MANIFESTACIÓN POLO INDULTO PARA "OS TRES DO EIXO"
A capital da Galiza acolleu esta mañá unha manifestación cidadá para exixir o indulto aos tres veciños da parroquia do Eixo que hai nove anos participaban nas concentracións para reclamar maior seguridade vial. Por aquel tempo, as cargas policiais provocaron enfrontamentos entre veciños e Forzas de Seguridade do Estado que se saldaron cun axente ferido e tres veciños acusados de agresións á autoridade...
O correspondente xuízo tivo unhas garantías semellantes aos que celebraban hai 50 ou 60 anos. Rexeitouse o testemuño dalgún veciño participante nas mobilizacións por ser compañeiro dos acusados pero si foron aceptados os dos propios policias, tamén compañeiros do supostamente agredido e denunciante. Ademais dos sete anos de cadea aos que se enfrontan agora estes tres veciños, fóilles imposta unha indemnización de 156.000 euros á que fixeron fronte xa.
Hoxe, "os tres do Eixo" –como xa se coñece a Xosé Moreira, Simón Márquez e Xesús Montorio- viron plasmado o incondicional apoio da sociedade galega na manifestación que contou, ademais de cos varios miles de asistentes anónimos, con representantes do goberno municipal e algún que outro persoeiro ben coñecido.
Esta non vén a ser máis ca outra mostra da exemplar Xustiza que temos que padecer neste Estado de Dereito. Unha mostra do iguais que somos todos perante a lei e da imparcialidade coa que esta se aplica. Xosé, Simón e Xesús foron collidos de cabezas de turco pero son, ao tempo, o símbolo da resistencia social fronte aos abusos dos poderes que nos maltratan. Estamos afeitos a que a resposta do Estado sexa a violencia policial para calar a voz discordante, e este foi un caso máis que tan só xera xenreira e desconfianza cara as Forzas do Estado e a Xustiza corrupta. Unha Xustiza que pretende encadear a tres inocentes por participar nunha manifestación pero que permite que delincuentes se mofen nas institucións do pobo e rouben impunemente fondos públicos. Un sistema que indulta a verdadeiros criminais e asasinos que ao iren uniformados teñen barra libre para agredir, torturar e matar no nome da lei e da orde.


Chúzao
del.icio.us
