Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

CausaGaliza

Arquivo: Setembro 2009

26/09/2009 GMT -1

O POBO NON CALA, HONDURAS NON SE RENDE

augasceives @ 04:53

Achegámonos hoxe á situación en Honduras. Tentaremos facer un breve repaso polo que está a acontecer e polo que é outro exemplo máis de ocultación informativa a grande escala. Semella complexo entender que ás alturas nas que andamos poidamos estar falando dun golpe de Estado, con toda a naturalidade e como se de nada grave falaramos. Ao tempo que se celebran cumios nos que se di querer pór solución á crise económica mundial, ao declive capitalista; ao tempo no que diante dos máis corruptos organismos mundiais se predican bos propósitos e grandiosas intencións, os chamados líderes mundiais obvian, cando menos, os incomprensíbeis acontecementos en Honduras.

 

É evidente que ningún lugar do mundo escapa ao control das estratexias xeopolíticas das grandes potencias mundiais, nomeadamente de Estados Unidos. Polo tanto, inxenuo sería pensar que non está a CIA detrás de canto movemento hai no mundo que poña en risco o poder das oligarquías teledirixidas ou que ouse cuestionar os intereses imperialistas. Esa América Latina revolucionaria que está a inspirar novas esperanzas figura como branco preferente dos obxectivos dun Capitalismo que é posto en dúbida. Ben é certo que con ducias de matices que se poderían discutir, a resistencia encabezada mediaticamente por Venezuela leva detrás outros proxectos políticos que sen tanta presenza propagandística si son realmente dignos de atención.

Quen sabe se o de Honduras podería ser o ensaio xeral dos plans ianquis para outros territorios de Sudamérica, o que si é certo é que cadaquén está no seu papel e interprétao á perfección. A chamada “comunidade internacional” obvia pronunciarse e actuar en favor do pobo hondureño nun exercicio de noxento terrorismo pasivo. A Igrexa apoia aos golpistas. O pobo resiste e debuxa no deposto Manuel Zelaya o faro a seguir. O goberno ilegal fai uso das forzas represivas sen ningún tipo de miramento. Como apuntamento curioso, indicativa é a manchada de eufemismos cos que a prensa occidental se refire a Micheletti  (líder do Golpe e ocupante da Presidencia) e que van dende “goberno interino” até “goberno de facto” pasando por un amplo abano cuxo denominador común é evitar a palabra “golpe” ou “golpista”.

Expulsado o presidente lexítimo Manuel Zelaya de Honduras, as manifestacións e os disturbios nas rúas viñéronse repetindo nos últimos meses. A resistencia cidadá saíu firme ás rúas para atoparse de fronte coa violencia policial que deu como resultado asasinatos, agredidos, detidos, etc. Por suposto, nin rastro de dereitos humanos nin nada semellante, só violencia e represión por parte dun goberno golpista que está a sementar un conflito armado que non é descartábel que floreza. É xa idea espallada entre a poboación, e así o afirmou abertamente o presidente expulsado Zelaya, que o pobo debe tomar as armas. Unha guerra civil non sería a solución, pero en lexítima defensa todas as opcións son válidas para un pobo que ve como se programa dende fóra o caos, a destrución e a morte nas súas rúas.

Hai poucos días coñeciamos o regreso de Manuel Zelaya a Honduras, refuxiado na embaixada brasileira de Tegucigalpa. O último episodio coñecido até agora é o ataque da policía con armas químicas o edificio da embaixada.

Se quixeramos analizar máis polo miúdo a situación de seguro que teriamos que facer referencia a outros aspectos da situación política en América Latina, de seguro non poderiamos esquecer o papel de Colombia, os últimos movementos de Obama coa colocación de bases militares no país de Uribe, as sempre presentes FARC, o medo aos movementos sociais e outros tantos. É inevitábel pensar que o obxectivo final é frear a expansión da conciencia libre que está a prender en América Latina e que está a levar ao poder a líderes con proxectos verdadeiramente socialistas (aínda que uns con grandes doses de populismo moi prexudicial) e que se enfrontan ao capitalismo occidental. Está Obama mandando un aviso a Chávez por medio de Honduras? É cruel crer que se poida usar a todo un pobo como ensaio dunha estratexia política. Aínda que se esta teoría fora errada, non é menos cruel crer que se poida permitir o que está a acontecer en Honduras en función duns ou doutros intereses políticos que se debaten nas Asembleas da ONU, ás que nunca o pobo pode asistir.

Ler máis »

23/09/2009 GMT -1

RESISTENCIA MASSÓ

augasceives @ 15:51

No día de onte, producíase en Cangas unha nova manifestación contra a presenza dos camións que están a executar o atentado de Massó. Foi unha protesta espontánea na que ducias de veciños e veciñas se concentraron para denunciar a ilegalidade da situación vendo que a maquinaria incumpría os sinais viarios que lles impiden acceder á zona na que están a realizar os traballos. Ben certo que un mal moito menor á vista do maior “pelotazo” urbanístico de Galiza, pero símbolo de que a loita non mingua contra os especuladores e os seus corruptos protectores. Mentres os camións actuaban na obra que carece de licenza municipal, dous veciños eran detidos pola Garda Civil por manifestárense contra esta caste de terrorismo. Resistir tamén é loitar, para vencer!

 

Malia que foron postos en liberdade na tarde de onte, agardan agora citación xudicial seica por un delito de desorde pública e coaccións. Son mariñeiros, son veciños que defenden os seu medio de vida, o litoral, a ría, a terra…

Mentres avanza e se consuman os feitos, a noxenta política oficial propagandística segue sentada no Parlamento e viaxa en coche oficial. Mentres a sociedade loita coa forza da razón, o tripartito representa unha farsa carente de guión críbel e de actores capaces. O PP asegura que o BNG pode parar as obras dende a Alcaldía de Cangas (que ostenta Clara Millán), e estes aseguran que é competencia da Autoridade Portuaria de Vigo (que ocupa o PP na persoa de Corina Porro). Nin uns nin os outros teñen vontade de facelo, pois todos gardan intereses escondidos e se axeonllan diante de quen verdadeiramente move os fíos. A entidade financeira Caixanova está detrás do proxecto e os seu máximo dirixente fai parte do Consello de Administración do Porto de Vigo (xunto a outros influentes empresarios, o que non hai son mariñeiros nin representantes da sociedade civil). A política oficial está claramente suxeita aos ditados do poder económico, polo que é máis ca unha utopía que se enfronten.

Do que non queda dúbida é da vontade, da firmeza e da determinación dun pobo en pé. Este vindeiro sábado terá lugar un concerto solidario cos detidos (con todas as persoas que veñen padecendo a represión xudicial e policial dende o comezo do conflito). En Cangas tocarán de balde catro grupos comprometidos que montan festa e cantan dignidade: Stupenda Jones (dende Euskal Herría), Dakidadarría, O Sonoro Maxín e Dios Ke Te Crew; con presentación a cargo de O Leo i Arremecághona. Os cinco euros que custa a entrada irán destinados integramente ao fondo solidario “pola defensa de Massó”.

Ler máis »

19/09/2009 GMT -1

O PP TENLLE MEDO ÁS BANCADAS

augasceives @ 10:33

Se hai poucos días coñeciamos albergabamos algunha posibilidade de ver de novo este Nadal á Selección Nacional de fútbol disputando o amigábel que xa vén sendo tradición dende hai catro anos, onte mesmo esas esperanzas derrubábanse logo de anunciar o responsábel da política deportiva da Xunta que non habería financiamento. En tempos nos que a escusa do aforro e da austeridade serven para apoiar calquera decisión teña o fondo que teña, o política de liquidación que leva adiante o goberno de Feijóo está a esnaquizar calquera mínimo resto de identidade propia. Hai poucas semanas confirmábase tamén a desaparición de Culturgal, a feira das industrias culturais galegas. Arestora, a disputa do amigábel da Selección Galega é ben dubidosa, aínda que nas últimas horas xurdiu unha última posibilidade.

 

Xa temos denunciado aquí a política da Consellaría de Cultura, sometida aos ditados da Igrexa e orientada única e exclusivamente á promoción do Xacobeo. Nese senso, a palabra insírese na denominación de varios equipos deportivos da elite en baloncesto, fútbol sala e ciclismo, aínda que os casos son ben distintos. No primeiro deles, a Xunta achega 1’2 millóns de euros a un equipo que non vai contar entre os seus xogadores con galego ningún. No caso do equipo ciclista, o patrocinio vén asinado xa dende a pasada lexislatura. O que semella que non se encadra na política cultural destes devastadores da nosa identidade é o Culturgal, que pasa a engordar a listaxe de vítimas políticas do PP asasinadas co fusil da demagóxica austeridade.

Quizais a principal demostración colectiva de identidade propia que se ten producido estes últimos anos foron os encontros da Selección Galega de fútbol, sen esquecer por suposto a manifestación nacional do pasado dezasete de maio en defensa da nosa lingua. Neles, o orgullo dun pobo manifestouse á par que nos terreos de xogo nas rúas esixindo a oficialidade e o noso dereito a competir internacionalmente de xeito oficial. Proíalles aos nostálxicos de Millán Astray tales manifestacións de avanzo social. Era previsíbel que a chegada ao poder da dereita española dera en rematar coas seleccións deportivas de Galiza. Unha vez confirmado, lemos hoxe que xurde unha alternativa de última hora.

Santi Domínguez, hoxe tenente de alcalde na cidade de Vigo e anteriormente Secretario Xeral para o Deporte, é o responsábel da posta en marcha da Selección Galega na época moderna. El foi quen impulsou aquel primeiro encontro en San Lázaro. Declara hoxe nun medio de comunicación galego que dende a administración local viguesa está disposto a organizar o encontro deste Nadal. Bo coñecedor do asunto, afirma que co apoio dos patrocinadores dos pasados anos é viábel a disputa do encontro sen custos elevados para a Xunta. Ou o que vén sendo o mesmo, a demostración de que detrás da decisións do PP están motivos ideolóxicos e non económicos, algo que todos e todas sabemos de sobra. A resposta nas bancadas foi máis ca sobresaínte, e ese é outro motivo de medo para o PP.

Veremos como remata esta posibilidade, pero dende logo sería un exercicio de coherencia cos principios que demostrou durante o tempo que no que foi responsábel da política deportiva do Goberno Galego.

Ler máis »

17/09/2009 GMT -1

COMBATENDO A LIBERDADE DE EXPRESIÓN

augasceives @ 14:42

A información libre e independente, separada dos intereses do poder, é un ben escaso. Aqueles e aquelas que ousan brincar por enriba das barreiras da censura axiña son chamados para que volvan ao rego da “información oficial”, mais hai outros casos nos que a liberdade de expresión é outra simples etiqueta deste sistema democrático e as presións se exercen doutros xeitos. Recollemos dous casos que, aínda que non iguais, si serven como exemplo de canto pode chegar a molestar a información.

 

As oportunidades que achegan as novas tecnoloxías son unha porta aberta a proxectos de información alternativa, libre dunhas e outras mordazas que os de sempre controlan. A chamada “contrainformación” gaña cada día máis peso na rede e son moitos os proxectos ambiciosos que naceron nos últimos tempos ao seu abeiro co único fin de amosar esa outra verdade que bate nos piares dun sistema que ten os seus propios medios para deseñar unha realidade paralela que proxectar nas pantallas e nas follas dos xornais.

Tiramos precisamente dun destes portais, o galizalivre.org, a seguinte información. Unha das detidas durante as mobilizacións populares en Massó, a comezos do pasado agosto, é estudante de xornalismo e realiza as súas prácticas no xornal A Nosa Terra. Unha vez sabido isto o vicepresidente do periódico, Alfonso Eiré (suposto exemplo de intelectual comprometido e opinador a soldo do BNG), convidou á moza a comezos deste mes de setembro a renunciar ao seu posto de traballo cando se reincorporaba logo das vacacións. Amedrentándoa con preguntas persoais de carácter ideolóxico, tales como “que fixeches en Massó?” ou preguntándolle pola súa suposta milintancia “en organizacións clandestinas”, o xornal presionouna para que deixara a súa redacción, argumentando posíbeis prexuízos por verse relacionado o medio con esta activista. Ademais, detrás –asegura o galizalivre.org- están os proxectos cunha entidade financeira do sur do País e que está tamén detrás do atentado de Massó. Un exercicio de coacción propio dos máis estelares censuradores do panorama mediático español e que o nacionalismo oficial galego copia á perfección. Os que un día estiveron á fronte de tantas mobilizacións populares, e que hoxe aínda presumen diso, renegan e afástanse hoxe delas seducidos polo poder económico que tanto criticaron.

É ben sabido que o xornal A Nosa Terra tan só conserva o nome do que un día foi. O cambio de donos e a entrada no seu accionariado de potentes grupos empresariais e económicos trouxo consigo unha viraxe ideolóxica que no seu día soñou grandeza, delirou e tentou converterse no grande medio de comunicación do nacionalismo oficial galego. Foi un dos grandes proxectos de Anxo Quintana na súa procura da homologación do BNG ao sistema, sabía que precisaba dun voceiro e o un empresario amigo amosouse disposto a botarlle unha man. O fracaso foi rotundo e o xornal é hoxe unha publicación de escasísima tirada e mínima repercusión no abano informativo en Galiza.

 

Unha das grandes iniciativas das que falabamos ao comezo e que naceron grazas ás posibilidades de internet e as novas tecnoloxías é o portal GzVídeos. Instrumento necesario e de impagábel valor que nos ten ensinado “esoutra verdade” (así como grandes documentais) especialmente no último ano en tantos conflitos ao longo do país, e do que temos tirado en máis dunha ocasión aquí en AugasCeives. O GzVídeos vén de facer público un comunicado no que denuncia a persecución por parte das FSE aos seus reporteiros e reporteiras cando realizaban a súa laboura informativa simplemente gravando ou facendo fotos en mobilizacións populares. Citan casos como a sanción de 500 euros a un dos seus membros acusándoos falsamente de portar unha faixa durante unha manifestación no mes de xuño, ou o xuízo a celebrar mañá xoves contra unha das súas reporteiras por uns feitos acontecidos o 24 de xullo do ano pasado e nos que é acusada pola Policía de corear consignas contra o corpo armado do Estado. Hai convocada unha concentración de apoio nos Xulgados de Fontiñas da capital galega para antes da hora de comezo do xuízo.

Estes dous exemplos constitúen a demostración práctica do grave deterioro da liberdade de expresión nesta Democracia. A información libre e independente é hoxe incompatíbel cos medios comerciais e coa orde establecida, e cada un ao seu xeito combate a quen ousa darlle luz.

Ler máis »

15/09/2009 GMT -1

EN LEXÍTIMA DEFENSA DOS POSTOS DE TRABALLO

augasceives @ 19:47

O paso do verán agochou a actualidade de moito conflitos laborais latentes ao longo do país, as vacacións contribuíron tamén a arrefriar tensións… mais a volta á normalidade cotiá que sempre trae setembro destapou loitas vivas en defensa dos postos de traballo e contra o aproveitamento da “crise” por parte das empresas. Exemplo é Trèves, auxiliar do automóbil con dúas sedes en Pontevedra nas que se fabrican asentos para coches a consumir por Citroën; unha das dúas plantas enfróntase á ameaza da deslocalización, é dicir, 133 despedimentos.

 

Volvía a ser hoxe xornada de folga, logo doutras en datas pasadas nas que iniciaron outras accións como unha manifestación diante da grande multinacional francesa asentada en Vigo. A Citroën reclámanlle que se implique no conflito en contra da desaparición en Pontevedra dunha das dúas fornecedoras súas.

Hoxe dirixíronse ao edificio da Deputación de Pontevedra. Esíxenlle á administración provincial que se comprometa en favor dos postos de traballo e do mantemento da factoría na cidade do Lérez. A resposta que atoparon foi ver como pechaban as portas do edificio público durante dúas horas, impedindo o seu normal funcionamento. Un “secuestro” en toda regra.

Finalmente, a presión das traballadoras fixo que se tiveran que abrir as portas e estas puideran acceder ao Salón de Plenos, onde ficaron toda a tarde logo de manter unha xuntanza co Presidente da Deputación. O ente provincial é un dos máis clamorosos casos de caciquismo que se coñece neste país. O uso clientelar dunha administración pública adquire os seus máximos niveis da man de Rafael Louzán. O recente financiamento dunha actividade dun coñecido grupo galegófobo, que rexistrou unha moi cativa asistencia, é o último exemplo do uso que o PP fai da Deputación de Pontevedra.

Ler máis »

14/09/2009 GMT -1

MEDO AO POBO

augasceives @ 17:56

Artigo de Alberte Outeiro no que reflexiona sobre o concepto de Democracia imperante no Estado Español que casualmente se empeña en excluír a súa propia esencia: referendos ou consultas populares.

A debilidade desta democracia demóstrase cando, malia as proclamas de liberdade de expresión, segue a habendo tabús dos que non se quere falar. En realidade sería recoñecer as fendas dun sistema moi coxo, feble xa dende que os seus vellos titores o reformaron e nolo presentaron coma novo. Onde a verba democracia acadara todo o seu esplendor, a verdadeira liberdade debería acubillar a posibilidade de expresar todo tipo de opcións políticas sen por iso ser desprazado. Posto que non é o caso, o primeiro atentado contra a “igualdade” chámase “monarquía” e a máis potente bomba contra a “democracia” chámase “lei de partidos”.

No canto de quere entender e explicar, óptase pola criminalización, a mentira e a manipulación; polo recorte de dereitos e a ilegalización para combater “legalmente” o que non poden facer coa forza da razón expresada en votos; pola represión para igualar a expresión popular libre. Élles imposíbel aceptar que centos de milleiros de persoas non se sintan cómodos no Estado Español, que non se identifiquen cuns valores argallados artificialmente e amosen rebeldía. Néganse a entender que poida haber máis sentimento ca o que tratan de impoñer e combáteno afogando outras linguas, culturas e posibilidades das que non aceptan que haxa quen poida estar orgulloso. Respecto é incompatíbel coa súa forma de entender esta democracia moldeada segundo o interese dos que din defendela.

Vén isto ao fío do acontecido onte no municipio catalán de Arenys de Munt. Alén dos datos, resultados e cifras que se puideran dar, temos que reparar nas reaccións dos “demócratas”. Un referendo é, por definición, a máxima expresión do significado da Democracia. Consultar ao pobo sen incluír polo medio amaños legais para que só poidan participar aqueles que sustentan a mentira, “sí” ou “non” a unha sinxela pregunta sen cálculos matemáticos que deturpen a representatividade da voz popular. Algo tan doado de entender e que sería a bandeira dos que se din demócratas é algo totalmente vetado no Estado Español, e tan só se lle atopa unha explicación: medo aos resultados, medo ao pobo. A única solución para que un referendo non arroxe un resultado incómodo é, sinxelamente, non convocalo. Así pois, as prohibicións de convocar consultas están á orde do día para quen sen reparo ningún ilegaliza opcións políticas.

Mais onte abriuse un camiño que ha ter continuidade, pois hai xa anunciadas iniciativas semellantes en 60 concellos e mesmo se están a barallar xa datas. Que mellor día para honrar o espírito democrático da Constitución Española que realizar unha consulta popular o 6 de Nadal? Día no que se conmemora o aniversario da súa aprobación en referendo cunha moi cativa participación, por certo. De seguro que dende Madrid se han tomar medidas e antóllase máis ca probábel calquera idea para impedir as consultas. O que pola contra non se han impedir son manifestacións como a de onte, onde o partido Falange Española convocaba unha mobilización (á que acudiron arredor de sesenta persoas chegades de fóra na súa meirande parte) en contra da celebración do referendo. Non é polo visto aplicábel a “Lei de Partidos” neste caso.

Ler máis »

12/09/2009 GMT -1

POLÍTICA DEPORTIVA E DEPORTE POLÍTICO

augasceives @ 16:21

Algareados e entusiasmados coa presenza da Selección Española de Fútbol en Galiza, reverten a súa paixón para lanzala contra os nosos equipos nacionais. Unha das principais dúbidas que aboiaban coa chegada do PP á Xunta era a da continuidade das Seleccións Galegas. O responsábel do goberno galego en materia deportiva, Xosé Ramón Lete, afirmou esta semana no Parlamento que “a Irmandiña” xogará de novo o xa clásico amigábel dos últimos anos, máis “sen facer política” segundo o mandatario. O deporte galego como sinal de identidade ten estes días outros referentes dos que sentirse orgullosos, xa que tamén eles se senten orgullosos do que son.

 

En palabras de Lete, o deporte galego está representado cando o padexeiro David Cal ergue a súa pá ao vencer nunha proba. Este exemplo non é aleatorio. O de Cangas é un recoñecido simpatizante do Partido Popular e xa o demostrou colaborando con el nunha campaña política contra a anterior Conselleira de Cultura e Deporte durante a pasada lexislatura. O que foi abandeirado español nos pasados XXOO é o modelo deportivo que o PP gusta de impulsar, xa que as exaltacións de españolismo non son consideradas “política”. Porén, si é utilización política as manifestacións de sentimento galeguista ou as reivindicacións de oficialidade para os nosos deportistas e combinados nacionais. Non entende o PP que non é España quen representa a boa parte deste país, nin respecta que sexa a galega a bandeira baixo cal queremos que compitan e nos representen.

Dous dos nosos mellores deportistas da actualidade son bos exemplos do denominador común que acompaña á meirande parte deles. Traballo, esforzo, sacrificio e escasa atención mediática. Para as terminais propagandísticas de Madrid, moitos deles son considerados españois só cando gañan. Homenaxe monumental merece o mellor triatleta do planeta, Xabier Gómez Noia, que vén de proclamarse subcampión do mundo da súa especialidade. Un título mundial, dous europeos, dous subcampionatos do mundo e un cuarto posto na olimpiada son os resultados máis resplandecentes de cantos enchen o palmarés do ferrolán de 26 anos.

Polas estradas do Estado dispútase estes días a Vuelta Ciclista a España. Nela compite o equipo profesional galego Xacobeo Galicia, conformado maioritariamente por corredores da terra para os que a creación deste conxunto supuxo a oportunidade profesional da súa vida. É un dos conxuntos que está a animar a carreira, xa gañou unha tirada a semana pasada con Gustavo César Veloso e leva dous segundos postos (onte e hoxe). O máis forte do equipo, e un dos máis fortes da proba, é Ezequiel Mosquera. O ciclista de Teo sufriu unha espectacular caída os primeiros días e, xa recuperado, está a amosar un carácter agresivo e gañador que día a día o achega aos primeiros postos. A afección ao ciclismo en Galiza atopa resposta neste conxunto, orgullo dun pobo que enche de bandeiras das nosas as estradas por onde transcorre a proba. Comeza a última semana da proba e fican abertas todas as posibilidades.

Ler máis »

REPUGNANTES DEFENSORES DA MORTE

augasceives @ 15:39

Persoeiro salientábel entre o saco de fascistas que a memoria oficial perdoou, Millán Astray é autor dunha das frase máis lembradas e definitorias que os xenocidas deixaron: “Viva la muerte, abajo la inteligencia!”. Este execrábel individuo é un máis dos que manchan as nosas rúas e espazos públicos coas lembranzas e loas á súa figura, que agora os seus herdeiros políticos e fillos ideolóxicos se loitan por manter. Un dos máis destacados defensores da memoria fascista é Carlos Negreira, responsábel do PP na Coruña. O tal Negreira é tamén coñecido pola seu activismo en contra da nosa lingua.

 

Retomada a teima de oficializar a deturpación do topónimo da cidade de A Coruña, con incansábel insistencia por violar a Lei de Toponomia de Galiza, Carlos Negreira ponse á fronte das reivindicacións dos sectores máis españolistas. É un debate estéril, que debería estar pechado hai xa tempo pero que a presenza do PP na Xunta fai perigar o establecido en prol dos agresores máis voraces.

Mais a ansia por incumprir as leis que non son do gusto destes neofranquistas non se limitan só aos asuntos idiomáticos. A Lei de Memoria Histórica é outro dos seus obxectivo primordiais. Aprobada en Pleno a retirada de 51 restos de simboloxía fascista que hai espallados pola cidade, axiña saíu Carlos Negreira para cacarexar en favor deste asasino sanguinario, do que dixo que fora “un coruñés de proveito”. Esta democracia, tan famenta de limpeza e tan farta de autoproclamados “demócratas”, carece aínda de rexeitamento institucional contundente contra quen con toda impunidade exalta figuras como as de Millán Astray e tantos outros criminais, xenocidas, represores e asasinos.

Ler máis »

09/09/2009 GMT -1

DESFEITA NO COMEZO DE CURSO

augasceives @ 20:35

A piques de comezar o novo curso escolar, a Consellaría de Educación é un dos departamentos da nova Xunta que máis caos sementou. Asociacións de pais, ensinantes e sindicatos critican abertamente a desfeita que en poucas semanas foi quen de artellar o seu (ir)responsábel Jesús Vázquez. Ademais das xa anunciadas mobilizacións en defensa da lingua no ensino quen han ser convocadas por diversas entidades de ámbito social, e non só do mundo escolar, hai mobilizacións polos recortes de profesorado nas Escolas de Idiomas (pode haber algo máis contraditorio co seu discurso?). A CIG e máis CCOO levaron aos tribunais as subvencións a centros que segregan por cuestión de sexo e a primeira medida estrela, como é a supresión da gratuidade dos libros de texto, centran a indignación social co Goberno galego.

 

Temos a eliminación das Galescolas, que consistiu na mudanza de nome, letreiros e demais simboloxía que procedera da anterior lexisltatura. O custe de todos estes cambios non se adapta en absoluto á política de austeridade que Feijóo anunciara. Mais detrás está o obxectivo político e ideolóxico, non soportan que o ensino puidera ser en galego dende as idades máis novas e contra iso foi contra o que dispararon.

O odio á lingua está detrás das principais decisións que leva tomado o PP dende que accedeu de novo a San Caetano. A supresión do chamado Decreto do Galego no ensino e a preparación dun novo, así como a farsa da enquisa aos pais foron motivo de vergoña allea todo o verán. Con todo un país en contra, cos representantes sindicais e coas asociacións de pais e nais en fronte, Feijóo só conta co apoio das elites dos centros privados e co minúsculo grupo neofascista que agora atopa acubillo nas institucións e nos medios para predicar as súas doutrinas.

Tamén provocou indignación e rexeitamento a decisión de suprimir a gratuidade dos libros de texto. Cunhas condicións económicas como as que estamos a padecer e no marco dun discurso de axuda e apoio “ás familias”, o PP suprime por que si unha das máis acertadas medidas do Goberno Bipartito. Multiplícase a rabia ao comprobar como o gasto en publicidade (en galego e en castelán) para tratar de explicar esta iniciativa cubriría o custe dos propios libros de texto.

A renovación dos concertos a centros do Opus Dei que incumpren non só a lei, senón os mínimos éticos da sociedade de hoxe en día, foi xa motivo de denuncia nos tribunais por parte dalgúns sindicatos. Queixas públicas só foi o que de momento atoparon os recortes de profesorado que denuncia a Confederación de Asociacións de Pais e Nais.

Velaí o panorama que deseñou o PP nun asunto tan delicado como é o do ensino. As medidas que vai tomando van deixando en evidencia o seu discurso e destapando a súa demagoxia. E mentres tanto, a oposición bipartita fica máis durmida ca nunca e unha vez máis recae na sociedade o peso de levantarse e defender a lingua e os servizos que xa semellaban consolidados. Haberá que seguir resistindo.

Ler máis »

REACCIONA A ACADEMIA?

augasceives @ 09:00

Artigo de Sabela Ferreirós sobre as palabras do Presidente da RAG Xosé Ramón Barreiro o pasado domingo en Celanova diante de Feijóo. É sinal dun cambio de actitude en favor da nosa lingua ou pouco máis ca un simples xesto?

  

Non estamos afeitos a ver o que vimos este pasado domingo en Celanova. Mais se cadra por iso, aledámonos máis e decatámonos de que cando até os máis “prudentes” reaccionan é porque a situación é grave. De feito, non precisabamos que o Presidente da RAG lle recriminara en público a Feijóo a política lingüística exterminadora que está a levar a cabo o seu goberno para decatarnos do que está a acontecer. O que non sabemos é se ao señor Barreiro lle fixeron falta seis meses para pronunciarse.

Poucas institucións tan desesperadamente prudentes, políticamente correctas, mornas e mesmo sumisas ao poder podemos atopar en Galiza como a Real Academia Galega. Semellantes cualificativos lle poderiamos aplicar ao seu presidente, o dun organismo con responsabilidades no tocante á promoción e coidado do noso idioma. Endexamais levantara a voz para expresarse sobre as nefastas políticas lingüísticas que lexislatura tras lexislatura foron acoutando pouco a pouco o espazo de uso do galego.

Ben é certo que nunca antes viramos tanta agresividade contra a nosa lingua, se cadra por aprecialo tamén así, Barreiro falou. E fíxoo durante un acto institucional en Celanova (berce de ilustres persoeiros das nosas letras), diante do propio Feijóo e doutros responsábeis da política aniquiladora.

Mais non podemos entender este xesto como máis do que semella que é: simbólico. Unhas palabras co ánimo de sacar de enriba un peso que tiña ao lombo a institución por non ter aberto aínda a boca perante os golpes que en tan pouco tempo xa lle leva asestado este PP á nosa lingua. A RAG tería que terse erguido dos seus cómodos asentos moito antes, tería que terse posto á cabeza da reacción cívica do pobo, tería que ser a que estivera en permanente primeira liña de resistencia. De momento botamos en falta iso e agardamos que a postura amosada o pasado domingo por Xosé Ramón Barreiro sexa o comezo dun novo rumbo por parte da institución académica na defensa do noso idioma.

 

Non era doado rematar este artigo sen facer referencia ningunha ao exemplo de xornalismo imparcial do que se enchoupa a crónica que o subvencionado de Arteixo lle adica ás palabras de Barreiro. Segundo o xornal que empetou un millón de euros en concepto de promoción e defensa da lingua galega, Feijóo foi atacado e provocado por Barreiro, que abriu unha nova fronte contra a Xunta. Abraiante.

Ler máis »

04/09/2009 GMT -1

OS GANDEIROS SEGUEN A REVIRARSE POLA SÚA PROPIA SUPERVIVENCIA

augasceives @ 16:41

Abofé que mofa que supuxo o acordo asinado no mes de xullo en Madrid para establecer os prezos do leite tiña que ter consecuencias. E tenas porque estase a incumprir xa dende o principio, co que se demostra que a intención non era buscar unha solución senón frear as mobilizacións gandeiras. Esta semana o SLG volveu mobilizar aos produtores lácteos que seguen a estar tan ameazados como cando hai dous meses saíron ás rúas na chamada “Semana Branca”. Ben distinta é a actitude dos asinantes daquela estafa, UUAA e XXAA que non van alén das lamentacións.

 

De novo é semana de reivindicacións en Compostela, e serao a que vén en Santander, con motivo da reunión de Ministros europeos na que participará a española, galega de nacenza. Na Alameda hai situada unha carpa do Sindicato Labrego Galego na que os produtores venden leite a 8o céntimos o litro, eliminando aos verdadeiros cancros do sistema: os distribuidores. É quizais a única táboa de salvamento para poderen vivir do seu traballo, mais a infraestrutura necesaria non é doada e tórnase imposíbel sen o apoio institucional, que por outra parte está claro que nunca terán.

Cidadáns conscientes uns e curiosos outros achéganse, ben para interesarse e coñecer a situación ou ben para colaborar activamente mercando alí o leite. Produce satisfacción saber que un fai a súa achega, tan pequena como necesaria nesta loita que non é nin moito menos dun sector en concreto. É a loita dun país polo seu máis significativo medio de vida, é a loita polo dereito a vivir do seu traballo. A loita máis xusta.

Ler máis »

BAÑO DE ESPAÑOLISMO

augasceives @ 16:18

Na sociedade da imaxe e da política propaganda, do atordamento das conciencias, o deporte ten unha función social moi relevante. Se aquí o temos reclamado como transmisor de sentimentos e modo de expresión das reclamacións dun pobo para esixir o noso dereito a competir oficialmente nas distintas modalidades deportivas, tamén agora o recoñecemos como tal cando a súa función é a contraria. Mañá a selección española de fútbol disputará na Coruña un encontro oficial, xusto no escenario no que a Selección Galega disputou o seu último encontro (quen sabe por canto tempo) amigábel entre as reclamacións de oficialidade o pasado Nadal.

 

O sentimento de pertenza e identificación cun equipo nacional, no eido deportivo, dáse como é lóxico alí onde os seus cidadáns se senten representados. Non é o caso dos equipos españois. Ao contrario ca noutros países do mundo nos que a paixón polo fútbol céntrase na “selección”, a cultura futbolística no Estado Español resérvalle un segundo plano quedando por detrás dos clubes nas preferencias dos siareiros. A Selección Española esperta fervor alí onde representa un sentimento de identificación, que non é o caso de todos os territorios do Estado. Alí onde hai conciencia nacional propia (Galiza, Euskal Herria ou Catalunya –no Paìs Valencià si esperta máis interese-), os niveis de audiencia e seguimento demostran que o entusiasmo non é uniforme en todos os recantos do Reino.

Conscientes da necesidade de potenciar o sentimento de unidade e pertenza a un proxecto ficticio de nación que non calla, empregan o fútbol como transmisor de emocións que habilmente encerran connotacións políticas. O enredado mediático actúa de axitador berrando consignas rescatadas do pasado e que se empregaban noutras circunstancias; nalgúns casos, de non saber que falan en termos deportivos, o cacarexar dalgúns poríanos a tremer e evocaríanos escuros tempos pasados. En sintonía coa estratexia política máis españolista (que mesmo chega a falar de “reconquistas” con alusións á mitoloxía bélica), propóñense levar a Selección Española alí a onde menos interese esperta e máis rexeitamento produce. Mañá La Roja (como gustan de chamarlle) estará en Galiza e hai xa tempo que se moven iniciativas para que xogue en Euskadi. Calquera acto de expresión pública de contrariedade será duramente reprimido polas FSE, garantes da democracia e da liberdade.

Hoxe chegou o continxente propagandístico que tomará A Coruña e a atención mediática tamén das mediocres terminais propagandísticas de Galiza (que non galegas). A consigna é clara: revestir de sentimento españolista e debuxar a sensación de aprezo e grande acollida. As imaxes dannos unha idea do que recobre o sentimento que pretenden instaurar: ducias de cativos e cativas afervoadas agardando a entrada dos xogadores ao hotel. Nenos e nenas aínda de vacacións. Posibelmente mañá Riazor rexistrará unha entrada que estará próxima ao cheo, así o posibilitarán os milleiros de billetes que en concepto de convites e agasallos se repartiron. Do que non sabemos e de iniciativas sociais por parte de asociacións e entidades de base que se mobilicen para ir á Coruña mañá sábado, con poucas axudas e moitas trabas. Nas inmediacións do Estadio de Riazor haberá instaladas carpas e outros entretementos para que nenos e nenas poidan pasar a tarde sen molestaren moito a seus pais. Non haberá manifestacións nin actos reivindicativos que expresen un sentir, nin violentos gardiáns armados que ataquen aos siareiros e siareiras cando se dirixan ás portas do estadio.

Ler máis »

03/09/2009 GMT -1

O PP SEGUE ABRINDO FRONTES NA SÚA TEIMA CONTRA A LINGUA

augasceives @ 17:54

Hoxe é outro deses días nos que agroman novas que, xuntas, inchan un pouco máis o fol da xenreira cara a estes gobernantes. A violenta política do PP na Xunta cara o galego é máis unha estratexia ca unha simples política que aplica alí onde está e por onde vai. Neste sentido, o PP ten varios individuos indesexábeis polo seu actuar e pola belixerancia coa que exercen os seus cargos públicos. Un deles é Ignacio López Chaves, do Concello de Vigo e responsábel dos asuntos culturais do seu grupo parlamentar na pasada lexislatura. Outro referente é o topónimo da cidade da Coruña. Todo isto, adornado coa teima da “imposición do galego”, compoñen o menú de agresións ao idioma que nos depara o día de hoxe.

 

Unha das medidas anunciadas polo Bipartito e que máis alimentou a estratexia lingüística do PP na pasada lexislatura foi a que se incluía na nova Lei de Comercio e que esixía que os establecementos comerciais posuíran rotulación, cando menos, en galego. Algareáronse falando de recorte de liberdades cando o que había era unha medida máis no camiño da normalización lingüística nun eido moi desgaleguizado. Abonda saír á rúa e comprobalo. Se está establecido legalmente que é preciso impulsar e promover a lingua minorizada no país, se foi aprobada (tamén polo PP) a LNL e o PXNL… desmóntanse as teorías da imposición. Non é imposicion! É normalización!!

En referencia ao individuo coñecido como López Chaves, e cos antecedentes dos lamentábeis espectáculos que ten representado no Parlamento Galego, a ninguén sorprende a súa teima antigalega. Anunciou hoxe a presentación dunha moción para modificar a ordenanza municipal de normalización lingüística e incluír o castelán no espazo que arestora ocupa, ou debe ocupar, a nosa lingua. A promoción do galego na administración é unha das necesidades indiscutíbeis no proceso normalizador.

Outra das batallas estrela na galegofobia do PP é a insistencia no uso do topónimo ilegal para a cidade da Coruña. Deulle azos, é ben certo, o anterior alcalde do PSOE, españolista e antigalego como o que máis, apoiado en todo o grupo municipal. O “L” foi un dos asuntos máis polémicos durante anos nunha cidade cun indicadores sociais bastante cativos, cando a lexislación vixente non deixa escape de dúbidas. Hoxe volven os ruxe-ruxes logo de lembrar o grupo popular que a chegada de Feijóo á Xunta suporía a instauración do topónimo deturpado na cidade. 

Ler máis »

O MEDO GLOBAL COMO TRATAMENTO PREVENTIVO

augasceives @ 16:19

Sabela Ferreirós escribe sobre o "medo global" que se espallou, que espallaron, arredor da pandemia de Gripe A que seica ameaza ao mundo.

  

Asistimos a unha enxurrada de medo, ao espallamento da sicose colectiva. Ao espectáculo mediático arredor das especulacións co que chaman xa a primeira grande pandemia do século. Reunións propagandísticas, medidas de urxencia, debates sobre a influencia que terá, consellos para evitar o contaxio, mesmo utilización política… Os reparos en contaxiar o medo non foron moitos. O que existe é un sobresforzo non por evitar a gripe si, senón por deixar imaxe clara perante a sociedade de que se fixo canto se puido. Institucións aos distintos niveis, organizacións e entidades de todo tipo tiran folletos e demais medidas informativas que conteñen sempre os mesmos consellos e recomendacións, que por outra parte teñen unha garantía bastante limitada.

O medo global apoderouse dunha sociedade que se ve vulnerábel. O espectáculo a grande escala nútrese do morbo e neste caso a tentación de sementar alarma é máis grande que a de manter a tranquilidade social. A política propaganda imperante nestes tempos céntrase en aparentar, máis ca en facer. En aparentar traballo, en aparentar que se están a tomar medidas e que se fai todo o posíbel, en preparar para mañá a xustificación de porque aconteceu o de hoxe.

Mais os expertos, malia recoñecer unha maior capacidade de contaxio, non avalan por completo as teorías alarmistas. Máis aínda se temos en conta que até o momento, o virus H1N1 tan só foi letal naqueles doentes con outros problemas (graves todos eles) de saúde. Cada vítima mortal afectada pola gripe A é noticia e primeira dos informativos, que xa puxeron en marcha un contador como adoitan facer en casos semellantes. Pero a seguir recoñecen que a mortaldade desta variante da gripe non supera á do virus común. A diferenza está en que non todos os anos a gripe alimenta as terminais mediáticas, que á súa vez desta volta son usadas para espallar a estratexia do pánico global.

Con todos estes datos contraditorios, coa estratexia do medo a grande escala sen xustificar, non é raro tentar albiscar que se agocha máis alá. Como non é difícil pensar en que alguén está enchendo os petos, que alguén xerou este medo e mesmo que alguén, para as mentes máis intrépidas, creou cientificamente a pandemia. Porén, esta última teoría ten un piar no que sosterse: o único medicamento comercializado e recomendado pola OMS é dunha empresa farmacéutica propiedade de Donald Rumsfeld, ex dirixente dos EUA durante o mandato de Bush.

Ler máis »

01/09/2009 GMT -1

A SUMISIÓN DA CULTURA GALEGA

augasceives @ 17:21

Artigo de Sabela Ferreirós no que repasa a acción da Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta, así como a concepción que o PP ten de "cultura galega". 

 

1) A concepción da nosa cultura como un ben a conservar e potenciar, como un abano de posibilidades no que reflectir o que somos, unha mostra de creatividade universal pero de selo propio. A cultura galega como eixo principal da nosa identidade diferenciada, como a nosa bandeira irredutíbel nun mundo globalizador e globalizado.

2) A nosa cultura enfocada dende unha visión reducionista. A creación cultura galega vista dende unha óptica temerosa, dubitativa. Utilizándoa como instrumento accesorio, mais prescindíbel; revestíndoa de rancio folclorismo e relegándoa a un segundo ou terceiro plano. Agochándoa. Considerar como tal cultura galega aquela arte feita sen a nosa esencia, noutra lingua ou con argumentos alleos. Pensala como simples vía de financiamento, motivo de subvencións.

 

Velaí o resumo rápido de dúas posibilidades ben distintas de entender un concepto tan amplo como cultura galega. Non sería doado explicar o que abrangue, pero si podemos facilmente describir estes dous xeitos de entendela. Incluso poderíamos reducir aínda máis e deixar en só un palabra cada unha das dúas posibilidades: orgullo e complexo. En poucas semanas, o novo goberno da Xunta confirmounos cal é a súa concepción da nosa cultura. O reparto de departamentos era xa todo unha declaración de intencións, creando a Consellaría de Cultura e Turismo podiamos imaxinarnos por onde ían ir as políticas “culturais” de Feijóo e o sicario competente na materia, Roberto Varela.

Pechando a billa do financiamento público a boa parte das actividades que a Consellaría anterior apoiara, o PP decide a submisión da nosa cultura en prol dunha única idea: o Xacobeo. Ese é o eixo central das políticas culturais e velaquí a resposta á inserción de “Turismo” nesta area. A música, a literatura, a pintura, a escultura, o audiovisual, o teatro… proxectos impulsados pola anterior conselleira como os encamiñados á recuperación da Memoria Histórica (de excelente labor), a promoción das nosas seleccións nacionais deportivas, dos nosos e das nosas deportistas, a posta en valor do noso patrimonio material e inmaterial… Nada diso se adapta ao concepto de cultura do PP, e alí onde non derrubou o andado (música galega, tradución, Premios Nacionais da Cultura, trabas ás escavacións para a recuperación de vítimas do Franquismo, etc.) deixa de promovelo. Exemplo disto é a dúbida de se esta ano as seleccións galegas de fútbol disputarán como viñan facendo dende hai tres anos o amigábel de Nadal entre as reclamacións de oficialidade, o que si temos certo é que o vindeiro sábado a Selección Española de Fútbol xogará na Coruña, manobra política onde as haxa, pois non é precisamente Galiza onde máis sentimento esperta o ficticio combinado.

Toda acción da Consellaría de Varela xira arredor da preparación do Xacobeo 2010, único punto de interese neste departamento. O demais está sometido á preparación do evento relixioso que suporá máis ca nada o enchido dos petos eclesiásticos, que por se fora pouco participan na organización. As autoridades católicas deseñan, polo tanto, o programa dunha area do Goberno Galego. Non é sorprendente, pois os seus preceptos morais guían a boa parte dos dirixentes. Con isto, todas as ricas e variadas pólas da nosa cultura vense sen acubillo institucional e case sen achegas públicas.

O outro grande asunto que ocupa a Cultura é xustificación da mole que Fraga nos deixou en herdanza a todos os galegos e galegas. A inexplicábel Cidade da Cultura é o meirande disparate que a un gobernante se lle puido ter ocorrido xamais, e ao tempo é a eiva orzamentaria que este país arrastrará consigo durante lustros. E por se fora pouco, leva camiño de ser chamada como o seu promotor…

Ler máis »

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis