Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

CausaGaliza

Arquivo: Xulio 2009

29/07/2009 GMT -1

EN MASSÓ, CONTRA TODA ESTA CASTE DE ESPECULADORES QUE DESPREZAN A NOSA TERRA

augasceives @ 22:31

A efervescencia dun pobo que loita vai alén de datas simbólicas. Pasado o Día da Patria, no que estiveron presentes todas as loitas vivas que se manteñen en Galiza, toca agora volver ao normal decorrer do almanaque con forzas renovadas. Exemplo é Cangas, e a loita veciñal contra o porto deportivo ilegal que os aniquiladores queren construír en Massó. O vindeiro sábado, un de agosto, ás oito do serán, o pobo consciente sairá de novo á rúa esixindo a paralización inmediata das obras. Esixíndolle, á alcaldesa do BNG que atenda o interese común e non o económico e privado. Velaquí, en Cangas, a face máis desprezábel deste Bloque atado de pés e mans ao poder dos cartos que por detrás move os fíos.

 

A loita vén de lonxe, dende o coñecemento das disparatadas intencións e o comezo das obras, pero avivouse nas últimas semanas logo das detencións e os novos casos de violencia policial cara a dignidade veciñal que só está a defender a ría e o seu propio futuro. Mais como xa temos dito noutras ocasións, esta violencia non é preciso condenala. O tripartito dirixente mira para outro lado porque moito teñen que calar cada un dos tres. Nun concello que carece de PXOM que permita a instalación dun porto semellante ao previsto, os números que rodean este proxecto son tan brutais como as ansias especuladoras dos responsábeis desta atrocidade: 200.000 m2 cadrados de lámina de auga, 600 m de espigón e 65.000 m2 de recheo que esnaquizarían unha zona de incalculábel valor pesqueiro, marisqueiro e por suposto, medioambiental. Malia unha manchea de probas que sinalan como ilegal a construción e que teñen sido denunciadas pola Confraría de Pescadores, a Xustiza non paraliza a obra, como tampouco o fai a Alcaldesa de Cangas, Clara Millán (BNG).

Informe contrario da Consellaría de Pesca, Estudo de Impacto Ambiental claramente irregular, un atentado ecolóxico que supón o maior “pelotazo” urbanístico de Galiza, perda de 500 postos de traballo relacionados co mar e ameza directa ao pequeno comercio local, roubo duns terreos públicos, burla da legalidade urbanística, tramitación fraudulenta de expedientes, corrupción da Guardia Civil para a protección de fins privados, desleixo das responsabilidades municipais, criminalización dos movementos sociais, detencións e sancións a opositores, manipulación informativa… Quen podería ter tecido tal rede para pór ao servizo do poder económico? Efectivamente, a conxunción do poder económico e político, da man da forza policial e o traballo mediático. Só así se explica e enmascara quen está detrás: a sociedade que executará o proxecto chámase Marina Atlántica, que é controlada en boa parte por Caixanova, entidade financeira que contribuíu economicamente a varias campañas do BNG, partido político que ostenta a alcaldía canguesa. Aí se pecha o círculo letal que pretende agredir a Ría.

Fronte a toda esta arañeira de corrupción, a sociedade berra unha vez máis “Goberne quen goberne, a ría non se vende”. De tal importancia é a manifestación do próximo sábado que xa invade o ar do Morrazo o espírito de Galiza Non Se Vende.

Por último, recomendamos ollar esta reportaxe de GZVídeos sobre as concentracións en prol dos detidos a pasada semana en Massó, que axuda a entender máis polo miúdo este conflito.

Ler máis »

28/07/2009 GMT -1

O MOVEMENTO ANTI-TOURADAS VOLVE A ESCEA EN PONTEVEDRA

augasceives @ 22:19

Un verán máis achégase agosto e o movemento anti touradas en Galiza volve coller azos en Pontevedra. As festas da cidade aséntanse en boa parte na “Feria Taurina”, que son unha fonte de intereses económicos que move cantidades inxentes e é apoiado pola propia administración local da Cidade do Lérez. Intereses económicos, todo sexa dito, que enchen os petos privados dun pequeno reduto que fai o seu negocio na praza privada pontevedresa. A presenza da Plataforma Anti Touradas de Pontevedra garante a visibilidade do sentir maioritario da sociedade galega con respecto a esta caste de brutalidade e maltrato animal que son as touradas (a representación dos instintos máis desprezábeis e violentos da especie humana). Convocada manifestación en Pontevedra para o próximo sábado día 8 ás sete da tarde na Peregrina.

 

A plataforma ten iniciado xa os movementos e as accións previas ao que será a semana cumio das accións. Non debemos cansar de repetir a necesidade de que as clases dirixentes tomen conciencia do que esta “festa”, chamada por algúns “cultura”, está a representar. A violencia en estado puro, o maltrato, o asasinato e a representación duns valores que van contra o civismo e o raciocinio humano. Cando falamos das clases dirixentes, pensamos moi especialmente no BNG, que é quen dende hai dez anos ostenta o goberno municipal e quen non fixo absolutamente nada (máis ca aplicar represión policial contra os activistas anti-touradas) para cumprir co seu discurso e pórlle fin a esta barbarie.

A seguir, reproducimos o manifesto que a Plataforma fixo público recentemente e aproveitamos para apoiar a súa acción e facer un chamamento a acudir á manifestación do día 8.

Pontualmente e como todos os anos desde a imposiçom das touradas na nossa cidade  começou a “Feria Taurina” , umha lamentável exaltaçom da violência, à roda desta festa da tortura. Miles de pontevedreses/as vivem estes dias como um mal inevitável, que se aguarda passe rápido enquanto se suporta com estoicidade. As celebraçons espontáneas do povo nas rúas convivem com esta triste apología da barbárie, com umha expanssom planificada e financiada polo empresariado espanhol, e acelerada há poucos anos.

Mas até aqui chegamos. O dinamismo popular esnaquiçou a pretenssom por associar as festas com as touradas, de tal forma que a imensa maioría da mocidade regeita participar deste bárbaro espectáculo nestes días. Um grupo de colectivos e pessoas decidimos este ano começar a luita para que as touradas passem a ser um mal recordo do passado mais escuro de Ponte Vedra. Opomo-nos a que a nossa cidade seja sede para a realizaçom deste simulacro de volta ao Régime para nostálgicos amantes das torturas legalizadas e fazemo-lo por diversas razons:

1)  Como ecologistas comprometid@s com a defesa do médio, denunciamos o trato cruel e inumano que os touros recebem no transcurso desta mal-chamada festa. Durante o percurso da mesma, o touro é desgarrado, mutilado e torturado de diversas formas tentando fazer passar como valentia a crueldade e a violência contra os animais, num alarde de cinismo hipócrita.

2) Opomo-nos radicalmente a esta festa por estar indisolublemente ligada ao fascismo. Se bem é evidente que nom nasceu com o golpe de estado do 36, lembremos como é que era chamada durante a Ditadura franquista: “La Fiesta Nacional”. Também como o regime favoreceu a impossiçom desta “tradición castiza” no nosso país, com um fracasso estrepitoso. Ao mesmo tempo, a composiçom ideológica dos sectores que assistem normalmente a estes actos nom mudou em grande medida: Segue a ser o ponto de encontro da direita espanholista, a sua festa estrela do ano, com todos os matizes que se queiram.

3)  Constitui umha “festa” imposta, espanholizante, alheia à nossa cultura. Pesia os innumeráveis intentos por introduzir as touradas como parte da impossiçom da cultura espanhola, tam só existe umha praça no nosso país, propriedade dumha empresa madrilenha. A populaçom galega declára-se num 80% alheia às touradas , tal e como amostram as enquisas, e o fracasso continuado das touradas itinerantes no último século evidência a total oposiçom a esta apologia do martírio animal.

4) As touradas som umha festa marcadamente machista, como se pode analisar na figura do toureiro (no 99% dos casos sempre homem), quem sai teoricamente a demonstrar o seu valor ante um animal mui perigoso, apresentando-se como o cúmio da galhardia e da chularia, como o epítome do macho ibérico. Por suposto, a plataforma nom defende a igualdade de sexos à hora de protagonizar esta festa macabra, mas a sua completa erradicaçom.

Por todo isto, Ponte Vedra Ànti-taurina fai um chamado ao conjunto das forças sociais conscientes desta cidade para  mobilizar-nos em contra deste vergonhento show, para atingir-mos a seguinte tavela de vindicaçons ante as diferentes administraçons:

Deputaçom de Ponte Vedra

- Denunciamos a cumplicidade da Deputaçom de Ponte Vedra com estas festas, sendo a principal acreedora de cartos públicos a umha iniciativa privada e brutal como som as touradas. Nom é tolerável que semelhantes práticas sejam subvencionadas com cartos de tod@s nós , no lugar de ser investidas noutras iniciativas sociais e culturais de necessidade.

Concelho de Ponte Vedra

- Declaraçom de Ponte Vedra como “Cidade Ánti-taurina”, e “Amiga dos Animais” deixando claro que a celebraçom destes eventos nom está bem vista.

- Cese imediato de calisquer colaboraçom com a empressa proprietária da praça , “Plazas y Toros S.L.” , assi como das posíbeis  ajudas públicas, sejam directas ou indirectas para com ela.

- Estudar e promover a expropiaçom e reconverssom da Praça de Touros num Coliseu para actuaçons e espectáculos exclusivamente culturais e musicais, capaces de atraer um turismo de qualidade e alternativo ao actual efecto-imám que cada verao atrae à nossa cidade a um turista irrespetuoso com a cultura do país.

- Completa supressom das touradas como reclamo turístico . Nem nas páginas web, nem nas oficinas de turismo, nem nas publicaçons do concelho, valoriçando positivamente que tenham desaparezido do programa das festas.

- Erradicaçom do  uso de espaços públicos para a promoçom das touradas. Nengum outro evento do ano tem tanta presença na rua como este, e desde logo nom é de recibo que umha iniciativa privada empregue os espaços públicos de forma indiscriminada, sobre todo quando é umha grande difussora de valores como a violência contra os animais, o machismo e o espanholismo.

- Instar á Junta de Galiza a aprobar umha Lei de Protecçom Animal que proibirá de forma explícita as touradas e todos aqueles espectáculos o­nde se produça a morte ou tortura de animais.

Parlamento e Junta de Galiza:

- Aprobar umha “Lei de Protecçom Animal” que cumpra o anterior, de facto já recolhido na legislaçom europeia e na carta universal dos dereitos dos animais.

Por todo isto animamos-vos a tod@s a participar em todas as actividades que podamos levar adiante nas próximas semanas a partir do dinamismo popular.

Esta vergonha tem que rematar já!

Ler máis »

26/07/2009 GMT -1

FESTA, REIVINDICACIÓN E VIOLENCIA NO DIA DA PATRIA '09

augasceives @ 18:30

O Día da Patria veu marcado un ano máis polas mobilizacións en Compostela. Dunha parte, a tradicional manifestación convocada polo BNG que levou ao “nacionalismo oficial” á Quintana; doutra banda, a que un ano máis xuntou detrás da faixa de Causa Galiza ao independentismo que integra a plataforma soberanista. Mais non se pode obviar se queremos relatar o acontecido esta fin de semana a violenta represión policial da noite do 24 de xullo, que rematou con varios feridos.

 

O oficialismo saíu á rúa un 25 de xullo máis instalado nos baleiros debates cos que enchen os seus medios propagandísticos. Atacando ao Partido Popular polas agresións contra a nosa lingua e facendo referencias á crise capitalista e aos seus efectos, pero sen posicionarse decididamente contra o propio sistema. Sen máis. Sen referencias aos mozos agredidos impunemente e sen motivo ningún a noite anterior, sen pór en cuestión a política represiva do Goberno Español en Galiza, sen “condenar” a violencia contra os veciños de Massó e tantos outros que en cada recanto do País mantén viva unha loita distinta. Afastados, en definitiva, dos movementos sociais dos que un día se valeu.

Lonxe das coordenadas institucionais, varias entidades organizaron múltiples actos nunha xornada de festa e reivindicación a partes iguais. Non faltaron concertos, presentacións de libros, palestras e todo tipo de actividade cultural, mobilizacións polas rúas, etc. Todos os actos contaron con desmedida actuación policial que converteu Compostela en algo semellante a unha zona de guerra, ocupada e chea de “homes” armados dispostos a “manter a orde”.

Para a noite do 24, tanto Briga como AMI tiñan convocadas cadansúa manifestación. No primeiro caso, a Policía española converteu as estreitas rúas da zona vella compostelá nunha rateira na que pechou os accesos e agrediu brutalmente a varios mozos sen media motivo ningún. En actitude desmedidamente provocadora, as Forzas do Estado Español acompañaron continuamente os actos todos nos que o independentismo era protagonista. Os enfrontamentos reproducíronse cando a Rondalla organizada por AMI estaba a piques de saír, algo que os antidisturbios impediron a base de paus e violentas cargas.

Onte 25, a plataforma Causa Galiza era quen estaba detrás dun amplo abano de actividades. A manifestación dende a Alameda até o Toural e o xantar popular de despois no Parque de Belvís foron os actos centrais, sen esquecer a manchea de actividades que pola tarde tiveron lugar no devandito parque. Mais cómpre facer referencia á mobilización e á desproporcionada presenza policial, continuamente en ton provocador, que acompañou o percorrido até a Praza do Toural. Xa alí, os antidisturbios atoaron os accesos impedindo entrar e saír da praza. Unha situación absolutamente anormal que viola un bo feixe de dereitos fundamentais dun sector da poboación continuamente criminalizado por razóns políticas e ideolóxicas.

Pero ningunha voz "oficial" ha condenar esta violencia. Porque con esta non se tira rédito electoral, porque esta violencia non hai que condenala para poder participar no seu xogo.

Ler máis »

24/07/2009 GMT -1

AOS DEPREDADORES XA NON LLES VALE O "DIÁLOGO"

augasceives @ 12:40

Levan varios días os medios empresariais propagandísticos falándonos das negociacións “a tres bandas” entre o que o Goberno Español e o que deron en chamar “axentes sociais” co fin de seguir adiante co chamado Diálogo Social. As organizacións empresariais e os dous sindicatos maioritarios a nivel estatal sentan co PSOE en representación, din, do empresariado español e dos traballadores e traballadoras. En plena crise económica é a patronal a que esixe e a que aproveita para tentar sacar tallada, co Goberno en principio freando as súas ansias e cos sindicatos á expectativa.

Así, agardando caladiños e quedos están UGT e CCOO. Coa clase traballadora pagando a crise en forma de paro, EREs e despedimentos masivos, as voces sindicais afíns ao goberno do PSOE tentan conter as demandas de folga xeral defendendo a actuación do Goberno e querendo explicarnos que non hai motivos. Con taxas de paro en niveis elevadísimos seguen a acubillarse até que deixe de chover. Noutros estados europeos, como Francia ou Portugal, son xa varias as veces nas que a clase traballadora se botou á rúa estando en cotas de desemprego que España tiña nos momentos de crecemento económico de hai dous anos, en mínimos históricos.

Actitude distinta ten a patronal. Sendo parte dos culpábeis dunha crise que está a afundir o sistema que os ampara, non queren deixar pasar a oportunidade e manteñen posicións agresivas. Día si e día tamén falan de reformas laborais, de abaratamento do despido, de máis vantaxes fiscais… Non lles abondan as reformas lexislativas que sempre os favorecen, as bonificacións por case todo, as subvencións públicas a esgalla, a impunidade no incumprimento de case calquera lei (en materia de medio ambiente, de seguridade e saúde, de liberdade sindical, etc.). Son insaciábeis. A súa crise é un simple descenso de beneficios, pero aproveitan as circunstancias para xustificar deslocalizacións, peches inxustificados, despedimentos, EREs…

E no medio, o Goberno do PSOE. Que por discurso debe manter distancia coa dereita neoliberal e abusiva da patronal, que á súa vez representa a face social do PP. Debe tamén manter sintonía coas prédicas dos “seus” sindicatos. O equilibrio tradúcese na Mesa de Diálogo Social, un invento para manter a calma e a paz social na que non se contemplan demandas dos traballadores e na que se tentan ocultar á sociedade as vontades esaxeradas do empresariado. Paz, entendemento, diálogo e cooperación son conceptos moi do gusto de Zapatero, pero sempre e cando non supoñan molestia ningunha para os poderes económicos e poida ao tempo manter axeonllados aos sindicatos do réxime.

A patronal esixe unha rebaixa de cinco puntos porcentuais nas súas cotizacións e propoñen xa abertamente o despedimento libre. Nin máis nin menos. O Goberno “tan só” ofrece unha rebaixa do 1’5%. As desorbitadas pretensións do empresariado poden disimular esta nova cesión do PSOE, disfrazándose de firmeza e facendo que a oferta de rebaixar máis aínda as achegas patronais apareza como algo normal. Os sindicatos oficiais, como xa dixemos, calan.

Velaquí vemos a verdadeira face de cadaquén. Por unha banda, os depredadores; en fronte, os coelliños asustados; e no medio, un Goberno que se amosa traizoado pola patronal coa que non tiña máis ca entendemento. E onde están os traballadores? Nesa “Mesa” non están representados, porque o “Diálogo Social” é un monólogo no que varios corpos dun mesmo interese falan entre si.

Ler máis »

22/07/2009 GMT -1

"CONTRA A CRISE DO CAPITAL, SOBERANÍA NACIONAL"

augasceives @ 16:08

Causa Galiza chama un ano máis, como cada Día da Patria, á unidade do independentismo galego. A plataforma formada pola meirande parte das formacións da esquerda soberanista de Galiza sairá á rúa o próximo sábado, 25 de xullo, para unha vez máis facer visíbel o traballo que durante todo o ano se leva a cabo dende a base, comarca a comarca, nun eixo común malia todas as matizacións que se queiran pór. “Soberanía nacional” segue a ser a reivindicación clara e firme, convencidos e convencidas de que aí mora a resposta a cada un dos problemas que eivan o desenvolver desta nación.

En momentos difíciles para este país, nos que os sectores produtivos se ven ameazados pola indiscriminada man devastadora do libre mercado, nos que o capitalismo atopa vías de auga cada día que o afunden malia os seus propios esforzos, nos que o españolismo imperialista volveu pór bandeira en terra conquistada, nos que a máis intolerante “liberdade lingüística” se torna violenta contra o noso idioma, nos que vemos como esta crise deseñada ten efectos contundentes entre a clase traballadora…

Por tantas outras moitas razóns, o sábado 25 á unha da tarde na Alameda compostelá, a Galiza consciente ten que esquecer todas cantas fragmentacións inútiles existan, deixar de lado as siglas e as letais ansias personalistas para saír á rúa. Mais as actividades non se reducen á manifestación; pola tarde, no Parque de Belvís haberá unha Romaría popular coa presenza de colectivos de todo o país, actividades culturais, deportivas, etc.

Ler máis »

21/07/2009 GMT -1

ESTAFA AO SECTOR LEITEIRO GALEGO

augasceives @ 17:52

A “Semana Branca” que os gandeiros galegos protagonizaron en Compostela e Lugo forzou de seguro o anuncio de acordo entre distribución, produtores e industria. Nun primeiro momento, falouse que se asinarían contratos homologados con prezos mínimos fixados en 31 céntimos por litro. Esta medida, aínda que escasa en canto ao prezo, fixo que o sector leiteiro galego gañara a sensación de que a súa loita estaba sendo útil e colectando obxectivos. Abríase a porta para que puidera entrar luz no escuro panorama que ameazaba de morte ás explotacións galegas. Con todo, os gandeiros decidiron manter os seus tractores no mercado de Amio (Compostela) durante toda a pasada fin de semana até que se asinara definitivamente o acordo onte luns en Madrid. Mesmo realizaron unha imprevista mobilización a pé. A súa desconfianza tiña fundamento.

O anunciado onte e asinado por UUAA e XXAA non era o que os gandeiros ouviron a semana pasada. Tomando como referencia o prezo do leite francés máis os custos do transporte, os contratos homologados recollerán un prezo medio de 31 céntimos o litro. O matiz, malia que pode parecer irrelevante, é ben suficiente para que o SLG non asinara esta estafa e criticara o acordo, que non é o que nun principio se anunciara. Prezo medio indica que os gandeiros recibirán valores que tanto superarán eses 31 céntimos como ficarán por debaixo, isto é, o problema de non cubrir os custes de produción non se soluciona. O SLG ía a Madrid –en palabras da súa Secretaria de Organización Lídia Senra- coa idea de que o mínimo de 31 céntimos era escaso (situaban a súa demanda en 34 céntimos), mais ao non chegar nin a isto consideraron razón suficiente para non asinar. A nivel estatal, COAG (na que participa o propio SLG) tampouco asinou o documento.

Esta farsa, que ten como obxectivo desactivar as mobilizacións do sector, foi apoiada por Unións Agrarias (sindicato agrario do PSOE) e Xóvenes Agricultores (sindicato agrario do PP). Unha mostra máis de que non son de fiar. Ademais, o marco no que se pactan as condicións do futuro do agro galego é, unha vez máis, Madrid, unha das eternas eivas da nosa terra. Os asinantes pechan o círculo e exclúen dos mecanismos de seguimento e outras xuntanzas futuras a quen non subscribira o acordo de onte.

Ler máis »

20/07/2009 GMT -1

BRUTALIDADE POLICIAL AO SERVIZO DA ILEGALIDADE EN CANGAS

augasceives @ 17:34

En Cangas do Morrazo represéntase outro exemplo da Democracia Española e o Estado de Dereito no que vivimos, outro exemplo de libre participación cidadá. A atrocidade que as caras máis voraces do sistema especulativo pretenden levar a cabo en Massó volven á actualidade. Nunca deixou de estar viva a defensa da terra e a oposición veciñal ao Porto Deportivo que os poderes económicos queren construír, mais nos últimos días reactívase a viveza do conflito e a determinación da cidadanía a seguir loitando. Esta mesma mañá, dezaseis persoas foron detidas durante as protestas contra a construción ilegal do Porto Deportivo no espazo protexido cangués.

 

A oposición veciñal recibiu nas últimas semanas importantes apoios que avalan a súa posición. O pasado mes de abril, o Rainbow Warrior (o barco de Greenpeace) achegábase á costa canguesa para apoiar a concentración que por mar levaron a cabo as pequenas embarcacións da vila en sinal de rexeitamento aos planos destrutores da Ría. A pasada semana, o Premio Nobel da Paz Pérez Esquivel achegouse ao Morrazo para pórse publicamente do lado dos veciños na súa loita contra a especulación.

Tamén nas últimas semanas se levan producido constantes concentracións e actos de rexeitamento ao proxecto, totalmente ilegal. O Foro Social de Cangas é quen, con outros colectivos, encabeza a loita veciñal. Sinala directamente á alcaldesa Clara Millán, do BNG, por non facer nada para evitar as obras: reclámanlle que as paralice por non contaren estas con varios requisitos imprescindíbeis. E é que as obras da praia do Salgueirón non teñen licenza de obra, non teñen orzamento e non teñen prazos de comezo e remate das mesmas. Mais nada disto é impedimento para que a brutalidade policial se poña ao servizo da ilegalidade. Con todo, tampouco esta violencia legal é asoballa aos veciños. O pasado 20 de xuño, a tivo lugar unha impresionante manifestación pola vila como demostración de firmeza. Nesta ligazón pódense atopar as razóns para entender o que está a acontecer en Cangas.

Esta mesma mañá, como cada día, veciños e veciñas acudían ao lugar de entrada á obra para protestar contra a mesma que, lembremos, carece de licenza municipal. Os e as activistas decidiron colocar un vehículo para impedir o paso dos camións, nunha zona na que non está prohibido estacionar. Membros da banda armada española Guardia Civil obrigaron ao dono do automóbil (un representante do Foro Social de Cangas que xa fora detido a pasada semana) a retiralo de alí. Vivíronse momentos de tensión e foron até oito os coches de Policía e Garda Civil que acudiron para protexer as obras ilegais. Entre os veciños concentrados atopábase o propio Concelleiro de Urbanismo, Mariano Abalo (FPG), que tentou explicarlles aos defensores da ilegalidade que os traballos que se están a realizar alí carecen dos preceptivos permisos legais. Foi en van. Até 16 persoas foron detidas (incluída a propia Concelleira de Persoal de Cangas, tamén da FPG) e mesmo unha permanecía nun centro hospitalario vigués esta tarde.

Denuncian, e denunciamos, a pasividade e o consentimento que converte a BNG e PSOE en cómplices e culpábeis do desenrolo dunhas obras ilegais que van supoñer a eliminación de máis de 250.000 metros cadrados de explotación pesqueira e marisqueira (por non falar do seu valor ecolóxico e medioambiental) debido aos recheos. Unha manchea de irregularidades que inclúen o outorgamento de licenza a unha empresa que non gañou o concurso e que vai constituír un duro golpe para a economía da zona e a forma de vida dunha vila mariñeira.

Ler máis »

17/07/2009 GMT -1

A DEMOSTRACIÓN DE QUE O ÚNICO CAMIÑO É A LOITA

augasceives @ 17:05

Os labregos pechan a “Semana Branca” con dúas sensacións principais: a capacidade de mobilización e loita dos gandeiros unidos por unha banda, e a irracional política represiva do Goberno Español contra todo movemento social independentemente de cal sexa o colectivo ou o motivo. Cómpre non deixar de salientar que esta é unha loita compartida e apoiada por toda a sociedade galega consciente, a dedución dos motivos é ben sinxela: sen explotacións leiteiras non hai vacas, sen vacas non hai rural, e sen rural non hai Galiza. A pregunta é evidente: ante a gravidade da situación, o sistema só contempla a opción da loita (coa peaxe de ser mallados) para acadar algo tan básico como a supervivencia?

 

Hoxe de novo os tractores botáronse ás rúas de Lugo, debuxando de novo arredor da grande muralla o verdadeiro balado da dignidade galega, o que teceron os tractores colapsando a cidade. Ao remate, cada un comezou a volta cara os seus lugares de orixe agardando que se materialice o acordo anunciado que fixa o prezo mínimo do leite en 31 céntimos o litro, cifra coa que a maioría se amosou medianamente conforme por ser un avanzo con respecto á crítica situación na que se atopan.

Precisamente para exercer presión até que se ese acordo se asine definitivamente, os labregos decidiron deixar durante toda a fin de semana os seus tractores no mercado de Amio, onde levan concentrados toda a semana. Segundo anunciaron os sindicatos, posto que de momento non hai nada asinado, non marcharán da Capital galega até que sexa definitivo o acordo. Hoxe foi día de actos informativos e reparto de leite de balde aos composteláns e compostelás.

A situación que motivou esta protesta masiva non é outra que a máis xusta e digna do mundo: os labregos non están a esixir melloras nin privilexios, están a loitar polo seu salario, porque se lles pague o seu traballo diario como calquera outro traballador. Este non é un conflito ao uso, aquí está en xogo a supervivencia de todo un sector que é piar básico na nosa economía e no existir deste País. Nada disto o entenden os represores do PSOE, non é razón para que Louro mude a política do seu antecesor no cargo, Ameixeiras. As forzas de ocupación neste país están a sobordar os límites imaxinábeis.

Parabéns!! Símbolo dun País que loita!!

Ler máis »

16/07/2009 GMT -1

A LOITA MÁIS DIGNA

augasceives @ 19:14

A “Semana Branca” está a transcorrer polos vieiros da dignidade, da loita cívica e da resistencia que vén xa de lonxe… A pelexa pola supervivencia do sector lácteo estase trasládase esta semana ás rúas de Compostela e Lugo. As imaxes dos tractores nas rúas dan pé ás terminais propagandísticas, que desenfocan e manipulan a realidade centrándose no caos que ocasionan e nos supostos prexuízos á cidadanía, non no motivo das mobilizacións. De fondo está a aspiración de rematar cos movementos sociais, coas reivindicacións, con cada conflito laboral que se traslada á rúa. Unha reivindicación tan xusta como a dos labregos, que conta co apoio da práctica totalidade da sociedade galega, non se librou da brutalidade policial e da represión do PSOE. As imaxes das cargas policiais repítense con demasiada frecuencia nas últimas semanas en Galiza, e a remuda do Subdelegado do Goberno non trouxo un cambio na política irracional desta institución imperialista.

 

Semella que non vai ser en balde a loita labrega. Nas últimas horas anunciouse o compromiso das partes implicadas de establecer uns contratos homologados que inclúan un prezo mínimo de 31 céntimos o litro de leite. Agora vemos as consecuencias do ridículo peso español nas institucións europeas, agora padecemos a súa incapacidade e os devastadores efectos que a PAC supón para o noso país, agora acordámonos das famosas cotas… O libre mercado non permite que un sector coma este poida vivir do seu traballo, tan só deixa espazo ás potencias europeas (Alemaña e Francia) e ás grandes superficies comerciais.

A face da democracia española que leva casco e vai vestida de azul, cun porra na man e unha metralleta de pistolas de goma na outra, non quixo faltar á mobilización dos labregos na mañá de onte mércores. As agresións da banda armada española deron con dous labregos feridos, un deles ao hospital. Abondan máis comentarios, unha vez máis as forzas de ocupación facendo valer a súa lei e a súa xustiza. Aínda así, a loita labrega non recuou: cortaron a estrada, accederon a un supermercado e baleiraron boa parte do leite que levaba un camión dunha empresa explotadora.

Ler máis »

13/07/2009 GMT -1

SEMANA BRANCA: ADIANTE A LOITA LABREGA!!

augasceives @ 19:05

A situación así o require. Que o litro de leite se venda 10 céntimos por debaixo do seu custe de produción non só non deixa marxe de supervivencia, tampouco deixa marxe de acción: hai que loitar. A mobilización labrega ten un nome: tractoradas. Para esta semana prepararon cinco días de mobilizacións e accións reivindicativas que fagan visíbel a súa loita, para concienciar á sociedade de que este é un problema de País por verse ameazado un dos principais sectores produtivos de Galiza. Esta é a Semana Branca.

 

A unidade sindical, e o que é máis importante, a unidade gandeira, van tomar esta semana as rúas de Lugo e Compostela con concentracións, manifestacións, tractoradas e máis accións. A demagoxia dos inimigos da resistencia, dos mantedores do establecido adoitan empregar o argumento das molestias que padece a cidadanía. Pero son precisas. É preciso que toda a sociedade saiba e coñeza de primeira man a situación.

Na capital de Galiza hoxe comezaron a chegar cara o mercado de gando de Amio, onde os tractores fican concentrados dende primeira hora da mañá. Mañá martes está prevista a primeira tractorada, a partires das dez e media da mañá e polas rúas do centro compostelán. Xa o mércores, serán dúas das máis grandes superficies comercias as que verán como os gandeiros levan alí as súas reivindicacións. O xoves terá lugar a manifestación a pé até San Caetano, e o venres as organizacións convocantes realizarán actos informativos na Praza Roxa para trasladar a situación aos cidadáns que se acheguen.

En Lugo o calendario é semellante. Os tractores comezaron a chegar antes do mediodía e pola tarde tivo lugar a primeira tractorada pola beira da Muralla. Mañá martes, os gandeiros irán ás superficies comerciais para facer denuncia pública da situación actual en canto aos prezos de venda e o desfase con respecto aos custes de produción. O mércores será día de tractoradas outra vez e o xoves terá lugar a manifestación a pé até a Subdelegación do Goberno Español na cidade. O venres será o día no que os gandeiros retornen aos seus lugares de orixe.

Dende AugasCeives reiteramos o noso máis enérxico apoio a todas cantas accións leven a cabo os gandeiros, como piares que son da economía do País. Sumámonos de novo á tractorada virtual na rede galega promovida pola RA!

Ler máis »

09/07/2009 GMT -1

E AGORA DISPARA DELFÍN!

augasceives @ 09:41

O subdelegado do Goberno en Pontevedra falou onte. Ao igual que cada vez que o fai, o noxento cheiro a fascismo que acubilla este imperialista organismo espállase polo aire impedindo respirar o aire fresco da súa democracia, que é a que lles permite actuar como actúan. Delfín Fernández, en ton ameazante, asegurou que a partires da semana que vén os traballadores do metal que mantiveron a folga durante as pasadas semanas comezarán a recibir sancións …incluíndo carácter penal moitas delas.

 

A súa liberdade, a que as pelotas de goma lles outorgan, permítenlles actuar como actuaron durante o conflito do metal nas rúas de Vigo. Non é preciso lembrar a violencia coa que actuaron, a senrazón das súas accións, o caos que sementaron e os disturbios que crearon sentíndose a gusto neles. Os antidisturbios son os agresores, hai que dicilo ben alto!! Eles son os violentos!!

Pero a súa democracia non contempla sancións para eles, a súa democracia non sabe de cando os danos materiais os producen as pelotas de goma, de cando as cargas policiais esquecen obxectivos e atacan a folguistas e non folguistas, a viandantes e todo o que se cruce no seu camiño. Porque ao parecer, iso enmárcase dentro do que para Delfín Fernández foi unha misión cumprida “de xeito moi satisfactorio”.

A violenta represión contra o movemento obreiro non consiste só na agresión física impune. A cara B da estratexia oficial consta de sancións económicas, xuízos e condenas. Por defenderse, por resistir, por loitar por unhas condicións de traballo dignas. Os androides adestrados para facer cumprir a lei están exentos de actuar dentro dela e os fascistas que ocupan despachos oficiais permítenllelo e encírranos. Senten xenreira contra a clase traballadora e contra o quen non se acomoda ás súas esixencias.

Se seguen disparando non pode haber paz.

Sen xustiza non hai paz!!

Ler máis »

07/07/2009 GMT -1

O METAL VOLVE AO TRABALLO CO CONFLITO AÍNDA VIVO

augasceives @ 18:07

Logo de 23 días de folga, os traballadores do sector do metal da provincia de Pontevedra volveron hoxe ao traballo. Pero o conflito máis longo e duro de cantos se teñen producido este ano non rematou. Que os obreiros volveran aos seus postos de traballo non quere dicir, nin moito menos, que se renden e saen derrotados, que aceptan e ceden. Non. A responsabilidade desta decisión procede dos dirixentes sindicais, que racharon a unidade sindical e decidiron desconvocar a folga tomando así tamén un respiro os traballadores, que economicamente estaban a soportar os custes desta longa xeira de folga.

 

Dende o comezo da folga, a CIG amosouse como a máis firme das tres principais centrais e encabezou sempre as accións dos traballadores. Malia que semellaba que a unidade era un punto en favor dos traballadores, axiña se percibiu que os dous sindicatos oficiais non estaban dispostos a conceder o beneficio do mérito á central galega. Conforme ían avanzando os días e as imaxes dos disturbios en Vigo aumentaban a intensidade, as dúbidas e os matices comezaron a facerse patentes. A mediación da Xunta, que ‘institucionalizaba’ a proposta patronal amedrentou primeiro a UXT e despois a CCOO, que titubeou á hora de posicionarse. Con determinación e co apoio dos traballadores, a CIG foi máis alá e non só rexeitou de inmediato a proposta senón que convocou a histórica marcha dos traballadores do metal a pé até Compostela. Pero a pasada fin de semana, UXT anunciaba que decidira desconvocar a folga indefinida na que se mantiña o sector; a CIG, consciente de que seguir en solitario era pouco menos ca inútil dixo que deixaba a decisión final nas mans de CCOO, que se pronunciou o luns apoiando (como non!) a postura de UXT. Isto é, a volta ao traballo e conflito en suspenso.

Ben é certo que a duración do conflito estaba a repercutir no aguante dos traballadores, mais non menos certo é que boa parte deles optaba por seguir. Así as cousas, a sensación de que na parte sindical as cousas ‘non se fixeron ben’ está xa instalada en moitos traballadores. Está en dúbida se foi merecente de ser percorrido o longo e duro camiño que os levou a esta situación, e tampouco está moi claro cal será o devir dos acontecementos e en que termos se asinará o convenio final.

A desconvocatoria de folga supón un ‘balón de osíxeno’ para a parte empresarial. Véndose fortes e case como gañadores, o empresariado (coa Xunta escoltando) atrévese xa a anunciar que retomarán as negociacións propoñendo as condicións iniciais: convenio cunha duración de tres anos e unhas subas salariais mínimas que moito se asemellan á propia conxelación. Contando co apoio incondicional da Administración, co favor dos medios e coa submisión de CCOO e UXT, a patronal sitúase en franca vantaxe para perpetrar o golpe de graza da man do sindicalismo oficial, que axiña asinará aquilo que lles presenten…

Ler máis »

04/07/2009 GMT -1

PREMIOS NACIONAIS DA CULTURA, OUTRA VÍTIMA MÁIS

augasceives @ 16:24

A nova Xunta segue coa estratexia de acoso e derribo de todo canto timidamente erguera o anterior Goberno. Alén de medidas de menor repercusión, e sen referirnos por unha vez aos ataques lingüísticos, a decisión de suprimir a gratuidade dos libros de texto estaba até agora no cumio dos retrocesos. Pero non tardou o Conselleiro de Cultura en saír para optar a ese recoñecemento: decide suprimir os Premios Nacionais da Cultura. Seica, di, supoñen un gasto moi elevado para os orzamentos da Xunta…

 

Os galardóns, creados pola anterior Consellaría de Cultura e que se entregaron unha soa vez (o ano pasado), estaban dotados con 15.000 euros e constaban de 10 categorías. A estas alturas, a convocatoria dos premios acumulaba xa un notábel retraso de tres meses que facía presaxiar o desenlace anunciado… Algúns dos premiados o pasado ano foran Margarita Ledo Andión, Francisco Leiro, Mercedes Peón, Manuel Lourenzo, as reformas urbanas da cidade de Pontevedra, Xosé Luís Méndez Ferrín ou o Museo do Pobo Galego, entre outros.

Non é, por suposto, o motivo económico o que está detrás desta nova liquidación da infamia antigalega do Partido Popular. É o que supoñían eses galardóns, comezando polo seu propio nome, ‘nacionais’ como referencia a Galiza. Infravaloran a creación galega e en galego, propio dos máis ignorantes e acomplexados. Consideran elevado o gasto en promoción cultural, porque detestan a cultura. Mais sen inmutarse chámanlle “cultura” á máis noxenta representación pública e subvencionada do maltrato animal, as touradas. O seu concepto de “cultura” está ben lonxe do que é a creación cultura neste país, a chamada cultura de base, o traballo desinteresado e lonxe do oficialismo que diariamente se desenvolve polo país… O seu concepto de ‘cultura’ é o folclorismo rancio e que nos ata aos tópicos que limitan o potencial creativo en cada eido: música, pintura, escultura, literatura, audiovisual…

A súa cruzada non fixo máis ca comezar, e non han parar até esnaquizar todo o que poidan. Mais o seu principal obxectivo non han poder conseguilo, porque en fronte teñen á sociedade civil en pé disposta a defender ‘o seu’, custe o que custe.

Ler máis »

03/07/2009 GMT -1

QUE ESCOLLAN COCHE QUE XA PAGAMOS NÓS

augasceives @ 17:34

Acoso á lingua galega, indiferenza diante da extrema crise do sector lácteo, apoio á patronal no conflito do metal, apoio á grande multinacional que pretende violar a Rede Natura para instalarse en Touriñán, máis neoliberalismo, máis políticas ultraconservadoras, máis frivolidades… Así se poderían resumir a grandes trazos os tres primeiros meses de goberno do PP, aínda que ‘formalmente’ non leven aínda ese tempo exercendo. A incapacidade dun equipo escaso de intelixencia e carente de dignidade fai que a acción do goberno se centre en cortinas de fume para desviar o verdadeiro debate. Cun Presidente empeñando en erixirse como novo líder da dereita española, as terminais mediáticas afíns pensan agora en como disfrazar o trapallada da venda dos coches oficiais que eles mesmos mercaron.

Coa demagoxia inserida na bandeira, anuncian agora a venda dos ‘Audis’. A sombra manipuladora e a súa miserenta desvergoña parecen querer facernos esquecer quen mercou a maior parte dos coches que integran o insultante parque móbil da Xunta. Porque as cifras que airean e as ostentosas imaxes que utilizan son unha provocación para os traballadores e traballadoras dun país que está a padecer unha situación económica que non provocaron e que aos seus dirixentes lles é allea. Que o debate principal da campaña fóra a marca do coche oficial do Presidente da Xunta dá unha idea do nivel político dos que nos din representar. Que agora no goberno se retome este tema para presumir dunha falsa austeridade é un insulto á cidadanía.

O problema dos galegos e galegas non é se o Presidente da Xunta leva unha ou outra marca de coche, senón o custe dese coche que todos e todas temos que manter. Pouco importa se a empresa é francesa ou alemá cando a fin última é a da máxima comodidade duns individuos cuxos soldos poden mercar os luxosos  vehículos. O soldo medio dunha poboación que rexistra os indicadores de nivel social e económico máis baixos de Europa está moi lonxe dos gastos ‘protocolarios’ e demais agravios dos seus gobernantes. A prepotencia e a demagoxia agóchase detrás de cada acción deste infame goberno, e tamén neste caso.

Ler máis »

02/07/2009 GMT -1

O METAL RESISTE, O METAL VENCERÁ!!

augasceives @ 15:36

Xa é o conflito máis duro de cantos lembra o sector do metal pontevedrés. Iguálase o número de xornadas en folga e deixáronse atrás (polo de agora) imaxes de caos, disturbios e violencia sementada polas forzas violentas do Estado ao servizo da patronal. Esta foi a semana da marcha a pé até Compostela, foi a semana na que o metal se botou ao camiño e axitou as conciencias da cidadanía que os veu pasar dende Pontevedra á Capital galega por Barro, Caldas de Reis, Valga, Padrón…

Foi realmente emocionante ver como a sociedade amosaba o apoio a unha loita que excede xa os límites que o poder lle tiña establecidos. Partiron máis de dúas mil persoas, dous mil traballadores, dende Pontevedra a mañá do luns e chegaron o mediodía do martes máis do dobre a Compostela nunha marcha histórica. Presentáronse diante das oficinas da Xunta para esixir solución e unhas condicións dignas de traballo, contra o rexeitamento e o desprezo da clase política dirixente que non dubida en pórse á beira do empresariado. Tamén contra as terminais mediáticas que están a xogar un papel importante intoxicando e mentido deliberadamente para tratar de construír unha opinión desfavorábel ás demandas dos traballadores, tirando ao ar a consigna de que “esixen demasiado”, de que “non é o momento…” E por suposto, sempre presentes (á súa maneira), os violentos armados dispostos a disparar unha vez máis contra os traballadores, contra a clase traballadora e contra as súas esixencias e os seus dereitos.

Esta é a loita dos traballadores, que coa súa determinación converten o seu conflito nun exemplo de loita para os demais sectores. Fan da resistencia unha bandeira que levan canda eles, están afeitos a aguantar e vano seguir facendo. Esta forza organízase en torno á representación sindical, e a CIG é a que está a encabezar todas as accións. Mentres CCOO e UXT dubidan, a organización galega eríxese como principal responsábel de que o metal siga en loita e será merecente dos recoñecementos precisos cando se acade o obxectivo. Os sindicatos españois déixanse levar e saben que non poden desmarcarse agora, aínda que cada semana demostran reticencias e matizan os obxectivos. Pola súa banda, a pequena representación da CUT, dende a súa posición, leva meses chamando á folga xeral. As últimas novidades falan da decisión da CIG de continuar coa folga indefinida, da postura de UXT de “suspendela temporalmente” e da indefinición de CCOO que pide “unidade”.

Velaquí o vídeo preparado pola CIG no que se recolle a marcha e a chegada a Compostela. Unha acción convocada pola central nacionalista e que contou unha vez máis coas dúbidas dos dirixentes de CCOO (que a apoiaron, aínda que sen demasiada convicción ao principio) e de UXT (que deron a consigna de unirse cando a marcha chegara a Compostela, pero sen camiñar os 60 quilómetros). Unhas dúbidas, as dos dirixentes sindicais que non están presentes na masa obreira.

" target="_blank">O METAL NO CAMIÑO

Ler máis »

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis