ESTE NOVO PP
Alberte Outeiro escribe unha reflexión sobre a forza política que domina os resultados electorais en Galiza e a mutación que vén experimentando dende a ausencia de Fraga Iribarne á fronte.
Alberte Outeiro escribe unha reflexión sobre a forza política que domina os resultados electorais en Galiza e a mutación que vén experimentando dende a ausencia de Fraga Iribarne á fronte.
Avanza a Xunta nos seus plans de exterminio. Feijóo fixouse como acción prioritaria nos seus primeiros meses de goberno o ataque á raíz da supervivencia do noso idioma nas vindeiras xeracións. Paseniño vai anunciando medidas cada semana que só chaman á desesperación: a derrogación do Decreto do galego, a supresión da lingua nas oposicións, o recorte de espazos nos medios públicos, a enquisa envelenada… Agora chégalle a vez ás Galescolas. Un asunto que xa irritara ao PP da oposición e co que ensaiaran a súa maquinaria demagóxica e propagandística publicando verdadeiras pezas de coleccionista, tamén polas terminais de Madrid. Ademais, Feijóo e os seus tentan reter a oposición social maioritario no eido do ensino aos seus plans ameazando intolerabelmente a mestres e centros.
Os niveis de conflitividade laboral continúan elevados en Galiza. Segue viva a loita gandeira en demanda de solucións á situación crítica que vive o sector, xa hai convocada unha tractorada para a semana que vén (mércores 17) co SLG á cabeza. Os traballadores da planta de Pascual de Outeiro de Rei continúan coas súas protestas e a pasada noite xuntaron máis dun milleiro de persoas en Lugo contra o ERE que os ameaza. Na Coruña, o persoal de Caramelo continúa coas accións tamén contra o expediente de regulación que a multinacional pretende e estendendo as protestas á situación do sector téxtil, que está a ser ameazado polo virus da deslocalización. Por debaixo da liña mediática, continúan vivos centos de conflitos en todos os recantos do país cos traballadores e traballadoras pagando a crise do capital (Galfrío, Seaga, ABB, Ingemarga, Valoriza, Viproga, Maderas del Atlántico e tantas outras). Coa pasividade cómplice e letal da Xunta e maila envelenada actuación dos medios deformando a realidade, a loita obreira enche as rúas do País. Mais á cabeza segue o conflito do metal no sur de Galiza, con Vigo como capital da resistencia.
Opinión de Sabela Ferreirós arredor da saída de Xurxo Souto do programa 'Aberto por reformas' da Radio Galega. Este cese supón moito máis ca remuda -previsíbel, máis non deste xeito tan inmediato- dun profesional á fronte dun programa de radio. Aínda que o programa polo momento segue, non é xa a oportunidade que Xurxo Souto ideara para os músicos galegos e para as súas músicas, non é xa ese excelente instrumento de normalización lingüística na radio pública de Galiza.
Non erraron desta vez os prognósticos que apuntaban a unha escasa participación nas Eleccións ao Parlamento Europeo de onte 7 de xuño. Non se percibe con proximidade este organismo, óllase como algo demasiado afastado como para podermos ser influíntes nunha cámara tan grande como é a de Bruxelas. Malia escoitar reiteradamente que alí se toman cada vez máis decisións que atinxen moi directamente á nosa vida cotiá, o certo é que a percepción que temos é que o noso poder de decisión alí é mínimo mentres que moitas das súas políticas supuxeron medidas negativas aquí.
Non hai respiro. As ansias aniquiladoras do novo goberno da Xunta con respecto ao idioma galego e ao referido á educación non descansan, fican activa e producen novas cada día. Día tras outro, unha especie de cadea que vai destapando ideas destrutivas que van minguando cada unha á que a precede. Primeiro foi a promesa de liquidación do decreto do galego, despois a extinción da obrigatoriedade do galego nas oposicións, agora a famosa enquisa… Por se fora pouco, ao tempo dísenos que queren estes ultracatólicos que os cativos e cativas comecen a ser xa adoutrinados na súa moral dende os tres anos!!! Por un lado venden a bandeira de outorgarlle a decisión aos pais, agardando que sexan avaladas as súas intencións; pero polo outro desatenden as súas opinións cando por medio da confederación de ANPAs piden un ensino laico…
As pelotas de goma e a represión policial non amedrentan aos traballadores en loita. Onte e hoxe (quinto e sexto día de folga) reproducíronse as imaxes que se viran días atrás nas que o conflito laboral adquiría forma de guerrilla urbana: lume, barricadas, disturbios, disparos, pedradas, carreiras, agochos detrás dos coches, feridos… a posta en escena lembra moito á invasión televisada do Exército dos EUA en Bagdad. A calquera guerra na que a forza invasora loita a pé de rúa coa resistencia polo control dunha cidade, cos seus sitios estratéxicos e demais ingredientes propios. Mais a diferenza é que isto é unha folga, na que os traballadores reclaman que a patronal deixe de bloquear a negociación dun convenio digno e atopan nas rúas da súa cidade a resposta violenta dunhas forzas de ocupación que sementan violencia.
Ben sabiamos que da man do PP había chegar todo ao que nos tiña acostumados e se habían reproducir as mañas que se empregaron durante o fraguismo e que afogaron a este País en múltiples escuridades. Certo é que este renovado PP está atinxindo co Feijóo cotas impensábeis cando o equilibrio entre boinas e birretes era algo maior que o que hai agora, que practicamente desapareceu a influencia dos primeiros. Referímonos á cuestión lingüística, onde as agresións ao noso idioma están lonxe da perversión e da maldade que Fraga e os seus podían desenvolver. Onde non defraudan e comezan a andar polos mesmo vieiros é na apropiación (indebida) dos medios de comunicación públicos (así como o dos privados, aos que lles engordará as axudas). A primeira decisión da nova directora da televisión pública é digna do máximo esplendor da censura fraguista, o que coñecemos por exemplo canda o ‘caso Prestige’.
O vindeiro domingo celébranse as Eleccións ao Parlamento Europeo. As previsións indican unha elevada cota de abstención contra a que loitan ‘os europeístas’ convencidos, empezando polos propios candidatos. Tratan de procurar respostas a porque estas votacións xeran tan escaso interese …
A grande nova que precedeu a campaña electoral en todo o Estado foi a aparición dunha candidatura que, primeiro foi posta no branco da Lei de Partidos mais que finalmente vai poder estar presente. Iniciativa Internacionalista – A solidariedade entre os pobos constitúe unha agrupación de representantes de todos os territorios do Estado Español que pretenden levar a bandeira do socialismo e da alternativa anticapitalista ao galiñeiro ultraliberal no que cacarexan os galos máis fortes, apertando cada día un pouco máis o xugo que impide o dereito de autodeterminación dos pobos do vello continente.
O vindeiro domingo celébranse as Eleccións ao Parlamento Europeo. As previsións indican unha elevada cota de abstención contra a que loitan ‘os europeístas’ convencidos, empezando polos propios candidatos. Tratan de procurar respostas a porque estas votacións xeran tan escaso interese e argumentan razóns de descoñecemento da poboación da importancia do P. E. e deficiencias na comunicación das mensaxes. O certo é que existe unha grande inconsciencia de que o Parlamento Europeo é hoxe culpábel de moitas cousas, se falamos de Galiza case ningunha boa… Tan só as inxentes subvencións que encheron os petos dos que as “distribuíron” entre amigos e parentes. Mais non menos certo é que, ouvindo o que se oe, pouco semella importarlle aos partidos que se presentan máis ca o número total de votos para extrapolar resultados. Analizaranse, como todas, en clave de éxito ou fracaso, aínda que ninguén recoñecerá ter perdido.