A ESCENIFICACIÓN
Asistimos en Galiza á verdadeira situación na que vivimos. Por unha banda, os políticos e gobernantes que viven de selo cacarexando en estériles debates emporcados de mentiras e falsidades. Pola outra, cidadáns padecendo a verdadeira realidade: mortes no traballo, folgas reclamando condicións laborais dignas, traballadores resistindo...
No Debate sobre o Estado da Autonomía, que dende ringleiras do BNG se atreven a chamarlle Debate sobre o Estado da Nación, vemos a particular representación teatreira que cada partido (dos tres) fai dun mesmo país e dunha mesma realidade. Para o Presidente do Goberno e o seu grupo político Galiza goza dunha prosperidade e progresión imparábeis grazas á acción do novo goberno que non dubidan en chamar "do cambio", máis concretamente grazas á metade do goberno que xestionan eles mesmos. Os nacionalistas (...) do BNG fan unha análise en semellantes termos, atrevéndose mesmo a dicir –por boca do seu líder o Vicepresidente Quintana- que hoxe é o Goberno Galego o que vai por diante da sociedade e non á inversa, como hai un ano. Sinxelamente indecente. O repaso polas areas do goberno que o Bloque dirixe arroxa, para Anxo Quintana, un saldo marabilloso e sen fisuras. Di "o do cambio tranquilo" que o BNG "se preocupa pola nación, polos cidadáns e cidadás". Porén, non deben figurar entre as súas preocupacións os afectados e ameazados por Reganosa na Ría de Ferrol, que este mesmo domingo se manifestaban sen ser merecentes nin dunha soa referencia nos discursos do Parlamento Galego. Tampouco deben ser cidadáns da nación pola que o BNG se preocupa os que vén como a Consellaría de Vivenda lle derruba a súa casa, nin os mozos agredidos ou detidos polas Forzas de Seguridade do Estado, etc. Sementa, este Goberno, o seu discurso de loas á súa xestión pola mellora dos servizos públicos, polo impulso á nosa lingua e cultura, pola medra da economía, pola reclamación de competencias que acheguen maior autogoberno, polas promesas (electorais) de complementos ás pensións (as máis baixas do Estado ao que nos xunguen)... Mentiras!!
E a oposición? Non debería ser difícil a súa tarefa, de non ser polas principais trabas que teñen que ultrapasar: a súa propia ineptitude, a súa ineficacia, o incompetentes que son, a súa ridícula e indigna sumisión. A desvergoña e hiprocresía á que teñen que facer fronte é outra das súas eivas, cando falan do que este bipartido-bigoberno non fixo en dous anos perden ao tempo credibilidade cando nos lembramos que eles tiveron dezaseis para facelo. As súas propostas non son dignas de consideración pois derréteas o tempo no que as puideron executar e non o fixeron. Alberte Feixóo non é libre para decidir ou actúar. O PPdeG ten que seguir as directrices que dende Madrid lles chegan e que se someten aos intereses dunha formación na que entre as súas preocupacións non figura o noso país. Alberte ten que manter unha posición, con respecto á lingua que habitualmente fala, por exemplo, que non é a súa, senón a duns paranoicos castelanoimperialistas ancorados no século XVII coa obsesión de esmagar os pobos e culturas que puxan polas súas lexítimas liberdades.
Un debate de cativo nivel, moi por debaixo, Sr. Quintana, da cidadanía galega.


Chúzao
del.icio.us