OS VECIÑOS TIÑAN RAZÓN
Temos que seguir na comarca de Caldas falando de loitas populares. Dende AugasCeives estivemos moi atentos aos sucesos de Valga do pasado mes de abril no que un convoio da RENFE provocaba un accidente no que resultaban falecidos tres veciños do pobo. Nun primeiro momento, o organismo dependente do Ministerio Español de Fomento encargado da administración ferroviaria (ADIF) lavábase as mans e chegaba a culpar ás propias vítimas do que a todas luces era un erro no sistema da obsoleta rede ferroviaria do Estado Español en Galiza.
Dende o principio, a resposta do pobo foi loábel e non aceptou en ningún momento a tese do Goberno Español de autoexcluír responsabilidades.

O Ministerio de Fomento vén de remitir un documento ao Xulgado de Caldas no que asume, agora si, a súa responsabilidade ...aínda que non tan claramente como sería de agardar. Fai alusión a un erro informático que non recoñeceu ao tren que provocou o sinistro, xustificando así que o maquinista non activou a orde que permitira baixar as barreiras. Recoñece, polo tanto, que o que mantiñan os veciños era certo e que de ningún xeito as vítimas cometeran neglixencia ningunha. Da en falar de "tren fantasma" ao non ser detectado polo sistema informático e deixa a culpabilidade do accidente aos designios do azar, pouco menos.
Do que ao parecer non fala o informe é do demais. É dicir, limítase a recoñecer un erro informático pero non asume a súa irresponsábel xestión do accidente nun primeiro momento, acusando ás propias vítimas do accidente e dando case por imposíbel o máis mínimo erro propio. A prepotencia gobernamental é un mal pouco doado de curar e o asumir responsabilidades e recoñecer aberta e públicamente xa non os erros, senón as mentiras infundadas, é algo que non "vende" nos tempos que estamos.
RENFE CULPÁBEL!!
ESTADO RESPONSÁBEL!!


Chúzao
del.icio.us
