquez é unha caste de desideoloxizado ao estilo Quintana pero que nin tan sequera alza a voz e que en ton monocorde aburre ás ovellas co seu falar, e a candidata Ana Miranda está vendo que unha boa política non só a fai o coñecemento, senón a maña á hora de expresalo.

Nada novo entre o españolismo. PP e PSOE (coidamos que este pode ser o enterro definitivo de Izquierda Unida…) seguen ás voltas centrados no seu único obxectivo sexan cales sexan as eleccións ás que se presentan: conquerir a Presidencia do Goberno Español. O PSOE enfróntase ao veredicto dos votantes atemorizado pola situación actual e optando por atacar non só ao PP, senón a toda a dereita culpabilizándoa da creba do sistema capitalista, tal que se ‘os socialistas’ estiveran afastados desas medidas neoliberais que seica nunca apoiaron… O Partido Popular confía na ‘reconquista’ que seica comezou en Galiza o pasado marzo e conta coa vantaxe de poder volver a acumular os votos da dereita ao non estar ‘o partido de Rosa Díez’, que coa súa aposta máis ultradereitista aínda vén apañándolle votos descontentos co nefasto Rajoy. Todo isto cando unha vez máis se redobra a ofensiva da dereita española: monolingüísmo castelán e non ao aborto, co arrepiante Mayor Oreja como máximo expoñente.

Ler máis »

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis