NACE O NOVO XORNAL DIXITAL E INDEPENDENTE DAS RIBEIRAS DO UMIA
Nace AugasCeives. Pretende ser un espazo de información alternativa das beiras do Umia caldense. Sen ataduras nin intereses empresariais, unha visión da realidade dende a óptica social galega e allea aos tópicos da imprensa que coñecemos.
O protagonismo da auga na nosa vida cotiá e no noso entorno é innegábel. Abonda con botar unha ollada arredor e darlle unha volta á Nosa Historia para comprobar que dende épocas romanas, as augas foron protagonistas. Eran as termas, as augas quentes que saían da Terra e que tanto aprezo tiveron dos romanos aos que lles debemos moita da nosa toponimia precisamente por esas cálidas augas. Séculos despois, hai ben poucos anos, eran obxecto dos movementos veciñais no municipio de Cuntis fronte a uns dirixentes que llas usurparon para privatizalas.
Máis loitas coa auga como protagonista foi por exemplo a da veciñanza de Moraña, Cuntis e Caldas contra a prepotencia, a senrazón e as ilegalidades da Xunta do fascista Fraga e dos seus cando impuxeron pola forza o Encoro do Umia. Unha loita que aínda non rematou. Hoxe coma sempre: encoro non!
Tamén o municipio caldense brincou aos medios de "publicitación" estatais cando unha pranta química estourou o pasado verán provocando un verquido tóxico e letal para as augas do noso Umia. Durante varias semanas a poboación padeceu a ineptitude dos gobernantes –dos de antes e dos de agora- e expúxose a serios riscos para a súa saúde ao ter nas súas billas auga totalmente contaminada e non apta para o uso doméstico.
Poderíanse citar numerosos exemplos do protagonismo da auga nas nosas terras mais non estariamos a achegar novidade ningunha. AugasCeives pretende ser un medio de información local alternativa alonxado dos intereses que acotío filtran a realidade e deciden cales son as novas importantes e cales non. Vai ter cabida un tratamento diferente e unha liña distinta malia que moleste aos que lles gustaría vernos por sempre calados.


Chúzao
del.icio.us
