Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

01/10/2007 GMT -2

EN FERROL CONTRA A AMEAZA REGANOSA

augasceives @ 21:25

 ferrol300907.jpg

Mobilización masiva contra Reganosa a que tivo lugar onte en Ferrol. Contra Reganosa e contra políticos e administracións que poñen por diante os despiadados intereses do capital da propia vida da poboación. Crónica dende Ferrol de Iria López.

 

Cantos? Adoita ser a primeira pregunta que nos vén á mente cando falamos de mobilizacións cidadás que simbolizan, coma neste caso, todo un movemento. Un movemento galego con epicentro en Ferrol, pero GALEGO, con maiúsculas. Falan os convocantes -Comité Cidadá de Emerxencia da Ría de Ferrol- de dez mil persoas, di a Policía Local que non máis de dous milleiros -ao parecer, coma un domingo máis...-. Solucionamos deste xeito a primeira cuestión. Non sen dicir, iso si, que a cifra ofrecida pola Poli é un insulto á verdade.

Quen? Preguntamos internamente. Que caras coñecidas se viron? Acostumados, segundo o carácter que posúa a reivindicación, a identificar cal sería o partido político contra o que se clama, temos que rachar enste punto esa lóxica e engadir unha máis á crecente lista de mobilizacións despartidizadas. Ben claro tiñamos de quen era a responsabilidade na marea do Prestige, quen tería que estar na cadea a día de hoxe. Daquela había quen non fixera nada, polo que non se lle pedían contas e incluso se inserían entre a multitude -diante, coas faixas!- para aproveitarse da xenreira do pobo canalizada. Pero desta vez, non. Desta vez todos son culpábeis. Ex dirixentes e bipartito actual, gobernantes españois, nacionais e municipais. Non estaban os tres partidos con representación institucional, co cal, faltaban os habituais afiliados que teledirixidos nutren as manifestacións partidistas que, en cifras, parten sempre dun mínimo: os de sempre. Viúse a Iolanda Díaz, de Esquerda Unida e tenente de alcalde en Ferrol. Víuse a Xosé Manuel Beiras, membro da Executiva Nacional do BNG pero absolutamente discrepante con moitas das posturas que o seu partido mantén, por exemplo, este caso. Sen máis, se de políticos/as falamos. Sociedade civil, galegos e galegas de ben, conscientes, colectivos ecoloxistas e afectados por barbaridades semellantes e anteriores...

O movemento contra a ubicación de Reganosa na Ría de Ferrol -e non onde debería estar: no novo Porto Exterior- e contra todas a irregularidades que a rodean representouse onte na cidade máis ao norte de Galiza. Habería que ver cal sería a repercusión se a manifestación tivera lugar en Compostela, habitual acolledora da representación dos incomodos cidadás de ámbito nacional. Polo demais, o coñecido. Gaitas, troula e consignas contra os que permiten a regasificadora entre a poboación. Contra a Xunta de Touriño e Quintana -participante nun 10% no capital de Reganosa e con capacidade para resituala-, contra o Grupo Tojeiro -propietario de Gadis tamén-, contra o Goberno de Zapatero -competente para evitar o funcionamento definitivo-, contra o Concello de Ferrol -obrigado a mirar polos intereses e pola integridade dos veciños aos que representa-, contra o Delegado do Goberno en Galiza -que denunciou aos discrepantes cos seus habituais métodos sempre da parte da ilegalidade e da violencia policial-...

Tamén é habitual o silencio mediático por parte da prensa subvencionada. As esmolas coas que a Administración galega merca a fidelidade levan no contrato a minorización dos movementos que molestan. Este do que falamos non é unha salvedade, o risco que conleva podería converter a catástrofe do Prestige en simple desgraza en caso de accidente. As dimensións da destrución que ameza á comarca e á súa xente son inimaxinábeis, tanto como indesexábeis, tanto como irracional é todo isto...

"Se é tan boa, que a leven á Moncloa; se non fai dano, a San Caetano"*

ferrol300907-ii.jpg

*unha das consignas máis repetidas na manifestación de onte en Ferrol

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis