Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

Categoría: OPINIÓN

12/11/2008 GMT -4

ENTRAR POLO ARO

augasceives @ 15:21

Alberte Outeiro opina sobre a presenza de Anxo Quintana (Vicepresidente da Xunta e Voceiro Nacional do BNG) nos funerais de Estado celebrados onte en Figueirido (Pontevedra) na honra dos militares españois mortos recentemente.

A adaptación ao sistema implica certos xestos e comportamentos impensábeis noutras circunstancias. Declaracións e posturas que poden rachar con toda unha historia ergueita sobre conviccións firmes. Porque para entrar no xogo do sistema, el é quen dita as súas propias regras. El di que se chora é que se non, que é condenábel e que non o é, de que se fala e de que non, que é importante e que non o é, que vidas son merecentes de respecto e cales non o son. O proceso polo que está a atravesar o histórico partido do nacionalismo galego, BNG, é o de introdución no sistema. Unha transición acelerada que coa chegada ao poder lle fai esquecer quen é, de onde vén e mesmo dubidar de cara a onde e con quen quere ir.

Un deses significativos xestos aos que faciamos referencia no comezo é a presenza do Voceiro Nacional Anxo Quintana nos funerais de Estado aos mercenarios galegos que morreron traballando para o Exército Español. Unhas honras fúnebres celebradas polo rito católico ás que acudiron as máis altas autoridades representativas do Estado, así como tamén as da C.A.G. O Vicepresidente da Xunta afirmou que a misión do Exército Español en Afganistán non ten sentido e mesmo o seu grupo parlamentar ten presentado no Congreso dos Deputados de Madrid iniciativas en prol da retiradas dos destacamentos militares no país asiático.

O espelido Quintana actúa en consecuencia coa súa estratexia, xa clara, definida e quizais imposta ás bases (silenciadas?) da súa formación. O BNG sabe que están próximas as eleccións e que a mellora dos seus resultados pasa pola mellora no espazo político cualificado como “centro”, polo que a ausencia nestes actos lle podería reportar unha imaxe que pode contribuír á perda de simpatías entre eses novos votantes aos que quere “namorar”. O BNG entra na roda do sistema, cuxo resumo se pode analizar nas verbas do cura que oficiou a misa sementadas de ostentosas declaracións e gabanzas cara aos militares que se atopan no que é unha misión de guerra. Velaquí outra das grandes falacias que o BNG acepta co silencio cómplice.

A ocupación de Afganistán desencadea como é lóxico unha reacción, a consecuencia disto temos un claro escenario de guerra entre dúas partes (exércitos invasores e resistencia afgá) que se atacan mutuamente. Nin que dicir ten quen o normal nunha guerra son bombardeos e mortes, polo que as baixas teñen que ser necesariamente habituais. Cando unha misión destas características parte cara un territorio en guerra, os mercenarios que alá van deben saber aos perigos aos que deciden exporse. A retórica política aconsella nestes tempos falar de “misión de paz”, “servizo aos demais”, “estabilización” e outros eufemismos dese estilo pero a ninguén se lle debe escapar que as condicións que alí hai son as que son. Que aquí non se lle dea publicidade ás accións bélicas que os militares españois levan a cabo alá non quer dicir que non sexan responsábeis delas, tamén con vítimas.

O BNG entra de cheo no sistema e en todas as súas falsidades. Culmina deste xeito un proceso de adaptación e aceptación de conceptos que foron sinais diferenciais propios con respecto a outros partidos do Estado durante anos. A valoración e clasificación das mortes segundo o motivo pola que se produciran non contempla unha clasificación preferente para outros galegos que perden a súa vida nos seus traballos. Non morren dando a vida pola patria e pola defensa duns valores, nin pola protección dos demais…

Ler máis »

20/10/2008 GMT 9

CAL É O PREZO DOS PRINCIPIOS?

augasceives @ 10:17

Alberte Outeiro escribe sobre a reorientación do voto do BNG que ha facer posíbel que o Gobierno de España aprobe os Orzamentos Xerais do Estado do ano que vén.

Entre as continuas novas de carácter económico que levan sendo protagonistas dos medios de difusión nos últimos meses, cólanse estes días outras con pequenas variacións pois non teñen exactamente o mesmo sentido. Referímonos ás presentacións, negociacións e aprobacións dos Orzamentos, tanto dos do Estado Español coma os da Xunta de Galiza. Entre o máis destacado, unha vez analizados os pormenores do gasto e do destino que van ter os nosos cartos, está a intervención do grupo parlamentar do BNG no Congreso de los Diputados de Madrid en favor do PSOE e que vai permitir a aprobación dos OXE.

Precisaba o Goberno Español de varios votos para sacar adiante a devandita aceptación da cámara e, logo de varias negociacións, ficaron na mesa as opcións dos votos do PNV e do BNG.

Cómpre dicir que nun primeiro momento, Anxo Quintana (Vicepresidente da Xunta e máximo mandatario do Bloque Nacionalista Galego) afirmara que non habían votar os presupostos que presentara o Ministro de Economía, enténdense pois, que non estaban de acordo cos mesmos ou que discrepaban en maior ou menor medida con eles. Xa que tal, a formación galega presentaría unha “emenda á totalidade” coa pretensión de rexeitar por completo as primeiras intencións do partido co que goberna en Galiza.

Finalmente, logo de supostas reunións, negociacións e tirapuxas, acadaron un acordo polo que o Goberno poderá finalmente aprobar os OXE grazas aos votos de Francisco Jorquera e Olaia Davila, a representación do BNG no Congreso. A contrapartida que o BNG recibe é, principalmente, un tirón mediático notábel que lle permite afirmar que o seu poder de influencia na política estatal vai en aumento. Mesmo o chistoso líder “nacionalista” puido engadir unha ocorrencia máis ao seu longo historial: “moitos galegos e galegas han ir hoxe orgullosos para a cama” (en referencia, enténdese, á satisfacción que segundo el lles reportaría o feito de que o BNG vai votar en favor dos Orzamentos).

Seguramente a parte propagandística é a que realmente máis ledicia espallou entre as cabezas dirixentes, que non necesariamente pensantes, do BNG. Pero permitíronse “vender” outro tipo de contrapartidas que foron quen de conseguir para Galiza. Un investimento  de 125 millóns de euros “a maiores” do que nun primeiro momento estaba previsto ou a creación dun subcomisión de seguimento das infraestruturas estatais en Galiza foron as dúas estrelas da presentación de logros acadados. Esta última, evidentemente, ten carácter político e non garda unha relación que a priori poida ser evidente co que son estritamente os presupostos estatais para o vindeiro ano.

Partiremos de que unha formación política concorda ou se opón a algo baseándose na súa ideoloxía política, é dicir, segundo as súas teses confeccionarían uns investimentos estatais que incidiran máis ou menos en aspectos que sosteñen o seu carácter político. Por exemplo, se un partido “de esquerdas” se opón a unhas contas públicas dedúcese que será porque entende que o gasto podería destinarse a aspectos de carácter máis social. Esta sería aproximadamente a teoría política, pois non é arriscado crer que cada unha das forzas políticas debería ter as súas prioridades en función da ideoloxía que as distingue.

Mais evidentemente isto non é así. E non o é, primeiro, porque a ideoloxía política é algo do que semellan carecer as agrupacións que nos representan. Segundo, porque os seus programas económicos non presentan diferenzas palpábeis e a alternativa ao sistema non está presente na alta política actual. Terceiro, porque os seus intereses varían en función de diversos factores pero mantendo sempre como horizonte os resultados electorais. E cuarto, porque este tipo de negociacións achéganse moito unha puxa de lonxa ou aos regateos nas feiras de gando. O resultado é que os investimentos van parar non a onde máis se necesitan ou alí a onde serían necesarios, senón a onde ditaron os intereses electorais resultantes das negociacións para aprobalos.

O certo é que moitos eloxian a actuación do BNG por rabuñarlle para Galiza máis cartos dos previstos e outros critícano por terse vendido a cambio do que consideran esmolas. O certo é que o Bloque presentou a operación como un grandísimo éxito do que todos e todas imos tirar proveito, pero o certo tamén é que renunciou a unha das súas principais reivindicacións é que nun primeiro momento entraron na partida: o traspaso definitivo dalgunhas competencias moi interesantes e necesarias que verdadeiramente si veriamos como un gran paso adiante niso do que tanto gusta falar Quin, o autogoberno.

Preguntámonos, xa que logo, canto custan os principios e as conviccións dun partido. Gustaríanos saber que partes das partidas orzamentarias mudou o Ministro de Economía para facer cambiar de opinión aos dirixentes “nacionalistas”. Sería a desorbitada asignación á Monarquía Española? Ou sería o inxente gasto militar que todos e todas imos pagar o vindeiro ano? Talvez sexa a redución do financiamento das touradas ás que o Bloque se opón enerxicamente? A tan repetida aspiración de que o BNG sexa “decisivo en Madrid” está detrás de toda a estratexia, uns planeamentos absolutamente electoralistas que tan só buscan a máxima rendibilidade mediática, as fotos e os encabezamentos dos xornais madrileños. Ansía Quintana e  os seus que se fale deles na que seguen considerando “a Capital”. Complexo? Autoodio? Non sabemos, mais entendemos que reencarnan moi ben algúns dos estereotipos negativos históricos deste pobo que tanta dificultade estamos tendo en superar.

Ler máis »

13/10/2008 GMT -2

A CRISE DA RÚA

augasceives @ 22:50

Velaquí a versión de Sabela Ferreirós sobre a crise actual. Unha análise diferente que non mira cara as grandes entreteas do sistema económico mundial, senón á rúa. Son novas as dificultades económicas para as traballadoras e traballadores? Foi para todas e todos a prosperidade económica de anos pasados?

O colapso do sistema financeiro mundial, con pé en Estados Unidos e repercusión no resto do Planeta é o alimento principal dos medios de comunicación neste outono. Como consecuencia, é o tamén o alimento principal das nosas preocupacións. Xa ninguén pon en dúbida que o impacto mundial da crise é abafante, que é unha caída histórica e mesmo hai quen se atreve a cuestionar todo o modelo socioeconómico. Temos que agradecer a esas ousadas voces e a quen lles da cobertura por darnos a oportunidade de ver ou ler algo distinto ás mensaxes predeseñadas que nos obrigan a seguir pensando uniformemente. Algunhas destas análises podemos lelas aquí mesmo, en AugasCeives.

As idas e vidas dos mercados, as crebas, as medidas anticrise, os luns negros do IBEX, as inxeccións de capital, as reaccións dos bancos centrais… Todo engorda a catástrofe e todo nos fai preocuparnos día a día, porque nos afecta (iso non está en discusión) directamente. Mais “a crise” serve tamén como escusa para xustificar outras prácticas se cadra non tan necesarias e/ou urxentes. No seu nome, moitas empresas presentan reducións de persoal e EREs innecesarios para seguir afondando nas súas estratexias. No nome da “crise”, algúns empresarios aproveitan para afogar un pouco máis os dereitos laborais dos asalariados e asalariadas.

Aínda que anunciada, apareceu cando se comezaron a facer públicas as caídas de grandes bancos e entidades financeiras ianquis e europeas. A solución non pode ser obxectiva pois é aplicada polos que amparan e manteñen o modelo que cae: non teñen reparo ningún en agasallarnos agora coas súas perdas e meternos a man no peto para pagar as súas aventuras especuladoras. Millóns para engraxar a maquinaria e que siga xirando e producindo beneficios que han ser para (só) eles.

Para nós non é nova. Moito antes de que os grandes dirixentes que moven os fíos das Bolsas comezaran a preocuparse, a nós xa non nos encaixaban varias pezas do crebacabezas. Viamos (estamos a falar de hai dous anos deica agora) como as grandes multinacionais presentaban contas de resultados que trimestre tras trimestres superábanse a si mesmas, multiplicaban os beneficios de forma desorbitada e presumían de fortaleza inquebrantábel. Os mercados financeiros batían marcas históricas todos os días. Eran tempos de bonanza e prosperidade nos que, curiosamente, traballadoras e traballadores non faciamos parte da festa e non  se contaba con nós á hora de “socializar” a situación. É máis, viamos como o noso poder adquisitivo medraba inversamente proporcional ás súas gráficas de ganancias. Caía a nosa capacidade e nós, incautas e incautos, maldiciamos a hora na que a moeda única europea chegou a nós.

A especulación urbanística que sementou de vivendas todo o País, vivendas tamén innecesarias pois o crecemento vexetativo tampouco era proporcional á construción de edificios. Construtores e promotores fixéronse ricos sen nin eles chegar a coñecer de todo a razón da multiplicación tan vertixinosa dos seus beneficios. A palabra “recualificación” foi parella e case indisolúbel da nova profesión de moda: responsábel municipal de urbanismo. O prezo da vivenda parecía un alpinista rubindo polos picos máis altos das gráficas de beneficios. As voces críticas non foron atendidas porque, malia a escandalosamente delitiva realidade, o sector mantiña as cifras de paro en niveis que facían que o Goberno aplaudira coas orellas. E xa se sabe: beneficios empresariais e desemprego en descenso igual a calma económica.

Máis a realidade era outra. O pobo non participaba de tales ledicias e a súa vida cotiá non era tan esplendorosa. A suba dos combustíbeis e da enerxía en xeral afogábanos ao tempo que o caprichoso IPC parecía minguar cando se trataba de aumentar os soldos. Algo non cadraba porque os medios de comunicación tomábano como anécdota, nas discusións políticas non estaba e como para o empresariado non era problema… O aniquilamento dos sectores produtivos primarios ou a alza dos prezos dos alimentos eran cuestións secundarias que non ían lixar o grande momento económico que vivían (si, vivían, terceira persoa). Mesmo este era explicación para o crecente número de inmigrantes que chegaban e comprobaban como “non é ouro todo o que reloce”.

O doce momento económico que seica vimos de atravesar en anos recentes non foi tal para nós. Foino para os grandes monstros e mesmo a algúns non lles chegou que calcularon mal e teñen hoxe vivendas sen vender. Agora, cando o sistema envorcou e os grandes peixes gordos viron como se lles remataba a auga o manto da crise tápanos a todas e todos. Pois ben, NÓS levamos en crise xa varios anos, mesmo cando ELES descansaban placidamente en spas e relaxantes balnearios, xogaban ao golf (aseguráronse de que non lles faltaran campos) ou gozaban de viaxes de luxo mesmo en helicópteros privados.

Ler máis »

AFONDAR NOS ERROS NON É BUSCAR SOLUCIÓN

augasceives @ 21:07

Contamos de novo coas palabras da nosa colaboradora Iria López, que retorna para achegarnos a súa visión sobre unha actualidade enleada nos problemas económicos e financeiros do Mundo.

 

Os planos de rescate andan estes días a ocupar a cabeza dos principais gobernantes do mundo e das primeiras dos xornais comerciais. Argallan como poder seguir mantendo vivo un sistema que esmorece polos seus propios excesos e pola súa propia natureza. A súa receita é socializar as perdas dos que até o de agora se estiveron enriquecendo, é dicir, que o pobo soporte as súas crebas. Insisten en recuperar o sistema ultraliberal botando man dos fondos públicos sen contemplar a posibilidade de mudalo por completo, de restrututar esta forma de vida e virala cara a xustiza social e o reparto da riqueza.

É insostíbel o modelo en si xa dende o punto de partida, contradise nalgún dos seus principios básicos. Se o obxectivo das grandes empresas é o máximo beneficio ao mínimo custe e isto implica a redución de postos de traballo até o máximo, como van os traballadores-consumidores ter capacidade de mover a roda do consumismo que faga xirar a diabólica lóxica que aplican os arquitectos do capital? Empobrecer aos que han ter que mercarche o que ti produces?

Mais iso non está en cuestión, pois aproveitan precisamente a crise para convertela en ameaza e xustificar os seus actos. Multiplican os erros que nos trouxeron até esta situación e tan só se albisca unha consecuencia que nin moito menos parece positiva: mediante rescates e compras interbancarias o capital vaise acumular e concentrar aínda máis, vai quedar en menos mans de grupos aínda máis grandes e poderosos. É o seguinte paso nesta andaina sen rumbo do sistema ultraliberal, que primeiro privatizou o beneficio público, logo artellou un regras propias para o seu xogo que lle permitían vivir no aire (vivir a crédito) e por último non dubida en mirar de novo ao común, desta vez para salvarse e seguir.

Complétanlle o traballo (son tamén parte) os grandes medios de atordamento xeral, que bailan ao son que lles marcan para botar unha fumeira sobre os verdadeiros problemas. Son os altofalantes que precisan os Bush, Sarkozy, Zapatero, Merkel e demais garantes do modelo que se poñen serios diante das cámaras para facernos crer que as súas medidas son indispensábeis para a nosa supervivencia, iso si, por medio da dos bancos. Diante de tanta obscenidade e abuso (os grandes executivos teñen garantidas estratosféricas indemnizacións mentres os traballadores van á rúa en situación precaria) o que tampouco é doado entender é a calma xeral que reina.

Ler máis »

19/09/2008 GMT -1

CRISE: A CREBA DUN SISTEMA (II)

augasceives @ 14:43

Alberte Outeiro remata a súa visión nesta segunda achega apostando directamente cara ao fondo e propoñendo a remuda dun modelo social claramente fracasado. Sinala sen complexos aos culpábeis: tanto aos que permiten os malabarismos arriscandos nas alturas como aos que dende posicións máis próximas insisten en seguir beneficiando aos máis beneficiados.

 

Nestes tempos nos que acotío se nos presentan datos económicos que convidan ao pesimismo, agroman as análises de expertos que achegan ideas encamiñadas á solución da crise. Os dirixentes anuncian tamén medidas contra a situación económica para a que empregan distintos cualificativos segundo sexan goberno ou oposición. Mais en ningún caso  se pon en cuestión o modelo social, agás de parte dalgunha organización ou entidade que mantén unha perspectiva verdadeiramente socialista e de esquerda. Todas as propostas falan de teorías de manual de facultade. Séguese a falar de impostos, investimentos, orzamentos e demais termos dos que se poderían aumentar ou diminuír porcentaxe.

Malia que varíe a linguaxe e a forma de expresalo, a opción das grandes formación políticas (fagocitadas polo neoliberalismo e cuxas políticas económicas non se distinguen para nada) é coincidente, pois en ningún caso se propoñen reformas reais e verdadeiras deste sistema no que están cómodos tanto eles como os grupos que na sombra os financian e controlan, aos que nos referiamos antes. Temos escoitado falar estes días de inxectar millóns de euros para reflotar o sector da construción, de financiar e axudar aos grandes empresarios, de “salvar” bancos ou grandes grupos empresariais que “estiraron o pé máis do que daba a manta”… mais nunca de mirar polos dereitos dos traballadores en tempos difíciles, mais nunca de incrementar o poder adquisitivo dos que verdadeiramente (sábeno) manteñen a xirar a roda do sistema.

As institucións financeiras e bancarias meirandes ocupan estes días as primeiras dos xornais con novas que falan da inxección de millóns de euros ou dólares para facer reflotar as bolsas do mundo. Isto non vén máis ca a adiar a solución, xa que deste xeito os grandes grupos bancarios poden continuar apostando na ruleta da especulación mundial. Non hai sinais que indiquen que se vai atinxir o verdadeiro fondo do problema, que non é outro máis cá circense regulamentación que permite a especulación nas altas finanzas e dos rendíbeis xogos a altos niveis. Hai voces que apuntan directamente aos Bancos Centrais por permitiren e promoveren os arriscados xogos dos bancos. Os fundamentos neoliberais do sistema que non atopan euros nos seus petos para adicar a axuda humanitaria e a salvar vidas e si fornecen indiscriminadamente de orzamento para salvar aos delincuentes en perigo.

Os gobernos non van ousar contradicir aos poderes económicos mundiais. É desprezábel que coñezan as verdadeiras solucións pero que se neguen a aplicalas. É o chamamento, a xustificación para un levantamento mundial das clases baixas e oprimidas por este tecido asasino que nin contempla o mirar de esguello cara a outro lado que non sexan as súas cínicas gráficas de beneficios. Que así sexa!

Ler máis »

CRISE: A CREBA DUN SISTEMA (I)

augasceives @ 09:33

O noso analista Alberte Outeiro reflexiona en dúas achegas sobre a crise económica mundial afastándose das típicas e repetidas coas que se nos bombardea e que inciden en pequenos matices mais sen procurar o fondo do problema. Analisa,j nesta primeira parte, os fundamentos nos que se basea un modelo social claramente fracasado.

 

É habitual mirar cara aos Estados Unidos para tentar explicar os porqués da crise mundial que estamos a padecer. As análises dos expertos coinciden en situar alí a cerna da situación económica mundial e extrapolar despois para explicala en contextos ben europeos, ben estatais e, finalmente, en Galiza. Lóxico, se reparamos en que alí está o corazón do sistema capitalista que se impuxo e que mantén ao mundo baixo as súas gadoupas. Todas cantas decisións se toman alí teñen, dun ou doutro xeito, antes ou despois, repercusión no resto do planeta.

Esta é a crise dun sistema, dun modelo socioeconómico enormemente inxusto e intolerabelmente depredador. É a creba da instauración por parte duns poucos dunhas condicións que tan só os benefician a eles e prexudican gravemente á maioría. Esta é, simplificada e resumida, a definición do capitalismo. Fuxiremos de procurar respostas macroeconómicas nos grandes tecidos a nivel mundial. Podemos ficar nas estruturas que vemos máis de preto e daremos igualmente con claves para explicar moitas cousas nas que xa era doado reparar noutros tempos nos que non falabamos de crise.

Un dos sinais de identidade deste sistema ultraliberal é que as consecuencias negativas han repercutir sempre nas clases baixas da pirámide social, nos traballadores e traballadoras e nas familias alleas ás crebas de grandes bancos e compañías nos EUA. O modelo imposto aniquilou os sectores produtivos, afogando deste xeito aos que vivían deles. Fixo multiplicar os beneficios dos intermediarios e das grandes superficies de venda final, contribuíndo deste xeito ao exterminio do comercio local e das pequenas áreas.  A liberdade de mercado tenlle asestado golpes letais, no caso de Galiza, ao peixe, ao marisco, ao leite, etc. en beneficio deses mesmos produtos chegados dende fóra facéndoos pasar por mercadoría de primeira calidade. Deu vía libre á carreira da especulación en poucos anos, fomentando o sector da construción e facendo agromar grandes fortunas nos petos de construtoras, promotoras, inmobiliarias… Todos eramos conscientes de que o modelo de construción de vivenda en comparación co crecemento vexetativo era simplemente insostíbel, ao tempo da desproporción entre prezo de venda e custe da propia edificación. Isto xerou unha vizosa dependencia do sector da construción, configurándose como piar fundamental do emprego.

O resultado de mesturar estes factores non é outro máis cá vertixinosa evolución das contas de resultados das grandes empresas (especialmente dos sectores vencellados á construción e derivados) e bancos. Mais a boa marcha das empresas non significa a mellora das condicións laborais e salariais dos traballadores e traballadoras; máis ben ao contrario, xa que a perda de poder adquisitivo é constante e a suba de soldos unha simples falacia. As clases da parte de abaixo da pirámide social son as que sosteñen ao propio modelo social, que tamén artellou os medios “legais” para a súa longa vida. Ten argallado numerosos xeitos de apertar a soga, como un sistema fiscal que prima as maiores rendas e que afoga aos pequenos “contribuíntes” con impostos indirectos salvaxes, a multiplicación dos métodos de recadación (por exemplo, multas e sancións de tráfico ou doutra caste calquera), a privatización de servizos básicos, etc. Isto xera unha presión “contributiva” que non constitúe máis ca o roubo legal.

O modelo neoliberal caracterízase por ser agresivo non só coa clase obreira e cos constituíntes da base piramidal, senón tamén co medio ambiente e cos recursos naturais. Enténdeno como un xerador de riqueza máis, non merecente de ser respectado ou protexido. Algo que pode ser propiedade do máis forte, do máis rico ou do que primeiro chega. Así, as costas poden ser sacrificadas en prol dos intereses turísticos que han xerar riqueza para os menos, as praias poden ser asentamento de vivendas de luxo, as carballeiras poden ser urbanizábeis, os montes poden ser mudados a campos de golf, os ríos poden ser contedores de encoros e así un longo etcétera de exemplos de actividades cuxo único fin é o enriquecemento duns poucos apoiándose no que é de todos, na herdanza común que recibimos e que temos a obriga de conservar.

No sistema imposto, o poder político non é máis ca un pequeno boneco en mans dos grandes grupos económicos, que xa non se ancoran nunha actividade determinada senón que ocupan un amplo abano que inclúe, de xeito preferente, os medios de comunicación. O chamado cuarto poder é vital no mantemento do sistema, pois encárgase de manter as mentes atordadas despreocupándoas da verdadeira realidade e dos problemas reais que lles afectan. Co control axeitado da información calquera feito se pode tornar en algo positivo, negativo ou superfluo segundo conveña.

Mais non todo está conquistado. Para eses casos o sistema dispón de ferramentas o suficientemente contundentes como para ir amornando a resistencia. A violencia legal pode aplicarse en distintos casos e en variadas circunstancias. A un Estado disidente ou “non aliñado” que posúe intereses que o Capital pode cobizar (ben sexan enerxéticos, sociopolíticos ou doutra orde), pódenselle aplicar “guerras preventivas” ou invasións mediante bombardeos intelixentes. Se trocamos a escala, a represión policial no nome da orde, da xustiza e da democracia pode esmagar pola forza calquera tentativa de movemento cívico ou social xa sexa organizado ou espontáneo que cuestione os procederes establecidos. Tamén existe a violencia non física, igual de agresiva e destrutora pero máis sutil e vestida de “xustiza”. Esta sempre bate nos dereitos dos traballadores, nas culturas e linguas minoritarias, nos pobos por conquistar, nos sectores produtivos primarios, nos máis desfavorecidos, etc.

Ler máis »

15/09/2008 GMT -6

DEPORTISTAS GALEGOS: MÁIS ALÁ DA COMPETICIÓN

augasceives @ 18:43


Nesta reportaxe pretendemos contrastar as actitudes de varias das figuras do noso deporte alén os terreos de xogo e as súas modalidades deportivas. Xabier Gómez Noia, Oscar Pereiro, Ezequiel Mosquera, o Xacobeo Galiza ou David Cal son exemplos contrapostos de comportamentos fóra da competición aos que é de xustiza recoñecerlle un mérito común: o esforzo e o traballo diario lonxe dos focos mediáticos da prensa deportiva que impulsa heroes ao ceos do espectáculo. Mágoa que uns saiban recoñecelo e outros prefiran ignoralo.

 

O deporte profesional, entendido como un espectáculo, está o suficientemente inserido na sociedade actual como para ser unha ferramenta de utilización política de primeira orde. Ao tempo, é tamén un eido valioso no que expresar reivindicacións sociais e outro tipo de consignas. É por isto que os deportistas adoitan ser valiosos exemplos para espallar unha idea por medio do deporte, é dicir, excelentes reclamos publicitarios. O deporte galego e os seus deportistas levan en moitos casos consigo valores propios do noso pobo, e non todos positivos. Tamén son bandeira doutros, máis negativos, asentados entre nós.

Xabier Gómez NoiaHai uns meses referiámonos aquí ao caso do que posibelmente sexa o mellor deportista galego do momento e quizais tamén da Nosa Historia: Xabier Gómez Noia. Un campión mundial que acadou os meirandes éxitos na súa disciplina baseándose no traballo, no esforzo, na loita e na constancia. Alén do deportista, a persoa bateu co desprezo das autoridades estatais, coa persecución irracional duns dirixentes teimosos en prohibirlle competir. Os mesmos que agora, xa consolidade na elite, sorrín á súa beira cando hai diante unha cámara de fotos. A enorme humildade e xenerosidade de Xabier non llelo ten en conta e o triatleta céntrase en seguir adestrando.

Na marxe contraria atopamos a outro galego que tocou cos dedos da súa man o ceo do ciclismo mundial: Oscar Pereiro. De orixe humilde, chegou  á esfera dos máis grandes grazas ao seu esforzo e ao outro dos referentes do ciclismo galego e estatal, Álvaro Pino, que confiou nel e lle deu a oportunidade de amosar a súa valía. Posto que en ningures figura establecido que o destacar nunha especialidade deportiva leve implícito o dominar outro tipo de coñecementos, cando unha figura do deporte analiza disciplinas do saber adoita correr o risco de errar. Cando Pereiro asinou un documento propagandístico de indubidábel corte político con clara vontade de agredir a nosa lingua, a súa lingua, a galega, xa posibelmente se atopaba o de Mos cómodo entre os eloxios e palmadas no ombreiro das xerarquías madrileñas. Cando un medio galego lle deu a oportunidade de rectificar e expresarse, Oscar Pereiro non o fixo e reafirmouse cunha morea de contradicións que botaron por terra a súa credibilidade como persoa intelixente e coherente, así como a admiración dos siareiros de Galiza que dende aquela o desprezan do mesmo xeito que el desprezou o noso idioma. Complexo de inferioridade dun renegado.

A terceira historia destes catro pequenos exemplos serve tamén como homenaxe a un colectivo: o David García, do XGZequipo profesional de ciclismo galego, Xacobeo Galiza. Un feixe de corredores, a meirande parte deles galegos, que levan por bandeira o sacrificio e o traballo. Uns comezos duros no exilio portugués, a falla de oportunidades, a tenacidade na loitaEzequiel Mosquera e a multiplicación do esforzo son valores dos que ben poderían falar todos eles. A oportunidade chegou e as primeiras expectativas están a quedar cativas. Tamén é unha constante o desprezo dos medios propagandísticos españois cara os ciclistas que non sexan aqueles que queren promocionar e deseñar á súa medida, eiva que padecen os nosos en primeira persoa. A excelente actuación de todos eles na edición da “Vuelta a España” do pasado ano, simbolizada no quinto posto na xeral de Ezequiel Mosquera, só era un anticipo do que está a ser esta tempada. Vitoria en distintas probas internacionais e a fabulosa exhibición do ciclista de Teo que está axexando de preto o podio desta edición da “Vuelta”, aínda con moitas posibilidades. Mais xa non só é referente Ezequiel neste conxunto, hoxe mesmo David García gañaba en Ponferrada a tirada da proba nun marco incomparábel e cargado de simbolismos: na Rúa da Liberdade da capital do Bierzo, terreo tamén de reivindicacións galegas. Ezequiel Mosquera escribe diariamente un artigo de opinión en galego nun xornal españolista e en castelán. Humildade e coherencia nunha das mellores persoas da elite deportiva galega.

O cuarto nome propio desta xeira é David Cal. O deportista galego con máis metais olímpicos amosa en cada intervención en público que o seu nivel no piragüísmo non é semellante á súa intelixencia. Un claro exemplo de utilización e manipulación política que aceptou de boa vontade prestar a súa imaxe a David Calunha lea artellada polo Partido Popular en campaña contra a Consellaría de Cultura e Deporte. O cruzamento de acusacións entre a Conselleira e o entorno do piragüísta do Morrazo ao fío das axudas económicas que este percibe acadou o seu cumio de disparates a pasada semana (xa con precedentes, como cando ao interesado lle "esqueceu" de cumprimentar a correspondente solicitude de bolsa). Cal asinou un documento –cheo de pura retranca galega- preparado nas cociñas do seu máximo valedor (Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra) no que afirmaba que non percibira as axudas que Anxela Bugallo afirmaba terlle asignado e lembráballe o asunto dos mojitos en Cuba. Sen o máis mínimo ánimo de defender aquel lamentábel episodio protagonizado pola delegación do BNG en La Habana, é curioso como esqueceu falar David Cal (imos atribuírllo a el, por ser asinante aínda que é posíbel que nin o lera) da escandalosa viaxe de Louzán e o resto da delegación do PP aos XXOO de Pequín o mes pasado e doutras manobras de alta corrupción por parte do Presidente da Deputación de Pontevedra. É lamentábel ver como un deportista de alto nivel presta a súa imaxe de xeito tan mediocre e evidenciando un nivel de intelixencia subterráneo.

Estes son só catro exemplos actuais das figuras que temos no noso deporte, da súa condición fóra do terreo competitivo e do seu compromiso con valores que para os siareiros (non deberían esquecerNacho que sen eles o seu esforzo non ten sentido) son fundamentais. Porque os que seguimos o deporte e estamos pendentes dos nosos non somos os que admiramos as figuras torneadas e elevadas polas terminais mediáticas do imperialismo na súa vertente deportiva. Para os que certos valores non son importantes, é lóxico que os seus éxitos sexan anécdota e nunca comparábeis a aqueles cos que a prensa nos obriga a emocionarnos. Para rematar, deberamos incluír nesta pequena e seguramente incompleta memoria ao grandísimo futbolista (hoxe retirado) Nacho, que antepuxo os seus ideais e afirmou non querer competir coa camisola da bandeira española pola que non se sente representado.

Ler máis »

22/08/2008 GMT -1

A GALIZA QUE FALTA NO PARLAMENTO (II)

augasceives @ 15:20

Hai catro meses publicabamos un artigo de Iria López que intitulaba A Galiza que falta no Parlamento e no que analizaba a necesidade dunha candiatura unitaria das forzas da esquerda independentista para as vindeiras eleccións. Os contactos producíronse pero os froitos agardados non chegaron. Hoxe, a propia autora fai balanzo e actualiza as súas reflexións ao pé daquelas mais contando co factor tempo, que se esgota.

 

Moito se ten falado nas últimas semanas do máis ca posíbel adianto das Eleccións Galegas, mesmo se ten especulado con datos e incluso afirmado por fontes fiábeis que seríamos convocados a votar neste vindeiro outono. Do último que sabemos, publicado aquí no AugasCeives, é que a dirección do PSOE en Madrid lle ten imposta a data a Touriño en función dos intereses do propio partido e mesmo dependendo do que aconteza en Euskadi.

Diante disto, os tres partidos do Parlamento Galego móvense xa pensando na cita electoral. Algo que non deixan de facer durante toda a lexislatura pero acentuado máis se cabe por dar por iniciada a precampaña. Os partidos do goberno organizan eventos para autopublicitarse e “dar a coñecer” á sociedade os logros e méritos que levan acumulados durante a súa estancia nos cómodos asentos do poder. Con isto, semella que unha outra vez imos ter que padecer unhas carencias preocupantes no tocante á diversidade e á pluralidade política.

Xa veñen dende uns meses atrás os rumores e mesmo os contactos reais entre as forzas da esquerda independentista para conformar unha candidatura conxunta que acubille ao soberanismo deste País. É ben certo que o entendemento sempre se amosou difícil porque xa noutras tentativas anteriores as diferenzas agromaron e fixéronse insuperábeis. Unhas diferenzas, hai que dicilo, que son tan só de matiz ou incluso ortográficas, pois se analizamos os diferentes discursos e obxectivos amósanse imperceptíbeis en moitos casos. Co tempo xa tan adiantado, parece claro que as posibilidades esfumáronse xa definitivamente e cada unha das formacións que o considere ha presentarse por separado.

O panorama podería dicirse que non é, a simples vista, moi diferente ao doutras ocasións. Mais se nos detemos na análise podemos comprobar que hai diferenzas sustanciais que si indican que esta podería ser unha moi boa ocasión para pórlle vóz no Hórreo a esa parte da Galiza real que fica fora das estériles preocupacións dos gobernantes. Esta vai ser a primeira vez que o partido nacionalista maioritario en Galiza afronte unhas eleccións dende a perspectiva do poder, e tamén a primeira vez que o faga con importantes variacións no seu discurso e nas súas actuacións. En conclusión, o BNG que se presenta ás vindeiras eleccións é un partido novo, diferente, quizais con outros obxectivos pero afastado do que a maioría dos seus votantes “de sempre” agardaban del. A consecuencia directa desta mudanza, evidente, é o nacemento de diversas correntes internas críticas coa dirección pero fieis á disciplina do partido. Algunhas delas, presentes nos contactos antes sinalados con outras formacións soberanistas por coincidiren no mantemento dun discurso independentista, de esquerdas e socialista. Mais os integrantes desas correntes non dan o paso definitivo para rachar cun partido co que non están dacordo e ao que critican abertamente.

Por outra banda, e alén do seo dos partidos, o movemento social desatouse definitivamente e o goberno da Xunta (“goberne quen goberne…”) ten que convivir con conflitos todos os días e en todos os puntos de Galiza. Posibelmente o punto de inflexión, por dicir unha data, fora aquel 1 de decembro de 2002 en Compostela (“Nunca Máis!”), mais agora xa non é tan raro ver á xente na rúa polas súas causas. A isto cómpre engadir a resposta exemplar da sociedade galega fronte á progresiva e insostíbel destrución do territorio: a rede Galiza Non se Vende ten amosado xa que non se ata a ningún partido é que ten capacidade suficiente de mobilización como para facerlle perder os papeis a calquera dirixente, en especial ao de Medio Ambiente.

Os movementos sociais, ecoloxistas, sindicalistas e mesmo culturais independentes non van ter unha candidatura unitaria á que votar. Ese voto, a forza da unidade, vaise ver esparexido e difuminado entre as distintas opcións que se han presentar. Isto amosa a incapacidade dos “negociadores” para chegar a un entendemento que claramente sería beneficioso para o País, pois son sabedores de que “cada un polo seu lado” non han conseguir moito. Por outra banda, tampouco é moi comprensíbel dos “abertamente críticos” pero “honrosamente fieis” que non se deciden a rachar e abandonar algo no que xa non cren. Que seguen agardando? Unha dirección ou secretaría xeral? Un bo acomodo por aí? Unha asolagadora promesa?



Ler máis »

26/06/2008 GMT -4

DEREITO A NON ALEDARNOS

augasceives @ 14:43


Editorial. Asinamos o seguinte artigo de opinión reclamando o dereito a non aledarnos polas motivos alleos. Negámonos a ser partícipes e promotores dun sentimento abstracto e inexistente.

  


No marco do Estado das liberdades, da avanzada democracia do século XXI, do dereito constitucional, no das garantías do libre pensamento…

A Selección Española de Fútbol desputa o campionato de europa deste deporte xunto a outras quince equipas doutros tantos estados. Os sistema político internacional ben sabe que o deporte é un interesante vieiro eficaz na manipulación de conciencias, é polo que tampouco nas competicións oficias permite a representación nacional dos pobos e obriga a estes a mantérense inseridos nos estados administrativamente debuxados no mapa dos poderosos. Mais os documentos non poden coutar os sentimentos nin as sensibilidades. Centos de conflitos bélicos internacionais ao longo da historia son derivados dos anceios de pobos enteiros de non pertencer ao debuxo uniforme e monocolor que os mapas lles reservaron. Os intereses políticos e militares fixeron estourar numerosas guerras sempre cos mesmos resultados: millóns de vítimas civís.

rotura.jpgAfastándonos das corredoiras extremistas, rexeitando rotundamente as armas e a violencia e sen levar o contido deste artigo ao terreo dos máis irracionais fanáticos, o que pretendemos é reivindicar o dereito individual e persoal a aledarnos coas vitorias ou derrotas de calquera das dezaseis seleccións de futbol participantes na Eurocopa. Partindo da base de que a nosa selección, a que consideramos como propia, a que decidimos que nos representa, á que lle encargamos a tarefa de representarnos, a do noso país, a do pobo galego non está presente na competición, queremos manifestar o noso desexo de apoiar aquela que máis nos preste. Algo tan sinxelo como isto é manifestamente imposíbel e perseguido no Estado Español a día de hoxe. Aquel individuo que non manifeste a súa ledicia polas vitorias españolas é sinalado e acusado, exclúese da comunidade bempensante dun Estado cuxos problemas internos se resolven nun terreo de xogo. O verde céspede que consideran, paranoicos, unha ameza para a unidade territorial da indisolúbel patria e indivisíbel nación española.

Pois non. Negámonos. Non apoiamos á Selección Española polo sinxelo feito de que é a que representa ao Estado que nos nega a nosa identidade deportiva. O Estado Español non só non nos permite competir oficialmente en eventos internacionais senón que pon os seus mecanismos mediáticos en funcionamento para envolvernos na espiral opiácea de adoración futbolística ao invento español. As terminais propagandísticas comercias, debidamente subvencionadas, funcionan a pleno rendemento estes días e radicalízanse conforme o equipo español avanza nas roldas clasificatorias. É un círculo que se repite sempre cos mesmos ingredientes: en poucos intres pasan da crítica máis férrea contra sí mesmos á máis absoluta e irracional loubanza desmedida e carente de rigor xornalístico. Non esiximos profesionalidade, tan só respecto.

Desexámoslle moita ledicia e moita festa aos que senten e viven a paixón abstracta dun sentimento deslabazado e incoherente, cativo en argumentos e nulo en razoamentos. Mais esiximos unha condición, non os respectaremos se non o fan eles. E non están a cumprir a súa parte.

As bancadas españolas nos estadios suízos austriacos, pero xa en competicións anteriores –vén sendo tradición- non fican en silencio endexamais cando se interpretan os protocolarios himnos previos aos partidos. Cando soa o rival, pitan e apupan; cando soa a marcha franquista, berran e emiten sons irrecoñecíbeis ao non ter letra o seu canto. Desprezan e insultan aos que non nos alistamos na fanática paixón española simplemente por non sentila coma propia. Semella obrigatorio sentirse español, e semella obrigatorio manifestalo atendendo ás consignas máis primitivas que os opinadores a soldo e os narradores de historias diversas arrinca. Chaman dende as tribunas xornalísticas e dos micrófonos nos que crean ideas aos máis baixos instintos do ser. Debuxan dous inimigos e danlle carácter bélico á contenda deportiva describindo dous inimigos: o externo contra o que desputarán a bola no céspede e o “interno” ao que odian por non sentir coma eles.

Menosprezan aos rivais e insúltannos aos que desexamos a derrota de España ou simplemente temos preferencia por outro equipo que non é o que eles mesmos –conglomerado mediático- artellaron e deseñaron. Un bo exemplo son os cascallos xornalísticos da Cadena Cope, representados en verbas de José Antonio Abellán que cualificaba de “gilipollas” e “imbéciles” a dous dirixentes de senllos partidos políticos con notábel representación parlamentar no sistema democrático español.

 

Ler máis »

10/06/2008 GMT -4

INFORME DO VENTO EN GALIZA

augasceives @ 12:04

Alberte Outeiro presenta un detallado informe arredor da situación actual no sector eólico en Galiza. A Consellaría de Innovación e Industria vai sacar a concurso a maior convocatoria de megavatios endexamais coñecida en todo o Estado Español. Sombras como a da especulación ou a afectación ao medio non se afastan e xa se preparan as poutas máis depredadoras para "botarse ao monte".

 

A Consellaría de Innovación e Industria sacou a poxa o vento galego. É unha das nosas potencialidades máis prezadas e o Goberno Galego sábeo, polo que, baixo a manta de fume de “ordenación do sector” ideou un plano ao que xa se sabe que concorrerán non só as multinacionais máis potentes do sector, senón os empresarios máis famentos de dividendos. A enerxía renovábel é unha cobizosa alternativa para os especuladores, agora máis ca nunca á vista da crise no sector da construción no que se fixeron fortes. A idea é trasladar os edificios dos terreos recualificados aos montes para darlle agora forma de muíños de vento. O vindeiro 19 de xuño remata o prazo para a presentación de solicitudes do decreto que xa se aprobou no mes de xaneiro. Logo, nun máximo de seis meses, coñeceranse as concesións.

É ben certo que algo si se avanzou. Se antes (co PP dirixindo) a especulación podía ser infinita ao estar permitido adquirir uns terreos e vendelos sen nin tan sequera estaren os muíños instalados, iso recúrtase co novo decreto e engádese a necesidade de ter a autorización da administración para a operación. Déixase pasar unha boa oportunidade para pórlle freo aos oportunistas non interesados no negocio eólico e si nos beneficios económicos, deste xeito, abondará co permiso da Xunta para levar adiante a operación. E ben é sabida a moralidade do poder diante do capital, ou dito doutro xeito, a firmeza dos gobernantes diante da chantaxe dos empresarios. Un claro exemplo son os rumores que xa antes de coñecerse os concorrentes falan dunha operación que levaría aparellada o traslado de Ence da Ría de Pontevedra. Dito traslado debe producirse xa, sen ningunha contrapartida a cambio e esta posibilidade non fai máis ca encher de dúbidas o propio proceso xa antes de comezar. Porque, que pasa se un grupo obtén licenza para a construción dun parque eólico e despois non o pode manter? Non sería estrano pensar que o revendería á mellor oferta, e velaí o círculo pechado… O factor ecoloxista non só está presente na posíbel liberación da Ría de Pontevedra, é moito máis amplo. O novo decreto asegura a non instalación de parques en espazos da Rede Natura 2000, que non debería ser noticia pero que é un avanzo coñecendo precedentes como os do Plano Acuícola. Mais, que pasa con aquelas zonas a protexer e que non contan coa protección da Rede Natura? Pois que aí a destrución será libre e impune. A instalación dos muíños pode supor a destrución das inmediacións dos mesmos, por non retomar o impacto ambiental que estas infraestruturas supoñen para os ecosistemas.

muíños de ventoOs 2325 megavatios que a Consellaría de Innovación e Industria vai repartir calcúlase que abondarían para servir de enerxía eléctrica a trece millóns de persoas. Unha das demandas históricas e máis prioritarias necesidades deste país é que a nosa riqueza repercuta aquí, o rachar dunha vez por todas con esa posición colonial das empresas que enchen os seus petos na nosa Terra e levan o botín para fóra. Os responsábeis políticos declinaron aproveitar esta oportunidade e a convocatoria é aberta a quen poida facer fronte a uns requisitos unicamente á man de grandes empresarios ou bancos. Preguntámonos se non sería posíbel que a Xunta asumira na súa totalidade a instalación e mantemento das infraestruturas necesarias para o aproveitamento íntegro do noso potencial e así, primeiro cubrir as nosas necesidades, e logo, exportar e tirar beneficios. Dito doutro xeito, nacionalizar a nosa enerxía eólica.

Os monstros do sector xa preparan os seus planos e demais manobras necesarias para conquerir o maior cacho da torta posíbel. Fenosa, Iberdrola, Acciona, Endesa, etc. sostidas polo capital que agochan detrás xa se van posicionando para asaltar os nosos montes á procura do vento. Quen lles ía dicir a moitos accionistas de Madrid que terían que chegar a entenderse cos “diabólicos” personaxes do BNG? O capital crea curiosos compañeiros de viaxe. E non só iso, senón que tamén ordea bonitos rencontros entre vellos coñecidos nos negocios da especulación. Vai por grupos. Manuel Jove (vendedor de Fadesa e na actualidade ocupado en cazar negocios por medio do seu novo xoguete: Inveravante) lidera a un grupo de empresarios agrupados baixo o nome de Gaelsa (por aí andan Xosé Cortizo, Jacobo Couceiro, Epifanio Campo e o accionista de Corporación Caixa Galicia Manuel Añón). Polo sur aparece o grupo Andavía, integrado por Coren, Copasa e Gadisa (Manuel Tojeiro, tamén presente en Reganosa).

Hai quen prefire concorrer en solitario, como é o caso de Jacinto Rei coa súa construtora San José, de quen nun primeiro momento se falara para engordar Andavía, pero que decidíu saír do proxecto. A súa aposta é ambiciosa e xa se anunciou que pretende o 82% do total de megavatios que saen a “concurso”. Este personaxe sempre está entre os citados cando se fala de inversores galegos ou dalgún proxecto forte no país, máis o seu interese por algo que non sexa o seu peto está aínda por demostrar. Mais se de ricos galegos falamos, non podemos deixar de citar ao cabeza deles por excelencia, Amancio Ortega, que tamén se incorpora ao xogo. Tamén estará a que fora súa dona, Rosalía Mera, e outros nomes coñecidos como poden ser Cupa Group, Jealsa, Ence, etc.

Entre esta marea de intereses subxace un moi comentado entre os que saben da materia e con moitas posibilidades de ser real. O traslado de Ence. A operación non está moi definida, pero sábese que sería moi proveitosa de cara ao afortalamento da imaxe dos que prometeron o traslado da pasteira. Se botamos contas, en vésperas das vindeiras eleccións autonómicas non sería de estranar o anunciamento dalgunha medida relacionada. De entre os nomes que se escoitan, ademais dos loxicamente interesados depredadores do sector enerxético que levan anos amosando o seu respecto polo medio ambiente nos ríos e montes do país que xa controlan, aparecen interesados que na súa maioría proveñen do sector da construción. Isto non vén máis ca a avalar a teoría de que a especulación vai unicamente mudar as rúas polos montes, pero non imos poder afastala tan facilmente.

Aínda que sen dar a cara en primeiro plano, mais sempre detrás, está a banca por medio da participación accionarial en moitos dos grupos empresariais citados. As dúas caixas galegas teñen importantes participacións en moitos dos concursantes, polo que se aseguran a súa presenza no negocio eólico, unha presenza da que xa gozan pero coa vantaxe de estaren agochadas nas redes traseiras do accionariado e dos consellos de administración. A simple vista, ninguén relacionaría ás entidades bancarias con grandes e soadas desfeitas medioambientais en Galiza, pero o certo e que son, cando menos, corresponsábeis das decisións máis nefastas para a nosa terra que se teñen tomado nos últimos tempos. Lembremos Reganosa ou a propia Ence, onde participa Caixa Galicia por exemplo da man da propia Xunta que acepta o proxecto.

Ler máis »

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis