Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

Arquivo: Agosto 2009

27/08/2009 GMT -1

DOUS MILLÓNS E MEDIO DE EUROS PARA MERCAR XORNAIS

augasceives @ 18:58

Tamén en pleno mes de agosto, o goberno do PP deu a coñecer as primeiras subvencións públicas que outorgou aos medios de comunicación dende que ocupa a Xunta. Arredor disto escribe Sabela Ferreirós no seguinte artigo.

 

Hai dúas semanas coñecíase a primeira entrega de subvencións públicas do Goberno de Feijóo aos medios de comunicacións. Repartíanse dous millóns e medio de euros en función de criterios como difusión, exemplares, emprego regular da lingua galega e informacións encamiñadas á difusión e normalización do idioma.

A listaxe de beneficiarios encabézaa un desprezábel xornal editado en Arteixo que non só non cumpre os criterios referentes á lingua, senón que é un firme defensor das políticas antigalegas e de exterminio do noso idioma e da nosa cultura. Apañou case un millón de euros. Outro panfleto propagandístico antigalego, este de Vigo, recibiu case catrocentos mil euros. A listaxe complétana outros medios mesmo de fóra que se lucran cos nosos fondos públicos, pero que en ningún caso son merecentes de recibir nin un só euro polo emprego e/ou promoción do noso idioma. Efectivamente, todo isto é indignante.

Poderiamos falar de que Feijóo paga favores e cumpre cos que lle deron apoio e cobertura ás mentiras que lle permitiron chegar á Xunta. Podemos pensar o fai para manter ao seu carón aos que deberán facerlle de altofalantes á hora de espallar as súas políticas. Podemos interpretar que achanza o terreo sobre no que se han explicar as súas medidas máis impopulares. Podemos crer que comeza a escribir as xustificacións das súas decisións máis destrutivas…

Mais debemos lembrar que o anterior goberno fixo exactamente o mesmo alá por novembro de hai dous anos!! Xa daquela era incomprensíbel, mais agora, coa perspectiva do tempo, o cualificativo que merecería o Bipartito á vista de como o sector mediático o tratou non é nada elegante. Quizais… parvos?

Ler máis »

CUESTIÓN DE PRIORIDADES

augasceives @ 18:25

Os valedores deste afogado sistema tentan por todos os medios reanimalo e impedir que morra. Posto que dispoñen dos recursos públicos que precisamente o “sistema” permitiu que estiveran nas súas mans, non dubidan en empregalos para perpetuar este xogo. O capitalismo non se entendería sen unha das súas pezas básicas, como é o consumismo; son dous conceptos complementarios e que se retroalimentan. Para salvar o capitalismo urxe, nas receitas dos neoliberais, reactivar o consumismo. Así, aplicando o conto, a Xunta anunciou onte a inxección de dous millóns de euros máis en axudas á compra de coches. Doutra banda, o sector lácteo segue ver como as portas da extinción definitiva se abren cada día máis.

 

Efectivamente, estas axudas están a dar resultado ao rexistrarse un aumento nas matriculacións de coches moi notábel. Incluso as cifras dos meses de xuño e xullo superan ás do ano pasado, cando aínda non se manifestara mediaticamente a “crise económica”. O impacto das dificultades económicas polo tanto diminúe para as multinacionais do automóbil, que vén como venden o seu produto grazas en parte a axudas públicas. Mais en Galiza hai un claro protagonista. Se falamos do sector do automóbil é obrigado referirse á factoría francesa asentada en Vigo, que pasa por ser a maior empresa do País e a máis rendíbel de cantas posúe o grupo en todo o mundo.

Non hai que atar moitos cabos para decatarse da sospeitosa relación entre este goberno e a Citroën de Vigo, lembremos a lea dos coches oficiais e as preferencias de Feijóo neste senso. Mentres isto acontece, os traballadores e traballadoras seguen a pagar as consecuencias e sen notar ningún efecto positivo. Auxiliares da factoría viguesa que dependen directamente da produción desta manteñen conflitos laborais. Unha das dúas fábricas de Trèves en Pontevedra está camiño do peche, por medio dun ERE detrás do cal se atopa a manobra da deslocalización. Anunciado xa o comezo das mobilizacións cunha folga o vindeiro 1 de setembro. Caso máis contundente é o doutra auxiliar, Correa Montajes e Suministros SL, que durante as vacacións do verán pechou (sen previo aviso) deixando na rúa a máis de vinte traballadores que xa saben que a empresa non está disposta a pagar as correspondentes indemnizacións polos despedimentos xa que “non ten cartos”. Entre o persoal existe a sospeita de que o empresario abriu a mesma factoría no norte de Portugal.

Para quen non semella haber axudar e quen non vai ver como un ERE os deixa na rúa son os gandeiros e gandeiras galegas, donos de explotacións nas que xa é imposíbel vivir do propio traballo. Os custes de produción seguen a ser superiores ao prezo que as industrias do leite lles pagan e o suposto acordo asinado hai poucas semanas é simple papel mollado co que non mudou absolutamente nada. Algo terán que dicir UUAA e XXAA, que asinaron aquel documento en Madrid. Pola súa parte, o SLG (que xa dende un primeiro momento se opuxo a esta farsa) anunciou xa mobilizacións para o comezo do mes de setembro.

Posto que o único camiño semella ser a loita e as mobilizacións, aos gandeiros non lles queda outra que volver facelo e sacar toda a súa forza unha vez máis á rúa. Posto que o agrario é un sector básico na nosa economía, a nós non nos queda outra máis ca seguir apoiándoos.

Ler máis »

25/08/2009 GMT -1

APLICACIÓN COTIÁ DA 'UNIDADE DE ESPAÑA'

augasceives @ 16:27

Apoiámonos neste completo artigo de Alberte Outeiro para falar sobre dous datos que se coñeceron hoxe e que evidencian o posto que segue a manter Galiza nos indicadores sociais no marco do Estado Español, desta volta nos referidos a salarios e pensións. Serve tamén para reflexionar brevemente sobre o concepto de democracia que manexa o nacionalismo español con respecto, por exemplo, ao debate arredor do Estatut de Catalunya.

  

Cando de soster unha mentira inconsistente tecida ao longo dos séculos depende un proxecto político, adóitanse empregar argumentos tamén difíciles de manter. Tal é o caso do nacionalismo español, excluínte e intolerante, que centra o seu discurso na suposta “unidade de España” rexeitando todo o que atente contra esta idea. Este concepto (o da suposta unidade) viuse agredido nos últimos tempos segundo eles mesmos pola acción dos partidos nacionalistas e máis polos indesexábeis que, españois como seica somos, non comulgamos coas teses deseñadas, predicadas e espalladas dende Madrid. Unha simples palabra, nación, ten provocado curiosos e disparatados debates tan só por tentar que se lle aplicara a aqueles territorios que reúnen as características esixidas para seren denominados así. Sendo eles mesmos conscientes dos elementos específicos (cultura, lingua, tradicións, costumes…) que se dan, por exemplo en Galiza, para afirmar o carácter nacional desta Terra néganse a recoñecelo por escrito.

Estas disputas, que o propio nacionalismo español sinala como “nominais” e “superficiais”, van moito máis alá pois no fondo estamos a falar de identidade. De non ser así, de falarmos tan só de palabras, que problema terían en aceptalas sen máis? Ben saben que o recoñecemento oficial do termo nación aplicado a Galiza, Catalunya ou Euskadi suporía un duro golpe ás súas teses e o devalar da xa feble concepción nacional da tan heteroxénea España. Andan ás voltas estes días co asunto alá por Catalunya, onde seica agardan o ditame do Tribunal Constitucional (en Madrid e de Madrid) sobre o recurso que o PP (principal garante do nacionalismo español) presentara contra o novo Estatut. Cómpre lembrar brevemente, chegados a este punto, a historia da reforma estatutaria catalá: aprobación no Parlament, aprobación no Congreso dos Deputados (previo recorte e desfiguración do texto inicial) e aprobación en referendo polo pobo catalán. O non respectar estes tres feitos deixa entrever un discutíbel aceptación da “democracia” por parte do PP posto que, se falamos dun documento acordado polos seica representantes do pobo catalán, aceptado polos seica representantes do “pobo español” e finalmente referendado polo propio pobo catalán, quen máis ten potestade para decidir sobre o que o pobo acordou? Lembremos: demo (pobo) + cracia (poder).

De volta ao rego polo que andabamos, e agardando a sentenza definitiva encol do Estatut de Catalunya, referiámonos ao concepto de “unidade de España” como innegociábel piar dun nacionalismo ficticio asentado sobre unha nación ficticia. Alén de cuestións identitarias, nominativas para algúns, esta idea “unitaria” debería verse aplicada no cotiá para facernos cando menos dubidar aos que non acreditamos en tal disparate. Vexamos só un exemplo de tantos outros que poderiamos pór. Hoxe coñecéronse uns datos revelados polo Ministerio español de Trabajo e á par outros dun estudo realizado por técnicos do Ministerio español de Hacienda. O primeiro indica que Galiza é o territorio do Estado no que se percibe a pensión media máis baixa (631 euros), case 124 euros por debaixo do que chaman “media nacional”. Euskadi supera os 940 euros e a C. A. de Madrid achégase aos 900. A pregunta é evidente: por que existen estas diferenzas? Porque non se fala agora de que se racha coa “solidaridad entre españoles”?

Do segundo dos estudos, o do Ministerio de Hacienda, sacamos que o 69% dos traballadores e traballadoras galegas é “mileurista”. Este é outro concepto que cómpre matizar, pois chámaselle “mileurista” a aquel salario comprendido entre 900 en 1100 euros. Se destriparamos ese 69% atopariamos que o groso desa porcentaxe se achega máis á marxe inferior (a dos 900) que á superior (1100 euros é un soldo utópico para boa parte dese 69%); e máis aínda, se a franxa a fixaramos por debaixo deses 900 euros, a porcentaxe había seguir sendo ben elevada. Conclusión: canto cobran os que superan a media para deixala neses valores tendo en conta a explotación salarial tan habitual en Galiza? Un último apuntamento: en termos absolutos Madrid é a C. A. na que os salarios anuais brutos son máis elevados, seguida de Catalunya.

Se a estes exemplos cotiás, que cando se publican non acaparan a atención dos medios de comunicación nin as paroladas dos opinadores a soldo, lle engadiramos outros como as cifras de investimento do Estado nos distintos territorios ao longo dos tempos ou por exemplo as verdadeiras balanzas fiscais (que xa debullara Bóveda) a algúns seríalles moi complicado explicar iso da “unidade de España”. Pero élles máis proveitoso seguir mantendo o seu discurso na ameaza que seica supoñen as linguas, a diversidade cultural ou as festas en cuxas casetas hai uns ou outros retratos. Moitas máis son as razóns que se poden achegar para pór en dúbida o cacarexar do nacionalismo español no tocante a estas e outras cuestións, falamos dunha pseudo-ideoloxía fundamentada na non existencia da nación española como tal para manter un artificial nacionalismo irracional baseado na imposición de conceptos inexistentes: nación española, unidad de España, igualdad ante la ley (incompatíbel co concepto Monarquía), democracia (véxase o segundo destes parágrafos), justicia (xustiza?), etc.

Ler máis »

24/08/2009 GMT -1

O SETEMBRO QUE VÉN

augasceives @ 17:36

A piques xa de rematar un verán que non foi tal, achégase un setembro que se presenta como mes no que retomar algúns conflitos vivos pero en pausa neste mes de agosto. Non hai dúbida de que está a ser este un dos anos máis axitados no que a mobilizacións se refire, ben pola crise capitalista que bate nos lombos das clases traballadores ben pola volta á Xunta dun PP máis agresivo ca nunca. Todos os conflitos laborais que quedan por resolver, as mobilizacións anunciadas en defensa da nosa lingua e como resposta ás continuas medidas contra ela que vén tomando este Goberno, a volta ás rúas dun sector lácteo enganado e desprezado. Semella que nos agarda un outono quente…

Todos os indicadores apuntan a que coa fin da tempada de verán, os datos de paro e a situación laboral pode volver a ser dura. Nada fai prever polo momento que o Estado Español se agarre ao lento comezo dunha recuperación que se albisca feble nas grandes potencias económicas europeas. As consecuencias características dunha crise coma esta, da que xa temos falado dabondo, volverán a manifestarse en forma de prexuízo cara os traballadores e traballadoras. Un dos conflitos laborais que ocupou máis atención no que vai de ano é sen dúbida a negociación do convenio do metal na provincia de Pontevedra. Nada quedou pechado e a loita obreira tan só serviu para demostrar unha vez máis a devastadora forza da unidade proletaria, alén de para asentar de novo posicións entre as organizacións sindicais. En setembro retomaranse as conversas que de necesidade teñen que dar como froito o convenio do ano que vén baixo o que se atopan 27.000 traballadores. Habemos ver se os sindicatos manteñen as súas posicións e se a patronal decide seguir manténdose nas súa inaceptábel prepotencia.

Veremos tamén se o comezo do curso escolar é motivo de repostas na rúa ás continuas agresións que este infame goberno está a propinar día si e día tamén á nosa lingua. Logo da multitudinaria e contundente manifestación do 17 de maio, algunha das principais organizacións de defensa do idioma apuntaban cara o comezo do curso escolar o momento de máis mobilizacións. O verán pariu máis colectivos e manifestos cuxa influencia de momento no pasou da presenza en Internet, pero que amosa a sensibilidade social cun asunto de extrema importancia como a nosa identidade. A famosa enquisa (e todo o que a rodeou), a supresión das Galescolas e outras medidas que foron devastando a feble trama da normalización lingüística institucional sementaron a indignación.

Por último, quen tamén espertou entre nós xenreira e admiración ao mesmo tempo foi a situación do sector lácteo e a loita gandeira. O desprezo oficial cara un sector punteiro na nosa economía atinxiu puntos insostíbeis e tornou en crítica a situación, o que fixo que a dignidade gandeira se botara ás rúas en forma de tractoradas. De novo a forza e a capacidade para colapsar cidades enteiras e pór en cuestión a orde urbana, sementando o caos, propiciou que se forzara a sinatura dun acordo que puxera fin ás mobilizacións. Tal acordo foi asinado en Madrid e dende o primeiro momento fedía a engano, a parche ocasional para rebaixar a tensión. O SLG non asinou tal documento, mais as organizacións agrarias de PSOE (Unións Agrarias) e PP (Xóvenes Agricultores) si aceptaron. Pasado o primeiro mes, a situación non mudou ren e o engano confírmase. O ruxe-ruxe da volta ás rúas comeza a escoitarse xa, presentándose como necesario por dobre motivo: pola crítica situación en si mesma e polo engano das industrias que seguen a pagar o leite a prezos miserentos.

Ler máis »

22/08/2009 GMT -1

INTERESA REALMENTE A FIN DO TERRORISMO?

augasceives @ 11:16

Análise de Alberte Outeiro sobre a situación que o Estado Español creou nos últimos días en Euskadi, con motivo das festas de Bilbao e á procupara de imaxes e titulares que avalen a súa política represiva.

  

Alguén dixo unha vez que Euskadi era o laboratorio de probas do Estado Español. É doado concordar con esta afirmación á vista dos últimos acontecementos que por aquelas terras acontecen, malia que sexa ben complicado seguir a realidade sen deixarse trastornar polas intoxicacións do aparello mediático. O inimigo culpábel de todos cantos males poidan afectar á humanidade é a esquerda abertzale, colectivo de seres indesexábeis que lle roen as orellas aos nenos que non dormen de noite. Velaí a mensaxe. Xa que logo, coa escusa montada, que reparos vai haber en aplicar impunemente a democrática irracionalidade contra eles e elas?

A Lei de Partidos dálles vía libre ás forzas represivas é ao sistema xudicial español para deseñar unha democracia ao seu gusto que lles permite crer que están a mudar aquel inferno cheo de xente con cornos e rabo que chaman País Vasco. Cando xa semellaba que non ía ser doado superar o anterior atropelo, sempre teñen capacidade para sorprendernos. Ilegalizacións, prendementos a eito… e o xuntoiro españolista como provocación en prol duns intereses políticos que esquecen calquera outro tipo de política social ou doutra caste. PP-PSOE chegaron a Euskadi co único obxectivo de facer publicidade, de desacreditar ao anterior goberno e de gobernar para o exterior, isto é, para amosarse á opinión pública española como garantes da liberdade en Euskadi e da loita contra o terrorismo.

En base a isto, as imaxes impresionantes e os grandes titulares sacian a sede de espectáculo dos xuntaletras e falabaratos que viven de enzoufar xornais e ladrar en radios e televisións. É preciso redobrar a aposta represiva e abafante ao pobo que inxenuo cre que pode manifestarse e expresarse libremente. A Ertzaintza serve como instrumento fornecedor de imaxes contundentes para seren presentadas en Madrid e difundidas ao resto do Reino. Non se decatan que están entrando nun pozo sen fondo que o que fai é engordar o seu propio desprestixio, multiplicar a xenreira contra eles e evidenciar a inutilidade dos seus métodos. Non se decatan que endexamais ilegalizarán a capacidade de pensamento, loita e resposta dun pobo convencido.

A Aste Nagusia, Semana Grande de Bilbo, caracterízase por seren unhas festas populares, autoorganizadas en boa medida, participativas e nas que o espazo de libre expresión viña estando garantido. Unhas festas, en definitiva, do pobo e para o pobo na que o que se vía era aboiar unha realidade presente e sen máscaras e un sentimento real que endexamais gustou ao oficialismo que agora okupa o poder. A demostración de forza, violencia e represión agudízase nesta primeira edición baixo mandato da fronte españolista PP-PSOE. O encargado de asumir a responsabilidade das accións da Ertzaintza é o Conselleiro de Interior do Goberno Vasco, o galego Rodolfo Ares.

Comezaron xa de xeito anormal as festas deste ano. Poucos días antes, a txupinera elixida este ano, que sempre é unha integrante dalgunha das comparsas das festas, recibía ameazas de morte ao serlle remitida unha carta cunha bala dentro. Moi ao xeito da extorsión que “os demócratas” cualifican como terrorista. A reacción popular manifestouse en forma de marcha case espontánea como repulsa a esta acción. “Casualmente” a chispiña que se precisaba para acender a mecha saltou e o executivo de López-Basagoiti-Ares atopou a oportunidade perfecta para encirrar á Ertzaintza e darlle vía libre para espallarse polas festas. A prohibición de dúas manifestacións debidamente convocadas non fixo máis ca crispar os ánimos e as imaxes de disturbios, carreiras e enfrontamentos nas rúas non tardaron moito en aparecer. Xusto a imaxe que tanto os Gobernos de Madrid e Gasteiz precisaban e desexaban. A seguir, en actitude provocadora os axentes da lei paseáronse polas casetas das comparsas arrancando carteis e demais material que seica “enaltecían o terrorismo”.

Non é difícil imaxinar que a tolemia colectiva na que esta política está sumindo ao pobo vasco poida ser caldo de cultivo para que a indignación e a desesperación medre. É doado acubillar dúbidas de cales son os verdadeiros intereses do Estado Español, de que procura con estes xeitos de actuar, con tanta violencia e tanta represión. Realmente desexa o Estado Español a fin do terrorismo, a fin da acción armada de ETA, ou precísaa para seguir xustificándose? Ben sabe que ese non é o camiño.

Velaquí a ligazón ás imaxes da actuación da Ertzaintza no portal Kaos.

Ler máis »

20/08/2009 GMT -1

O PP PON GALIÑAS ONDE HABÍA GALESCOLAS

augasceives @ 15:02

Esta mesma semana a Xunta confirmaba un novo golpe. Ao contrario ca o Bipartito, Feijóo non ten reparo ningún en derrubar aquilo que non se adapta ao concepto de País que el cre que pode deseñar. En pleno mes de agosto, igual ca o resto de decisións esmagadoras que este PP leva tomando, presentan “A Galiña Azul”. Este disparate imaxinativo vai ser o novo nome da rede de escolas infantís que o anterior goberno parira como Galescolas. A mudanza só de todo o relacionado coa nova imaxe vaille custar ao “Goberno da austeridade” 22000 euros.

 

Unha das medidas máis positivas que o anterior goberno tomara fora a creación dunha rede de escolas infantís nas que un dos principais piares fora o ensino do idioma, da nosa cultura. Unha educación galega e en galego, orgullosa da nosa identidade, dende as idades máis novas.

A resposta da oposición e da súa cobertura mediática chegou rabiosa e foi devastadora. Unha campaña esmagadora deseñada e dirixida dende Madrid para desprestixiar a iniciativa en plena ofensiva españolista como estratexia electoral da ultradereita. O principal argumento foi o do adoutrinamento ideolóxico que dicían que habían padecer os cativos e cativas. Tal foi a cantidade de surrealismo que enchoupou as razóns que se chegaron a ouvir que deu até para recreacións cómicas.

Agora, e a apoiándose insistentemente nas súas propias falacias, o Goberno de Feijóo chega para liberar aos cativos da abafante imposición da nosa lingua. Debemos agradecerlle ao PP os novos refachos de liberdade da que habemos poder gozar. Arrepiáballe ao PP, garante do galeguismo amábel, que a imaxe corporativa das Galescolas contivera unha bandeira galega. Tremían cada vez que pensaban que os nenos e nenas habían escoitar a lingua galega aos poucos meses de vida. A Galiña Azul ha ser agora o centro no que prime a liberdade, no que os nenos e nenas han ser educados conforme aos principios éticos e morais do “movemento” que o PP quere instaurar en Galiza. Un “movemento” educativo que devolve o financiamento desorbitado aos centros privados do Opus Dei, que retira a gratuidade dos libros de texto. Un “movemento” que procura o máis axiña posíbel converterse en “movimiento”.

Do resto de consideracións simbólicas poderiamos continuar falando, facendo referencia aos trazos ideolóxicos que poderiamos atopar. Como que a cor sexa "azul", como porque é unha galiña cando podería ter sido unha "gaivota", etc. Mais iso sería contribuír ao disparate ideolóxico e facer unha análise moi superficial dun asunto tan grave como é o desgaleguizar a educación.

Ler máis »

12/08/2009 GMT -1

MONCHO REBOIRAS MÁIS PRESENTE CA NUNCA

augasceives @ 12:39

Lembramos, como cada 12 de agosto, a figura de Moncho Reboiras. Hai 34 anos era asasinado nas rúas de Ferrol pola policía franquista e a súa morte pasou a converterse nun símbolo de represión contra o nacionalismo galego. Do mesmo xeito, é dende aquela un mito referente na loita pola liberación nacional. Alén dos típicos actos políticos en lembranza do militante da UPG, hoxe o Goberno Español (en cumprimento da Lei de Memoria Histórica) fixo recoñecemento público da súa condición de vítima do Franquismo.

 

Foi o último verán, aquel do 75, baixo a o pesado xugo da Ditadura de Franco, que morrería uns meses despois (en novembro). O asasinato do activista galego repercutiu na vontade da esquerda nacionalista de organizarse para enfrontar a nova xeira que se albiscaba á morte do fascista. Mais as cousas non mudaron tanto como era de agardar despois daquel 20 de novembro.

34 anos despois, as forzas policiais da Democracia española seguen a caracterizarse pola violencia nas súas actuacións. Mais isto non é impedimento para manter á vista o obxectivo e seguir polo carreiro que Moncho Reboiras comezara a percorrer. A esquerda independentista que aínda non renunciou aos ideais que el defendía lémbrao hoxe mesturándose coas farsas que o oficialismo prepara, ao tempo que o esquece na práctica diaria.

Ler máis »

08/08/2009 GMT -1

A XUNTA REPÓN O FINANCIAMENTO DO ENSINO INTEGRISTA CATÓLICO E PRIVADO

augasceives @ 14:56

Logo de que a anterior Consellaría de Educación retirara os concertos públicos a centros de ensino privados que teñen como característica a segregación por sexos, semellaba que unha pequena bolsa de osíxeno limpo se instalaba naquelas vellas aulas que fedían a franquismo. Era de xustiza que os nosos impostos deixaran de pagar unha educación que fomenta valores impropios destes tempos e desta sociedade, ou dito doutro xeito, que colexios do Opus Dei seguiran sendo sustentados por fondos públicos. Logo da presión popular, encabezada polos principais sindicatos do ensino, a Xunta de Galiza anunciaba a non renovación dos concertos a estes cinco centros. Ao tempo, víase vir que este era un asunto que molestara moito entre as covas conservadoras que tomaron o poder. Agora, o goberno de Feijóo xa anunciou que ese financiamento si será renovado e con cantidades desorbitadas. Tamén, iso si, hai resposta.

 

90’1 millóns de euros neste ano 2009. 259’1 millóns de euros para 2010, 2011 e 2012. 167’1 millóns de euros en 2013. Velaí as escandalosas cifras (máis de 1000 millóns de euros en cinco anos) coas que a ultradereita neofranquista do PP de Feijóo, Porro, Rueda e demais individuos da mesma caste van manter uns centros de ensino privado de moi dubidosos valores do século XXI. A educación dos cativos é un dos eixos básicos da súa montaxe demagóxica que aplican para “xustificar” as agresións á nosa lingua, a suposta liberdade que os pais teñen para ser meros instrumentos na política exterminadora do PP. A tan anunciada aposta polo ensino da lingua inglesa en primeiras idades escolares como bandeira de futuro non casa ben co financiamento da seita que fomenta principios que están na base das principais lacras da nosa sociedade. A educación que esta Xunta quere para o futuro do País pasa por liquidar as Galescolas, liquidar a lingua en xeracións futuras, suprimir a gratituidade dos libros e potenciar o ensino integrista católico e privado.

É sinal de identidade deste infame PP a privatización, e coma tal o ensino privado, así como a sanidade e outros. Polo tanto, sería inútil combater as crenzas de quen agora ostenta o poder. Pero si é de sinalar que estes dirixentes fanáticos están a por os nosos cartos ao servizo dunha educación que fomenta valores machistas, que rexeita a multiculturalidade e polo tanto a abertura cara o diferente. Proxecta persoas de hai medio século, ancoradas nos valores tradicionalistas e desprezabelmente diferenciais, que non outorga a mesma visión dun home ca dunha muller, que renega da igualdade e promociona un concepto de individuo que xa non ten cabida hoxe. O ultracatolicismo afoga as conciencias duns gobernantes que só levan aí catro meses…

Alén das consideracións éticas e morais, a educación diferenciada por sexos contradí a LOE, que vén sendo a normativa vixente en materia educativa e a cal prohibe a discriminación por sexos. A CIG xa anunciou a presentación dun recurso contra a decisión da Xunta de financiar estes centros do Opus. Na mesma liña expresáronse tamén CCOO e o STEG.

Ler máis »

05/08/2009 GMT -1

CENTRALISMO AMEAZANTE

augasceives @ 18:04

Recuperamos as colaboracións de opinión e facémolo cun artigo da compañeira Sabela Ferreirós. O debate xerado arredor do futuro das caixas de aforros de Galiza centra estes días a actualidade económica en Galiza baixo a ameaza do implacábel centralismo, sempre ameazante.

  

En plena crise do sistema capitalista, por non dicir creba evidente, Galiza ve como os números arroxan un saldo de 192.000 parados segundo os últimos datos coñecidos. Aceptaremos para a argumentación esta cifra pero sabemos que é irreal, pois non contan aí os traballadores e traballadoras afectados nestes momentos por EREs, que medran día a día. Nestes primeiros días de agosto, o debate das primeiras nos medios empresariais falan da incerteza arredor do futuro das caixas. O sistema financeiro e bancario é un dos principais responsábeis de todo canto acontece na economía, pois abusaron dos seus resortes sen contemplar os riscos. Non sería coherente defender unha ou outra postura arredor do debate que se está a xerar con respecto ao futuro das entidades bancarias por parte de quen defende un outro modelo económico, que non se basee na liberdade absoluta dos grandes banqueiros e na impunidade que os resgarda. A aposta de quen escribe non é outra que a creación dunha banca pública que sostente a economía produtiva e se afaste das prácticas especuladoras que están detrás dos inxentes beneficios dos que presumen os bancos de hoxe en día.

Mais a posibilidade da que se fala con respecto ao futuro das dúas principais caixas de aforro galegas leva consigo unha manobra de colonialismo económico de tráxicas consecuencias. Sempre estivo presente a posibilidade da fusión entre a Caixanova e Caixa Galicia, o que daría lugar quizais a unha entidade maior, máis eficaz e competente, cando menos sobre o papel. Ben é certo que suporía a destrución de moitos postos de traballo, mais é un factor inseparábel deste tipo de operacións. O debate céntrase agora na idea lanzada dende Madrid de crear unha nova caixa por man do que deron en chamar “fusións interrexionais”, isto é, o agrupamento de caixas de distintos territorios do Estado. A que atinxe a Caixa Galicia sería o casamento cunha CAM (Pais Valenciá) e Caja Madrid, ou o que é o mesmo, que o centralismo económico radicado en Madrid engulira a principal caixa de aforros do noso país.

Xunto á fuxida de sedes, mudanza de nome, perda de toma de decisións e outras consecuencias moi negativas para a economía galega, agóchase detrás unha agresión á xa fraca autonomía financeira desta nosa “Comunidade Autónoma”. A consecuencia meirande desta operación sería a perda do financiamento de numerosas iniciativas actividades culturais. Se ben é certo que a chamada Obra Social das dúas caixas galegas ten hoxe un enfoque moi mellorábel e precisa dun outro criterio, Caixa Galicia e Caixanova son despois da administración pública as máximas inversoras en industria cultural. Insistimos: isto non xustifica nada, máis a perda deses fondos non ten porque ser consentida.

As reaccións políticas son máis ou menos as agardadas. O BNG oponse firmemente e volve reiterar a súa aposta de fusionar para crear “unha gran caixa galega”. A indefinición habitual do PSOE só lle permite oporse, en principio por discurso, pero… E o PP garda silencio. E faino porque sabe que unha operación pensada pola dirección central do seu partido en Madrid, á que non se atreven a levarlle a contraria; pero por outro lado son conscientes de que a operación sería un golpe moi duro á economía galega. Recordan que é a Xunta a que tería o poder de autorizar ou non definitivamente a operación, mais polo momento gardan un preocupante silencio.

O centralismo é insaciábel e sabe como facer dano. Sen dúbida que o mantemento deste sistema non é a solución a esta crise súa crise, mais que se por enriba saímos perdendo un elemento central na nosa magoada economía…

Ler máis »

UN GOBERNO QUE É EXEMPLO DE DESTRUCIÓN

augasceives @ 17:01

Paseniño, mais sen pausa por vacacións nin nada semellante, a determinación esmagadora do PP está a arrasar este País. Axiña tivemos claro que o Goberno de Feijóo había ser unha compañía de demolicións disposta a derrubar todo canto quedara en pé do feito polo anterior goberno, pero estanos a sorprender a súa voracidade. Combinando golpes letais e sonoros con outros máis sutís e case imperceptíbeis, o PP está no camiño de superar a infamia fraguista que tan lastrada deixou esta Nación. Mesmo poderiamos dicir que por derrogar, semella que derrogaran até o Decreto do Verán!! A gris e neboenta escuridade invádeo todo e non hai día no que non teñamos que indignarnos con estes miserentos gobernantes.

 

Nunca nos caracterizamos aquí por defender precisamente o chamado Concurso Eólico, que o anterior goberno aprobou nos últimos días do pasado ano. Pasa por ser unha das “medidas estrela” da lexislatura pasada pois converteuse no maior concurso público de semellantes características que este sector viu nunca en Europa. Case 2300 MW “repartiu” o goberno dunha das maiores potencias eólicas do mundo. Sempre defendemos a nacionalización dos nosos recursos naturais e o aproveitamento en favor do pobo galego, mais a alta política non pode separarse dos intereses do poder económico, que é o verdadeiramente dominante nestes sistema creado por e para eles. A iniciativa ideada polo BNG esixíalle a cada proxecto presentado unha participación mínima do 14% para cederlle á Xunta, ou o que é o mesmo, unha mínima participación pública en cada novo parque que se construíra.

Apoiándose precisamente nesta cuestión, o PP baseou a súa decisión de derrubar o concurso e anular todo o proceso. Falou de inconstitucionalidade para liquidar ese requerimento de participación pública e aproveitou esa suposta vía de auga para fundamentar unha decisión que xa tiña tomada, e á que só lle faltaba un argumento legal. Foi este, que ademais serve para achegarlle grandes titulares ao voceiro propagandístico desta Xunta que non é outro que as enzoufadas follas que se publican en Arteixo.

Lonxe de estarmos en sintonía co procedemento do Bipartito (foi unha das cuestións máis criticadas nesta páxina) vemos unha soa motivación detrás de todo o que move ao PP: eliminar todo vestixio que poida ficar do goberno anterior guiándose polas directrices emitidas dende a caverna madrileña, da que Esperanza Aguirre e a FAES teñen o control absoluto. As teses do PP están moi afastadas da participación pública, e esta non ía ser unha excepción, como xa non o foi a oposición rotunda á creación dun grupo lácteo galego.

O de Feijóo é un goberno sen principios nin valentía e o seu faro non é outro que a destrución de todo canto soe a identidade galega. A cuestión eólica, sendo un asunto económico de primeira orde, non é máis ca un outro paso polo carreiro que emprendeu na súa chegada a San Caetano e no que leva pisado as esperanzas da clase traballadora, do sector lácteo, da defensa medioambiental, as Galescolas, a cultura (música, arte, etc.) e sobre todo, a nosa lingua. Ridiculizacións como “a enquisa” e outras manobras que acompañaron aquelas semanas nas que a comunidade educativa reaccionou, as mensaxes case insultantes, a invención de termos (galeguismo cordial, amábel, etc.), as alusións a persoeiros ilustres da Nosa Historia aos que coas súas accións non respectan, a prostitución de conceptos a favor dos seus intereses… Por último, unha pequena referencia ao desmantelamento cultural silandeiro que están a padecer a televisión (descenso de 3 puntos nos indicadores de audiencia en só tres meses) e a radio públicas de Galiza. Non é unha simples remuda de programación, é o baleirado de contido cultural, creativo, crítico e galego plenamente dito. É a substitución dunha visión nalgúns casos propia e orgullosamente galega por unha visión reducionista da nosa cultura e da nosa música. Por non falar dos informativos…

Ler máis »

03/08/2009 GMT -1

CANDO A DEMOCRACIA NON ARROXA O RESULTADOS DESEXADOS

augasceives @ 19:11

Un dos conflitos laborais máis cruentos que se están a dar en Galiza é o da téxtil Caramelo: 237 dos 447 empregados vense ameazados por un ERE que os/as deixaría na rúa. A empresa, propiedade dun dos empresarios máis ricos do país, Manuel Jove, leva semanas en negociacións co Comité de Empresa para acordar as indemnizacións. A pasada semana os e as traballadoras decidiron en asemblea rexeitar a última e cativa oferta que a Dirección lles fixo. Con todo, unha manobra escura deixa aberta a porta á aceptación da vontade da empresa.

 

Un grupo en representación dos traballadores non afectados polo ERE, co apoio de CCOO (que ten só 5 dos 17 delegados do Comité) e a plena ledicia da empresa, lograron a convocatoria dun outro referendo para o día de hoxe (con votación secreta e en urna). Decidirase de novo sobre a oferta da empresa, ou o que é o mesmo, volverase abrir a porta á aceptación da proposta. A CIG, con ampla maioría entre o persoal, xa rexeitou esta nova votación e cualifícaa como “golpe de estado” pois viólase a vontade libremente expresada en asemblea. Esta “democracia” imperante conta coa opción de non aceptala se os resultados non son do gusto dos que mandan.

Detrás de todo están esas manobras que non se ven, pero que se senten e que se sabe delas, de presión, de coacción, de chantaxes… O argumento de que a consecuencia da non aceptación é o concurso de acredores empregouse como arma de presión. Cómplices de todo os esquirois de sempre, entre os que sinalamos directamente a CCOO. O sindicalismo oficial (CCOO e UGT) está a sacar a máscara en moitos conflitos laborais que esta crise está a provocar. Faltando por coñecer o resultado das votacións de hoxe haberá que ver como remata a situación e se ao final se impón a verdadeira vontade dos traballadores e traballadoras. Con todo, a CIG xa reclamou a intervención da Xunta (que participa nun 7% a empresa), aínda que non sabemos se isto sería unha medida positiva ou negativa. Aquí a central saca a súa liña política ao buscar a implicación do goberno do PP, que ben sabe que non será en favor dos e das traballadoras.

Ler máis »

NIN TOURADAS NIN DESTRUCIÓN DO LITORAL

augasceives @ 18:31

Nun verán que non é tal, o pobo non folga e segue en pé contra as agresións que se pretenden consumar contra a nosa terra. Esta primeira fin de semana de agosto tiveron lugar dúas importantes mobilizacións cargadas de dignidade contra o desprezo capitalista: en Pontevedra contra as touradas e en Cangas contra a construción do ilegal Porto Deportivo. Na cidade do Lérez segue medrando a oposición na rúa á sanguenta tradición allea que queren implantar en Galiza, no Morrazo o pobo reacciona contra os letais plans do poder político e económico e contra a represión dos gardas do ilegal.

En Pontevedra, contra a barbarie “toureira”

Numerosos colectivos apoiaron a manifestación que ás sete da tarde saía da Peregrina contra a expresión máis propia do fascismo españolista. A que eles chaman “fiesta nacional” componse de todos cantos tópicos construíron o prototipo de cidadán do réxime que o franquismo creo. Ao son da gaita en entre consignas e berros contra o infame “espectáculo” máis de medio milleiro de persoas apoiaron a convocatoria. Con todo, a oposición real non se representa na súa totalidade pois son moitos os factores que crean unha imaxe irreal do que é un apoio minúsculo da sociedade galega ás touradas: as chamadas “peñas” en Pontevedra non son máis ca grupos de mozos e mozas co único fin de facer festa, sen interese ningún na barbarie. Pola contra, os pro-touradas adoitan responder ao perfil agresivo e violento (en boa parte dos casos moito ten que ver o asentamento militar de Pontevedra) que non poucas veces dá como resultado liortas nas noites pontevedresas.

A tentativa de implantar unha tradición allea en Galiza responde ao afán da dereita española (PP + PSOE) de autoconvecerse a convencernos do carácter uniforme do que chaman España, a pasividade e complicidade do nacionalismo galego “oficial” facilita moito a tarefa. Mais esta non é unha tradición calquera, alén do identitario constitúe todo un espectáculo inaceptábel de tortura e maltrato animal que de ningún xeito pode ser considerado como cultura. A indignación medra se coñecemos os inxentes fondos públicos cos que se financia (42 euros de cada un dos nosos petos segundo algún informe publicado) este noxento negocio. Como nota positivo, salientamos o notábel incremento de participantes na manifestación de repulsa do pasado sábado, aínda que ao tempo se estiveran producindo 6 das 24 matanzas (logo do previo maltrato) que nestas dúas fins de semana se executarán en Pontevedra. A democracia española tampouco condena esta violencia, promóvea! (picar na imaxe para ver o video de GZVideos)

 

En Cangas, contra a barbarie en Massó


Foron moitas máis das 5000 persoas que os medios de propaganda din as que encheron as rúas de Cangas o pasado sábado para berrar alto e claro contra a construción do Porto Deportivo e a destrución da costa e os postos de traballo. A práctica totalidade dos establecementos comerciais pecharon as súas portas en solidariedade pendurando cartaces de apoio á manifestación. Na cabeceira, ningún político profesional portaba a faixa sorrindo para as fotos. Eran mariñeiros os que avanzaban abrindo o camiño que o resto do pobo presente seguía. Un xesto cargado de simbolismo: é a súa forma de vida, ademais da propia costa a que está ameazada.

A violenta actuación policial e indesexábel trato que recibiron os e as detidas hai poucos días ían tamén nos ánimos dos manifestantes, que non esqueceron que as dezaseis vítimas eran bandeira da dignidade que preside esta loita. Quizais o mellor resumo da inquebrantábel determinación do pobo de Cangas resúmese nas palabras que un dos detidos pronunciou na súa intervención ao remate da mobilización: Que lle quede claro á empresa e ao señor Delfín Fernández que aínda que mande a 500 guardias civiles imos impedir que fagan este porto deportivo”. Os coros púxoos o resto da manifestación: “policía asasina!” e “garda civil, fóra de Massó!” É de agardar que BNG, PSOE e Caixanova tomaran nota da vontade popular, porque téñena en fronte se queren seguir adiante cos seus letais planos.

Hai que dicir que as forzas represoras detiveron a unha persoa no marco da mobilización do pasado sábado, que ficou retida durante 24 horas, segundo informa Ceivar.


Unha vez máis tan só reiterar o máis firme apoio de AugasCeives a estas dúas loitas que non teñen sede en Cangas e Pontevedra, pois detrás está todo o pobo galego que rexeita a destrución do litoral e a tortura animal.



Ler máis »

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis