O NOVO AUGASCEIVES
Logo duns meses na rede, logo duns rexistros de visitas máis ca aceptábeis e sorprendentes para nós, logo de darlle unha volta á información comarcal, logo de ofrecer esoutra visión que non atopamos na imprensa empresarial, logo de contar o que os e as profesionais non se atreven a publicar ou non lles deixan escribir, logo de publicar opinións que non atopan oco nos subvencionados...
AugasCeives da agora un novo chimpo. A xa visíbel mudanza de face, a nova apariencia e incluso os últimos contidos. Sempre sen esquecer quen somos e de onde vimos, sempre sen esquecer o que nos rodea, outeamos o hourizonte e vemos ao norte Ferrol, e Vigo ao sul... Nun tempo no que a Galiza érguese xa sen medo e loita. Ultrapasamos as nosas fronteiras para seguir de preto a loita dos compañeiros do naval vigués, a loita obreira galega! E fixémolo tamén para achegar os gravísimos feitos acontecidos estes mesmos días na Ría de Ferrol, a represión fascista e a brutalidade policial contra os mariñeiros e mariscadoras... Tivemos preto nosa as mobilizacións da veciñanza valguesa contra a prepotencia estatal española.
Agora imos seguir facéndoo pero sen falar de preto ou de lonxe. Porque agora o AugasCeives é nacional. Non cremos neste sistema, non cremos nos seus aplicadores, non cremos nos seus métodos. Con todo, e por consideralo de interese xeral, rematamos a andaina comarcal cunha análise dos resultados das Eleccións Municipais. Esta xornada centrou a actividade dos gobernantes durante os últimos meses, e o noso obxectivo foi sempre amosar aquel verdadeiro obxectivo que se agochaba detrás de cada un dos seus risos, detrás de cada unha das súas promesas... Amosar iso que non se podía ler nos habituais facedores de novas e criadores de opinón. Non van ir por aí os cambios, imos seguir na mesma liña dende A Mariña até O Baixo Miño, dende Fisterrá até O Bierzo.
Hai dous meses dabamos uns trazos sobre o que a auga representaba na nosa comarca, exixiamos unhas augas ceives. E non temos que mudar aquela descrición, porque ao sermos agora un xornal dixital galego non temos que buscar outro termo que mellor nos identifique ca a auga.
Dende as ribeiras caldenses do Umia, AugasCeives.


Chúzao
del.icio.us
