Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

FRAGA É CITADO POLOS ASASINATOS DO 3 DE MARZO DE 1976

augasceives @ 21:53

Fraga IribarneA Comisión do Parlamento Vasco que estuda os feitos do 3 de marzo do 76 en Gasteiz citou para comparecer a Manuel Fraga Iribarne e a Rodolfo Martín Villa para informar sobre o que aquel tráxico día de sanguenta memoria aconteceu. Aprobado por unanimidade, os daquela Ministros de Gobernación e de Sindicatos respectivamente, terán que informar xunto a outras doce persoas por aqueles feitos. Con todo, os fascistas han poder escapar unha vez máis xa que se recolle tamén que poderán "informar por escrito" no canto de presentarse fisicamente.

Aquel 3 de marzo, un grupo de traballadores reuníanse en asemblea na Igrexa de San Francisco de Asís da capital vasca. Secundaban a greve xeral convocada en todos os centros de traballo para reclamar melloras laborais. Ordeouse unha brutal carga policial para desaloxar a Igrexa (lembramos, 1976; podería ser hoxe en día) e cinco obreiros foron asasinados e varias persoas feridas. As Forzas da Orde dispararon contra a multitude por orde directa do Ministro de Gobernación, que o seguía a ser catro meses despois da morte de Franco e xa con Arias Navarro de Presidente.

Non é preciso lembrar aquí o currículo de Manuel Fraga, que exerceu as súas mañas durante dezaseis anos na Presidencia da Xunta de Galiza, logo de ser incapaz de acadar a do Goberno Español. Rodolfo Martín Villa é outro dos fascistas pseudoreconvertidos a "esta" Democracia: recordémolo como Comisionado do Goberno de Aznar para a Crise do Prestige.

Malia que como xesto simbólico pode valer, desconfiamos en absoluto das consecuencias que esta "comparecencia" poidan supoñer para Fraga Iribarne. De entrada, non é nin seguro que teña que presentarse fisicamente. Tampouco está fixada a data, que se sitúa entre os meses de marzo e abril (32 anos despois). Estamos seguros que o que fora un dos homes de confianza do xenocida Franco escaparalle non só a esta cita coa xustiza, senón tamén ás que ten pendentes polo asasinato de Julián Grimau, o asasinato de dous simpatizantes do Partido Carlista en Montejurra, a colaboración co grupo terrorista arxentido Triple A e, como non, a relación co BVE como membro do Goberno Español durante o esplendor deste grupo terrorista "legal" predecesor dos GAL.