A HISTORIA DA NOSA LINGUA NA NOSA HISTORIA
Rematamos a semana na que en AugasCeives lle prestamos unha atención especial á nosa lingua cos ollos postos no vindeiro domingo, 17 de maio, e na manifestación de Compostela que ten que servir de referencia na defensa do noso idioma. A difícil situación que vive e as graves ameazas ás que se enfronta, ás que nos enfrontamos, fai deste Día das Letras Galegas o máis importante dos últimos anos, e non precisamente polo persoeiro a homenaxear... Velaquí un pequeno percorrido pola Historia da Nosa Lingua dende os comezos até hoxe. Moi recomendábel a reflexión e a comparanza en varios momentos da situación que se daba coa que se nos presenta agora, en pleno século XXI. 17 de maio, sempre!


Chúzao
del.icio.us
O FC Barcelona ergueu por vixésimo quinta vez a Copa do Rei de España de fútbol ao vencer por un contundente 4 a 1 ao Athletic Club de Bilbao. Os vascos saíron cunha actitude encomiábel e dispostos a facer que a súa superioridade física se impuxera á calidade do Barça. Adiantáronse con gol de Gaizka Toquero no minuto 8 ao rematar un saque dende o curruncho e seguiron abafando a saída de xogo do equipo de Guardiola até que un sorprendente lanzamento do marfileño Yaya Touré empatou o xogo á medio hora. O Barcelona conseguira saír vivo do impresionante acoso ao que se veu sometido polos vascos a base de talento e calidade individual, aínda que sen crear moito perigo na primeira metade. O segundo tempo foi unha exhibición do que hoxe por hoxe é o mellor equipo de fútbol do planeta e que puido marcar máis dos catro goles que marcou. Messi, Bojan Krkic e Xavi Hernández fixeron os tres goles que certificaron o trunfo blaugrana.
Sempre é data de referencia o 17 de maio como xornada de compromiso co idioma. Unha lingua afeita a resistir e constantemente ameazada que vive momentos duros pola ofensiva colonizadora que sufre este país e que a ten como principal obxectivo. O españolismo, en cada unha das formas nas que se presenta, sabe que o galego é o noso principal signo de identidade e por iso centra nel os seus ataques. A volta do PP ao goberno da Xunta e as entidades satélite que se moven na mesma dirección están dispostos a, baixo a bandeira da súa liberdade, deixar sen lingua a un pobo que a precisa para sobrevivir nun mundo coma este. O Día das Letras deste ano non é un máis, é o máis importante dos últimos. Por primeira vez, o persoeiro homenaxeado non é o máis importante; o eixo central non será este ano a lembranza, senón o futuro.
Por enriba de corenta mil persoas botáronse ás rúas en 14 vilas de Galiza, nas que a grande maioría de pequenos establecementos e comercios mantivéronse pechados a mediodía. A gravísima situación que vive o sector lácteo galego non ameaza de morte unicamente aos propios gandeiros, senón que pon en risco de desaparición definitiva un dos piares da economía de todo un pobo. Por iso onte, nesas catorce cabeceiras de comarca non só se desenvolveron mobilizacións dun sector en concreto senón manifestacións de toda a sociedade galega en defensa de algo tan de seu como é o leite. A solidariedade de comerciantes e pequenos establecementos (non agardemos polas grandes superficies, cómplices en boa parte da situación) é unha mostra de consciencia e dunha cidadanía viva que loita polo propio. A boa nova é que non hai resignación, hai loita e vaina seguir habendo até o final.
Remataron sen incidentes os dous días de folga convocados no sector do metal pontevedrés en protesta pola negativa da patronal a negociar o convenio do ano próximo. O paro foi practicamente total e a resposta dos traballadores, unha vez máis, unha mostra de unidade e determinación fronte a un empresariado prepotente que semellan estar a gusto na situación de folga. Durante o día de hoxe, os traballadores levaron a cabo unha acción de protesta chamativa e que consistiu na toma pacífica do IFEVI, onde se está a celebrar o Salón do Automóbil de Vigo.
