A XUNTA CONSINTE A BOMBA DE GAS EN FERROL
Isto non é, nin máis nin menos, ca unha proba máis de que as administracións camiñan en direccións opostas aos intereses que o pobo manifesta e da man das grandes multinacionais. A sociedade galega vén amosando, dun e doutro xeito, por todos os meios que pode e soportando todo tipo de trabas (incluída a violencia policial, os xulgamentos políticos e os secuestros legais) que rexeita a planta de gas de Reganosa na Ría de Ferrol. As razóns son múltiples, pero non hai máis ca ollar unha foto para decatarse do perigo que supón tanto para a Ría como para a propia poboación no caso dun posíbel accidente.
Con todo, desouvindo o clamor social e atendendo aos intereses capitalistas, o Consello da Xunta aprobou esta quinta o Plano de Emerxencia Exterior de Reganosa, que é o trámite previo á autorización definitiva do Ministerio Español de Industria. O plano recolle cincuenta posíbeis situacións de risco e as súas correspondentes supostas solucións, tamén estabelece un suposto perímetro de seguranza de catrocentos metros, que, segundo a Xunta, é o preciso en caso de accidente. Mais, quen vai crer tal cantidade de falsidades cando en Mugardos existe unha vivenda a escasos 150 metros da bomba de gas?
BNG e PSOE executan, PP acepta e IU-EU cala. Quen dixo que non se puñan nunca dacordo? Paco Rodríguez, Deputado do Bloque no Congreso dos Deputados de Madrid, é de Ferrol. Con iso xa queda todo dito. O BNG en Pontevedra mantén unha postura firme con respecto ao traslado da outra vergoña das rías galegas: ENCE. Da coherencia do PSOE xa pouco se podería agardar. Que o PP acepte o favorecer a unha multinacional por enriba da agresión ao meio natural e da posta en perigo da poboación non é novidade ningunha. Pero entre a espada e a parede ficou IU-EU, agora no goberno de Ferrol en pacto co PSOE: decidíu agochar a cabeza até que pase o temporal e non facer tambalear o concello ferrolá recén chegados.
É unha nova máis negativa do que pode parecer, do que nos fan crer os meios comerciais habituais. É unha data a lembrar en negro no almanaque de traxedias galegas (agardemos que toda traxedia sexa esta...) e outra máis neste proceso lento e continuado de autodestrución do medio galego. Mais tamén unha loita na que agroma a rebelión civil contra o irracional manexo do poder por parte dos dirixentes.


Chúzao
del.icio.us