Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

Categoría: OPINIÓN

29/10/2009 GMT -1

OS PREXUÍZOS COMO FONTE DE LEI

augasceives @ 22:00

Opinión de Alberte Outeiro sobre a nova reforma da Lei de Estranxeiría que outorga a condición de "presuntos delincuentes" de xeito preventivo aos inmigrantes. 

 

Aínda a cultura maioritaria instalada na “opinión pública” da sociedade española se pode considerar como racista. Non hai máis que analizar como os medios de comunicación dan as informacións relativas a inmigrantes ou cales son as connotacións que lle outorgan á inmigración. Coma tal, o Goberno acubilla ese tratamento impulsa a cuarta reforma da Lei de Estranxeiría en só nove anos. Faino dende unha perspectiva sementada de prexuízos, criminalizando ao colectivo inmigrante e presupoñéndolle a condición de delincuentes aos que ousan chamar “ilegais” ou “sen papeis”.

Os dereitos humanos ou a integración son reivindicacións das organizacións sociais que se levan manifestando dende que se coñeceron os primeiros trazos desta nova lei, mais son conceptos que non se albiscan no novo texto. A modificación máis grave é o aumento do período de detención dos inmigrantes nos centros de internamento, que pasa dos corenta aos sesenta días. Non se lle concede tratamento humano ás persoas tendo en conta a súa procedencia ou nacionalidade, non se lle presupón inocencia e, o que é peor, non hai vontade de realizar unha análise máis detallada dende o fondo da cuestión. Non se busca a óptica de se fala de persoas que fuxen dunhas condicións infrahumanas á procura dunha solución para os seus, tirándose a un mundo que non é o que imaxinaban e no que se atopan con crueldades impropias das democracias avanzadas ás que eles cren chegar.

Perséguese non só aos inmigrantes polo feito de selo, senón aos que ousen apoialos. Establécense sancións de até dez mil euros para aquelas persoas que acubillen “ilegais” –como eles- en situación irregular. Quizais, no canto de conformarnos coa explicación de que estamos perante un problema de prexuízos racistas, deberiamos avaliar se reciben o mesmo tratamento os inmigrantes segundo a súa profesión ou condición social. Referímonos, por suposto, aos deportistas de elite.

Un pobo que esquece o seu pasado non pode asentar o seu futuro. Igual ca noutras moitas ocasións, o Goberno Central obvia as distintas realidades dos pobos do Estado e descoñece a Historia e aos que a escribiron. A nosa, por exemplo, non existiría sen o fenómeno de emigración. Pobos emigrantes que agora esquecen de onde veñen, casos que se deron noutros puntos de España e que hoxe, créndose no cumio e na vangarda da humanidade, atrévense a non lembrar.

Ler máis »

PAGUE E CALE

augasceives @ 21:16

Artigo de Alberte Outeiro ao fio da aprobación da nova Lei de Tráfico, que "facilita" o pagamento inmediato das sancións económicas.

O Congreso dos Deputados vén de aprobar a nova Lei de Tráfico co apoio de todos os grupos agás o Partido Popular. Ao igual ca o resto das características que conforman a política do PSOE neste sentido, a nova normativa está adornada con declaracións que fan referencia á seguranza viaria, á facilidade dos condutores para efectuar o pago das sancións e en definitiva a argumentos que fan crer que o interese que os move é o de mellorar as condicións de circulación e reducir os accidentes de tráfico.

Por suposto, nada máis lonxe da realidade. Porque se xa tiñamos o convencemento pleno de que a verdadeira finalidade da DXT e do Ministerio era unicamente a recadación, agora achegan unha nova e definitiva proba de que isto é así. Cada unha das súas accións, cada unha das súas campañas ten como motivación o aumento das sancións. Poderíamos facer unha longa listaxe de porque isto é así, presentando exemplos e cuestionando cada unha das súas medidas. Mais todos sabemos onde, cando e como sitúan os radares, todos sabemos que as mellores medidas de disuasión son as sinalizacións, todos sabemos a vontade que teñen en mellorar a rede viaria, o código de circulación e a sinalización das estradas.

A partires de que a nova lei entre en vigor, unha serie de medidas encamiñadas ao pagamento rápido das multas activaranse tamén. A ampliación do abano de sancións e o recorte de dereitos son o pano de fondo desta modificación. Detrás do suposto aumento da comodidade para os infractores á hora de pagar unha sanción no prazo de vinte días (quince actualmente) reducíndose nun 50% (30% hoxe) o que está é a chantaxe da rebaixa no importe a cambio de asegurarse ese cobro. Ademais, ao efectuar o pagamento, suprímese o dereito de recurso posterior. Non cabe dúdida de que estamos perante un claro caso de violación de dereitos, pois malia que se trate da propia administración estatal, a posibilidade de recurso debe estar garantida sempre.

É quizais a característica máis evidente do verdadeiro espírito xa non desta nova lei, senón da política en conxunto do organismo recadador chamado DXT e baixo os fíos do sinistro represor Rubalcaba. Por se fóra pouco, lanzaron xa o debate do que previsibelmente será a súa próxima medida estrela: redución da velocidade máxima de 50 a 30 km por hora en vilas e cidades. Algo completamente fóra de lugar se temos en conta que o código de circulación e a sinalización viaria datan de tempos nos que a tecnoloxía automobilística ía moito por detrás das posibilidades que hoxe ofrece. Mais acertado se o situamos no marco da súa política: a sancións incrementaranse de xeito importante reducindo esa xa cativa marxe para o que hoxe son os considerados treitos urbanos.

Mentres aumentan espectacularmente en época de crise as vendas de coches, vanse reaxustando as posibilidades de sanción, o que non deixa de ser unha forma máis de apuntar cara os petos das clases socias.

Ler máis »

21/10/2009 GMT -1

MOTIVOS POLOS QUE SAÍR Á RÚA

augasceives @ 20:53

Artigo de Alberte Outeiro no que resume e compara as tres grandes manifestacións que se produciron esta fin de semana no Estado Español: Madrid, Donosti e Compostela. 

 

Soubemos esta fin de semana de tres grandes manifestacións noutros tantos puntos da xeografía do Estado. Na tarde do sábado discorreu por Madrid unha mobilización contra a nova Lei do Aborto secundada polos principais líderes da dereita española; ao tempo, a cidadanía vasca saíu ás rúas de Donosti para rexeitar as detencións políticas de varios nomes sobranceiros do independentismo vasco; na mañá do domingo tivo lugar en Compostela a expresión palpábel da defensa por parte do pobo galego da súa propia lingua fronte aos ataques do Goberno da Xunta. As tres obtiveron grandes resultados no que se refire a participación, tendo sempre en conta o abano ao que se abría cada unha das convocatorias. Porén, a repercusión que tivo nos medios cada unha delas foi ben diferente

As rúas de Madrid acolleron ás xentes chegadas en máis de setecentos autobuses de todo o Estado, estaban chamadas a manifestarse contra a política do goberno do PSOE no referido á reforma da Lei do Aborto. En realidade podería ser esta ou calquera outra a motivación que a dereita política e mediática utilizara para manifestarse contra Zapatero. Trátase dunha mobilización contra o que é un lei que ampliará dereitos, algo tan básico como a posibilidade dunha muller de decidir sobre o seu corpo, de controlar (se preferimos termos sociais) a súa capacidade reprodutora. Semella como se o Goberno que impulsa esta normativa fora “obrigar” ás mulleres (en especial ás máis novas, para engadir morbo) a practicar o aborto. Detrás desta política érguese o alongado pano ideolóxico que tece a Igrexa Católica. A anulación da ciencia e a imposición da moral católica emprégase como argumento válido para tentar influír xa non nos e nas cristiás, senón no conxunto da sociedade. A amplitude da influencia que as cavernas eclesiásticas teñen sobre os poderes civís sitúanos a estas alturas procurando atopar a delgada liña vermella que separa as conviccións católicas das normativas sociais. Proba do atraso democrático dun Estado que aínda non foi quen de deixar atrás a “longa noite de pedra”. Con todo, os medios de comunicación comerciais e mesmo os públicos outorgáronlle unha grandísima atención, nomeadamente e pola parte que nos toca, a CRTVG, en mans do fanatismo ultracatólico do PP.

A resposta da cidadanía vasca á operación politico-policial do Goberno Español a pasada semana en Euskadi non se fixo agardar, e foi tamén a tarde do sábado a que escolleu a chamada “maioría sindical vasca” para chamar á mobilización. A descerebrada e fascista operación deu coa detención de varios cidadáns vascos polo simple feito de estaren reunidos co agravante por suposto da súa opinión política. Atrás quedou xa mesmo a fascista “lei de partidos”, pois desta volta non se ilegalizou formación ningunha. A ofensiva española contra calquera proposta do independentismo vasco é total e absoluta, non queren nin ouvir falar de ningunha posíbel saída razoada ao conflito vasco e rexeitan frontalmente o traballo que si está a facer a esquerda abertzale para atopar unha solución a un problema que cada vez está máis claro que o bipartito PP-PSOE non quere resolver. A violación de dereitos como o de simplemente reunión ou asociación trasladounos de súpeto a varias décadas atrás, mesmo lembrándonos aquel 3 de marzo… Nula cobertura a recibida por parte dos medios propagandísticos madrileños, así como da propia CRTVG. Uns e outra censuran permanente calquera outra visión da sociedade vasca que non sexa “a oficial”.

A do domingo en Compostela non tiña por obxectivo, como a de Madrid, oporse a ningunha ampliación de dereitos, senón máis ben conservar o dun pobo coma o noso a vivir na súa lingua. Era, polo tanto, unha manifestación máis de resposta a unha política do Goberno (tal que a de Donosti), neste caso do da Xunta. Saíu á rúa a expresión máxima do pobo galego, representado en innumerábeis colectivos e entidades que lanzaron un berro contra as agresións de Feijóo á lingua galega. A política lingüística do PP busca reducir os espazos de uso público do galego, limitar a presenza o oficial da nosa lingua e deixar de garantir que os cidadáns deste país coñezan e poidan usar o seu idioma en calquera ámbito da vida cotiá. No capítulo da cobertura mediática, os medios públicos deste país experimentaron un novo episodio no que a manipulación se refire. Lembrando o esplendor da censura fraguista, a televisión pública non procurou desta vez agochar a mobilización (como si o fixo nos días previos) senón manipular o impacto real da mesma, con informacións tendenciosas e imaxes que orientaran cara a unha distorsión da realidade.

Ler máis »

16/10/2009 GMT -1

VAI SER O POBO QUEN RESPONDA

augasceives @ 17:12

Facemos dende AugasCeives un chamamento á responsabilidade e á participación na MANIFESTACIÓN NACIONAL do vindeiro domingo en Compostela, en defensa da lingua e contra as políticas agresoras do Goberno de Feijóo. Velaquí o seguinte editorial.

  


Se algo hai dabondo neste país no que atinxe ao movemento social son siglas. Organizacións, entidades, agrupacións, escisións, plataformas… Dá isto a entender, por unha banda, a grande iniciativa e o ánimo de impulsar constantemente alternativas, froito dunha análise constante e ansias por achegar ideas. Mais por outra parte albíscase unha importante división que constitúe seguramente a eiva máis importante que arrastra este país no eido no que estamos a falar. Sobran promocións persoais, gañas de fotos, fame de grandes titulares e sonoras declaracións. Sobra, nunha palabra, protagonismo e falta ás veces altura de miras, autocrítica e reflexión.

Tanto o positivo como o negativo deste feito ten que quedar necesariamente estancado o vindeiro domingo. Ben é certo que o asunto lingüístico mantén unha fenda que é motivo de división permanente, tamén desta volta ao presentárense dous grandes bloques. Tanto nun coma noutro, ficaron disolvidos os nomes que constitúen cada unha das dúas grandes plataformas convocantes, algo sen dúbida a valorar como moi positivo.

A responsabilidade tennos que levar a todos a esquecer estes matices e deixar para logo todo canto non sexa o motivo principal desta loita, que non é outro que a lingua. Trátase dunha loita que non é propiedade de ninguén, é unha loita do pobo, que en lexítima defensa sae ás rúas a resistir en prol do seu ben máis prezado. E coma tal, non sendo propiedade de ninguén, o pobo encherá Compostela co único espírito de amosar a firme vontade de defender a lingua e o máis absoluto rexeitamento ás políticas galegófobas do Goberno da Xunta e aos que as inspiran.  Vai ser o pobo quen responda ás agresións. Porque son moi cativos de conciencia e moi dubidoso é o compromiso daqueles que saian pensando en buscar a mellor posición para a foto, en agarrar a faixa máis polo por un lado ou ter preparada a máis grandiosa sentenza para cando o micrófono se poña diante.

Aquí apostamos por nin tan sequera citar ningunha das entidades organizadoras, malia recoñecermos o seu traballo e o seu esforzo. Consideramos que algunhas actitudes son manifestamente mellorábeis, mais outorgámoslle á manifestación do domingo a máxima importancia e por iso rexeitamos facer calquera outra valoración. Cremos que ten que ser histórica e cremos que así o vai ser. Están equivocados os que pensen que poden aproveitarse da grande masa social e orientala en favor dos seus intereses, atribuíndose mérito ningún. Vai ser o pobo quen colla as faixas e quen berre as consignas. É vital estar, sexa diante na cabeceira, polo medio ou contra atrás. De seguro que se os liquidacionistas da nosa lingua puideran deseñar o panorama do domingo o farían sementando divisións, mandando a uns cara a un lado e a outros para outro, entrecruzando berros e descualificacións de diante para atrás.

Que o domingo gañe a responsabilidade, porque gañará o pobo e gañará a lingua. Non veremos referencias nos medios públicos galegos pero estarán tomando nota en San Caetano. Non o esquezamos.

Adiante!

Ler máis »

14/10/2009 GMT -1

O ESTADO SUPERA TODOS OS LÍMITES PARA PERPETUAR O CONFLITO ARMADO EN EUSKAL HERRIA

augasceives @ 16:12

Artigo de Alberte Outeiro arredor da operación policial que onte mesmo deu coa detención de varios líderes da esquerda abertzale en Euskadi e Nafarroa. O Estado Español supera todos os límites ao asaltar a sede de LAB e deter a varios individuos polo único motivo de atopárense reunidos.

 

É xa incuestionábel a estas alturas que a vontade do Estado Español é perpetuar o conflito armado en Euskal Herría, aproveitar politicamente a violencia e derrubar calquera proposta que supoña o aproveitamento da vía democrática e dialogada. A superación de todos os límites certifica que o PSOE e mailo PP están cómodos nun escenario como o que arestora hai alí, sérvelles para aplicar as súas receitas de represión e para ensaiar na impunidade do silencio novas formas de acoso ao independentismo vasco. Por outra banda, a esquerda abertzale está a resistir a ofensiva españolista e teima en seguir traballando malia o “estado de excepción” que se instaurou nos territorios vascos.

Contra isto, Rubalcaba e Zapatero violan sen ningún tipo de problema todos os principios básicos nos que se di asentar a “democracia” española. Desmontan a separación de poderes empregando os instrumentos xudiciais para orientar a súa estratexia política. Empregan os medios de comunicación para darlle cobertura e amplificar unha operación argallada máis para as fotos dos xornais e televisións que para outra cousa. Vulneran liberdades básicas como poden ser a de reunión, asociación, expresión, participación en política, etc. Argumenta o Estado que estarían tentando constituír unha nova organización política, que eles posteriormente encaixarían na ilegalidade da Lei de Partidos. Abraiante. O asalto á sede de LAB e os rexistros realizados por varios puntos da xeografía vasca e navarra, coas cámaras de televisión detrás dos encapuchados, desmonta, unha vez máis (din) a posibilidade de que a esquerda abertzale poida participar en política. Son moitas as voces que aseguran que se está achanzando o terreo para ilegalizar a organización sindical LAB. Un dos detidos, o seu ex secretario xeral Rafa Díez Usubiaga non fora até o de agora prendido.

Dende ningún punto de vista se pode entender esta operación, á que mesmo lle queda curto o cualificativo de “preventiva”. Mesmo situándonos na súa lóxica de ilegalizacións mediante a Lei de Partidos, tampouco é explicábel pois aínda non se concretou o nacemento de ningunha nova organización política á que poder ilegalizar. Apuntan, pois, ás persoas e ao seu pensamento. A persoas que están procurando unha saída dialogada a un conflito que en Madrid se encargan de manter aceso.

O illamento da realidade social vasca é tal que un feito deste calibre, seguro que sen precedentes na historia moderna das “democracias” europeas, case non suscita reacción maioritaria ningunha. Apenas manifestacións de apoio chegadas dende as organizacións máis vivas e conscientes doutros pobos, como Galiza por exemplo. O anestésico mediático mantén entretida á “opinión pública” e, de tanto insistir na criminalización da esquerda abertzale e dalgunhas caras, o único sentimento que agroma é a aprobación desta nova violación de dereitos por parte do Estado Español.

Ler máis »

13/10/2009 GMT -1

O NACIONALISMO BO

augasceives @ 09:47

Artigo de Alberte Outeiro sobre a celebración do 12 de outubro e a exaltación dos valores propios do nacionalismo español, un ano máis. 

Un ano máis vimos de asistir á exaltación colorista do 12 de outubro. Día de la Fiesta Nacional, Día de la Hispanidad, Día del Pilar, Día de la Raza, Día das FFAA, etc. Varios son os cualificativos que recibe esta data mais un só o obxectivo. A exaltación do nacionalismo español mesmo fronte aos que chaman “nacionalismos periféricos”, debuxando o rancio sentimento españolista como un deber patriótico fronte á ameaza dos separatismos que procuran a destrución do concepto de España como nación, á que por certo van xunguidos uns valores morais establecidos durante a Ditadura Franquista. Incuestionábeis hoxe en día para non ser sinalado como sospeitoso de calquera delito que xa a Audiencia Nacional determinará.

En realidade, o que nesta data se festexa é o día no que seica Colón chegou a América. O día no que o grande Imperio Español comezaba a controlar o mundo e a espallar a civilización alén as augas do Atlántico. Ousan mesmo falar de “descubrimento”, tal que se alá non existiran xa civilizacións de seu nada necesitadas da chegada dos colonizadores españois. Espallaron morte e destrución, devastaron todo, impuxeron lingua, cultura e relixión, espoliaron o continente e roubaron todos os seus recursos naturais. Deixaron un ronsel que chega até os nosos días de pobreza, fame, miseria, ditaduras, corrupción e analfabetismo. Sementaron, iso si, un espírito de resistencia que nestes tempos ás veces semella ter prendido en maniféstase en forma de anticapitalismo, engraxado iso si con doses de populismo que se sostén en bases populares escasamente cultas.

O antiespañolismo que polo tanto agroma en Latinoamérica dende fai máis de cincocentos anos preséntasenos como antiimperialista, loxicamente, pois responde ao rexeitamento da colonización. Ese antiimperialismo maniféstase tamén, e coincide en razóns, co que se dá nos pobos oprimidos e encerrados dentro do propio Estado Español, único reduto que hoxe queda daquel “Imperio no que non se poñía o Sol”. Tanto alén do mar como aquí, baixo os dominios aínda da Coroa Borbónica, ese antiespañolismo é silenciado e criminalizado. A identificación en negativo do termo “nacionalismo” outorgoulle a connotación social do novo diaño a combater para salvar a unidade de España, como no 36 era o comunismo do que era preciso salvar á Patria, aínda que fora como foi. Xa se falamos do concepto “independentismo”, sen ningún problema incluírono xa no Código Penal para que democraticamente sexa ilegalizado.

Porén, hai un nacionalismo que escapa das consideracións que socialmente merece o galego, o catalán ou o vasco. É un nacionalismo que non se recoñece como tal, pero que é o máis agresivo e excluínte que hai, mesmo violento. Trátase do nacionalismo español, sostido sobre a mentira da “nación española”, alimentado en base a recordos do pasado e sostido en falacias franquistas. O nacionalismo español non repara en simboloxía, propaga o seu colorido a través dos medios que controla e convértenos en espectadores de luxo diante dos seus rancios tics. O máis claro exemplo, as imaxes do Desfile das FF.AA. e resto de actos con motivo desta data que en efecto só constitúe para a maioría unha ponte festiva máis no calendario: apoloxía do militarismo, da causa bélica e da forma de vida medieval son as credenciais que esta España moderna do século XXI amosa ao mundo. Un exército obsoleto e desfasado, que engule gasto público sen producir rédito verdadeiro ningún. A morte en guerras como motivo de honra e a cualificación de “servidores da patria” aos mercenarios falecidos en conflitos bélicos alleos, ao xeito que os “caídos” do Bando Nacional o facían “por Dios y por la Patria”. As reverencias á Coroa e a servidume total ás xerarquías militares, detrás das cales se agochan valores tradicionalmente clasistas, ultracatólicos e inseparabelmente machistas.

Ler máis »

08/10/2009 GMT -1

ILEGALIZAR O PARTIDO POPULAR

augasceives @ 18:29

Sabela Ferreirós reflexiona brevemente sobre outro dos opiáceos cos que se nos procura atordar nestes tempos de creba. A trama Gürtel é algo común, nunha ou noutra forma, ao conxunto dos partidos oficiais.

 

A chamada trama Gürtel enche estes días follas de xornais e minutos de televisión. Seica se trata dunha enorme argallada para o financiamento irregular do Partido Popular no que están implicados os máis altos cargos, empresas afíns e outros actores protagonistas desta farsa democrática. A rede tecida toca tamén, por suposto, a formación popular en Galiza. Poderíanse encher parágrafos maldicindo aos impresentábeis que se mofan de todo o sistema e de toda a cidadanía, parte da cal atordada rexeita aceptar o que se están a sabe. Sería en van. Sería enganarse. Sería perder o tempo e darlle migallas de credibilidade a este sistema.

Non é novidade que o financiamento dos partidos políticos é unha illa na escuridade que ninguén quere abordar. Os partidos oficiais sobreviven grazas a estas manobras, ao aproveitamento do poder e ás redes caciquís e de favores que ligan a dirixentes coa empresa privada. Son sempre os mesmos nomes os que aparecen en segundo que documentos. Cadeas de favores, concesión de obras, contratación de servizos, inchado de facturas… todas son prácticas habituais ás que agora se lle pon nomes e caras.

Acaso, cos instrumentos da España democrática, non habería argumentos para ilegalizar o Partido Popular?

Este noxento sistema chama a berros por unha reacción que o derrube.

Ler máis »

04/10/2009 GMT -1

O PRIVILEXIO DOS PARÁSITOS

augasceives @ 18:21

Opinión de Sabela Ferreirós arredor  das decisións en cuestións económicas do Goberno do Estado e do concepto "laico" que se lle aplica.

 

Ás voltas coa política económica do Goberno Español en plena crise, a filosofía dun partido seica de esquerdas fica detrás da porta e o PSOE racha todas as teorías económicas socialistas. A anunciada suba de impostos vai deixar indemnes ás clases altas, aos poderosos, ás rendas máis elevadas. O PSOE apunta cara os impostos indirectos, eses que gravan o consumo e polos que todos os petos pagan o mesmo. Fronte á crise, a manobra económica dos que se din socialistas é aumentar o IVE.

De actualidade os Orzamentos Xerais do Estado, que por estas semanas comezamos a coñecer, ían ser branco evidente dos opositores a este Goberno e necesariamente tiñan que ser especialmente observados nestes tempos de afundimento capitalista. Adoita ser o centro do debate o apartado de investimentos en infraestruturas e o gasto en política social. Alimento polo tanto para opinadores a soldo e creadores de opinión.

Imos dedicar este texto a salientar un exemplo definitorio do irracional de toda esta farsa. Nun estado autodenominado laico, e onde un Goberno foi branco dos ataques máis duros por parte dos sectores máis reaccionarios debido á relación Estado – Igrexa. A entidade Igrexa Católica (S.A.) mantén escandalosos privilexios de financiamento e exencións fiscais que ningún goberno se atreveu nunca a modificar, e aínda así chegouse a falar de “persecución aos católicos”. Daría para moito falar a historia desta entidade, das responsabilidades e das manchas de sangue que levan as sotanas, pero deixando iso a un lado, ollemos a actualidade, o hoxe, o século XXI no que a irracional fe pugna aínda coa ciencia e o coñecemento.

Dende hai dous anos, o Goberno do PSOE que seica “perseguía aos católicos” e á “fe cristiá”, aumentou dun 0,52 a un 0,7% a asignación que na declaración da renda cada cidadán pode outorgarlle á entidade privada Igrexa Católica (S.A.). Ese mesmo Goberno vaille entregar o ano que vén 159 millóns de euros en concepto de anticipo do que se estima que o IRPF lle outorgará á rede eclesiástica e aos seus negocios. O desaxuste en favor dunha ou da outra parte corrixiríase posteriormente. En concepto de anticipo segundo a previsión que se fai!! Repárese no obsceno que resulta todo isto en plena crise, da clase traballadora por suposto. Engadámoslle agora o destinado á Casa Real e pensemos na clase parasitaria que está a chuchar o sangue dos que padecen EREs, despedimentos e demais. É preciso relaxarse para que non se manifeste a violencia, cando menos de pensamento…

(esquezamos o financiamento do maltrato animal disfrazado de cultura, esquezamos o gasto en armamento militar…)

Ler máis »

14/09/2009 GMT -1

MEDO AO POBO

augasceives @ 17:56

Artigo de Alberte Outeiro no que reflexiona sobre o concepto de Democracia imperante no Estado Español que casualmente se empeña en excluír a súa propia esencia: referendos ou consultas populares.

A debilidade desta democracia demóstrase cando, malia as proclamas de liberdade de expresión, segue a habendo tabús dos que non se quere falar. En realidade sería recoñecer as fendas dun sistema moi coxo, feble xa dende que os seus vellos titores o reformaron e nolo presentaron coma novo. Onde a verba democracia acadara todo o seu esplendor, a verdadeira liberdade debería acubillar a posibilidade de expresar todo tipo de opcións políticas sen por iso ser desprazado. Posto que non é o caso, o primeiro atentado contra a “igualdade” chámase “monarquía” e a máis potente bomba contra a “democracia” chámase “lei de partidos”.

No canto de quere entender e explicar, óptase pola criminalización, a mentira e a manipulación; polo recorte de dereitos e a ilegalización para combater “legalmente” o que non poden facer coa forza da razón expresada en votos; pola represión para igualar a expresión popular libre. Élles imposíbel aceptar que centos de milleiros de persoas non se sintan cómodos no Estado Español, que non se identifiquen cuns valores argallados artificialmente e amosen rebeldía. Néganse a entender que poida haber máis sentimento ca o que tratan de impoñer e combáteno afogando outras linguas, culturas e posibilidades das que non aceptan que haxa quen poida estar orgulloso. Respecto é incompatíbel coa súa forma de entender esta democracia moldeada segundo o interese dos que din defendela.

Vén isto ao fío do acontecido onte no municipio catalán de Arenys de Munt. Alén dos datos, resultados e cifras que se puideran dar, temos que reparar nas reaccións dos “demócratas”. Un referendo é, por definición, a máxima expresión do significado da Democracia. Consultar ao pobo sen incluír polo medio amaños legais para que só poidan participar aqueles que sustentan a mentira, “sí” ou “non” a unha sinxela pregunta sen cálculos matemáticos que deturpen a representatividade da voz popular. Algo tan doado de entender e que sería a bandeira dos que se din demócratas é algo totalmente vetado no Estado Español, e tan só se lle atopa unha explicación: medo aos resultados, medo ao pobo. A única solución para que un referendo non arroxe un resultado incómodo é, sinxelamente, non convocalo. Así pois, as prohibicións de convocar consultas están á orde do día para quen sen reparo ningún ilegaliza opcións políticas.

Mais onte abriuse un camiño que ha ter continuidade, pois hai xa anunciadas iniciativas semellantes en 60 concellos e mesmo se están a barallar xa datas. Que mellor día para honrar o espírito democrático da Constitución Española que realizar unha consulta popular o 6 de Nadal? Día no que se conmemora o aniversario da súa aprobación en referendo cunha moi cativa participación, por certo. De seguro que dende Madrid se han tomar medidas e antóllase máis ca probábel calquera idea para impedir as consultas. O que pola contra non se han impedir son manifestacións como a de onte, onde o partido Falange Española convocaba unha mobilización (á que acudiron arredor de sesenta persoas chegades de fóra na súa meirande parte) en contra da celebración do referendo. Non é polo visto aplicábel a “Lei de Partidos” neste caso.

Ler máis »

03/09/2009 GMT -1

O MEDO GLOBAL COMO TRATAMENTO PREVENTIVO

augasceives @ 16:19

Sabela Ferreirós escribe sobre o "medo global" que se espallou, que espallaron, arredor da pandemia de Gripe A que seica ameaza ao mundo.

  

Asistimos a unha enxurrada de medo, ao espallamento da sicose colectiva. Ao espectáculo mediático arredor das especulacións co que chaman xa a primeira grande pandemia do século. Reunións propagandísticas, medidas de urxencia, debates sobre a influencia que terá, consellos para evitar o contaxio, mesmo utilización política… Os reparos en contaxiar o medo non foron moitos. O que existe é un sobresforzo non por evitar a gripe si, senón por deixar imaxe clara perante a sociedade de que se fixo canto se puido. Institucións aos distintos niveis, organizacións e entidades de todo tipo tiran folletos e demais medidas informativas que conteñen sempre os mesmos consellos e recomendacións, que por outra parte teñen unha garantía bastante limitada.

O medo global apoderouse dunha sociedade que se ve vulnerábel. O espectáculo a grande escala nútrese do morbo e neste caso a tentación de sementar alarma é máis grande que a de manter a tranquilidade social. A política propaganda imperante nestes tempos céntrase en aparentar, máis ca en facer. En aparentar traballo, en aparentar que se están a tomar medidas e que se fai todo o posíbel, en preparar para mañá a xustificación de porque aconteceu o de hoxe.

Mais os expertos, malia recoñecer unha maior capacidade de contaxio, non avalan por completo as teorías alarmistas. Máis aínda se temos en conta que até o momento, o virus H1N1 tan só foi letal naqueles doentes con outros problemas (graves todos eles) de saúde. Cada vítima mortal afectada pola gripe A é noticia e primeira dos informativos, que xa puxeron en marcha un contador como adoitan facer en casos semellantes. Pero a seguir recoñecen que a mortaldade desta variante da gripe non supera á do virus común. A diferenza está en que non todos os anos a gripe alimenta as terminais mediáticas, que á súa vez desta volta son usadas para espallar a estratexia do pánico global.

Con todos estes datos contraditorios, coa estratexia do medo a grande escala sen xustificar, non é raro tentar albiscar que se agocha máis alá. Como non é difícil pensar en que alguén está enchendo os petos, que alguén xerou este medo e mesmo que alguén, para as mentes máis intrépidas, creou cientificamente a pandemia. Porén, esta última teoría ten un piar no que sosterse: o único medicamento comercializado e recomendado pola OMS é dunha empresa farmacéutica propiedade de Donald Rumsfeld, ex dirixente dos EUA durante o mandato de Bush.

Ler máis »

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis