INSÚLTANNOS
Temos cada día diante dos ollos probas que confirman que os dirixentes fascistas non son patrimonio unicamente do PP. Velaí temos o exemplo, do que xa temos falado aquí, do Delegado do Goberno en Galiza Manuel Ameixeiras, cos seus métodos represivos que teñen multiplicado a violencia policial contra a cidadanía nos últimos tempos. Outro elemento desta caste é Pere Navarro, Director de Tráfico, o instituto español supostamente encargado de todo o relativo coa circulación viaria no Estado.
Onte mesmo o individuo ese realizaba unhas declaracións totalmente despectivas, ofensivas e insultantes. Seica temos un "problema sicolóxico", estamos "instalados no pesimismo crónico e histórico", "pensamos que Galiza é outra cousa e que o que funciona no resto do Estado non vale para aquí", e outras marabillas que a súa babosa boquiña nos adicou a galegos e galegas. A contundencia dos partidos políticos e delegacións presentes foi a habitual, é dicir, escasa. Nada se podía agardar do PSOE, que non se pode atrever a dicir "nin pío" contra un gobernante da meseta sendo do seu propio partido o Goberno estatal; limitáronse a pedir unha rectificación. Pola parte da delegación en Galiza da dereita española, evidentemente aproveitando para exercer oposición, exixiron a demisión; o mesmo ca o BNG. Con todo, prevese que non pasará a maiores pois tanto uns coma outros atenden nestas datas ao que por aqueles lares chaman "Debate sobre el Estado de la Nación" e teñen que mirar en cantas fotos saíron e que di prensa empresarial deles.
Pero non nos pode sorprender xa que coñecemos os seus métodos represivos. A sanción sempre por diante da prevención, a recadación como único obxectivo. Multiplícase o gasto en radares e formas de sanción irracional, sen miramentos, a horas e en lugares nos que as vítimas adoitan ser traballadores, ao tempo que se criminaliza sistematicamente á xuventude. Son inútiles os chamados mapas de "pontos negros", pois tan só se reducen á mera propaganda e non se corresponden cos lugares nos que máis controis se fan. A propia publicidade, con descarado carácter prepotente, culpabilizando sempre e unicamente aos condutores ("no podemos conducir por ti", e logo? se o fixerades faríadelo mellor...?).
No caso galego, a tónica vai parella ao resto de políticas que se deseñan en Madrid e se aplican en todo o Estado: resúltannos alleas. As nosas singularidades orográficas, o precario estado da rede viaria (hai ben pouco falabamos da principal vía do país, a AP9), a sesenteira sinalización vial, un código de circulación sen actualizar e propio doutros tempos, doutros automóbiles e doutras necesidades... Nada diso é tido en conta á hora de pensar políticas para o noso país. Iso, engadido a que o verdadeiro desexo é a recadación e non a redución do número de accidentes fan que tan só a manipulación publicitaria agoche os continuados fracasos. Non hai máis ca ver os datos de efectividade dos regulamentos en Galiza e comparalos co resto do Estado, e tamén comparar, xa que estamos, os datos de recadación cos de investimentos en seguridade viaria e acondicionamento de estradas.


Chúzao
del.icio.us
