Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

Categoría: OPINIÓN

02/03/2010 GMT -1

JOAN LAPORTA OU A CRIMINALIZACIÓN DAS IDEAS

augasceives @ 19:16

Alberte Outeiro reflexiona no seguinte artigo sobre o acoso mediático a Joan Laporta, Presidente do FC Barcelona e recoñecidamente independentista que encamiña agora a súa acción á política nas próximas eleccións en Catalunya.

O deporte de elite é hoxe unha cobizada plataforma para espallar mensaxes, nomeadamente o fútbol profesional, convertido nun verdadeiro trasfego de intereses no que negocios e poder se mesturan acotío. Joan Laporta está a piques de esgotar o seu mandato á fronte dun dos clubes máis poderosos do mundo, no que demostrou unha xestión impecábel á vista dos resultados colleitados e atendendo á filosofía social que foi quen de imprimirlle ao FC Barcelona. O equipo que bateu marcas tanto en números como en conceptos estilísticos (futbolisticamente falando) fíxoo asentado na práctica totalidade en mozos procedentes da estrutura propia da escadra catalá.

Nos últimos tempos, e consciente de que a súa quenda na Presidencia do Barça achegábase á súa fin Laporta incrementou o nivel de manifestacións públicas demostrando o compromiso co seu País, tanto con declaracións como coa participación en diversos actos. Unha manobra perfectamente planificada pois así como nunca ocultou o seu sentir nunca negou tampouco as súas aspiracións políticas, que fixa a curto prazo nas eleccións ao Parlament de Catalunya do vindeiro outono. Isto converteuno en branco da xenreira do tecido mediático españolista, e non só deportivo. Proe moito en Madrid non só a exitosa xeira deportiva senón tamén o seu ideario independentista, así como o seu papel como altofalante dun país con potencial de seu en todos os eidos, un país que non é España.

Joan Laporta vén nos últimos tempos soportado as máis envelenadas críticas, das cales a principal é a de “mesturar fútbol con política” tal que se fora un delito ou algo así como o nunca visto. Aqueles que o acusan esquecen conscientemente que a práctica totalidade dos presidentes de clubes profesionais manteñen estreitos vencellos con partidos políticos e con grupos económicos que condicionan máis dunha decisión no clube que representan. O ataque político a Laporta dende o que el mesmo definiu como a “caverna mediática españolista” revístese de intereses comerciais que se asentan no odio que sementou esa “caverna”. Alimentaron o desprezo cara a unha das principais figuras públicas de Catalunya e aqueles que enguliron a mensaxe hoxe gozan (e mercan xornais) avivando a chama contra o independentismo de Laporta e contra a súa persoa.

Velaí precisamente o grande delito do Presidente do Barça. Non se persegue que queira dar o paso “á política”, como lexitimamente (mentres non sexa ilegalizado…) pode facer, nin se persegue que presente a súa propia web comezando a súa propia campaña electoral aínda sen saber baixo que forza concorrerá, o que demostra un personalismo que tamén amola aos seus detractores. Polo que Joan Laporta é perseguido é por ser e manifestarse publicamente independentista, en favor dun estado catalán e da separación de España. Ser independentista en España, non comulgar co discurso oficial sae caro e segundo a forma na que se realice as consecuencias son unhas ou outras. A base social independentista en Euskal Herría ve como son ilegalizadas as súas organizacións e como se lle negan os seus dereitos democráticos prohibíndolles votar e participar no xogo electoral; as caras máis coñecidas e os responsábeis da dirección da esquerda abertzale son apreixados pola “Xustiza Española”. En Galiza, as bases maioritariamente mozas padecen o que se chama represión de baixa intensidade: violencia policial nos seus actos, sancións económicas desproporcionadas, acoso continuo en diversas formas… e como non, tamén detencións e prisión preventiva con farsas xudiciais. En Catalunya a organización de referendos como a máis pura práctica democrática segue a ser ilegal, e as manifestacións antimonárquicas sáldanse tamén con detencións e multas económicas.

Joan Laporta é unha figura pública de recoñecido prestixio que serve de altofalante a un discurso que pon en dúbida o establecido. O ataque á súa persoa procura o derrubamento das súas posibilidades políticas, que se acadaran resultado serían unha moi mala nova para o status quo territorial español. Porén, e como non representaba ameaza, nunca foron criticadas as relacións e a pertenza de Florentino Pérez (Presidente do Real Madrid) ao Partido Popular nos tempos nos que o estadio madridista semellaba o mesmísimo Consello de Ministros. Nin tampouco os propios responsábeis de antes e de agora dos clubes galegos, Lendoiro no Deportivo (chegando a compatibilizar o cargo de Presidente da Deputación da Coruña co da Presidencia) ou Horacio Gómez e o resto da súa directiva no Celta (Alfredo Rodríguez era Alcalde de Nigrán ao tempo que conselleiro no clube vigués); e poderíamos seguir citando o resto de mandatarios do fútbol galego, con curiosa afinidade común todos eles á actividade política.

Ler máis »

16/02/2010 GMT -1

REXENERACIÓN CAPITALISTA

augasceives @ 15:33

Artigo de Alberte Outeiro no que escribe sobre a creba capitalista e o que ten de proceso rexenerativo de si mesmo. 

 

A creba capitalista leva camiño de ser un proceso de rexeneración do propio sistema. Unha adormecida clase obreira e unha inexistente esquerda institucional están a permitir que as estruturas que provocaron a desfeita financeira se vaian recompoñendo. A rede bancaria móvese para reconfigurar o mapa de bancos e caixas, suprimindo estas para devolverlle espazo aos primeiros. Os millóns de parados seguen a ser os que lle poñen cara á fochanca do capital e os estados máis probes, caso de Grecia, serven de argumento para espallar o pánico e soster as medidas de recorte social e ataques ás prestacións e coberturas sociais.

A situación en Grecia é proxectada aquí para ir preparando o terreo e xustificar as medidas que veñen. Levamos semanas escoitando falar das “solucións” que o sistema prepara para paliar os efectos dos seus propios excesos. Todas levan a mesma dirección e teñen o mesmo denominador común. Grecia serve como medo e como escusa para xustificar as actuacións que preparan aquí: reforma laboral, recorte das pensións, suba dos impostos, conxelación salarial…

A sutileza é unha poderosa arma coa que ir coando pouco a pouco unha seria de medidas que non gozan de debate social, xa que as plataformas que o deberían suscitar están narcotizadas e amordazadas. Non haberá debate e cando nos decatemos a recuperación e o relanzamento do sistema asentarase sobre uns alicerces novos, máis agresivos e aínda máis depredadores do que o eran até agora.

Se a reacción segue a demorarse, a loita será polo mantemento dos dereitos acadados e non pola conquista doutros novos. E ese sería un síntoma letal.

Ler máis »

01/02/2010 GMT -1

O CAPITALISMO BUSCA REXENERARSE

augasceives @ 21:24

Interesante artigo de Alberte Outeiro no que analiza a proposta emitida polo Gobierno de España para acometer unha reforma da Seguridade Social que atenta claramente, unha vez máis, contra a clase traballadora e contribúe á rexeneración do capitalismo.

  

O capitalismo segue á ofensiva en todas e cada unha das súas formas, en todos e cada un dos ocos nos que se ergue en forma de gobernantes democráticos. Recuperándose nas súas propias cinsas, diante dunha esquerda institucional adormecida e fraudulenta que definitivamente abandonou á clase traballadora argalla novas formas de supervivencia malia ser evidente o seu fracaso como modelos social e económico. A grande traizón dos “sindicatos oficiais” é aproveitada pola chamada socialdemocracia para seguir asentando as bases da perpetuación do modelo. Todas as reformas das que se falan e das que temos novas van na mesma dirección: máis opresión ás clases traballadoras, máis recortes sociais, máis potenciación do privado fronte ao público, máis marxe ás rendas insultantemente elevadas.

Xa hai uns meses sairá do Parlamento Europeo a iniciativa de ampliar legalmente a xornada laboral a 65 horas, en dirección inversa ao que camiño que se debería emprender á procura da redución da precariedade, do desemprego e buscando o camiño dos avances sociais e de benestar. A dereita neoliberal europea garda esa carta na manga, e faina hibernar sen esquecela para retomala nun futuro. As novas que agora chegan dende Madrid, capital deste “noso” Estado e por quenda da Unión Europea, na mesma dirección. Só un mes despois de estreada a Presidencia da UE, Zapatero preséntanos unha caixa de medidas propias dos líderes máis salientábeis da dereita ultraliberal. Dos poucos trazos que se coñecen, o que máis impacto social causou (inducido polos medios de propaganda do sistema) foi o de ampliar aos 67 anos a idade de xubilación.

Resumir tan só niso a futura reforma da Seguridade Social que pretende emprender o Goberno de España é excesivamente simple e prexudicial para a análise seria das intencións do PSOE e dos satélites que xiran arredor del, incluíndo á propia Patronal. Presentándoa como unha necesidade inminente, o que fan os promotores da reforma é lanzar a mensaxe de que o sistema de pensións está feble e ten data de caducidade, causando o efecto inmediato da sicose colectiva que desembocará nun importante aumento das proteccións complementarias por medio do sector privado. E aí a banca abre un bo pozo de negocio.

Outro dato que pasa perigosamente desapercibido é a intención de ampliar a máis dos quince actuais os anos traballados para calcular a base de cotización que dará lugar á pensión correspondente. Canto máis atrás se retroceda no tempo, máis baixos serán os salarios que se inclúan no cálculo e máis debilitada será a media resultante. As xa deficientes pensións minguarán aínda máis. Por se fora pouco, prexudícase claramente ás mulleres, que viron como a súa incorporación ao mercado laboral tivo un importantísimo pulo nos últimos anos. Se o cálculo afonda alén o tres lustros, atoparémonos con que daquela non era tanta como pode ser agora a presenza feminina no mundo do traballo.

O retraso na idade de xubilación vai contra a necesidade da redución da xornada laboral e é contrario ás políticas de prexubilacións das que se está aproveitando con pouco máis de cincuenta anos moito empregado de banca e alto directivo de empresa grande. O obxectivo semella ser que o que traballa, traballe máis aínda; e o que non, que perciba menor cobertura estatal do que o fai agora (os/as que o fan).

Á hora de falar de reformas estamos fartos e fartas de que estas apunten sempre cara a nós, que vaian sempre na dirección de fomentar o privado e que sigan sen causar a máis mínima molestia ás rendas máis altas. Elas parecen estar exentas de ter que sufrir as crebas do sistema, parecen gozar da protección garantida fronte aos traballadores e traballadoras cuxos petos están sempre abertos para que o Estado meta a man neles. Algo acontece cando a maior aspiración dunha importante parte da poboación aspira como meta máis alta a converterse en funcionario/a. E mentres os e as mortais discutimos destes pequenos detalles que día a día nos entreteñen, a clase monárquica co seu sangue azul segue a xestionar ben os privilexios que o suor do noso traballo lle proporciona.

Ler máis »

30/01/2010 GMT -1

A CARA CHISTOSA DA XUSTIZA ESPAÑOLA

augasceives @ 11:00

Sabela Ferreirós achéganos este artigo no que escribe sobre o produto cómico-comercial no que se convirten algúns xuízos na Audiencia Nacional, especialmente cando se trata de xulgamentos con marcado interese político e actúan maxistrados ou maxistradas con vocación de humoristas.

 

A prostitución de conceptos da nova linguaxe establecida afecta moi especialmente a palabras como “liberdade” ou “xustiza”. A primeira é empregada cada vez máis efusivamente por aqueles que verdadeiramente a desprezan, polos que defenden firmemente a súa liberdade pero desprezan os dereitos dos demais. A segunda padece acotío violacións da súa integridade e do seu significado. A propia estrutura xudicial do Estado Español e a súa aplicación é un atentado en si mesmo ao verdadeiro significado do que tería que ser o que se entende por xustiza.

Os propios organismos nos que se sustenta o Poder Xudicial, unha das súas principais características como é o da independencia, os encargados de impartir algo tan necesariamente obxectivo como é a xusta equidade, etc. están pervertidos dende a súa concepción. Tribunais de excepción destinados en exclusiva a xulgar casos políticos, herdeiros directos do aparello xudicial do Franquismo, como pode ser a relación directa entre a Audiencia Nacional e o Tribunal de Orde Pública convértense en piares desta afirmación. A non elección directa por parte do pobo dos compoñentes dos organismos xudiciais converte a este enredado en calquera cousa menos en democrático; senón en algo axeonllado ao poder político (de aí os conceptos comunmente aceptados de maiorías “progresistas” ou “conservadoras”, en directa relación cos dous meirandes partidos do Estado). E finalmente algo que comeza a espallarse nos últimos tempos debido ás novas realidades mediáticas no tempo do inmediato e do directo: os e as xuízas “estrela”, tal que artistas ou produtos televisivos, as súas actuacións captan a atención polas súas formas no canto de polos seus contidos.

É o caso deses xuíces coñecidos e recoñecíbeis pertencentes á A.N. e que destacan por ocupárense de casos con grande repercusión mediática. Á listaxe hai que engadir unha nova compoñente. Aproveitando o tirón xornalístico do que goza o xulgamento a un representante político da esquerda abertzale como é Arnaldo Otegui, a xuíza encargada fai un considerábel despregue de citas e comentarios que son aplaudidos e celebrados pola corte mediática españolista. Canta máis humillación procure a encargada de impartir xustiza contra o acusado máis atención das terminais propagandísticas logrará, aínda que esta sexa sen o máis mínimo respecto a calquera valor democrático. A impunidade destas figuras televisivas permítelles, para goce colectivo do españolismo reseso, criminalizar e ilegalizar ideas, iniciativas políticas, persoas, culturas, linguas, etc. En concreto, a maxistrada chistosa permitiuse nunha das sesións celebradas esta pasada semana empregar unha linguaxe pouco propia da súa actividade, gañándose así o recoñecemento público dos xuntaletras a soldo. Velaquí a ligazón á web de Kaosenlared.net, onde se pode atopar o vídeo do momento.

Ler máis »

17/01/2010 GMT -1

SOMOS TODOS GALEGOS NO DÍA 21?

augasceives @ 15:56

A agresión contra o galego que tenta consumar Feijóo por medio do xa coñecido “decretazo” traspasa fronteiras. Á oposición total dende todos os sectores do ensino e do resto da sociedade galega, así como institucións (CCG e RAG), forzas sindicais etc. hai que engadir a preocupación alén Miño, onde a lingua irmá portuguesa sente tamén no se pelexo esta “navallada”. A seguir reproducimos un artigo de opinión publicado no xornal luso Correio do Minho, na pasada quinta feira (14 de xaneiro) asinado polo xornalista Costa Guimaraes.

 

Somos todos galegos no día 21?

Língua galega é o nome oficial no Reino da Espanha e na União Europeia do idioma natural da Comunidade Autónoma da Galiza. Esta língua é falada na Galiza, em zonas de fronteira das Astúrias e de Castela-Leão e nas comunidades de galegos emigrantes, como na Argentina, Cuba e no Uruguai (porque mais de três milhões de emigrantes galegos moram naqueles países).

O galego pode ser visto como uma forma evoluída do galego-português, como o português da Galiza (da mesma forma que se fala de 'português de Portugal' ou 'português do Brasil').

O galego-português formou-se a partir do século IX, na antiga província romana da Gallæcia e as famílias, as crianças e os jovens da Galiza pedem a solidariedade dos portugueses, com veemência especial dos minhotos, quando preparam uma greve geral nas escolas para protestar contra uma agressão histórica contra uma das fortes componentes da Lusofonia, o galego.

A greve foi convocada pela plataforma Queremos Galego para o dia 21 deste mês para tentar impedir a mais forte agressão contra o idioma próprio da Galiza em toda a vida democrática de Espanha.

Se para os galegos é tão importante envolver todas as pessoas com sensibilidade pela sua cultura, é importante que saibamos ser solidários com eles contra este decreto que não tem o apoio das famílias, nem dos professores, nem dos alunos.

O decreto ofensivo da Língua galega foi apresentado a meio das férias do Natal pela Junta da Galiza sob a capa da aprendizagem do inglês, prejudicando nitidamente o galego, numa acção que os linguistas da Galiza consideram uma burla tremenda porque se vende um suposto 'trilinguismo' — castelhano, inglês e Galego — que é impossível aplicar em quase toda a Galiza.
Com falácias sobre o inglês o que tentam é confundir a opinião pública e camuflar esta navallada contra o galego — acusam os promotores da greve geral.

O último censo da Galiza assinalava que 20% dos rapazes e raparigas entre 14 e 19 anos são analfabetos funcionais em galego. A Junta, em lugar de ajudar a resolver este gravíssimo problema, aprofunda-o e cria outros novos. Como se pode entender que se proponha como justo reduzir a presença da língua mãe no horário escolar? — perguntam os opositores deste decreto-lei que favorece o inglês e despreza o galego.

Em nome da liberdade de escolha e face à imposição unilateral de Núñez Feijóo, as comunidades educativas reclamam que se escute a sua voz, porque o decreto galegófobo não merece mais que a sua rejeição.

No dia 21 de Janeiro, os minhotos não devem esquecer um abraço de solidariedade aos galegos que lutam por um dos seus emblemas mais vivos da sua identidade como povo e baluarte da sua autonomia face à imposição castelhana sob a capa da liberdade. Não apenas por amizade aos galegos, mas porque a Lusofonia está ameaçada e ficará empobrecida na Galiza com este decreto da Junta de Nuñez Feijóo.

Ler máis »

15/01/2010 GMT -1

PASAN OS VENRES E SEGUE O LUAR

augasceives @ 10:34

Sabela Ferreirós escribe neste artigo sobre o espazo máis sobranceiro da televisión pública galega, obra do fraguismo, sobrevivinte durante o Bipartito e impulsado agora polo PP de Feijóo. O Luar lévase emitindo cada venres dende hai máis de dezasete anos. 

 

Unha das acusacións que maior forza tomou contra o Goberno Bipartito do PSOE e o BNG á fronte da Xunta nos pasados catro anos foi a de seren covardes. A de non demostrar a valentía suficiente para impulsaren o cambio que verdadeiramente precisaba este país, que pedía a berros esquecer o pesadelo dos dezaseis anos de fraguismo. Hoxe son vítimas do seu medo, da súa incompetencia e da súa ineficacia; non foi Feijóo nin o PP quen remontou posicións nin quen convenceu a ninguén, non fixo méritos para ser hoxe Presidente da Xunta. Mais éo. E padecémolo porque, malia non desexar outra lexislatura de neocaciquismo bipartito con revestidas políticas de dereitas e continuístas, estamos a ver a crúa realidade da ultradereita españolista campando ás súas anchas no Goberno Galego.

Para vergoña de galegos e galegas orgullosas de selo, do máis sorprendente que PSOE e BNG decidiron manter e non tocar (por covardía) foi o programa Luar na grella da televisión pública. Como cada noite de venres dende setembro de 1992, o cheiro a rancio seguía espallándose pola televisión pública entre a incredulidade de que ninguén do novo goberno ousara erradicar para sempre a visión máis reducionista da nosa cultura en forma de programa televisivo con presentador falabarato. Era como un carballo inamovíbel, semellaba algo tan consolidado que amedrentaba e se defendía escudándose na permanencia ao longo dos anos, na veteranía e como non, na audiencia. Tal que se falaramos dunha simple televisión comercial, o Luar acumulaba méritos por obter bos resultados de audiencia. O carácter de servizo que se lle supón a un medio público era un argumento case romántico fronte á lóxica esmagadora dos números nun mercado máis. Un mercado no que estaba á venda a nosa propia cultura e identidade que neste vertedoiro paleto se prostituía sen reparo ningún.

Os máis reducionistas ousan falar del como “parte xa da nosa cultura”. Como se a nosa cultura non fose máis que a leira privada dun simpático demagogo fachendoso de terse coñecido, bandeira da visión cultural de Pérez Varela e Fraga Iribarne que por se fora pouco se puxo ao servizo do réxime nos tempos máis difíciles que este País ten padecido. Foi cómplice da manipulación da TVG en plena crise e reacción a conta do Prestige. Haberá quen defenda nel uns valores do que se deu en chamar “galeguidade”, por ser seica espazo seguido entre a comunidade emigrante; haberá quen o defenda como plataforma da que partiron moitas caras coñecidas hoxe do audiovisual galego, haberá quen o defenda como escaparate de innumerábeis representacións da nosa cultura e música tradicional, do noso folclore e tradicións… Mais todo isto non é mérito engadido, non é característica diferencial nunha televisión pública, senón que é obriga dun espazo televisivo asentado en fondos públicos, ao abeiro dunha entidade (CRTVG) que ten como obxecto e motivo da súa creación a promoción e difusión da nosa lingua e cultura.

Pero o Luar é máis ca iso. O Luar é tamén un programa que ten un cheiro a podremia que é o motivo deste artigo e o principal argumento para a crítica. O Luar converteuse nun espazo coñecido e recoñecido entre os máis desabrigados sectores do mundo da farándula española. É o vertedoiro no que os refugallos doutros programas musicais de cadeas estatais veñen a sentírense cantantes por unha noite, previo pago iso si dunha cuantiosa suma e co tratamento de estrelas da canción. Pseudoartistas cuxa mellor época (os e as que a tiveron) queda xa moi lonxe saben que sempre lles quedará a televisión pública galega para lucírense cun ridículo playback e engordar un pouco máis os seus petos. Desprendementos do que noutrora foran significadas figuras do panorama musical español e ultimamente xa simples comediantes que nunca foron nada máis ca desvergonzados moi ben pagados polas miserias do xornalismo chamadas “prensa rosa”. Lixo comercial que logo de seren repudiados nas cadeas de Madrid son pagados e pagadas en Galiza para faceren parte dese “emblema da nosa cultura”. O gasto é descoñecido, por impresentábel, a ollos dunha audiencia que por inercia e acomodada cae en vicios como o de pór o Luar os venres á noite, mais que inconsciente consome algo tan alleo a nós mesmos como gorentoso para os resucitados que volven danzar diante do sorriso repugnante e permanente de detrás do micro. Máis alá do económico, cómpre facer mención ao espazo que as cinsas das televisións estatais ocupan e no que desprazan a representantes da nosa música e cultura. Porque aquí non atopan sitio bandas emerxentes de calquera dos estilos que hoxe en día a música galega cultiva, que son absolutamente todos. Non atopan oco os e as que fan da nosa lingua o elemento de normalidade no eido musical, non atopa lugar quen non cumpra o perfil de produto para ser consumido por un público atordado e despreocupado, sen capacidade de crítica e devorador de todo aquilo que lle presenten.

Ler máis »

04/01/2010 GMT -1

UNHA ESTRATEXIA ELECTORAL QUE SOBREPASOU MOITOS LÍMITES

augasceives @ 17:49

Alberte Outeiro escribe sobre o conflito lingüístico que o PP creou en Galiza. Repasa acontecementos, dende que a artificial liorta foi trasladada ao noso país até os tempos de resistencia nos que estamos, e que veñen...

 

Se botamos unha ollada cara atrás, á procura do inicio deste chamado “conflito lingüístico”, temos que retroceder bastantes meses no tempo e superar o Padornelo camiño de Madrid. A polémica electoralista da persecución ás linguas comezou en Catalunya e foi amañada pola dereita española (tanto políticos como medios de propaganda) con aquela de que o castelán estaba perseguido por aquelas terras. A mentira foi medrando como medran estas cousas, a base de repetilas unha e outra vez ao xeito da propaganda nazi de Goebbels. Á sombra desta estratexia electoral mesmo naceron partidos políticos en Catalunya –e despois tamén outros de carácter estatal- cuxa única bandeira era a defensa do castelán seica marxinado.

A seguir esa falacia foise espallando e exportouse a Galiza, onde nunca existira tal polémica mesmo nos dezaseis anos de Goberno do ex franquista Fraga Iribarne. Soprando fortes os ventos da intoxicación propagandística das terminais mediáticas da dereita española, o poderoso iate do españolismo arribou ás aínda desprestixiadas costas con Alberte Núñez Feijóo ao temón. Co PP no goberno da Xunta e apreixado polos minúsculos grupos que a propaganda ultra fixo medrar, animado polos seus máis fondos desexos e negándolle a atención mesmo a boa parte dos seus propios simpatizantes, os despoxos franquistas que predominan no Consello da Xunta pariron a grande labazada ao pobo galego, ao seu principal signo de identidade e a súa razón de ser. Os argumentos que Feijóo, Vázquez e Lorenzo son tan ridículos como o seu autoodio. O pobo galego está a ser vítima, estamos a ser vítimas, dun labirinto tecido en Madrid e no que os nosos pobres gobernantes entraron sen saberen saír. A función para a que unha estratexia electoral é deseñada cúmprese cando son conqueridos os obxectivos, tal que gañar unhas eleccións. O que non é asumíbel é que vaian máis alá e atenten contra algo que nos é tan propio como a nosa lingua.

Son detestábeis as súas intencións, son desprezábeis eles por telas. Xogan co futuro e empregan o sistema educativo para abrir a máis perigosa vía de auga e tentar así afundir o barco. Coñecen a realidade e saben que todo o que explican é falso, que a lingua propia deste país precisa máis promoción que a de fóra. Agóchanse na falacia do “trilingüísmo” mesmo recoñecendo que non é posíbel a súa instauración. Abusan da necidade e malgastan explicacións que ninguén cre. Pero téñennos en fronte, en pé, decididos a resistir porque aínda que teñan o poder, nós temos a forza. A forza da razón, da nación e da determinación, da dignidade. E imos seguir porque non poden con nós!!

Ler máis »

SÓ PALABRAS?

augasceives @ 15:15

Artigo de Sabela Ferreirós no que analiza a mudanza de termos que sutilmente se está a producir na comunicación con fins e obxectivos, coma sempre, acomodados aos intereses do sistema.

 

Ben sabido é que a política moderna consta principalmente de grandes aparellos propagandísticos cos que espallar a mensaxe e introducila no imaxinario colectivo a base de repetición, aínda que o que se tente transmitir sexa unha clamorosa mentira. Os bos comunicadores son máis prezados que as capacidades de desenvolvemento de ideas e solucións para dirixir as forzas políticas modernas. Os sorrisos páganse mellor que as ideas. Detrás están os chamados laboratorios de ideas, que se relacionan con estreitos lazos entre si que ao final rematan por tecer e deseñar un sistema no que se dilúen os partidos políticos. Desaparecen as diferenzas ideolóxicas entre si e fican só matices no debate político.

Bo exemplo é a mudanza terminolóxica que sen decatármonos estase a consolidar na retórica moderna, no oral e na escrita dos medios e nos discursos cos que nos pretenden guiar. Tan só tres exemplos representativos que tentan facernos pensar que nesta xa segunda década do século XXI algúns termos nos poden facer parecer ancorados nun pasado afogado pola pseudo progresía instalada nos partidos políticos.

Axentes sociais son hoxe o que até hai ben pouco eran os sindicatos, se cadra con algún matiz. Na era da paz social e do diálogo construído por enriba da realidade, as decisións de común acordo tómanas as administracións e os “axentes sociais”, concepto no cal se inclúen os sindicatos –entendidos como representantes lexítimos dos traballadores- e a patronal –entendida como agrupación dos empresarios-. Mais na metade que lle corresponde aos sindicatos tan só entran aquí os monicreques do “sindicalismo oficial”, das dúas pólas do sindicato vertical que partillan discurso e formas de proceder. Axentes sociais son, polo tanto, CCOO, UXT e a CEOE. A estas tres organizacións outórgaselles a representación absoluta de toda unha sociedade, xa que non están ao abeiro do termo organizacións sindicais que discrepen do discurso oficial e non senten nas mesas de negociación-traizón.

Vencellado co termo anterior, non fale hoxe de traballadores, concepto que perigosamente lembra a unha ideoloxía socialista que tende a arrimarse á esquerda afastándose do sempre recomendábel “centro político” (velaquí outro novo eufemismo para falar do que sempre foi a “dereita” máis pura). Introdúcese e espállase a palabra “familias” para referirse ao conxunto da sociedade que tamén coñecido como asalariados. Polo tanto, xa non temos nin sindicatos nin traballadores, hoxe falamos de “axentes sociais” e “familias”. Apréciese aquí a sempre insistente influencia da Igrexa Católica, que fai valer aí as súas teses para conseguir que predominen as súas preferencias e as definicións tal e como eles as conciben: familias que se sobreentende que son as compostas por un matrimonio heterosexual con fillos.

Nesta xeira non podemos deixar de incluír un exemplo que nos é propio e que ficaría sen valor se non coñecemos a realidade galega pois é un exemplo xenuína e desgraciadamente noso. Entre os cascallos que vai deixando a política de derrubamentos de Feijóo está tamén o concepto “normalización lingüística”. Loxicamente é o oposto á súa idea de exterminio da lingua propia, agroma a teoría de que non é preciso normalizar o galego pois detrás da suposta imposición a nosa lingua fica xa plenamente asentada nunha sociedade que lle é propia e á que pertence. No borrador do novo decreto do galego no ensino coñecido hai poucas datas apréciase a desaparición do concepto “normalización lingüística”, algo que ninguén discutira até agora e que mesmo compartía a anterior dirección do PP en Galiza. Foi baixo presidencia de Fraga Iribarne cando se aprobou o Plano Xeral de Normalización Lingüística por unanimidade no Parlamento Galego. Quen inflúe aquí son os novos colectivos da ultradereita española, que teñen na eliminación da lingua galega as súas razóns para existiren. O concepto “normalización lingüística” está dende o comezo entre os seus brancos e teñen no punto de mira a propia Lei de Normalización Lingüística que xa de facto Feijóo está a incumprir. Un exemplo é a mudanza dos “Equipos de Normalización Lingüística” a “Equipos de Dinamización Lingüística”, entre outros moitos…

Ler máis »

29/10/2009 GMT -1

OS PREXUÍZOS COMO FONTE DE LEI

augasceives @ 22:00

Opinión de Alberte Outeiro sobre a nova reforma da Lei de Estranxeiría que outorga a condición de "presuntos delincuentes" de xeito preventivo aos inmigrantes. 

 

Aínda a cultura maioritaria instalada na “opinión pública” da sociedade española se pode considerar como racista. Non hai máis que analizar como os medios de comunicación dan as informacións relativas a inmigrantes ou cales son as connotacións que lle outorgan á inmigración. Coma tal, o Goberno acubilla ese tratamento impulsa a cuarta reforma da Lei de Estranxeiría en só nove anos. Faino dende unha perspectiva sementada de prexuízos, criminalizando ao colectivo inmigrante e presupoñéndolle a condición de delincuentes aos que ousan chamar “ilegais” ou “sen papeis”.

Os dereitos humanos ou a integración son reivindicacións das organizacións sociais que se levan manifestando dende que se coñeceron os primeiros trazos desta nova lei, mais son conceptos que non se albiscan no novo texto. A modificación máis grave é o aumento do período de detención dos inmigrantes nos centros de internamento, que pasa dos corenta aos sesenta días. Non se lle concede tratamento humano ás persoas tendo en conta a súa procedencia ou nacionalidade, non se lle presupón inocencia e, o que é peor, non hai vontade de realizar unha análise máis detallada dende o fondo da cuestión. Non se busca a óptica de se fala de persoas que fuxen dunhas condicións infrahumanas á procura dunha solución para os seus, tirándose a un mundo que non é o que imaxinaban e no que se atopan con crueldades impropias das democracias avanzadas ás que eles cren chegar.

Perséguese non só aos inmigrantes polo feito de selo, senón aos que ousen apoialos. Establécense sancións de até dez mil euros para aquelas persoas que acubillen “ilegais” –como eles- en situación irregular. Quizais, no canto de conformarnos coa explicación de que estamos perante un problema de prexuízos racistas, deberiamos avaliar se reciben o mesmo tratamento os inmigrantes segundo a súa profesión ou condición social. Referímonos, por suposto, aos deportistas de elite.

Un pobo que esquece o seu pasado non pode asentar o seu futuro. Igual ca noutras moitas ocasións, o Goberno Central obvia as distintas realidades dos pobos do Estado e descoñece a Historia e aos que a escribiron. A nosa, por exemplo, non existiría sen o fenómeno de emigración. Pobos emigrantes que agora esquecen de onde veñen, casos que se deron noutros puntos de España e que hoxe, créndose no cumio e na vangarda da humanidade, atrévense a non lembrar.

Ler máis »

PAGUE E CALE

augasceives @ 21:16

Artigo de Alberte Outeiro ao fio da aprobación da nova Lei de Tráfico, que "facilita" o pagamento inmediato das sancións económicas.

O Congreso dos Deputados vén de aprobar a nova Lei de Tráfico co apoio de todos os grupos agás o Partido Popular. Ao igual ca o resto das características que conforman a política do PSOE neste sentido, a nova normativa está adornada con declaracións que fan referencia á seguranza viaria, á facilidade dos condutores para efectuar o pago das sancións e en definitiva a argumentos que fan crer que o interese que os move é o de mellorar as condicións de circulación e reducir os accidentes de tráfico.

Por suposto, nada máis lonxe da realidade. Porque se xa tiñamos o convencemento pleno de que a verdadeira finalidade da DXT e do Ministerio era unicamente a recadación, agora achegan unha nova e definitiva proba de que isto é así. Cada unha das súas accións, cada unha das súas campañas ten como motivación o aumento das sancións. Poderíamos facer unha longa listaxe de porque isto é así, presentando exemplos e cuestionando cada unha das súas medidas. Mais todos sabemos onde, cando e como sitúan os radares, todos sabemos que as mellores medidas de disuasión son as sinalizacións, todos sabemos a vontade que teñen en mellorar a rede viaria, o código de circulación e a sinalización das estradas.

A partires de que a nova lei entre en vigor, unha serie de medidas encamiñadas ao pagamento rápido das multas activaranse tamén. A ampliación do abano de sancións e o recorte de dereitos son o pano de fondo desta modificación. Detrás do suposto aumento da comodidade para os infractores á hora de pagar unha sanción no prazo de vinte días (quince actualmente) reducíndose nun 50% (30% hoxe) o que está é a chantaxe da rebaixa no importe a cambio de asegurarse ese cobro. Ademais, ao efectuar o pagamento, suprímese o dereito de recurso posterior. Non cabe dúdida de que estamos perante un claro caso de violación de dereitos, pois malia que se trate da propia administración estatal, a posibilidade de recurso debe estar garantida sempre.

É quizais a característica máis evidente do verdadeiro espírito xa non desta nova lei, senón da política en conxunto do organismo recadador chamado DXT e baixo os fíos do sinistro represor Rubalcaba. Por se fóra pouco, lanzaron xa o debate do que previsibelmente será a súa próxima medida estrela: redución da velocidade máxima de 50 a 30 km por hora en vilas e cidades. Algo completamente fóra de lugar se temos en conta que o código de circulación e a sinalización viaria datan de tempos nos que a tecnoloxía automobilística ía moito por detrás das posibilidades que hoxe ofrece. Mais acertado se o situamos no marco da súa política: a sancións incrementaranse de xeito importante reducindo esa xa cativa marxe para o que hoxe son os considerados treitos urbanos.

Mentres aumentan espectacularmente en época de crise as vendas de coches, vanse reaxustando as posibilidades de sanción, o que non deixa de ser unha forma máis de apuntar cara os petos das clases socias.

Ler máis »

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis