CANDO INTERESA DICIR QUE NOS INTERESA O RÍO...
Que o Umia é un dos ríos máis maltratados da nosa Terra non é nada novo. Tampouco o é que conforme nos achegamos a datas electorais, as administracións redobran esforzos á procura do voto que os manteña no poder con actuacións de moita pompa, fotos e galería. A pasada semana, o conselleiro de Medio Ambiente inauguraba en Caldas a EDAR municipal e apuntaba para o noso río un novidoso sistema de detección dos verquidos en tempo real.
Segundo datos da propia Consellaría de Medio Ambiente, os ríos galegos soportan máis de 4500 verquidos, dos cales un importante porcentaxe son responsabilidade de Concellos (depuradoras municipais, matadoiros, etc.). Atopámonos co paradoxo de que a Xunta tería que sancionar en moitos casos a "políticos" do seu mesmo partido, o cal é ...impensábel. Malia que o troco de dirixentes "autonómicos" pareceu achegar un tímido aumento no control e nas sancións por este tipo de verquidos (impunes en moitos casos en tempos fraguistas), aínda hai empresarios aos que lles "compensa" ou lles sae máis barato pagar a multa ca adaptarse á legalidade, o cal é ...delirante.
Moitas grandes multinacionais, coa eterna chantaxe da criazón de postos de traballo e riqueza nun pobo, aprovéitanse de favores, cesións, agasallos, licenzas, etc. para instalarse e permíteselles todo tipo de aberracións medioambientais ou de calquera caste. Cando acontece un desgrazado accidente, como foi o caso do pasado verán en Caldas de Reis, os traballadores e traballadoras quedan na rúa e sen nada, e todo ese feixe de subvencións e ocasións nas que se "mirou para outro lado" son esquecidas e aquí non pasou nada... E coma sempre, os traballadores/as e mailo río ou a paisaxe padecen as consecuencias.
Esta medida descaradamente electoralista non vai mudar nada, non se van rexistrar actuacións contundentes que dunha vez lle paren os pés tanto a grandes empresas como a alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras, aos que non lles preocupa máis ca o seu soldo e non moven un dedo na procura de solucións. Seguirase permitindo que as "xeradoras de emprego" enmerden as augas e que os Concellos consintan e contribúan. Vai este novidoso sistema asegurarnos que nunca máis imos ter que desconfiar da auga que bebemos?


Chúzao
del.icio.us
