Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

SOLIDARIEDADE CO POBO PALESTINO

augasceives @ 08:55

Dende Galiza non podemos ser alleos ao sufrimento doutros pobos oprimidos, aínda que non sexan comparábeis as situacións polas circunstancias vividas. Unha das maiores vergoñas da humanidade é permitir a fame e as guerras, é que os poderosos consintan a morte lenta dos máis desfavorecidos. Pero isto ten un dobre fío. A reacción pode ser calquera pois nada hai que perder xa no caso, por exemplo, de Palestina. A situación estes días, coa nova ofensiva israelí provocando verdadeiras emerxencias humanitarias non atendidas polo resto da comunidade internacional, non podería ser esquecida dende aquí. Recibimos a mensaxe da Asociación Fuco Buxán, que estivo presente na reunión de urxencia celebrada o pasado sábado a instancias da Fundación Araguaney e a Asociación Galicia Jenin. Saíu un comunicado que se pode apoiar na rede e que será remitido aos estados español e israelí.

 

Nesta ligazón pódese acceder ao manifesto así como apoialo na rede (algo ao que vos animamos). Aquí deixamos o texto traducido ao galego:



Santiago de Compostela, Sábado 26 de xaneiro de 2008

Señor Don José Luis Rodríguez Zapatero

Presidente Gobierno de España
Señor Don Ehud Ólmert
Primeiro Ministro de Israel
Ante os terribles acontecimentos actuais que contribúen a prolongar a desesperación da poboación palestina, afondar no sufrimento, provocar danos con graves consecuencias, feridas e mortes innecesarias, a Fundación Araguaney-Puente de Culturas, a Asociación Galaico-Árabe Jenin e os que suscriben o presente documento piden a Israel cesar a actitude de bloqueo e renovar o diálogo e a negociación como vías para pacificar a situación nos Territorios Ocupados.

Ante a actual situación da poboación de Gaza:

-EXHORTAMOS ao Goberno español, á Unión Europea e á comunidade internacional a esixir a Israel que cumpra cos seus compromisos e respecte o dereito internacional humanitario e os dereitos humanos da poboación palestina; denunciamos ademais o reiterado castigo colectivo á poboación de Gaza.

-SOLICITAMOS á comunidade internacional que exprese maior firmeza ante as numerosas e reiteradas violacións dos dereitos máis fundamentais da poboación árabe dos Territorios Ocupados de Palestina, que non sexa cómplice desa situación e denuncie enerxicamente as deliberadas exaccións do Exército, susceptíbeis de constituir o equivalente a un xenocidio.

-RECLAMAMOS unha vez máis a Israel o cumprimento das resolucións da ONU ou, en caso contrario, á comunidade internacional que adopte, en coherencia coa actitude cara a outros Estados, as medidas oportunas para que Tel Aviv respecte tales decisións encamiñadas ao respecto da poboación palestina.