QUE DIN OS RUMOROSOS...?
O verán adoita traer calma e ausencia de novas e novidades importantes. Por sorte, este ano non trouxo a traxedia do anterior e con algo se teñen que entreter algúns para que non se deixe de falar deles mentres están de vacacións. Enleáronse estes días en baleiros debates arredor do noso Himno Nacional, e cada un non deu mostras de máis ca do que é. Repasamos.
Nunha das súas cada vez máis habituais xuntanzas -moitas delas artelladas con fondos públicos- populistas, o Vicepresidente e líder do BNG -alomenos de portas a fora- Anxo Quintana deixou caer que nas recén criadas Galescolas se lle debería aprender o Himno Nacional Galego aos cativos e cativas dende as idades máis novas. Algo que non debería motivar polémica algunha, xa que non tería que ser nin motivo de comentario nun país normal e normalizado, xerou unha fervenza de reaccións e acendeu con gasolina a fogueira da dialéctica. En ningún país do mundo xeraría confronto o que os seus habitantes coñezan os seus símbolos, tales como bandeira, himno, escudo, etc. E enténdese que non está fora do normal que o ensino público ofreza eses coñecementos aos rapaces e rapazas.
Evidentemente esta idea non gustou entre os españolistas galegos, nomeadamente os dirixentes do PPdeG e moitos do PSdeG, aínda que con máis discreción. A dereita comezou a falar de adoutrinamento sectario dos nacionalistas, e barbaridades semellantes cheas de desprezos, como non podía ser doutro xeito. Moi propio deles. Porque para eles o noso Himno é propio unicamente dos nacionalistas, os nosos símbolos identitarios son unicamente protocolarios. E o PSOE? Pois na súa liña, nin van nin veñen, nin fan nin deixan facer. A carencia de criterio e definición do PSOE fai que a definición dese partido sexa unicamente a de grupo de xente á que só lle interesa o poder.
Partindo da falla de fondo deste debate, vemos dun lado que a política do BNG na Xunta segue a basearse no populismo, na propaganda e na demagoxia. É tan obvio que nas Galescolas se ensinen os nosos símbolos que a existencia deste debate carece de seriedade, pero a Quintana interésalle que saia para facer ver que el e o seu partido son máis galegos ca ninguén. Non queremos pensar que hai un intento do partido autodefinido como nacionalista de apropiarse do que é de todos en beneficio propio da súa política baleira de contido e chea de folerpas de cores. Pero non imos criticar -máis- ao Vicepresidente do Goberno galego por falar do himno, tan só lle pedimos que o que hai que facer se faga se entrar en debates inútiles. Lembrámoslle, tamén, que non todo se soluciona con que os galegos e galegas do futuro coñezan os versos de Pondal, é preciso que coñezan a lingua, a súa.
E que dicir dos enviados? Deses que veñen para gobernarnos, ou dos que programan en Madrid. Pois que senten carraxe, e cúspena! Sente verdadeira envidia -e non sá- porque vén un país claramente definido -malia que colonizado- que ten ben presentes os seus signos de identidade. Eles non, eles, por non ter, non teñen nin un himno do que poder sentírense orgullosos, non teñen letra que cantar máis ca unha melodía barateira de móbil antigo, sen 3G, nin multimedia nin nada. A súa bandeira é a dos fascistas que tras un golpe militar contra a democracia ficou ao gañar unha guerra e foi imposta para sempre. Non porían problemas se o debate fora ensinar ou non os símbolos españois, de seguro! Como non os puxeron nunca cando vían nas aulas do ensino público -nun Estado laico- símbolos relixiosos -crucifixos- ou cadros coa figura do Xefe de Estado -e maila súa muller-, ao máis puro estilo do Iraque de Sadam Huseim ou da España de Francisco Franco. Niso consistíu a chamada Transición, na mudanza dun réxime e dun símbolo, máis con numerosas semellanzas aínda. Ninguén ergue a voz perante datos que falan da castelanización de Galiza por efecto do ensino público, da desgaleguización en favor do coñecemento dunha lingua allea nas escolas.
Anxo Quintana, nas Galescolas débese ensinar o noso Himno Nacional haxa ou non debate, os cativos deben coñecer os nosos símbolos, a nosa lingua, a nosa cultura, e as nosas tradicións póñanse como se poñan en Madrid. Estamos fartos das súas imposicións!


Chúzao
del.icio.us
