Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

29/08/2007 GMT 2

UN VALEDOR QUE NON VALE

augasceives @ 22:40

valedor-do-pob.jpgBenigno López, ocupante do cargo coñecido como Valedor do Pobo, e cuxas funcións son as de velar polos dereitos dos cidadáns fronte á actuación de administracións, etc., realizou o pasado mes de xullo unhas intolerábeis declaracións para estrearse no cargo. Recén elixido -por unanimidade do Parlamento Galego- deixou unhas perliñas quen sabe se para comezar a ser coñecido. Temos un episodio máis.

Dicía, entre outras, que "o principal inconvinte que pode ter o uso do galego na Administración de Xustiza, é que pode resultar, en certo xeito, perigoso". Por se non fora pouco, cre tamén o individuo este que "pretender que un xuíz someta unha sentenza ditada en castelán á tradución dunha oficina é, igualmente, perigoso por que nunha sentenza non hai só unha literalidade, se non que vai imbuída do espírito da sentenza, é dicir, o que o propio xuíz que a dictou quere dicir nela, e é difícil que esta percepción póidase facer por terceiras persoas". Cremos que non son precisas explicacións perante tales barbaridades. Por que pode resultar perigoso o uso da nosa lingua na Administración de Xustiza? Tan só pode responder esta retórica ao complexo de inferioridade e ao autoodio que un pode sentir, á crenza que tanto lles custou espallar -e que nalgúns casos lograron instaurar- de que o noso idioma non pode ser empregado en calquera ámbito, xa sexa Xustiza, Sanidade, Ensino, etc.

É verdadeiramente inadmisíbel que os esforzos do Pobo Galego por normalizar a súa fala, no seu país, en todos os eidos, se vexan dificultados por cargos públicos eleitos, iso si, por representantes do pobo e non por este mesmo directamente. Non se pode consentir que as eivas, ademais de chegaren de onde e de quen é habitual -Madrid e grupiños ultraespañolistas que abroian coma as malas herbas pero dos que cómpre dicir que son os mesmos cans con distintos colares-, sexan postas agora polo mesmísimo Valedor do Pobo. Non vale este Valedor, pois comeza por non cumprir coas sús funcións ao non garantir os nosos dereitos: Xustiza galega e en galego! Podemos non crer nesta chamada "xustiza", podemos non crer nos seus administradores, pero o que non podemos é deixar de exixir os nosos dereitos.

Ao fío das palabras deste individuo, sonora foi a resposta social e numerosas as accións de protestas que numerosos colectivos fixeron. Entre elas, as do Movemento polos Dereitos Civís. Este colectivo, do que xa non é preciso explicar nada, instou á sociedade a remitirlle queixas á institución Valedor do Pobo queixándose polas declaracións do propio ocupante de tal cargo. E reiteramos o intitulado desta nova, pois non vale o valedor porque deixou ben ás claras a súa liña editorial e as súas intencións tan só nunhas declaracións, pero non só.

A proposta do Movemento tivo reposta. Case un cento de queixas ao abeiro desta iniciativa e incontábeis a nivel persoal foron remitidas á referida institución sen que nigunha tivera aínda o obrigatorio acuse de recibo.. É polo que, o cesamento de Benigno López como responsábel da Institución Pública Valedor do Pobo non pode facerse agardar máis. Ten demostrado xa, en tan só dous meses no cargo, que non está disposto a defender os intereses de galegos e galegas, nomeadamente os lingüísticos. E iso que na mensaxe de benvida na súa web fala de "procurar evitar que estas [as Administracións públicas] poidan infrinxir ou descoñecer os dereitos fundamentais, inherentes á dignidade da persoa humana [...]". Vai a personaxe ...!

Dende AugasCeives sumámosnos ás voces que exixen o cesamento do Valedor do Pobo e manifestámos o noso rexeitamente a que este individuo continue a ser a persoas supostamente encargada de defender os nosos dereitos. Exiximos para este cargo a unha persoa que non sinta vergoña da súa identidade nin da súa lingua.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis