Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

CausaGaliza

Categoría: OPINIÓN

25/04/2008 GMT -6

NO NOME DO DEUS MERCADO

augasceives @ 09:03

Recollemos hoxe as palabras do Anxo Bérres que dende a súa óptica dalle unha outravolta ao punto de vista que nos apresentan dende o sistema para analizar a realidade mundial.

  Tomando unha última cunca antes de retirarme a xantar escoito de fondo o televisor, son as duas e media da tarde, e comeza o telexornal na canle pública galega. A presentadora empeza dando “as últimas novidades do atuneiro vasco, con varios mariñeiros galegos a bordo, que acaba de ser asaltado por piratas en fronte as costas de Somalia”. Logo de falar con algunha das familias galegas, comeza a lección do sistema: relacionan estes últimos “asaltos piratas” nas augas do mundo e principalmente en Somalia co gran inimigo, de hoxe en día, que ten nome e apelidos: Al Qaeda-Islamismo radical. Rematan, logo de escibir a historia a maneira que gusta de ser escoitada polos amos do imperio mundial, con algúns consellos para evitar este tipo de asaltos: segundo os peridistas a única solución pasa porque os barcos que saian a faenar polas augas do mundo fágano con escolta militar!!!

É así o conto de todos os días: a televisión encárgase de que as torres xemelgas volvan a derrubarse unha vez tras outra. Para vender as súas guerras, o mercado sementa medo. Aparece o aparello militar, burócratas da dor que actuan ao servizo dunha xigantesca máquina de picar carne humana. Mentras a economía, ademáis de guerras preventivas(Hitler foi o primeiro en utilizar este termo), comete atentados que non saen nos medios de desinformación masiva: cada minuto mata de fame a doce nenos. Na organización terrorista do mundo, que o poder militar custodia, hai mil millóns de famentos crónicos e seiscentos millóns de gordos. Até cando seguiremos a crer no conto do agresor agredido, que practica terrorismo porque ten dereito a defenderse do terrorismo. Acaso non son terroristas os métodos dos altos organismos internacionais, que a escala planetaria dirixen as finanzas, o comercio e todo o demais? Acaso non practican a extorsión e o crime, aínda que maten por asfixia e fame e non por bomba? Non están esnaquizando os dereitos dos traballadores? Non están asasinando a soberanía nacional, a industria nacional, a cultura nacional? Quen enche de guerras e armas o planeta, e por ende, a eses que eles chaman piratas? Un dato, penso eu que importante, os cinco maiores fabricantes de armas son: EE.UU, Reino Unido, Francia, Rusia e China, que ademais comparten o poder de veto na ONU, algo así coma a gran familia que nos reune a todos e na que o ter o poder de veto significa ter todo o poder.

No mellor dos mundos posíbeis as persoas de carne e oso somos para os economistas, números. Para os banqueiros, debedores. Para os tecnócratas, molestias. E para os políticos, votos. O perigosímetro e o culpómetro son os aparellos que elixen ás vítimas no tiro ao branco universal. Os pistoleiros do capital executan as ordes do mercado, quen virá despois de Iraq? Mentras… a industria da ciencia ficción tece unha outra historia para xustificar a carniceria humana no nome do DEUS MERCADO. Amén.

Ler máis »

14/04/2008 GMT -2

A GALIZA QUE FALTA NO PARLAMENTO

augasceives @ 16:08

Artigo de Iria López no que escribe sobre os comentarios que nas últimas semanas se veñen lendo e escoitando sobre a posibilidade de que a esquerda independentista puidera concorrer nunha candidatura unitaria ás eleccións do ano que vén.

Os tempos electorais son vertixinosos. A data das eleccións é o obxectivo último dos gobernantes, procuran proxectar dende o poder –cos medios e fondos públicos- a súa acción non para cumprir co seu cometido, senón para tentar perpetuarse no mando gañando unha e outra vez “a confianza” dos cidadáns aos que gobernan. É por iso que no terceiro ano de lexislatura xa se comeza a preparar a estratexia e cada vez as campañas e precampañas son máis longas. Exemplo dabando é o que acabamos de superar coa farsa bipartidista española. Non rematado aínda, e como adoita ser costume, os acomplexadiños gobernantes galegos trasladan o que oen en Madrid e comezan xa a prepararse para o ano 2009, aquel que tan lonxe ficaba cando o bipartito se instalou en San Caetano. Parece que foi onte…

Hai rumores da posibilidade de adiantar a data, como facía Fraga cando lle conviña, e mesmo estariamos falando de quen sabe se dentro dun ano poderíamos ter xa novo Parlamento. Sexa como for, o que parece claro é que o tripartidismo se afortalará, a imaxe e semellanza do modelo madrileño de debates e ocupación de medios. Ninguén poderá dicir entón que non se agardaba o adianto, e isto é un aviso para todo ese movemento que traballa fóra do Hórreo. Neste senso, xa houbo quen comezou a moverse, por exemplo Esquerda Unida, que comezou unha campaña para esixir que o teito eleitoral para obter representación se rebaixe do 5% actual ao 3%.

Asímesmo, véñense escoitando nas últimas datas boas vontades e predisposicións por parte de entidades da esquerda independentista galega para presentar unha candidatura conxunta que logre penetrar no Parlamento Galego. A pobreza política de Galiza reside en que no seu órgano de máxima soberanía non está representada a totalidade da poboación. Non está representado o que para a Garda Civil sería o MLNG, e se “o corpo” o di será porque existe… Non están representados os milleiros de persoas que o 17 de febreiro saíron ás rúas de Compostela para berrar “Galiza non se vende”, nin tantos outros… Se nos desfacemos de inútiles prexuízos non podemos máis que acoller de bo grao estas novas e os achegamentos –se os houber-, mais faltou tempo para que non todo o mundo o vira así. Non importa, é o momento de ir cara adiante con quen queira e deixar á beira os que non teñan intención de seguir e prefiran seguir buscando excusas no canto de pular por un verdadeiro movemento independentista forte que supere a actual división. Unha división que na práctica se reflite unicamente na opción ortográfica, pois a liña que separa os contidos programáticos é ben estreita.

Iso si, moi importante é deixar ben claros os cementos para non atopar fendas logo nas paredes. Dende a absoluta independencia e lonxe de ataduras nin disciplinas, a primeira necesidade acho que é baleirar as intencións de ideas preconcebidas e esquecerse de prexuízos e pasados que só supoñen trabas, deixar á marxe a fame de fotos e de protagonismos e pór pé na rúa para traballar. Perigoso sería caer nos erros que criticamos xa antes de ter conseguido ren. Uns mínimos que non encadeen a ninguén e unha predisposición a ceder onde sexa necesario. Ben é certo que intentos ten habido, pero non menos certo é que non faltos estamos de fracasos. Esta ten que ser a definitiva, o independentismo galego non pode adiar máis a súa presenza no Parlamento, sexa baixo o nome que sexa e baixo as siglas que sexan.

Anceiamos a visibilidade que nos falta e que ninguén nestes momentos está disposto a asumir. E se un día puideramos ser influíntes nun Goberno (da nosa Terra)  e houbera que contarnos nos cálculos que hoxendía son só “a tres”? E se alguén erguera a voz no Parlamento para tentar deter a destrución da nosa Terra? E se alguén non estivera disposto a mirar para outro lado cando a vida na Ría de Ferrol se ve ameazada por unha bomba que parece que non existe para os gobernantes? E se alguén decidira falar alto e claro sobre os problemas da nosa Terra sen atender a debates importados? E se alguén se preocupara firmemente da situación da nosa lingua detendo os ataques por parte de todos os lados? E se alguén decidira propor o cumprimento da Xustiza e enxuízar aos responsábeis da vergoñenta Cidade da Cultura?

Non temos nada que perder e é preciso experimentalo. Adiante pois!!



glz

Ler máis »

10/04/2008 GMT -2

VENTOS DE CUNTIS QUE ENCHEN PETOS ALLEOS

augasceives @ 17:03

Sabela Ferreirós escribe sobre unha nova entrega do exercicio do poder nestes gobernos de esquerdas que tanto proliferan agora: a venda do noso ar ao que máis ofreza, á máis grande multinacional do sector. Miramos cara a nosa comarca, a terras de Cuntis. Ilustramos coa curta "A dúas velas", pertencente a aquela serie chamada "Hai que botalos". Conseguímolo, pero quen entrou?

Houbo un tempo no que se decidíu que o progreso era a construción de pantanos para fornecernos de enerxía eléctrica. Eran tempos nos que a conciencia ecoloxista e a preocupación polo medio e polos ríos non agromaba, pois a principal preocupación era entón sobrevivir. Eran tempos de Ditadura.

Posteriormente, a tan anceiada democracia chegou a Galiza da man de Fraga Iribarne, perfecto exemplo de Transición onde os haxa… A política medioambiental, como as formas, non mudou en exceso. O asasinato masivo dos ríos galegos co método dos encoros, saltos hidroeléctricos, minicentrais e demáis derivados nominativos deu converter ao noso país no paraíso das multinacionais sen escrúpulos da enerxía eléctrica. A perfecta simbiose poder político – poder económico fixo madurar os froitos medidos tanto en quilovatios coma en euros ao tempo que os ríos galegos ían esmorecendo ao non aturar tantos golpes e paredes de formigón ergueitas a produciren para os ricos mentres poboacións afectadas convivían con normalidade coas restricións de auga potábel e cos cortes eléctricos. Tempos do PP, tempos de Fraga, tempos de encoros.

Os derradeiros anos do fraguismo coincidiron co espertar social da conciencia galega na defensa do súa terra. Ese imparábel movemento foi un dos maiores obstáculos que padeceu o bipartito PSOE-BNG na súa pretensión de asentamento no poder, un movemento ao que chegaron a desprezar cando baixo o nome de Galiza Non Se Vende saíu á rúa para denunciar que nada cambiara no tocante a política medioambiental na Xunta de Galicia. Baixo as sorrintes caras dos novos gobernantes portadores do cambio seguíronse a promover e construír encoros e a executar asasinatos paisaxísticos dignos da época do primeiro parágrafo. A sumisión do “goberno progresista” ás grandísimas multinacionais non se pode diferenciar por reparto de consellarías, igual Medio Ambiente ca Industria, os dous principais actores desta historia do século XXI.

Con todo, cómpre engadir un novo modelo de “progresismo medioambiental” ao imaxinario destes gobernos de esquerdas. Os parques eólicos. Eses muíños de vento que asolagaban primeiro as serras máis altas do país para soprar o noso vento cara a onde declarar os seus impostos, ben lonxe da Nosa Terra. E despois, coas máis senlleiras serras ocupadas, o nivel de altura tivo que ir minguando a medida que o negocio medraba. Calquera pequeno monte é válido xa para ampliar os petos dos novos deuses do vento. A enerxía eólica ten ese “nonseiqué” de non contaminante nin agresiva cara o medio. As pistas necesarias para a instalación dos aeroxeradores (como disque gostan de chamarlle) así como os propios aparellos en si nin destrúen ecosistemas nin causan impacto ambiental… claro, afeitos a ver as augas contaminadas dos ríos encorados (Encoro do Umia), milleiros de peixes mortos (Encoro da Fervenza, Río Xallas), etc. O ar non parece contaminarse se non é por fume!

A nosa comarca é boa coñecedora das políticas medioambientais duns e doutros. Velaí o Encoro do Umia, a Minicentral da Ermida, o proxecto eólico de Arca, e como anticipo… o do monte do Caeiro (na parroquia de Arcos de Furcos). Esta mesma semana o Concello de Cuntis decidía “outorgar” a instalación dun aeroxerador e súa posterior explotación á multinacional GAMESA. Cremos que é un dato irrelevante pois procurar diferenzas a estas alturas parécenos inxenuo, pero apuntamos que a proposta é do grupo municipal do BNG e a aprobación por unanimidade contou cos votos de PSOE e PP. Diremos, como datos adicionais, que as contraprestacións que ha recibir a administración cuntiense (que non os veciños afectados) baséase principalmente na creación dunha rota de sendeirismo e no pago dun canon. Economicamente, as contas falan de 6000 € (máis o correspondente IPC anual) polos trinta anos que dura a concesión máis dous pagos de 12.000 €. Propagandisticamente, os datos dinnos que se ha crear unha rota de sendeirismo aparellada do seu correspondente mantemento, etc. Tamén o aparello de propaganda funcionara cando Cuíña ideara o Encoro do Umia imaxinando un futuro glorioso para o seu entorno e plasmándoo nun vídeo de ficción. Non temos porque crelo!

Gamesa é unha das principais protagonistas do negocio enerxético en Galiza, principalmente nos sectores eólico e solar. A súa sé está en Gasteiz (Euskal Herria) e o seu volume de negocio é tan abraiante como a súa retórica de compromiso medioambiental e demais literatura empresarial. O pasado ano, Gamesa medrou un 36 % fixando uns beneficios netos de máis de 220 millóns de euros; cun plantel de preto de 7000 traballadores ao longo de todo o mundo (descoñecemos os datos de Galiza). Os tres principais negocios de Gamesa son EE.UU. China e o Estado Español, que tamén son os tres territorios que ocupan os tres primeiros postos entre os estados nos que se instalaron os 20.000 MW totais a nivel mundial. Galiza inclúese en “España”, pero o seu peso é infinitamente superior o do resto de territorios do Estado. Co cal, poderíase dicir que o noso país é unha das principais fontes do negocio enerxético de Gamesa en todo o mundo, por non dicir a que máis. Os datos son claros: dende Grecia até Alemaña, pasando por Pennsylvania ou a Toscana, ningún territorio no mundo se achega ás abraiantes cifras de Galiza. Máis de 570 MW de potencia instalada repartida en 17 parques fican inacadábeis para a seguinte na lista, Castela e León con pouco máis de 350 MW. Aquí acollemos o 32% dos 53 parques que Gamesa posúe por todo o Estado e producimos preto do 36% dos megavatios de potencia “española” coa que enchen os seus petos. Dato significativo é o volume de negocio, parques e potencia instalada que representa Euskal Herria nestes totais: cero.

Estes datos pertencen aos parques eólicos construídos. Os nosos parabéns aos gobernantes de Cuntis pois han contribuír en boa medida e da man da Consellaría de Industria, que ha dar o visto bo definitivo, á expansión desta multinacional (unha máis) que se asenta con firmeza entre nós. Cantos postos de traballo xerará? Cal será o impacto ambiental nos montes de Arcos? E cal o beneficio real que o vento cuntiense deixará á marxe de canons irrisorios para as arcas da empresa?

Ventos que zoan por inescrutábeis sendeiros…

Ler máis »

03/04/2008 GMT -2

EN MANS DE QUEN ESTÁ A NOSA LINGUA?

augasceives @ 17:05

A situación da nosa lingua é motivo das reflexións, unha vez máis, de Alberte Outeiro. Ao igual ca noutras materias, o noso idioma non ten voz no Parlamento Galego que o defende decididamente. O que ten é unha Secretaria de Política Lingüística á que lle é absolutamente indiferente cal sexa a situación do noso idioma.

  

Como cada ano, conforme se vai achegando o mes de maio avívase o debate arredor da situación da nosa lingua na Nosa Terra: publícanse estudos, coñécense declaracións, convócanse manifestacións e multiplícase todo o que ten a ver coa figura homenaxeada no Día das Letras. Este ano todo se repite, mais co complemento que tivemos durante os primeiros meses do ano, coa aparición electoral dalgunha plataforma españolista autobuseira que avivou as chamas da resistencia fronte ás provocacións e mentiras do sector social da dereita española en Galiza. Polo demais, hai uns días A Mesa convocaba unha manifestación para o 18 de maio en Compostela coa pretensión de amosar a forza que defende a nosa lingua: nós. “Polo dereito a vivir en galego” temos que estar e dicirlles a uns que non nos van amedrentar nin lles imos ceder un só paso de terreo e aos outros que estamos fartos das súas promesas incumpridas e dos seus decretos gardados nos caixóns. Case como resposta a esa convocatoria aparecía en escena nin máis nin menos ca o Valedor do Pobo, que non merece nin que lembremos a súa traxectoria de provocacións con respecto ao idioma galego. Estes días, diversas entidades como NEG denuncian a “escandalosa parálise” da Consellaría de Educación no que á aplicación do famoso “decreto do galego” no ensino.

Abofé que o cualificativo “escandaloso” non é esaxerado. Dise, con razón, que a Consellaría de Educación non saíu ao paso das acusacións e falsidades que tanto colectivos xa citados como o propio PP espallaron sobre ese decreto. Nin a consellaría nin ninguén. Non iamos reclamar que saíra dona Marisol, a Secretaria Xeral de Política Lingüística, a dicir algo pois seguramente precisaría dunha semana para que alguén lle redactara algo. Non somos tan inxenuos como agardar algo desta señora, que dende que chegou ao cargo ten demostrado a súa incapacidade para ocupalo. Marisol López é unha desas dirixentes políticas que cumpriría, para ir comezando a normalizar este país, desaloxar dos despachos, xunto ao xa citado Valedor ou a Manuel Ameixeiras, entre outros e outras. Nun mesmo saco, xunto con personaxes como Gayoso que proxectan acotío sobre nós a alongada sombra de Fraga, ao país do esquecemento! Noutro envío irían os que presuntamente desatados dos complexos desa sombra pretender tecer outra á súa imaxe e semellanza, que non ten nada que envidiar a esoutra.

Política Lingüística négase a aplicar o cativo decreto e convértese, ao igual ca outros como o Plano de Normalización Lingüística (aprobado por unanimidade no Parlamente con Fraga como presidente de “corpo presente”) e todo o discutido e votado vai a ese lugar no que fican as cousas polas que ninguén pregunta… ninguén con resonancia mediática, incluíndo aos propios medios subvencionados.

Da oposición deste Partido Popular non se pode agardar que os asuntos lingüísticos vaian por estes camiños, senón polos opostos. O PP dos Feijóo, Rueda e Calvo é máis españolista ca o de Fraga, Cuíña, Baltar, etc. A este PP só lle queda axeonllarse perante a estratexia madrileña porque o seu novo “líder” non é ninguén no seo do formación, como si o era Fraga, que era o mesmísimo fundador e que, ademais de gobernar en Galiza tiña certa liberdade para “ir por libre” dentro do Partido Popular. En abondosas ocasións ten manifestado opinións non concordantes coas do seu partido, algo que Feijóo, se o fai (en Galiza), vese na obriga de rectificar a ollos dos dirixentes estatais.

O realmente preocupante é que semella que para ningún dos tres partidos do Parlamento a normalización da nosa lingua é unha prioridade. Exposto o caso do PP, o PSOE (no goberno) endexamais amosou nin a máis mínima sensibilidade cara o noso idioma. A proba máis evidente é nas mans de quen deixaron a materia, ou o galego do que fai gala Touriño (cando o fala). Por se fora pouco, resulta moi pouco críbel que para unha formación nas que pesos pesados son Abel Caballero, Paco Vázquez ou Vicente Irisarri (entre outros, pero poderiamos seguir citando exemplos de galegofóbicos) a cuestión lingüística sexa importante.

O caso do BNG é distinto. Se ben o lingüístico é un piar do seu discurso e para a inmensa maioría da súa militancia e simpatizantes o galego é a lingua que empregan acotío, as formas dos seus dirixentes (e polo tanto os feitos do partido) deixan bastante que desexar. O primeiro incomprensíbel é que no pacto de goberno deixaran Política Lingüística en mans do PSOE, pois debería ser unha prioridade absoluta (xunto a, cando menos, Cultura e Pesca) e unha condicio sine qua non para o pacto. Pero chegado o momento, decatámonos de que para o BNG non existen ese tipo de condicións e que o poder e o acceso a recursos orzamentarios e o único ao que non están dispostos a renunciar. É ben certo que se teñen visto xestos (especialmente do deputado Bieito Lobeira, presentando algunhas interesantes iniciativas) pero en raras ocasións accións contundentes e decididas en prol da defensa en promoción do galego. E cando nos referimos a “defensa” tamén incluímos o rexeitamento firme e público e mesmo certa intransixencia con quen ataca ou non cumpre as súas funcións no tocante á cuestión lingüística.

En resumo. Esta, como outras tantas tarefas, será cousa da cidadanía deste país. Da sociedade e dos movementos asociacionistas de base. Ao igual cá defensa da Terra ou as reivindicacións nacionais no eido deportivo. Non contamos cos partidos estatais e vemos que non podemos contar tampouco co BNG, máis centrado nas cuestións de Madrid ca na defensa dos intereses e bens de Galiza. Non contamos con voz ningunha que poña no Parlamento que se están a incumprir cantas normas existen no referido a normalización lingüística, decrétanse medidas cativas que nin tan sequera se chegan a executar. O panorama non é esperanzador pero, cando o foi? Non nos imos deixar vencer polo desacougo e non imos abandonar agora que a nosa lingua sobrevivíu e chegou até os nosos días, sendo a nós a quen nos corresponde mantela viva e forte. Temos en fronte a quen non contabamos con telo a carón, e non temos á xunto a nós quen si o estivo algún día. A situación é complicada mais como se adoita dicir …a loita continúa!

Ler máis »

29/03/2008 GMT -2

POTENCIAR O GALEGO ONDE PRIME O VALEDOR

augasceives @ 14:23

As últimas declaracións do Valedor do Pobo nas que afirmaba que había que potenciar o castelán alí onde primara o galego protagonizan o artigo de opinión de Alberte Outeiro.

  

A imaxinación e os métodos da Garda Civil arredaron durante esta semana outra desas novas que incitan á violencia mental contra o seu protagonista. Estoume a referir á nova intervención estelar do Valedor do Pobo, que afirmou no propio Parlamento de Galiza o pasado luns que “hai que potenciar o castelán alí onde prima o galego”. Era como a súa resposta á convocatoria da manifestación do dezaoito de maio por parte da Mesa.

Hai persoas que con só abrir a boca fan bo a calquera predecesor seu por nefasto que fora. É o caso. Benigno López, designado ao chegaren ao goberno galego as forzas supostamente progresistas (aínda que por consenso), gosta de acaparar portadas de xornais e artigos coma este e semella sentirse cómodo cando as súas verbas espertan iras entre sectores das sociedade galega, nomeadamente diso que para a Garda Civil sería o MLNG, é dicir, a “Galiza consciente”. Segundo o Valedor do Pobo seica "hai que potenciar o castelán onde prima o galego e viceversa" para que "calquera cidadán poda optar libremente pola utilización dun e outro idioma”, afirmacións feitas na presentación do informe correspondente ao ano 2006 da institución que preside. Dito doutro xeito: bilingüismo harmónico e demais teorías dos colectivos ultras que percorrían Galiza en autobús antes do pasado nove de marzo.

Para o Sr. Benigno López hai que tratar de igual xeito á lingua que leva centos de anos afogando á nosa, hai que tratar igual á lingua en risco de desaparición cá que conta co favor da inmensa maioría de medios de comunicación e outros sectores sociais, hai que tratar por igual á potenciada polo poder cá que resiste pola forza do pobo, á imposta cá propia… Un país con lingua de seu non pode permitirse un cargo público que dende o mesmísimo Parlamento Galego realiza este tipo de afirmacións, ou o que é peor, está disposto a aplicalas para contribuír na “morte digna” que o poder lle está dando ao galego, como non hai moito dixera Díaz Pardo.

Nin as recomendacións que ten feito o Consello de Europa para potenciar a normalización lingüística da nosa lingua en Galiza, nin o que di o propio Estatuto de Autonomía, nin a Lei de Normalización Lingüística (art.4: “O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma”) nin a máis esmagadora de todas cantas razóns lle podemos presentar a Don Benigno, que é a propia realidade a pé de rúa ou de despacho oficial, lle ha entrar na cabeza non á súa persoa, senón ao cargo de ocupa. Polo tanto, a solución que nos deixa é, unha vez máis, esixir o seu cesamento.

Posto que non haberá Valedor que nos faga retroceder ao Pobo Galego nas nosas pretensións de vivirmos na nosa lingua, a substitución desta figura é a saída máis razoábel que queda. Tarefa agora para os que o elixiron, pola súa banda, ten feito méritos dabondo para ser merecente do noso rexeitamento e do de toda a sociedade galega.

Non existe bilingüismo harmónico, non se garanten os dereitos lingüísticos de todos os cidadáns galegos potenciando outra lingua que non sexa a propia en ningún lugar nin circunstancia.

Ler máis »

27/03/2008 GMT -6

QUE SE PREPARE A AUDIENCIA NACIONAL QUE ALÁ IMOS!!

augasceives @ 13:28

Sabela Ferreirós opina sobre a información que onte achegaba o MpDC e que confirmaba con documentos a fixación da Garda Civil cos movementos sociais galegos.

 

Onte choutaba a todas as primeiras dos meios de información independentes (non subvencionados) o contido de varios informes internos da Garda Civil aos que o MpDC (Movemento polos Dereitos Civís) tivo acceso. Neles instrúese a membros do corpo sobre o que para a banda armada española é o “segundo problema de terrorismo en España”: nada máis nin nada menos ca o MLNG. A mestura de siglas da de por si unha idea do descoñecemento que as FSE teñen do que en realidade é o movemento social galego, enténdase político, cultural, ecoloxista, estudantil, sindical, feminista, etc. Preséntanse unha serie de colectivos que todos xuntos e revoltos considéranse verdadeiras ameazas para a santa unidade de España e mesmo se insinúa que poden chegar a ter vencellos co terrorismo. Algo semellante ao que en Euskal Herría denominan “entorno abertzale” e polo cal todo individuo pertencente a tan amplo colectivo pasa a ser presunto, afín, colaborador, etc. Unha nubeira de sospeitas infundadas sen atender a ningún delito concreto, senón ao carácter e/ou ideoloxía dos propios individuos ou colectivos. Pero o máis significativo non é o exposto até aquí senón os criterios para identificar posíbeis “terroristas”: a benemérita tomará datos de automóbiles que leven algún autocolante que puidera delatar ideas nacionalistas tales como os coñecidos de GZ, bandeira galega con estrela vermella, escudo da serea de Castelao, etc.

Chegados a este punto, non se considera necesario expor unha serie de argumentos polos cales rexeitar este tipo de actuacións. Razóns ben coñecidas e mesmo repetidas das que temos que botar man cando temos novas que atinxen á Garda Civil ou aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, deste estado libre, democrático e constitucional. Se sospeitoso é todo aquel individuo que viaxe nun vehículo que leve un autocolante de grupos tan dispares como Galiza Non Se Vende ou Causa Galiza van ter que facer unha sección especial na A. N. adicada só a potenciais terroristas galegos, colectivo do que unha boa parte de cidadáns e cidadás deste país pasaremos a formar parte. Non imos preguntar pola liberdade de expresión, pola liberdade de “tunear” o noso coche como nos pareza. Moito menos pola liberdade de asociación. Liberdades que neste estado nin están ni se agardan. Por suposto, nin que dicir ten que libre é todo aquel cidadán que no seu automóbil particular porte no canto dun “GZ” un “E” ou unha “rojigualda” (co seu correspondente paxaro negro) no canto dunha bandeira galega (coa súa correspondente estrela vermella no centro); dende este preciso instante retirade as vacas das bandeiras galegas e mudádeas polas rojigualdas cos seus touros de raza!

Non queda moita máis opción ca tomalo a brincadeira e rir por non chorar, como se adoita dicir. É curioso que tamén estes días dabamos de fronte con datos que falan de que o Estado Español (co PSOE á fronte) sitúa o número de presos políticos en cifras históricas, mesmo superando épocas pasadas non cualificadas como “Democracia”.

Neste escenario é no que estamos asistindo estas datas ás relacións mesmo adúlteras para chegar a pactos que den comezo a unha nova lexistalatura do Executivo español de Zapatero. Cos coches galegos ollados de preto segundo a simboloxía que porten, o BNG (garante da defensa dos dereitos e liberdades de Galiza e dos galegos) preséntase en Madrid á procura de parella estábel a confirmar en santo matrimonio para, polo menos, os vindeiros catro anos.

A nova dos sistemas empregados pola Garda Civil percorreu axiña pola rede ese submundo que é movemento social galego, que non MLNG. Unha desproporcionada cantidade de entidades de todas as castes foron sinaladas, mais entre elas non figura o que noutros tempos sería o centro das sospeitas. Falamos do Bloque Nacionalista Galego, hoxe insertado no sistema e asentado no poder e en cuestións de máis alta diplomacia e negociacións en Madrid. É posíbel que o abandono do BNG dos submundos sociais dera no nacemento de colectivos a esgalla para cubrir o que dalgún xeito antes podía ter o xugo común desa formación con obxectivos claros: a defensa da nosa cultura, da nosa lingua, da nosa terra, a autoorganización estudantil, feminista, etc. E sempre de fondo, na maioría dos casos (mais non en todos), a autodeterminación. Isto non significa, nin de lonxe, que exista unha coordinación formal entre todos.

Se nos quedamos co superficial da nova, co que máis cabeceiros deu, non podemos deixar de referirnos aos autocolantes dos coches galegos. Que pasará con aquela masa de simpatizantes e mesmo militantes do propio BNG que porten esa simboloxía nos seus vehículos? Pasarán a encher esas fichas policias sen o apoio* contundente e decidido do seu partido? Non se referiría Quintana con iso de “ter forza en Madrid” a que nos apliquen a Lei Antiterrorista a todas e todos que levamos no noso coche un distintivo nacionalista? Serán tidos en conta outro tipo de medios de desprazamento como bicicletas ou monopatíns que tamén leven “GZs”, bandeiras ou sereas?

*cando falamos de apoio contundente e decidido non nos estamos a referir a unha simples pregunta no Horreo.

Ler máis »

14/03/2008 GMT -6

PODER POPULAR

augasceives @ 04:39

Temos connosco máis unha vez a opinión de Ánxo Berres, fai un chamamento a consciencia social do noso pobo para xuntar forzas cara a meta común que debemos alcanzar. 

  Estou Farto de parodias e farsas de titiriteir@s, do ruido asoballador do kalashnikov que procura votos-úteis, dese mísil igrexa-PP de gran alcance, do estoupido de promesas e inauguracións, de guillotinas made in spain arrebatadoras do futuro de pobos enteiros, de debates taberneiros no que a verdade xira entorno o que dixo a telemerda, a imprensa ou o transistor, de Constitucións inamovíbeis herdanza de asasinos, de monarquias impostas, da liberdade de mercado, da xustiza da sua Audiencia Nacional, da falla de orgullo propio colectivo, da crítica-destructiva que combate o compromiso. 

Farto porque mentres continua a función no circo dos poderosos, coas suas artes de innotización masiva, por outra banda, segue a medrar a presión e acoso que sofren os movimentos populares e as persoas que defenden posturas encontradas cos intereses dos grandes poderes económicos, en consecuencia políticos. Avanzando así cara a destrucción dos pobos que polo momento resistimos na lenta agonía que ainda nos permiten as cadeas do capital. Non atopamos no camiño marcado o punto de encontro onde as posturas da consciencia social atopen refuxo para argallar a defensa dende un movimento forte, galego e popular. Posturas que ergan e arroupen a voz dos que seguen a ser torturad@s por chamarlle ás cousas polo seu nome, a es@s que o fan alí lonxe de estrados e de papeis asinados cheos de palabras que leva o vento. Falo d@s que teñen o valor suficiente para seguir saíndo á rúa nestes tempos que corren, seguindo en pé! alí onde a resposta popular sempre tivo maiores consecuencias. Salgamos á rúa, recuperémo-la, debe voltar a ser nosa e non agardar a que unha nova gran desgraza que desprestige a nosa Terra nos volte a faer sair. Botémos-lle unha man @s que endexamais comprenderon a luita sen a rúa, porque est@s son hoxe pouc@s, moi pouc@s para os problemas que asolagan o noso presente e o noso futuro.  

Veñen agora o meu recordo as conversas que tiña co meu amigo e veciño Manel o redor da lareira que quentaba a sua cociña. Él era un gran coñecedor da resistencia antifascista dos maquis, resistencia que durou máis de vinte anos na Galiza, primeiro organizada en guerrillas e logo isolada do exterior dende o comezo da Guerra Fría para acabar sendo abocada a un proceso de esfrangullamento e aniquilación que rematou coa caza final dos fuxidos dende a execución do Foucellas até o acoso e morte do Piloto en Belesar, xa nos sesenta. Manel, naquelas conversas cheas de ensinanzas de luita e resistencia, sempre remataba empregando a chamada o combate daqueles homes que endexamais abandoaron a sua Terra para facer fronte o inimigo:

a única loita perdida é a que se abandoa”. 

 

*adícado as vinte persoas da militancia independentista sancionadas recentemente durante a campaña de represión-económica levada a cabo pola "Subdelegación del Gobierno de España", homes e mulleres pertencentes os centros sociais Revolta, Faísca,e Cova dos Ratos, O Foro da Mocidade de Vigo, a Comisión contra a Macrodepuradora de Coruxo,a plataforma a Ría Non Se Vende, o colectio Precárias em Luita e a entidade autodeterminista Causa Galiza.

Ler máis »

13/03/2008 GMT -6

SISTEMA COXO, DEMOCRACIA MUTILADA, REPRESENTACIÓN IRREAL

augasceives @ 14:47

Presentamos as valoracións das Eleccións Xerais do pasado domingo asinadas por Alberte Outeiro. Afortalamento do bipartidismo: fanse fortes no sistema que deseñan.

Son múltiples os factores sobre os cales se podería opinar á hora de facer unha análise das Eleccións Xerais do pasado 9 de marzo. Podemos comezar por unha visión xeral da precampaña para írmonos achegando no tempo até hoxe. O máis salientábel é a cesión do PSOE ás esixencias do PP, que logo de pasarse toda a lexislatura reclamando a ilegalización das opcións políticas da esquerda abertzale, atopou o asentimento de Zapatero a falla de só uns meses. Durante as negociacións con ETA as opcións do independentismo vasco eran legais pero nas vésperas das eleccións tornáronse en ilegais. A resposta que o pobo vasco puidera dar nas votacións daría de seguro con representación no Congreso dos Deputados de Madrid, o cal deixaría en complicada situación o discurso do Goberno Español.

Xa en campaña, os principios democráticos ficaron esquecidos e o que se presentou foi unha carreira entre dous excluíndo aos demais contendentes, entre eles, opcións da extrema dereita racista, xenófoba e golpista do 36 e ou do 81. O bipartidismo superou límites e asistimos a quince días de promoción persoal dos dous candidatos pola circunscrición eleitoral de Madrid. O sistema español non é presidencialista, os cidadáns non escollen ao presidente do Goberno e só votan listas pechadas. O descoñecemento do sistema por parte da poboación permite acotío escoitar a calquera cidadán do estado que votará “a Zapatero” ou “a Rajoy”, cando é absolutamente falso se quen o di non vota na provincia pola que eles se presentan. Non imos afondar en máis déficits democráticos, como o do voto exterior, ilegalizacións, debates de promoción con medios públicos, etc. por seren xa sobradamente coñecidos e repetitivos.

Non faremos referencia aos discursos de campaña, que por seren precisamente iso, non merecen máis atención ca o que realmente son: iso, discursos de campaña. Con todo, e ao igual ca hai catro anos, un atentado terrorista fixo esquecer toda a dialéctica e incluso en moitos casos as propias actuacións e feitos duns e doutros durante a lexislatura. O asasinato por parte de ETA dun cidadán vasco acelerou a mobilización até chegar a un 75 por cento de media estatal. Esta porcentaxe superou en moitos puntos á rexistrada en Euskal Herria, mais ese será un dato a citar máis adiante. A nova do atentado paralizou a campaña e enfriou ao PSOE e ao PP, desúpeto choutou á memoria o acontecido en 2004, cando a propia xestión dos feitos e da información decantou os resultados chegando a rachar co previsto e situar na presidencia do Goberno Español a Zapatero. Ningún dos dous quixo repetir o que daquela reportara beneficios e prexuízos a esgalla, por medo.

Os resultados, aínda sen seren definitivos (pois estase a recontar os votos do CERA) presentan un Congreso dos Deputados para a vindeira lexislatura máis bipartidista ca nunca, resultado lóxico da precampaña e de cómo se presenta a política en España, onde discrepar coa “lóxica” dominante pode ser, incluso delito. Velaí a A. N. para enxuízar, a versión democrática do TOP franquista, o Tribunal de Orde Pública. 169 escanos para o PSOE e 154 para o Partido Popular. A partires de aí, CiU con 10 e PNV con 6 serán os outros dous grupos parlamentares. O resto, ao Grupo Mixto. A pluralidade política vai ser unha utopía nesta lexislatura.

Se atendemos aos resultados de cada un dos partidos, do que primeiro hai que falar é que todos foron engulidos polo bipartidismo. A relación de votos e deputados obtidos deixa en evidencia o sistema eleitoral español. Vexamos. Fóra dos dous principais partidos a nivel estatal, o caso máis grave é o da terceira forza española, IU que con case un millón de votos obtén os mesmo escanos (2) ca BNG (con pouco máis de 200.000) e CC (con 164.000). Porén, os máis de 303.000 de Na-Bai tan só lle van permitir salvar a súa representación cun asento. Tantos como o novo enxendro de Rosa Díez, UPD que entra con tan só 62.000 votos. Un dato relevante é que, fóra do PP e do PSOE, tan só o BNG e Na-Bai medran en apoios eleitorais, malia que non lles permitan aumentar a súa presenza parlamentar. Á hora dos recontos obviase nos medios falar de Euskal Herria, das súas circunscricións eleitorais. A chamada á “abstención activa” da esquerda abertzale como resposta ao sistema español que ilegaliza ideas e nega dereitos foi atendida por preto de 185.000 votantes (segundo fontes do propio independentismo vasco) que non acudiron ás urnas para entrar nun xogo político feito para que gañen os de sempre.

Unha democracia máis coxa ca nunca é que se nos presenta para os vindeiros catros anos. A impresión que queda é a inutilidade dos feitos durante catro anos, xa que as dúas ultimas semanas poder ser suficientes para que adormecida poboación española decidade conforme lle indican. Os debates televisados ensinan o camiño e os pistoleiros etarras seguen a darlle motivos aos votantes do PP e do PSOE para crérense os garantes da paz e das liberdades españolas. Sistema coxo, democracia mutilada, representación irreal.

Ler máis »

07/03/2008 GMT -3

Á IGUALDADE CHÉGASE LOITANDO CONTRA A DISCRIMINACIÓN

augasceives @ 11:55

Mañá, 8 de marzo, conmemórase o Día da Muller Traballadora. Este ano os actos veñen marcados pola prohibición de concentracións ou manifestacións por entender a "autoridade competente" que poden constituír intervencións na chamada "xornada de reflexión". Opinión de Sabela Ferreirós.

A igualdade é o estado natural dunha sociedade no tocante á “convivencia” entre homes e mulleres. Como ben é sabido, na actualidade isto non acontece así. O patriarcado afoga dende tempos inmemoriais o normal discorrer das civilizacións, sempre alimentado dende as xerarquías políticas, económicas e doutras castes.

Porén, hoxe a “loita pola igualdade” é a bandeira á que se agarran as opcións políticas consideradas progresistas e até aquelas descaradamente conservadoras. Esta loita pola igualdade consiste no que alguén deu en chamar “discriminación positiva” en favor da muller, dando como resultado cousas tan absurdas como a “paridade” ou os costumes de repartir cargos dependendo do sexo das persoas e non das súas capacidades ou aptitudes. Hoxe, a loita pola igualdade consiste na promoción das mulleres fronte aos homes simplesmente polo feito de sermos mulleres. O xeito no que as forzas políticas entenden esta conquista da igualdade é rexeitada polo verdadeiro movemento feminista ao tempo que os electoralistas que procuran o voto feminino entenden esta tarefa como facérense fotos rodeados de mulleres, consideradas meros obxectos propagandísticos. De aí a falacia de moitas da conmemoracións institucionais que teñen lugar estes días, con ridículos xestos para a galería cando de seguro que non fondo moitos deles e delas non saben de onde procede o establecemento do oito de marzo como “Día da Muller Traballadora”.

Rexeitando os actos que enchen xornais cada ano por estas datas, é preciso aproveitar o día para reiterar unha vez máis que a loita non se limita a un día ao ano (certo que isto tamén é moi repetido) e que a tarefa non é colocarnos ás mulleres por enriba dos homes, non é pular pola igualdade, senón loitar contra a discriminación por razóns de sexo, así como por todas as outras razóns.

Esta sociedade, ao tempo que ergue a bandeira da igualdade, “consinte” que as mulleres vexamos como a diferenza de retribución polo mesmo traballo é alarmante con respecto aos homes, se menosprece a nosa valía por ser mulleres por parte de aínda moitos altos executivos, se nos considere en moitos casos obxectos sexuais con comentarios ou faltas de respecto por parte de responsábeis políticos vidos e mantidos do pasado ou mesmo compañeiros de traballo e/ou superiores, etc. A loita pola igualdade ou loita contra a discriminación non debe ser unha promesa electoral, debe ser efectiva con medidas claras e contundentes. O primeiro paso a dar é limitar o poder dos causantes desa perpetuidade da infravaloración feminina. Os progresistas non nos poden prometer leis de paridade ao tempo que alimentan os petos de institucións tan dubidosamente igualitarias como a Igrexa Católica, ou mentres permiten que homófobos ou misóxinos declarados poidan acceder a postos de reponsabilidade pública e espallar as súas prácticas e crenzas sostidas con fondos de todas nós e todos vós.

O oito de marzo, o Día da Muller Traballadora non representa nada para as acomodadas burguesas, para as fundamentalistas católicas autoconsideradas inferiores, etc. O oito de marzo tampouco é só para as mulleres. O Día da Muller Traballadora representa dúas loitas: a loita pola emancipación da muller e a loita pola emancipación da clase obreira traballadora.

Ler máis »

04/03/2008 GMT -1

AGRESIÓNS MILITARES QUE SON PERIGOSAS PROVOCACIÓNS

augasceives @ 21:41

Os recentes acontecementos nos que as forzas armadas colombianas invadiron territorio ecuatoriano e tralos que o propio Fidel Castro afirmou que soan "trompetas de guerra" son o argumento do artigo de Sabela Ferreirós.

Ao contrario do que acontece por estas terras, onde en tempos de campaña electoral a acción de goberno se paraliza e todo se centra na data das votacións, nos Estados Unidos as súas ansias imperialistas non minguan en campaña eleitoral. O dominio territorial e as manobras ianquis polo mundo adiante non cesan nin en pleno apoxeo das primarias nos dous partidos contendentes. A man negra que alimenta ao monstro israelí non deixa de ordenar medo, terror e morte en Palestina. A man negra permitíu a independencia de Kosovo por tratarse de territorio estratéxico para os seus intereses na zona. E agora, a man negra lanza unha ofensiva para tentar desestabilizar América do Sul agochándose detrás do títere Álvaro Uribe, único infiltrado na América bolivariana e revolucionaria que se ergue contra o colonialismo ianqui.

Sabido é que o Presidente colombiano actúa home de confianza de Washington entre os Chávez, Morales, Correa, etc. Ese é o punto no que se apoian as estratexias ianquis encamiñadas e derrubar os gobernos de esquerdas latinoamericanos que son incontrolábeis para Bush (e para o seu sucesor ou sucesora). A decisión de Venezuela de negociar coas FARC a liberación de reféns foi a excusa perfecta para que os imperialistas acusaran a Chávez de terrorista (abofé que nos é coñecida esta estratexia…). A decisión da guerrilla colombiana de procurar o camiño político para acadar a paz atopou de fronte coa idea de Bogotá, que en ningún caso establecerá diálogo por orde doa ianquis. Neste escenario a resposta imperialista foi a da provocación militar.

Colombia fixo unha máis das habituais incursións en territorio ecuatoriano para, desta vez saltar todos os límites e bombardear con artillería. Un ataque militar en toda regra. O resultado foi o asasinato dun dos líderes das FARC e ás poucas horas o presidente colombiano comparece para asumir toda responsabilidade e a autoría do asasinato. Estratexia milimetricamente estudada. Eran sabedores de que a resposta do ecuatoriano Correa non había ser morna, pero o que buscaban era a Hugo Chávezresposta de Hugo Chávez, que coa súa habitual efusividade non tardou en avisar deÁlvaro Uribe que o esa incursion en terreo venezuelano sería “causus belli”. No seu excéntrico “Aló Presidente!” (programa televisivo de dubidoso carácter democrático) ordeou en directo a mobilización de tropas cara a fronteira con Colombia.

Deste xeito, Chávez pasou á primeira plana nunha especie de ansia por liderar a necesaria resistencia dos pobos da América Latina, pois a reacción ecuatoriana resultou bastante menos mediática, malia ser o país agredido. Deste xeito, Washington-Bogotá presentan ao líder venezuelano como o perigo para o mundo, para o seu mundo, que sitúa ao borde da guerra aos pobos de América Latina. Occidente, Europa, atende fielmente a orde a enche as pantallas dos televisores coa imaxe Chávez dirixíndose a Uribe e co famoso “causus belli”.

Máis ca nunca, resistencia América Latina!!

Ler máis »

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis