PARA CANDO "INXURIAS ÁS PERSOAS"?
A "Justicia Española" segue a dar mostra do que é. A todos os disparates aos que nos ten acostumados, hoxe podemos seguir engadindo para que medre a conta. A Audiencia Nacional (por boca do seu novo xuíz-estrela Marlaska) citou hoxe mesmo a tres mozos independentistas acusados de participar na queima dun retrato do Rei de España o pasado 6 de decembro durante a manifestación de CGz. O vindeiro vintenove de xaneiro han ter que respostar por un suposto delito baseado no que chaman "inxurias á Coroa".
Digamos que haberá alguén contento coa nova que relatamos deseguido, e é que Galiza xa conta en Madrid!! ...e eles seguen sen dicir nin pío cando cidadáns galegos (pero que non os votarían) sufren este tratamento de instancias españolas. Por outra banda, a formación Nós-UP, á que pertencen os acusados, anuncia que varios autobuses partirán cara a Madrid (coma se dunha manifestación da AVT se tratara) para estar á beira dos compañeiros en sinal de solidadaridade.
Non nos é descoñecida esa frase de "inxurias á Coroa", que fai efectiva a intocabilidade (até verbal) da persoa que o ditador Franco designou como sucesor. Foi o instrumento de represión que empregaron para atacar a libre expresión dos debuxantes da revista El Jueves ou dos independentistas cataláns que primeiro lumearon un cartón coa cara dos Xefes do Estado Español. Unha proba máis de que non todas as persoas son (somos) iguais perante a Ley, aínda que o consagre a Constitución Española vixente dende 1978.
A igualdade á que se refire ese parágrafo depende directamente de varios factores. Un deles é o nivel económico, innegábel. Outro a salientar é a ideoloxía que se amose. E por último (dos que citamos) está a procedencia, a nacionalidade. O ser inmigrante non está ben visto polos marlaskas e polo tanto xa hai vía libre para poder ser atacado, asasinado, torturado e ...inxuriado! O Código Penal no acubilla a expresión "inxurias ás persoas (inmigrantes)" como delito, polo que os seus aparellos sociais poden manifestarse tranquilamente contra o que eles chaman "escoria venida de lejanas tierras". A manifestación convocada por un partido fascista para este domingo 20 foi autorizada pesialevar proclamas que incitan claramente á xenofobia e incluso á agresión contra os inmigrantes. Non imos escribir aquí o nome do colectivo convocante por non darlle máis publicidade da que xa gozan, tan só deixaremos a imaxe coa que anuncian a mobilización que da unha idea de todo o que hai ao redor. Si está dacordo a A. N. e sabemos de antemán que as Forzas de Seguridade do Estado non actuarán como se se tratara doutro tipo de manifestacións, de seguro se queimarán fotos e se berraran consignas arrepiantes. A nosa seguirá a ser NON PASARÁN!



Chúzao
del.icio.us