LEVANTAMENTO POPULAR CONTRA A POLÍTICA DE DESTRUCIÓN MASIVA
Esta mañá a voz do pobo ergueuse en Corrubedo, para unha vez máis, dicirlle ben alto e claro aos nosos gobernantes que deixen de vender o noso medio para favorecer a intereses empresariais privados. O pobo rexeita o Plano Acuícola da Xunta de Galicia, que tan só favorece intereses radicados noutras latitudes.
O pobo autoorganízase, canaliza o seu instinto de protección do medio no que vive facendo que se multipliquen os colectivos e asociacións que centran a súa actividade no eido ecoloxista. Ducias destas ás que nos referimos están detrás das mobilizacións de reacción e autodefensa contra a corrupción e indecencia dos gobernantes.
Velaquí o manifesto lido esta mañá en Corrubedo e que sintetiza todo canto lle hai que dicir aos que queren rebentar a nosa paisaxe para que outros, de lonxe, se lucren na nosa Terra.
ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS COS PEIXES PLANOS
NON AO PLANO ACUÍCOLA DA XUNTA!!
Dende as terras galegas que mollan os salseiros atlánticos, aquelas
que bican o mar dende A Guarda a Ribadeo, os movementos sociais
galegos, xentes con amor polo noso, chamamos a Galiza enteira a
erguerse connosco nun berro colectivo contra o Plano Acuícola da
Xunta.
Consideramos que este plano sectorial constitúe unha traizón ao povo
galego por parte dos seus gobernantes, pois pretende enaxenar o
mellor do noso litoral para alimentar os insaciábeis bandullos das
transnacionais do peixe. Esta ocupación masiva da beiramar de máis
de 3 millóns de metros cadrados é unha sentenza de morte contra as
nosas praias e cantís, unha violación das nosas máis sobranceiras
paisaxes, unha insustentábel hipoteca para os recursos ambientais e
económicos autóctonos, e unha legalización encuberta da
contaminación salvaxe do mar. Peixes planos nas piscinas… e
encefalogramas planos nos despachos.
ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS porque o Plano Acuícola é inxusto e
indecente no eido ambiental. Millóns de metros cadrados de litoral
liberado poden ficar para sempre soterrados baixo o formigón
transnacional. As macrofábricas de peixe agreden directamente unha
chea de espazos naturais, moitas veces integrantes –ou lindantes–
cunha Rede Natura 2000 da que depende a sustentabilidade dos
nosos recursos. Resulta tendencioso pretender que instalacións
industriais de ducias de hectáreas e sen ningún sistema de
depuración non vaian impactar sobre o ecosistema mariño e terrestre
por situarse da outra beira ou no límite dun espazo protexido.
ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS porque o Plano Acuícola é inxusto e
indecente no eido social. A Xunta pretende agasallar ás empresas
con aquilo que as galegas e os galegos sempre conservamos. Velaí o
noso castigo. Queren, ao cabo, facer unha expropiación salvaxe do
litoral. O Plano ataca de cheo ás áreas costeiras que sempre estiveron
liberadas das agresións industriais e urbanísticas. Son o pouco que
nos queda, e non estamos dispostos a que caian nas mans de
empresas depredadoras. O Plano foi consensuado coas empresas
desprezando a opinión do pobo, no que en último caso reside a
soberanía do país. Sen nós, non hai Plano.
ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS porque o Plano Acuícola é inxusto e
indecente no eido económico. A acuicultura en terra só representa
o 1,8% da actividade do sector en Galiza. Falar do carácter
estratéxico do plano sectorial é enganar ao pobo, pois só resposta ás
necesidades dunha mínima parte do sector esquecendo –e mesmo
poñendo en perigo– a achega, esta si estratéxica, da acuicultura a
flote e dos parques de cultivo marisqueiro, que ocupan a máis de
10.000 persoas, fronte ás 520 da acuicultura en terra. Expropiar ao
pobo para beneficiar a empresas que en moitas ocasión nin sequera
están no tecido económico do país é unha actitude colonialista. Estas
macroplantas van esnaquizar a costa, non van xerar nin de lonxe o
emprego que din e van recibir case 400 millóns de euros de
subvencións públicas, que deberían ser investidos na valorización dos
nosos recursos naturais e na creación de actividades produtivas
sustentábeis ao redor dos nosos espazos protexidos.


Chúzao
del.icio.us
