COMO UN GOBERNO MERCA O FAVOR DOS MEDIOS
Propio de calquera goberno é procurar o favor dos medios de comunicación empresariais, así como de tratar de calar e arredar aos críticos e independentes. Pero este caso adquire maior gravidade se temos en conta que un factor determinante á hora da concesión de axudas económicas é o uso da nosa lingua.
A pasada semana coñeciamos, logo da súa publicación no DOG, as subvencións públicas que a Xunta lle outorga a empresas xornalísticas e de radiodifusión para este ano que vai rematar. Nada novo. O goberno galego, como viña facendo cando o seu máximo responsábel era outro, segue a empregar o diñeiro publico para mercar xornais afíns que manteñan o silencio e a loubanza á súa acción como máxima bandeira.
E cal é a resposta da imprensa empresarial? Pois adoita atender a dous criterios: o primeiro é o da chamada liña editorial, que responde á ideoloxía dos propietarios ou accionistas donos do negocio; o segundo ten a ver precisamente con esas axudas, a máis diñeiro recibido máis fidelidade e parcialidade informativa e a menores cantidades máis crítica e maior achegamento ás posturas da oposición.
Os criterios para a concesión destas subvencións son variados, pero por enriba de todos ha primar o uso e potenciación do noso idioma. É ben certo que, de entre os maioritarios se de exemplares vendidos falamos, ningún merecería nin un pataco. Abonda dicir que xornais (non semanarios nin mensuais) integramente en galego tan só podemos mercar un. Se doutros medios falamos, radio por exemplo, a cifra dimininúe, e non ten moito para onde: cero. Polo tanto, tan anunciada transversalidade da política lingüística da Xunta queda, unha vez máis, en evidencia.
Os medios de comunicación que o goberno galego pretende mercar con estas subvencións nin empregan a nosa lingua nin amosan un mínimo de respecto pola nosa cultura. Moitos deles, incluso, son absolutamente tendenciosos e manipuladores, atendendo en non poucas ocasións, a estratexias electorais de partidos políticos de Madrid.
De novo, actitudes fraguistas nesta Xunta bipartita do cambio. E non só iso, porque non podemos esquecer que a publicación destas subvencións anuais reponden a un simples formalismo, pois o tráfico de axudas a cambio do suposto uso do galego (calquera pode comprobar que non se cumpre) non fica aquí. Non son de esquecer as inxentes cantidades que en propaganda e publicidade a Xunta inviste nos xornais de maior tirada en Galiza, que por aí tamén comen os adoutrinadores das masas, os criadores de opinión.
Diante deste panorama, as cifras tórnanse irrelevantes, pois só serven para afondar na indignación dos cidadáns que pagan impostos para, entre outras cousas como o disparate da Cidade da Cultura, tamén estas. Por pura información aí van, en aproximación, os números:
>La Voz de Galicia, un millón de euros
>Faro de Vigo, catrocentos trinta mil
>El Progreso, trescentos mil
>Editorial Compostela, case douscentos mil
>La Región, case cento cincuenta mil
>Editorial La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa, etc.), máis de cen mil
>Cadena Ser, cincuenta mil
>eMoito menos levará a emisora radiofónica da Conferencia Episcapal ou o xornal dixital Vieiros.
Dicir tamén que AugasCeives non goza do favor do goberno e non recibe, malia ter o galego como única lingua na tarefa da información, nin un só céntimo.


Chúzao
del.icio.us
