Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

CausaGaliza

Categoría: OPINIÓN

14/05/2009 GMT -1

MÁIS FORZA CA ELES

augasceives @ 16:43

Nesta semana das letras participa tamén a nosa colaboradora Sabela Ferreirós, que nos remite este artigo no achega unha visión máis sobre a situación actual da nosa lingua e da importancia da manifestación do vindeiro domingo en Compostela.

 

 

O único idioma propio deste País é o galego.

Vaia por diante esta tan evidente afirmación pois semella que nos últimos tempos cóbrenos unha brétema de confusión que pode callar na sociedade sementando dúbidas en mentes fráxiles, que as hai. E non son precisamente as que espallan esta brétema á que me refiro; estas teñen outro nome que non é fráxil senón ruín. Tampouco se lles podería dicir ignorantes ou descoñecedores, pois eles e elas ben saben que están a erguer unha grandísima mentira importada que serve de colleita electoral a sectores políticos que practican o racismo lingüístico.

Eses e esas ben saben que o que queren para Galiza non é bilingüísmo, senón afondar na diglosia existente actualmente. Ben saben que se seguen a dar casos de discriminación lingüística na empresa privada, no eido público, en administracións, na xustiza, na sanidade, nos medios… e por suposto no ensino! Ben saben que é imposíbel hoxe en día vivir plenamente en galego, cando en castelán é perfectamente habitual. Ben saben eles que os únicos dereitos lingüísticos que están plenamente garantidos son os dos castelanfalantes.

Toda reacción hostil do pobo galego fronte a estas teses está plenamente xustificada, máis se cando os alentadores destas veñen de fóra con intereses partidistas por diante. Procuran utilizar a nosa terra como campo de manobras de onde tirar rédito electoral facéndonos dano, facéndolle dano á nosa propia lingua. E abofé que o poden facer se teñen neste río pedras nas que apoiárense. Propoñen unha regresión histórica en materia lingüística, desafían e poñen en dúbida dereitos consolidades e fano sabendas.

Buscan provocacións como é o falar no Parlamento galego outra lingua que non é a propia e a natural do pobo galego, que quen está teoricamente representado nesta institución, seguindo as teses que eles mesmos defenden. Insisten en furgar nas feridas que máis abertas están e máis dano producen, como a ameaza de recuperar a vella polémica do topónimo da cidade d’A Coruña. Moi propio de políticos en prácticas (L) como Diego Calvo, delegado da Xunta en territorio coruñés.

Estou certa que habemos saber facer fronte a esta ofensiva e habemos saber protexer o noso idioma para que poida florecer mil primaveras máis. Hoxe coñeceuse por fin quen será o Secretario Xeral de Política Lingüística do Goberno Feijóo, que non foi quen de atopalo até dous meses e medio despois de ter gañado as eleccións. Anxo Lorenzo é un filólogo vigués que non gusta á principal organización do fascismo lingüístico que actúa en Galiza, mais que tampouco esperta ledicia en entidades como A Mesa (sería preocupante que aplaudiran o nomeamento).

Comezaremos a gañar a batalla se o domingo demostramos forza. Máis forza ca eles.

Ler máis »

12/05/2009 GMT -3

VERMES

augasceives @ 14:55

Xa nas vésperas do Días das Letras 2009, que como xa dixemos ha ter especial importancia este ano coa manifestación nacional de Compostela (ás doce na Alameda), Alberte Outeiro escribe este artigo no que se refire á opinión vertida esta pasada fin de semana nun 'subvencionado' de Arteixo.

A crise bota as súas redes e amarra todo o que nelas queda. Á evidencia da situación económica e social que vivimos hai que engadir o que podemos cualificar como “crise do inmaterial”. O noso signo de identidade máis importante, o que nos distingue como pobo diferenciado e o que máis claramente nos define como Nación (con maiúsculas) é a lingua. O noso idioma é obxecto dunha outra violenta ofensiva por parte non só de intereses externos e pensados dende fóra senón tamén por parte de factores internos absolutamente desprezábeis, individuos e colectivos recheos de autoodio e acomplexados. Como un verme que por dentro fai podrecer unha mazá, así son os que falan de liberdade no eido lingüístico para covardemente agocharse detrás dela desexando o establecemento do castelán como lingua superior de facto.

A súa covardía impídelles predicar abertamente o seu discurso, porque xa non estaría revestido da demagoxia e da amabilidade pseudoinocente coa que engalanan todo. Non son quen de recoñecer abertamente que desexarían a desaparición total da vida pública do idioma propio de Galiza en prol da implantación absoluta da lingua castelá. Gustarían dunha administración pública totalmente en castelán e que o galego ficara reducido ao ámbito privado, detestan a presenza da nosa lingua no ensino público e irrítanse especialmente cando escoitan a un cativo falar en galego.

Son individuos cunha sorprendente querenza por deixárense engulir pola colonización cultural, acéptana e promóvena en si mesmos insistindo en espallala e facernos a todos partícipes da uniformización lingüística. Gozan dunha notábel presenza pública dende a que poden aproveitarse para facer resoar os ecos das súas falsidades, moitos deles dende tribunas de opinión en medios de comunicación de grande difusión. Estes son o complemento ideal e actúan de altofalantes das entidades que xiran en torno ao PP en Galiza, minoritarias pero cun pozo inesgotábel de financiamento descoñecido que lles permite vivir da publicidade que xeran. Moldean as súas falacias e insírenas na sociedade, conseguindo entre os sectores máis permeábeis que quede pouso das súas mentiras.

Este domingo podiamos ler nun espazo preferente de opinión dun medio publicitario radicado en Arteixo un infame artigo asinado por unha cara coñecida do panorama opinador en Galiza. Unha pluma indecente que xoga a imitar aos grandes mestres da manipulación madrileña créndose creador de opinión e dirixente de conciencias, xestor de vontades. Atacaba o programa escolar Correlingua, unha iniciativa que se desenvolve cada ano nas vésperas do 17 de maio e que nunca antes levantara as iras do españolismo máis férreo que parece reaxir este ano. Aquelas desprezábeis liñas lixadas de indecencia advertían á sociedade de que as organizacións nacionalistas (nomeadamente BNG, CIG e A Mesa) estaban a secuestrar as conciencias dos cativos (naturalmente castelanfalantes) situándoos baixo as súas teses. Tal nivel de xenreira contra o propio é dificilmente comprensíbel nunha sociedade tan avanzada como da que presumen.

Do que o individuo este non se atreve a falar é do escándalo maiúsculo do que se aproveitou o seu “xornal” cando o ano pasado de bo grao aceptou o millón de euros en concepto de subvención de Política Lingüística do Bipartito. Cómpre lembrar que o suxeito ao que nos referimos simpatiza cos preceptos do neofascismo español de UPyD e que incluso o seu fora un dos nomes cos que se especulara para conformar as listas ao Parlamento Galego das pasadas eleccións.

Teñen que saber que só son pequenas fochancas nun xa moi longo camiño e que non van ser quen de lograr o que durante centos de anos veñen procurando os seus antecesores. Nin con todo o poder militar nin publicitario do que gozou a Ditadura Franquista foron capaces de desposuírnos da nosa lingua. E non van ser tampouco estes agora.

Ler máis »

03/05/2009 GMT -1

A CRISE GLOBAL E A SÚA PRESENTACIÓN Á SOCIEDADE

augasceives @ 20:09

Artigo de Alberte Outeiro no que afonda sobre o tratamento mediático do que deron en chamar "gripe nova", seica pandemia que ameaza á especie humana.

  

Son os efectos da globalización. A alerta mundial fronte ao inimigo descoñecido que ameaza a supervivencia dunha Humanidade convencida da súa invulnerabilidade. Capaz de artellar formas impensábeis de morte e sufrimento pero ineficaz fronte a ameazas que non se disparan cun fusil, diante dos cales se compite en valentía dende un avión de guerra que pode facer desaparecer cidades enteiras con só premer un botón. O inxente gasto militar mundial e os desorbitados beneficios do tráfico de armamento deixan ao investimento en investigación nunha anécdota do tamaño dun microbio. O primeiro mundo, en crise, presumía de ter superado o perigo que representa unha simple gripe, aínda devastadora en pobos do que chaman Terceiro Mundo.

Agora a sicose espállase polo mundo enteiro a velocidade de banda ancha. O virus gripal partiu de América para conquistar o mundo e poñelo debaixo dos pés do seu imperio. As novas ciencias da comunicación e da imaxe vetaron un bautizo con referencias á “americanidade” na súa nomenclatura, polo que o principal traballo da OMS nos últimos días foi atopar un nome “apropiado” e que non danara ningún interese. Non queda nada xa da gripe porcina, pasou tamén a gripe AH1N1, agora falan da gripe nova… A importancia de cómo se vende o produto, aínda que sexa unha pandemia que seica ameaza á Humanidade.

Eses efectos colaterais do publicitario forman parte xa do espectáculo mediático no que se converteu o pé que faltaba da crise, a crise sanitaria. Instauraron a necesidade na poboación de lucir máscara (preferentemente azul) sen saber moi ben porque, sen saber moi ben se é un medio para evitar o contaxio. Espallaron polo mundo a imaxe da xente con ese pano azul na boca e converteron en nova de todas as primeiras calquera caso de sintomatoloxía gripal. Sentíronse fortes e donos das conciencias escribindo titulares grandiosos e de alta sonoridade, cos que ameazan á poboación sementando o medo e o pánico nun mundo xa atemorizado pola crise. Unha crise global que moitos medios están aproveitando para sentírense donos dun mundo que se ve pequeno diante dun inimigo que non se ve.

Ler máis »

20/04/2009 GMT -1

UNHA SENSACIÓN RARA, PERO PREOCUPANTE

augasceives @ 16:53

Alberte Outeiro describe unha sensación que posibelmente todos e todas temos dentro de nós: foron poucos e cativos os avanzos nestes catro anos anteriores, pero non podemos sentir senón preocupación por eles coa chegada do "goberno dez" de Feijóo 09.

Logo de coñecer xa os nomes dos conselleiros e conselleiras que xunto a Feijóo comporán o Goberno Galego, é tempo de avaliar mais que aos propios individuos, as sensacións que transmiten algúns dos trazos que xa puidemos albiscar do que serán as liñas políticas do PP na súa volta á Xunta. O máis aberrante, e motivo polo que merece máis críticas, é a supresión da Consellaría de Medio Ambiente como tal, disolvendo esta nun macro departamento no que convivirá con areas tradicionalmente pouco favorábeis ao respecto polo medio. Por se fora pouco, o conselleiro que se porá á fronte promete levarnos ao máis fondo da esencia popular de toda a vida. 

Agustín Hernández encarna o prototipo de cacique corrupto xa antes de comezar a exercer. Parte xa do Executivo de Fraga, adxudicou obras a empresas nas que posteriormente remataría traballando, feito que racha coa Lei de Incompatibilidades e motivo polo que ten aberto un expediente pola anterior Xunta. Feijóo desafiou ao sentido común e comezou a facer gala do que el entende por consenso nomeando a un home que sabía que había proer na dignidade e na ética colectiva deste país. A partires de agora é o que toca, e a quen non lle guste xa sabe…

As políticas ambientais, que deberían ser transversais en toda a acción de goberno, e a ordenación do territorio, o urbanismo, as obras públicas e as infraestruturas non deberían estar enfrontadas e mesmo poderiamos entender como positiva que esa relación conviva nunha mesma Consellaría. Mais o tempo da inxenuidade rematou hai tempo. Xa coñecemos ben de que pé coxea este PP e podemos comezar a tremer ao tempo que a coller folgos para continuar na defensa da terra, se cabe, con máis determinación ca nunca. En mans do PSOE, este eido foi un nos que máis movemento social se rexistrou, quizais polo moito que se agardaba e pouco que se conseguiu. A barra libre para construtores e especuladores ou as edificacións a pé de praia volverán a ser menú do día en cada quilómetro de litoral que Feijóo asegurou querer protexer. As grúas á beira do mar han ser sacrificios que teñamos que facer para superar a crise, e de paso, para encher os petos de promotores amigos. Os que coñecemos de preto a “escola Louzán de infraestruturas” sabemos o que se nos achega, e non é nada fermoso, ao igual ca os métodos de adxudicación “democrática”.

Até aquí as sensacións son semellantes entre a maioría de análises que puidemos ler ou escoitar. Máis discrepancias suscita a fusión nunha soa consellaría das areas de Economía e de Industria, decisión coa que está encantada a Confederación de Empresarios, por algo será… Lonxe do coñecemento das estruturas económicas, non sabería posicionarme claramente en favor ou en contra. Mais de seguro que me convencería máis axiña que tentara explicarme que non é unha decisión positiva para os intereses da economía produtiva e da clase traballadora. A manchea de competencias que se acubillaban antes en Industria non parecen casar facilmente cun departamento que ha ouvir bastante máis aos grandes empresarios que, por exemplo, ao pequeno comercio galego (por citar un sector que se atopaba até agora en Innovación e Industria). Iso é algo no que non acho dúbidas. Non é positivo a comodidade que se achega para o empresariado, eufóricos pola chegada “dos seus” ao poder outra vez. Séntense fortes e semellan voitres voando arredor da vítima que acaban de albiscar, unha vítima poderosa polo que lles pode entregar mais doada de apreixar pola fereza coa que atacan e a debilidade fronte a eles que esta presenta.

Polo demais, manteño especial curiosidade por saber cal será o rango que merecerá para Feijóo a Política Lingüística, con maiúsculas. Se é que garda un oco no seu executivo para a lingua da que tanto se vale para artellar as súas falacias. Tampouco gardo, e non é por espallar pesimismo (senón realismo fundamentado), boas esperanzas para a xestión cultural. Enténdase esta como tal, non como a consellaría das subvencións que foi durante o fraguismo e o apoio orzamentario para comezar a erguer o monstro do Gaiás.

Fartos do continuísmo do Bipartito e ansiosos por cambios reais e perceptíbeis, mantemos preocupación polo que acontecerá con demasiadas cousas que viron a luz durante estes catro anos. Pode parecer contraditorio, pero non é máis ca unha mostra das frías tebras que proxectan Feijóo e os seus. É unha sensación rara, de incerteza polo que vimos de vivir e co que nos agarda. É tamén a confirmación da certeza de que cun proxecto valente e ambicioso dende a administración, as potencialidades deste país desenvolveríanse a pasos axigantados.

Ler máis »

14/04/2009 GMT -5

AVIVAR O CONFLITO

augasceives @ 04:56

Artigo de Alberte Outeiro arredor da situación política e social en Euskal Herría, tendo en conta os últimos acontecementos referidos ao pacto entre o PP e o PSOE e o comunicado de ETA da pasada fin de semana.

 

O aparello mediático do españolismo encárgase de proxectar o conflito vasco ditándonos as directrices que debemos seguir e os indiscutíbeis dogmas que ninguén pode pór en dúbida, expoñéndose a ser cualificado como terrorista ou afín no menor dos casos. Posto que rexeitamos plenamente os ditados oficialistas, contemplamos alleos o conflito vasco situándonos nunha estrita equidistancia entre as partes, entendendo como tales ao sistema represor e criminal do Estado por unha banda e aos partidarios da loita armada en Euskal Herria pola outra.

É indiscutíbel que a vida social naquel País está moi lonxe de poder ser considerada como normal, o clima político non está normalizado e a violación de dereitos e liberdades é unha constante. A banda ETA sementa medo e violencia física, entendidos estes como ameazas e atentados con vítimas mortais. Os asasinatos desapareceron da estratexia españolista canda o GAL, pero as armas seguen a ser compoñente fundamental nas chamadas “forzas da orde”. A escolta persoal segue a ser precisa entre os piares políticos do mandato centralista debida á condición de ameazados ou posíbeis obxectivos, así como a condición de abertzale é motivo de prisión para milleiros de activistas políticos alleos calquera forma de loita armada. Os presos políticos vascos seguen a encher cárceres espalladas por toda a xeografía do Reino borbónico e o delito que os mantén nelas é estritamente ideolóxico en moitos casos, cando non falamos da ausencia de xuízo e outras garantías democráticas. A presión españolista decidir acoutar a súa xa mutilada democracia retrocedendo varias décadas no tempo e non tivo reparo en ilegalizar as opcións políticas abertzales herdeiras de Batasuna. Sálvase da queima Aralar, que acepta a condición de condenar expresamente os atentados a cambio de levar a súa política ás institucións. Cómpre dicir que só son condenábeis aqueles atentados aos que se lles pode tirar rédito político, non outros nos que se violan dereitos humanos baixo calquera pretexto agás o da política vasca.

Logo do que buscaba ser unha presentación do panorama visto dende unha nación na que se pretende proxectar interesadamente aquela realidade, para tirar rédito político loxicamente, iremos agora á descrición obxectiva do que queriamos plasmar neste artigo. As eleccións do pasado 1 de marzo arroxaron un resultado que provocou o maior fraude político que se lembra por aquelas (e tamén por estas) terras. A ofensa do bipartito españolista elevouse até cotas inimaxinábeis para facerse co poder, prostituíndo os seus respectivos discursos e atacando de fronte á vontade popular. A conformación dun goberno entre o PSOE e o PP é un desafío prepotente  e irresponsábel aos que sentan na outra cabeceira da mesa. A superación das cotas de represión política e xudicial supera todos os límites e encárase de fronte cos partidarios da loita armada, desafiándoos sen ter en conta os posíbeis efectos. O antinatural pacto que vai rexer o Goberno da C.A.V. é unha provocación que afasta toda posibilidade de escoitar a un pobo que maioritariamente (incluíndo á meirande parte de votantes do propio PSOE, así como aos excluídos aos que non se lles permitiu elixir) rexeita a fronte que se constitúe coa única ansia do poder.

Con motivo do Aberri Eguna, Euskadi Ta Askatasuna emitiu un comunicado no que ameaza directamente ao novo goberno vasco e pon no seu punto de mira ao lehendakari López. Isto non é máis ca unha radicalización das posicións, ETA predica a posibilidade de levar ao extremo a súa estratexia asasina logo de que os máximos de opresión política (inclúase aquí tamén as continuas detencións de civís sen relación coa loita armada) se quedaran hai tempo curtos. Todo fai indicar que se aproximan tempos duros por aqueles lares. A irresponsabilidade duns e doutros converte en potenciais vítimas (e non só mortais) a un amplísimo abano de cidadáns absolutamente alleos aos intereses das respectivas cúpulas de ámbolos dous extremos. Dende concelleiros de pequenos pobos até mozos activistas de calquera asociación ou mesmo un simple asinante dun manifesto político, pasando por altos cargos do goberno vasco ou promotores/as de novas alternativas políticas ao acubillo da difusa liberdade.

Ler máis »

12/04/2009 GMT -5

O PANFLETO DE ARTEIXO

augasceives @ 17:33

Artigo de Sabela Ferreirós sobre a mediocridade dun dos elementos máis antigalegos que padecemos en Galiza.

 

Caíu por casualidade nas miñas mans o pseudoxornal do que, á vista do intitulado deste artigo, non é preciso citar o nome. Desempeñando a función dos grandes medios de hoxe, asumindo o papel que se lles asigna ás terminais propagandísticas no mantemento do establecido xoga a ser poderoso e demóstrao coa impunidade que lles é propia para poder publicar todo tipo de manipulacións. Vén de demostralo na pasada campaña das eleccións galegas, influíndo de xeito determinante na percepción dunha realidade por parte dunha masa de lectores que fan parte das ridículas campañas de intoxicación que lanzan. É loxicamente moi pouco democrático que un grupo de comunicación consiga reducir unhas eleccións a elixir a marca do coche no que viaxará o Presidente da Xunta. Sáibase disimular a esaxerada comparanza, mais enténdase o que se quere dicir.

Representa o paradigma de galego renegado, vergoñento de si mesmo e incapaz de amosarse orgulloso do que como parte dun pobo ten de seu. Aquel que se autoridiculiza á procura dun xesto do que vén da Meseta. É ofensivo que presuma de estar á beira dos intereses do País, cando escribe con tanta distancia como se se tratara dun medio de fóra. É moi habitual ler crónicas sobre a nosa realidade nas que se albisca un descoñecemento enorme que provén da distancia existente entre quen fala e sobre o que se fala, mais é insultante que iso se dea en medios ou en xornalistas da Terra que beben das envelenadas teorías dos que dende lonxe queren impor aquí teses alleas.

Á súa habitual ración de “chapuzas gallegas” hai que engadirlle unha maldade masoquista cando escriben sobre segundo que asuntos, ou as enquisas con ansias de abrir debates sociais que se quedan en mostrario de comentarios da distinta fauna participante. A fixación enfermiza que demostran cando se refiren a todo o que soa a nacionalismo raia as mañas dos tempos de Urdaci. Estes días teñen para despacharse a gusto coas liortas internas do BNG, partido que foi obxectivo prioritario e cuxa xestión no goberno foi cuestión prioritaria a derrubar para o xornal. Unha vez enchidos os petos co millón de euros en concepto de subvencións (entre outras polo suposto uso do galego …unha provocación!) abriron a veda contra o Bloque e aínda non remataron. É obsceno o trato e o desprezo que agroma de entre as liñas enzoufadas de mentiras e manipulacións, unha tentativa prepotente de ridiculizar a todo canto afecta á actualidade dese partido. Porque a súa liña editorial non se adscribe ferreamente a un partido, non se pode dicir que falen por boca do PP nin do PSOE. Son a voz do españolismo máis rancio, mesmo chegando a caer na desesperada situación de servir de plataforma á nova referencia do franquismo en España: UPyD. Con sinaturas que aspiran a facerse un oco entre os creadores de opinión a soldo de Madrid, pódense ler acotío algunhas adaptacións das falacias que dende a súa benquerida capital espallan co ventilador dos malos cheiros. En permanente acoso e derribo contra todo o tocante a nacionalismo galego, seguirán vía libre mentres o modelo moderado de novo BNG siga alimentando os criterios de achegamento aos valores que representan as follas deste xornal a base de inxentes subvencións públicas. Así lle devolveron o favor.

Ler máis »

05/04/2009 GMT -5

RESPOSTA DO SINDICALISMO VASCO: FOLGA XERAL!

augasceives @ 16:56

Sabela Ferreirós escribe sobre a os acontecementos políticos en Euskadi das últimas semanas que, mesturados co contexto social actual, dan como froito a resposta obreira en forma de folga xeral o vindeiro 21 de maio. É inevitábel establecer paralelismos co que acontece en Galiza e preguntármonos cal debería ser o camiño aquí.

 

Asistimos á execución da maior atrocidade política no Estado Español dende que instauraron a Democracia. Os dous partidos que sosteñen a farsa española, PP e PSOE, alíanse para afastar do poder ao PNV na C.A.V. Dúas caras da mesma moeda con múltiples discursos en cada territorio dos que conforman a sacra unidade da súa intocábel nación española. Suando carraxe por perder o poder en 2005 en Galiza, o PP proclamaba que sempre defenderían que gobernara a lista máis votada (falando mesmo de lexislar nesa dirección). Agora iso é só rumor do pasado que desapareceu para asaltar o Goberno vasco da man do eterno inimigo. O PP vai facer que o partido ao que sempre atacou mesmo agresivamente, acusándoo de permisividade co terrorismo e doutras barbaridades semellantes, goberne agora a C.A.V. e lidere a “loita antiterrorista”.

A situación política en Euskadi pode complicarse até extremos insospeitados até o de agora. O novo executivo bota man da falacia, da repetición dunha mentira que de tanto empregala pode chegar a ser críbel para asentar o seu antinatural pacto de intereses e afastar ao PNV. Falan de “rebelión dos que levan escolta” en alusión á “situación anormal” que se vive en Euskadi, esquecendo que esa situación anormal tamén inclúe detencións cotiás por causas políticas e ilegalización permanente dunha idea.

A realidade social vasca, coa súa propia complexidade e características de seu, non é allea ao contexto económico da contorna. A “crise” tamén é pretexto para actualizar as teses depredadoras do capitalismo, para refundalo e seguir mofándose das clases que o padecen. Os noxentos cumios son respondidos con axitación e mobilizacións populares, mesmo en ocasións con violencia. O sustento do sistema, a agresividade policial contra os disidentes, alimenta disturbios e caos mentres o complemento mediático se encarga de sinalar aos “antisistema”. As mobilizacións e revoltas reprodúcense por toda Europa.

Podemos describir varias causas que serían perfectamente aplicábeis a calquera territorio do Estado, co que temos unha radiografía do que acontece en Euskadi. Son elementos propios do confronto de clases. As altas esferas políticas empéñanse en reactivar un sistema que se asenta no afogamento dos dereitos da clase traballadora, da supremacía intolerábel e insultante do empresariado que enche de beneficios os seus petos á vez que destrúe postos de traballo insistentemente. E que receita medidas regresivas para asegurarse a súa supervivencia (máis temporalidade, máis precariedade, menos persoal, menos salarios, máis horas, menos prestacións sociais, máis ETTs, abaratamento do despido, liberalización dos EREs…).

É polo tanto tempo de loita, é obriga nosa non poñerllo doado e seguir defendéndonos sen tregua. Todos os ataques, sexan políticos, laborais, sociais ou de calquera outra caste deben ser contestados. Sobrevoa dende hai tempo no ambiente o ruxe ruxe da posibilidade da folga xeral. Son cuestións políticas as que atan aos dirixentes sindicais. O cambio político en Euskadi propiciou a resposta inmediata dos sindicatos nacionalistas e abertzales de toda Euskal Herria que convocaron xa unha folga xeral nos territorios vascos tanto no Estado francés coma no español para o vindeiro 21 de maio. ELA, LAB, ESK, STEE-EILAS, EHNE e HIRU decidiron non seguir agardaron polas organizacións estatais seudotraballadoras e instaladas no sistema, vendidas ao diálogo social permanente, á conxelación salarial e á concordia con goberno e patronal. Sen dúbida non é o que demandan os traballadores e traballadoras, fartos de velos a todos ben afastados dunha realidade cada día máis crúa. A foto de Rajoy no Congreso de UGT explica ben a deriva política dos sindicatos acomodados.

Ler máis »

03/04/2009 GMT -5

DEFINAN CRISE

augasceives @ 10:37

Artigo de Alberte Outeiro sobre o cumio dos poderosos no que se pretendía "refundar o capitalismo" para combater unha crise que só morrerá cando morra o sistema.

  

Baixo o xugo do capitalismo, é evidente que a caída deste supón que as bases da pirámide queden debaixo dos cascallos. Dende a óptica alternativa da esquerda anticapitalista vense insistindo que a solución é pular por un outro sistema afastado das inxustizas globais deste fracasado sistema. A nivel mundial, parece que comezan a albiscarse razóns para crer na Latinoamérica combatente e anticapitalista. Se nos limitamos á análise nacional, ese reflexo temos que buscalo nos máis vivos ca nunca movementos sociais, moi especialmente no sector gandeiro. O noso sector primario é un dos exemplos máis claros de vítima liquidada polo neoliberalismo, pola liberalización dos mercados e polo asedio das grandes empresas que impoñen a súa medieval lei sobre os produtores. 

Nas últimas datas asistimos á campaña publicitaria mundial do chamado cumio do G-20. Xa hai uns meses se nos anunciara que a idea dos poderosos é “refundar o capitalismo”, do que cómpre entender que non podemos confiar en que modifiquen o sistema que os mantén. Seica o luxoso encontro (non hai crise no protocolo nin na organización de cumios) en Londres rematou con grande acordo mundial de adoptar medidas para deter unha crise mundial que está a ser devastadora. Regulamentarán os “paraísos fiscais”, encargaranlle ao FMI o control do sistema financeiro e inxectarán 1 billón de dólares para, din, revitalizar o sistema. Isto é, para recuperar o pulso das súas principais características destrutivas.

Dos paraísos fiscais tan só se benefician eles, os poderosos, e ninguén cre que vaian empeorar as condicións polas que se están a enriquecer ilimitadamente. A segunda das “grandes medidas” que nos anunciaron pasa por entregarlle o control do sistema precisamente ao organismo que ten boa parte de culpa da súa creba. Finalmente, segue a ser insultante meter cartos públicos en petos privados. As tres medidas son provocacións intolerábeis.

Ninguén se desmarca. Os “líderes mundiais” executan á perfección os ideais en crise en cada un dos territorios que dominan. Así, o rescate da banca está a ser interpretado xa en España inxectando fondos públicos a entidades irresponsábeis que son as verdadeiras causantes dunha crise que en realidade non padecen. É obsceno definir coa mesma palabra (“crise”) a situación dunha grande empresa ou dun banco no que diminúen os beneficios coa dunha traballador en paro que ten que soster unha familia, e todas as súas cargas, valéndose só dunha prestación social insuficiente.

De seguro que ao cumio londiniense non chegaron noticias das protestas do sector leiteiro en Galiza. E se chegaran, non as comprenderían, porque descoñecen que o que no seu día foi base fundamental da economía do noso País está hoxe no momento máis crítico da súa historia, da Nosa Historia. Seguen na única opción que lles queda, a loita. Apoiámolos e admirámolos porque tamén é a nosa.

Ler máis »

27/03/2009 GMT -5

A LETRA CON SANGUE ENTRA

augasceives @ 13:48

Sabela Ferreirós escribe sobre o papel da represión policial no mantemento das estruturas establecidas, co gallo das brutais cargas policiais dos últimos días en Barcelona contra os estudantes que se opoñen á implantación do EEES.

  

Onte tivo lugar en Barcelona unha multitudinaria manifestación que congregou a máis de dez mil alumnos e mestres contra o Plano Boloña. Encádrase no marco de mobilizacións por todo o Estado Español e contra o EEES, e celebrouse logo dos brutais enfrontamentos cos Mossos d’Esquadra da semana pasada no desaloxo dos estudantes pechados na Universidade de Barcelona. As forzas de seguridade catalás deron daquela unha verdadeira clase maxistral de violencia e agresividade. Tan desproporcionadas foron as cargas que corre perigo o cargo do xefe da violenta banda, que xa ten antecedentes de torturas en comisarías e outro tipo de agresións legais. Días despois, producíronse concentracións de solidariedade por toda Europa, tamén en Compostela. 

No día de onte, onde os propios manifestantes se centraron en que a mobilización transcorrera sen incidentes, a organización burlou as medidas de seguridade para evitar a violencia. Curioso pode parecer pero semella o único xeito de manter a normalidade. Mudaron o percorrido previsto para evitar as porras dos violentos e a tranquilidade prevaleceu.

Semella que “Boloña” vaise impor si ou si, a paus ou como faga falta. Quedámonos coa mobilización do estudantado en todos os países afectados e temos que salientar a importancia do movemento en Galiza, onde se reaccionou contra esta nova argallada capitalista de xeito contundente e activo. Así é como se establece unha democracia como a española e como se consolida un sistema como o capitalista. A única liberdade é que teñen eles para exercer a violencia legal sen ningún pudor, non pode existir reduto de oposición e os que hai son combatidos como estamos a ver.

Os niveis de represión no Estado Español acadan cotas verdadeiramente alarmantes. Ben o sabemos en Galiza, onde da man do Delegado do Goberno a receita da brutalidade policial se aplica á perfección. Mais no caso catalán, onde as forzas de seguridade son competencia da Generalitat obsérvase que a amabilidade non é tampouco unha virtude destas. Quizais debamos concluír entón que a represión policial é característica común e piar que sostén a estrutura deste sistema. Sexa baixo o nome que sexa, todos os movementos que poñan en dúbida o establecido teñen que ser rexeitados. O empaquetado realízano os medios de comunicación, peza fundamental tamén do tecido “democrático”, e colócanlle fermosos laciños de cores para manter distraída a atención xeral.

Ler máis »

18/03/2009 GMT 3

O NOSO CAMIÑO

augasceives @ 22:49

Alberte Outeiro analiza cales poden ser e están sendo as respostas fronte á crise do sistema capitalista que estamos padecendo. As mobilizacións e a continuidade destas son o camiño.

  

Consolidada xa a diagnose entre a esquerda anticapitalista mundial con respecto á situación económica, e que deixa ben ás claras que se trata dun fracaso do sistema, parece tamén evidente o camiño a seguir. A mobilización contra este sistema que nos arroxou desprotexidos á súa propia creba e que nola quer facer pagar para que volvan emerxer na súa propia lameira. Hai tempo que a resposta nunha parte do mundo fronte ao capitalismo e ao colonialismo ianqui está sendo a esquerda revolucionaria e sen complexos de Sudamérica. Sen entrar a valorar a compoñente real desa esquerda revolucionaria, dotada dunha boa dose de populismo nalgúns casos, si está claro que está a conseguir apoios masivos xeralizados como fronte ao abafante sistema que extermina indíxenas, pobos e culturas. Tan só fica un reduto de infiltración nunhas terras historicamente revolucionarias, Colombia.

En Europa as cousas non se pode dicir que sexan semellantes. A incidencia do capitalismo é agresivamente indiscutíbel e diante da súa caída, trunfan as opcións máis duras do neoliberalismo. A dereita espállase como unha praga e póñenlle cara figuras réxeas como Sarkozy, Berlusconi ou Merkel; por se fora pouco, aos vestixios de pseudo-esquerda que sobreviven non se lles albiscan moitas posibilidades de éxito. Endexamais se van enfrontar aos que receitan máis capitalismo para refundalo.

Polo tanto, só quedan as rúas. A única opción é a mobilización social dos máis afectados:  traballadores, parados e estudantes. Aínda que sen ocupar espazo nas “informacións” cotiás, é certo que non está apagada a chama e que o vento que sopra irremediabelmente ten que servir para avivala. O movemento estudantil contra o “Plan Bologna” ou as revoltas en Grecia contra a Policía non son feitos illados, pois o xermolo do capitalismo está detrás. O pasado mes de xaneiro xa rexistrou os primeiros indicios de revoltas en Francia, e de seguro que han vir máis. Unha folga xeral que, se ben é certo que non atinxiu a incidencia desexábel, si pode ser un aviso de que a clase traballadora non está disposta aguantar máis. Tamén é un aviso a represión policial nos disturbios de París: vai seguir sendo dura e violenta.

O último episodio tivo lugar en Portugal, o pasado sábado, con máis de 200.000 traballadores nas rúas de Lisboa convocados polo sindicato comunista CGTP. Non se cederán dereitos para afrontar a crise. Perante o éxito, en Portugal xa hai convocadas máis manifestacións ao longo de todo o mes vindeiro. Con este panorama, a data de referencia será o Primeiro de Maio en todo o mundo. Este ano o Día do Traballo será máis ca nunca unha xornada de loita en todo o mundo.

E que pasa en Galiza? Pois unha vez máis, atados ás correntes estatais. A pax social entre os dous sindicatos maioritarios e o goberno amigo do PSOE impide a convocatoria de mobilizacións e mesmo dunha folga xeral, unha posibilidade que está en boca de todos. A situación sería ben diferente de ocupar a Moncloa o Partido Popular. As delegacións en Galiza de CCOO e UGT están atadas aos ditados de Madrid, malia mudar substancialmente o contexto político. A saída do bipartito da Xunta é a definitiva porta aberta á actuación sindical, pois as ataduras apreixaban tanto a CCOO e a UGT como á propia CIG. Sen ningunha dúbida.

Se ben é certo que as accións en Galiza son terán éxito se son unitarias, pola correlación de forzas entre as tres centrais sindicais, a única que contempla arestora esa posibilidade é a central nacionalista. Unha folga xeral convocada unicamente pola CIG non tería éxito, mais unha folga sen a CIG é imposíbel.

Ler máis »

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis