Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

BUSCANDO FOTOS EN MADRID

augasceives @ 18:34

Esta mediodía tiña lugar en Madrid unha xuntanza entre Anxo Quintana, Voceiro Nacional do BNG e Vicepresidente da Xunta, e José Luis Rodríguez Zapatero, Presidente do Goberno Español.

 O obxecto da mesma era "a desblocaxe" do traspaso de competencias entre as dúas administracións, a española e a galega. O motivo da reunión foi o apoio do BNG ao PSOE na votación de reprobamento á Ministra de Fomento Magdalena Álvarez, que grazas ao voto dos nacionalistas galegos continúa no cargo. Grazas á mediación de Quintana, o noso país conseguirá en breve nove novas competencias. Ademáis, na primeira semana do ano asinarase un convenio que lle reportará a Galiza máis de cincuenta millóns de euros. O Bloque apoiará os Orzamentos Xerais do Estado e o Estado cederá a xestión de varios museus, a Inspección de Traballo e o número 065 para o transporte de dependentes.

Deste xeito, ou termos semellantes, contan hoxe os medios empresariais máis próximos ao BNG (especialmente dixitais) a foto que hoxe conqueríu na Moncloa o lider autonomista galego co presidente español. Mais AugasCeives é un xornal dixital independente que valora do xeito que segue a nova da que falamos.

O Bloque Galego, aínda chamado nacionalista, deixou de situar en Galiza as súas prioridades. Agora que chegou xa ao Goberno no país para o que foi concebido, amplía os seus horizontes e fixa as súas prioridades fóra, en Madrid máis concretamente. O BNG está xa en plena campaña eleitoral para as eleccións estatais de marzo e o seu obxectivo está ben claro, e non o agocha a dirección (que cada día se arreda máis das súas bases militantes). Zapatero non colleitou unha boa reputación entre os seus non-adeptos (e tampouco entre algúns sectores dos seus) ao establecer certos pactos con partidos considerados demasiado radicais para os españois ben-pensantes.

O BNG, sen proxección estatal até o de agora (pero temido xa en certos sectores da dereita máis recalcitrante, que loxicamente o descoñecen), amósase para o PSOE como un bo apoio ao que se pode contentar sen moito esforzo. Os deputados que conquira no Congreso Español han contar como os das ringleiras do futuro goberno "socialista" á hora de votar, e tan só pedirán a cambio algunha que outra foto ao mes e máis presenza na política estatal. Galegos, canarios ou aragoneses son grupos minoritarios en Madrid que, aínda que rexionalistas, non gozan do "aquel" radical de vascos e cataláns. Queda claro que dende a dirección da rúa Ferraz non quedaron contentos co "experimento Esquerra" e non se atreveron xa con Nafarroa Bai, por iso, nin se platexan nada co PNV do "Plan Ibarretxe" nin moito menos coa abertzale Aralar.

Pero ao BNG cumpriríalle máis non esquecer Galiza, que é onde ten que buscar os votos que lle proporcionen os deputados e deputadas cos que vai contar en Madrid, os que vai pór ao servizo do PSOE. Para iso, do que é consciente a dirección que encabeza Paco Rodríguez, perdón!, Anxo Quintana, comeza xa a vender os "grandes logros" que Vicepresidencia trae da Meseta. Xa ten vemos anuncios nos que se nos pregunta en quen pensamos para unha Galiza forte en Madrid. Do mesmo xeito, os medios da imprensa empresarial que o BNG "ten" na rede póñense man á obra. Primeiro espallouse a idea de que máis competencias era igual a máis autogoberno, e agora tírase de cabeceiros fachendosos do botín de competencias co que Quintana volta de Madrid. Tráfico, inspección de traballo, museus, etc. Por se fora pouco, seguen crendo que somos os que apampamos ao ver moitos ceros na chequeira e nos deixamos impresionar se nos falan de moitos millóns de euros, algo no que fan insistente fincapé.

En AugasCeives gústanos darlle unha segunda volta ao que nos venden e retrucámoslle do xeito que segue. O tráfico viario é unha grandísima fonte de ingresos que o Estado ten en Galiza, e tamén unha traxedia diaria que cobra vidas humanas a esgalla. Os planos estatais para a reducion de accidentes non funcionan en Galiza e España non parece disposta a adicar un investimento extra para pórlle solución á traxedia nas estradas galegas. A Xunta farase cargo do que máis ca unha competencia é un problema para o que a súa xestión non ten boa pinta sen non se está disposto a pór cartos na mesa ou plantarlle cara ás multinacionais do automóbil. Cederá tamén España a recadación que a represión nas vías lle reporta? Sexa como sexa, e unha vez feita a foto, Quintana xa aclarou que esta competencia non se transferirá até a vindeira lexislatura "por cuestión de trámites". No asunto da inspección de traballo, o que nos preguntamos é se actuará nas obras dependentes do Ministerio de Fomento, como as do AVE que tantos accidentes mortais están a producir debido ás presas qeu dende Madrid se impoñen. Lembremos que aparentemente o BNG non se opón á xestión da Ministra de Fomento, ou se se opón, non parecen interesarlle os sinistros que se dan nestes traballos.

Mentres isto acontece na escea política, na rúa os anceios do pobo galego van cada vez máis por outros camiños, os da autodeterminación. No canto de os representantes do BNG achegarse a esta realidade e facer fronte común polos dereitos do noso pobo, prefire afastarse camiño de Madrid facéndonos crer que, unha vez máis, os nosos intereses estarán mellor xestionadas dende alá ca dende aquí. Primeiro, Galiza!