BILINGÜÍSMO HARMÓNICO E OUTRAS FANTASÍAS
Ao tempo que seguen a cacarexar a súa ira, centrada agora na perda das eleccións e no suposto acoso que dende a Xunta pretenden contra o castelán en Galiza, non deixan de agromar as razóns que os deixan en evidencia. Levaron ao Núñez Feixóo onte a Madrid, para que saíra nalgunha foto e o foran coñecendo por alá, e non desaproveitou a ocasión para tentar "gañar puntos" diante dos xefes. Ninguén mellor ca el para ilustrar o fracaso do PP (gañar pero non gobernar) e tirarse así a pola reforma da lei eleitoral que o Raxoi anuncia se chega a ser Presidente do Goberno de España (aí é nada!). Supoñemos que a necesaria reforma incluirá a fin da permisividade no carrexo de votos, dos autobuses de liña asilo-colexio eleitoral-asilo, do voto en masa de mortos en Uruguai, dos dezasete votos por persoa na Suíza, do non dereito a elixir dos galegos en Canarias, Euskal Herría ou o Gran Sol, etc.
Mais non só. Non unicamente como exemplo de inxustiza eleitoral levaron a Alberte a Madrid. Tamén lle pediron que explicara o acoso que o castelán padece en Galiza por parte dos diaños socialistas en perfecta simbiose cos separatistas do BNG (cos que por certo Feixóo xa anunciou a súa disposició a pactar, saberano en Madrid?), que o PSOE é malo e extende a tendencia iniciada en Cataluña instaurándoa en la región gallega poñendo así en perigo la lengua de Cervantes en la tierra de Camilo José Cela. E Alberte deu probas de novo do monicreque que pode chegar a ser, deunos a razón unha vez máis aos que mantemos que é un individuo político carente de ideas propias e que non pasa de instrumento do partido que se acomoda ao discurso que en cada momento, e en cada lugar, lle pidan. Realmente foi digno de escoitar o discurso é cómica a comparanza entre o que di aquí e o que pode dicir alén do Padornelo.
Asegura o delegado en Galiza da dereita española que neste país hai un perfecto bilingüísmo harmónico, expresión fraguista. Para mostra, un botón. Tiramos da web da Mesa pola Normalización Lingüística a seguinte información:
"O próximo 18 de xullo, ás 11. 45 horas, terá lugar no Xulgado de Instrución nº 4 da Coruña a vista do xuízo contra Eduardo Álvarez, socio da Mesa, Responsábel Comarcal da CIG-Ensino e membro do movemento de renovación pedagóxica AS-PG, logo de este ter sido denunciado por Antonio Fraga Mandián, Xuíz-Decano da Coruña, por “inxurias”.
Os feitos remóntanse a hai xa varios meses, cando Eduardo Álvarez dirixira un escrito ao Xuíz-Decano da Coruña tras ver como, logo dun procedemento por un asunto particular, o xulgado correspondente se negaba a lle notificar en galego, malia esta ter sido a lingua que o interesado empregara en todo o proceso e malia este ser un dereito recollido no artigo 7.2 da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística. Álvarez facía constar no seu escrito, ademais, o uso do topónimo oficial da cidade deturpado no selo oficial do tribunal.
Porén, Fraga Mandián, na súa resposta, non só xustificou a negativa do xulgado a lle notificar ao interesado en lingua galega, como este solicitaba, senón que se refería ao indebido uso da denominación oficial da Coruña como un “simple erro ortográfico”. Perante isto, Eduardo Álvarez dirixiuse ao Consello Xeral do Poder Xudicial e viuse na obriga de denunciar publicamente a súa indefensión. Tal denuncia pública valeulle que Fraga Mandián o denunciase a el xudicialmente, acusándoo de “inxurias” por, segundo el, o ter chamado “mentirán” nos medios de comunicación."
Por favor, Sr. Feixóo, desde aquí pregámoslle encarecidamente que, tendo en conta a situación de bilingüísmo harmónico na que vivimos, nos ofreza un só exemplo deste caso á inversa, é dicir, un individuo denunciado nun xulgado por exixir os seus dereitos lingüísticos en castelán. E cando o atope, pola da paridade, xa sabe, un outro caso de pediatra que non lle permita aos cativos expresarse en castelán na súa consulta (como acontece nun centro sanitario da Coruña, cunha asalariada do Estado que lle prohibe aos rapaciños falaren galego). E para que non se aburra, ofrézanos tamén un caso de grande centro hostaleiro (como o Hotel da Toxa, por exemplo) no que entre a instrucións oficiais (en papel) aos seus empregados se lles prohiba expresamente o uso do castelán (como acontece na Illa da Toxa). Despois, pode continuar buscando o bilingüísmo harmónico en entrevistas de traballo nas que o simples feito de expresarse na lingua propia sexa motivo suficiente para a discriminación laboral (pregunte no El Corte Inglés ou en tantos outros).


Chúzao
del.icio.us
