Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

CausaGaliza

31/01/2008 GMT 3

MÁIS QUE NUNCA

augasceives @ 18:10

Recuperamos ao noso colaborador habitual Alberte Outeiro. Reflexiona neste artigo sobre os últimos acontecementos nos que catro independentistas galegos foron levados á Audiencia Nacional de Madrid pola queima dun retrato de Juan Carlos de Borbón.

 

Temos a sensación de que nos repetimos cando falamos destes temas. É como se todos os argumentos que expoñemos foran xa presentados e incluso podemos chegar ao punto de crer que non é necesario repetir o mesmo por dalo xa por sabido. Corremos o risco de darlles por cumprido o seu obxectivo, por iso temos que repetir con máis énfase cada vez as nosas firmes posicións. No momento no que esmorezan os nosos ánimos atoparán eles unha vitoria e servirán entón para algo os seus métodos.

Esta semana, a pasada terza, catro cidadáns galegos foron trasladados a Madrid para defenderse das acusacións que o tribunal español Audiencia Nacional lles imputou. Os feitos remítennos ao pasado 6 de decembro, cando en Vigo se celebrou a manifestación convocada por Causa Galiza pola autodeterminación e contra a Constitución Española, unha norma que oprime e non recoñece os nosos dereitos nacionais como pobo e que permite precisamente cousas como as que estamos a relatar. Os acontecementos en si son un motivo máis para a propia manifestación. Ao remate da mobilización, catro mozos queimaron o retrato dun cidadán español para simbolizar a oposición á institución e ao sistema que ese cidadán representa. Hai que dicir, aínda que non é necesario, que ese cidadán español está fora dos marcos constitucionais que garanten a igualdade de “todos los españoles” fronte á lei e que goza, así como a súa familia, duns privilexios desproporcionados que se manteñen a costa do resto de cidadáns. Eses privilexios son os que permiten manter no Código Penal español vixente un apartado que fala de inxurias á Coroa, que foi o que se aproveitou para acusar aos catro manifestantes e acusalos dun delito que lles custará unha sanción económica tan desorbitada como os privilexios dos que goza o home do retrato que desencadeou os feitos.

Dito isto, que por coñecido non era necesario, voltemos ao comezo. Víronse por Madrid bandeiras galegas e rebulir antimonárquico chegado dende esta parte dos dominios do rei Borbón. Non están afeitos a ver por alá estas bandeiras, identifican sen problemas as esteladas catalás ou as ikurriñas vascas polo que máis dun había preguntar de onde viñan aqueles que en máis de medio cento facían ruído diante dunha das máis altas institucións da Xustiza Española. A represión fascista dos tribunais españois busca espantar calquera sinal de oposición ao réxime, tal que si estiveramos hai cincuenta anos. Nun ano no que xa nin a Coroa Española ficou impune fronte aos comentarios dun pobo que cada vez esperta máis, a forma de contrarrestar a oposición emerxente á Monarquía Española é a dita represión. Independentistas cataláns, xornalistas e agora independentistas galegos son o obxectivo, pero os límites non existen e calquera pode verse dentro do saco das penas por discrepar.

O obxectivo, como queda dito, é o de disuadir (como gostan desta palabra) a posibilidade de discrepancia, limpar os espazos electorais susceptíbeis de facer visíbel esa oposición e eliminar todo vestixio de non aceptación do sistema español establecido. Por iso son precisas todas a manifestacións, por pequenas e insignificantes que parezan, do que somos e do que queremos. A loita polo que realmente anceiamos non está nunca demais, porque teñen que entender que non nos van convencer nin deter coas súas manobras. O ir a Madrid foi necesario, o estar nas manifestacións é máis imprescindíbel ca nunca, o seguir convencidos é imprescindíbel.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis