APÚNTANNOS Á LINGUA
O idioma é o máis significativo sinal de identidade dun pobo. Sabémolo nós, que o defendemos; e sábeno tamén eles, que o odian. Coma tal, na súa xenreira totalitaria de negación de todos os dereitos dos pobos e de todas as razóns que non digan si á indiscutíbel unidade de España, afánanse por atacar o máis prezado valor dos que dispoñemos: a nosa lingua. Ese virus muda e xa non reside só nas tradicionais formas de vida onde estabamos acostumados a atopalo: nos partidos centralistas españois. Agora adopta novas formas e tenta “camuflarse” en asociacións, colectivos, entidades varias e incluso novas siglas políticas.
Pero no fondo a estratexia é a mesma. Non decaer na imposición totalitaria do castelán por todos os territorios do Estado e seguir afogando un pouco máis a nosa lingua, como a vasca e a catalá. Os esforzos redóbranse ao achegármonos á data das Eleccións ás Cortes estatais, cómpre penetrar en espazos baleiros e remover as conciencias na busca do que ao final realmente importa: rédito eleitoral. Veñen de pór en marcha un autobús que seica vai percorrer Galiza enteira coa espallando a mensaxe verdadeira de liberación e salvación que os galegos precisamos. Queren alertarnos de que estamos a sofrir o que eles din que é a imposición do galego, cando nós temos dereito a empregar dúas. Refírense, no fondo, a que non aturan que en Galiza se fale galego, algo tan normal coma iso. Están para facernos espabilar xa que os malévolos gobernantes están a copiar o modelo catalán de imposición lingüística, de acoso ao castelán e de atentados contra os dereitos dos castelanfalantes.
Podemos chegar a entender que a estratexia, coma todo o que se deseñan en Madrid, non se axuste plenamente á realidade galega, como é evidente e comprobábel. O que xa nos custa máis é atoparlle explicación a que cidadáns galegos, que viven aquí e loxicamente coñecen a situación actual na nosa terra en materia lingüística se presten a este tipo de circos fascistas desprezábeis e susceptíbeis de provocar non sabemos que. Porque non deixa de ser unha provocación que en Galiza se diga que o idioma acosado e en perigo é o castelán, non deixa de ser unha falsidade o dicir que son os castelanfalantes os que ven ameazados os seus dereitos. Este colectivo, que pode pagar un autobús que percorra a nosa xeografía, está claramente famento de protagonismo e inventa este tipo de espectáculos que serven de alimento á imprensa empresarial subvencionda e ao tempo lles reporta os seus minutos de gloria. Iso si, gustarianos saber cantos deles practican iso do bilingüísmo.
Esta non é a única ocorrencia que temos que aturar os galegos na nosa propia terra, é a máis delirante e a máis custosa, pero hai máis. Porque é doado falar pero hai que dispor de potencial económico para poder facer a excursión polas cidades de Galiza. Outras sonoras presentacións son as do partido que naceu dunha ex do PSOE e que se rodeu do máis selecto do ultraespañolismo idiomático. As primeiras fotos que fixeron por estas terras foron acompañada da proposta de “queremos derogar a lei de normalización lingüística”, e como troitas ao anzol saltaron os medios empresariais subvencionados a darlle voz a tan chamativo desembarco. Pola súa banda, a delegación en Galiza do partido Ciutadans (que xa animaran a campaña eleitoral en Catalunya) non desaproveitarnon a entrevista que lle concederon para afirmar cousas como “ser nacionalista é volver á cultura da aldea e iso non se pode permitir”, “o galego é parte da riqueza cultural de este país que é España”, “preocúpanos a cantidade de diñeiro que se está investindo na TVG, co cal se lle podería restar media hora ó tren que vai a Madrid, segurísimo. Tamén nos preocupan todos os cartos cos que se subvenciona á Mesa pola Normalización Lingüísitica”.
Falan estes individuos de igualdade entre linguas, pero nin palabra de comezar polos “desaxustes” xurídicos que por exemplo nos obrigan a coñecer a lingua de Castela pero non a nosa (a que só temos dereito a empregala). A súa hipocresía é tal que as súas palabras descualifícanos. Falan sen argumentos de opresión ao castelán pero esquécense de toda esa restra de empresas nas que se discrimina e incluso se despide a quen fale en galego, deses casos que seguen a saír á luz (e de todos os que non saen) de xuíces, notarios, médicos, etc. que rexeitan frontalmente o uso do galego vulnerando incluso os dereitos de quen, por exemplo, quere casar en galego.
(como se pode comprobar, procuramos evitar na medida do posíbel o citar nomes dos colectivos e persoas protagonistas. Entendemos que así estariamos contribuíndo -dalgún xeito estámolo a facer igualmente...- a darlle por cumprida a súa estratexia de obter resonancia)


Chúzao
del.icio.us
