Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

21/02/2008 GMT -1

VIOLENCIA POLICIAL EN CAMPAÑA ELEITORAL

augasceives @ 16:38

Iria López achéganos as súas valoracións a tan só unhas horas de que comece oficialmente a campaña eleitoral da eleccións ás Cortes Xerais do Estado do vindeiro 9 de marzo. Son casuais os últimos acontecementos e respostas tanto políticas como policiais?

 

As Eleccións chamadas Xerais de dentro de dúas semanas están a provocar o redobramento de esforzos por parte dos poderes estatais. Os obxectivos son claramente os de sempre, pero multiplicando a presión nestes tempos previos á farsa democrática do vindeiro día 9 de marzo. Os movementos de base, as reaccións populares especialmente en Galiza, Euskadi e Catalunya son as que máis afectan a uns farsantes preocupados de competir en represión e centralismo.

Non cremos que sexa necesario xa repetir que a separación de poderes no Estado Español é un outro invento máis, como o da propia democracia. O poder xudicial actúa segundo a oportunidade que decida o executivo, se a este lle convén eleitoralmente apretar multiplicaranse as detencións e as citacións á A. N.; pola contra, se por oportunidade política (durante as negociacións con ETA, por exemplo) ao Goberno lle convén que se relaxe o clima de tensión non haberá intervencións de Garzón, Grande-Marlaska, etc.

O que convén en periodo eleitoral, ou o que cre ZP que lle convén, é amosar unha firmeza desmedida para esgotar os puntos de saída dun Partido Popular que leva catro anos co único argumento de oposición da suposta falta de firmeza fronte aos terroristas e as cesións aos nacionalistas. Dende Moncloa ditouse pisar o acelerador cedendo ás esixencias do PP de Aznar e inmediatamente procedeuse á ilegalización e inhabilitación eleitoral do independentismo vasco. Iso como máis chamativo, pero hai máis. O desmedido depregue manipulador que se empregou para tratar a manifestación de Bilbo de hai unhas semanas foi unha proba de que a consigna é amosar contundencia fronte a un cualificativo, o de terrorista, que está a piques de ser aplicado a todo un pobo. Xa se lle atribúe a todo aquel que ousa manifestarse para en moitos casos, tan só rexeitar a opresión ou a brutalidade policial. Dende aquela, as detencións de persoas ás que se lle imputa unha suposta “relación con banda armada” son tan habituais que deixaron de ser novidade incluso para o entramado mediático.

En Galiza, o pasado 12 de febreiro tiñan lugar na Facultade de Económicas de Compostela uns feitos que deron a volta a todos os “informativos” e “medios” do Estado e para os que de novo se puxo a funcionar a maquinaria manipuladora. O que non era máis ca unha protesta de estudantes para rexeitar a presenza na USC dunha das caras do máis recalcitrante fascismo da caverna española rematou en incidentes entre os habituais da Facultade –os alumnos- e os intrusos –seguridade privada armada que nun dubidaron en usar a violencia para “dispersar” os concentrados-. Logo dos uniformados chegar a romper algunha das porras que levaban e seren os verdadeiros agresores, a Fiscalía actuou ao pé dun informe da Policía (do máis imparcial…) para identificar e deter a varios dos alí presentes. A firmeza do Goberno de ZP, por medio de Ameixeiras en Galiza, non é novidade para nós, pero como desta volta polo medio e como implicada había unha cara coñecida servíulle ao Goberno Español para amosar a súa firmeza fronte aos “radicales independentistas”.

Tamén por medio da violencia o Estado Español actuou onte mesmo en Vigo. Como antecedente temos o acontecido na Coruña, onde unha contramanifestación de repulsa á presenza dos neofascistas lingüísticos rematou a paus tan só contra unha das beiras dos enfrontamentos. Onte en Vigo, a historia repetíuse. As cargas policiais tiveron como branco os concentrados que rexeitaban –pacificamente- a presenza dese colectivo que representa a reencarnación dos do 36. As cargas policiais van sempre da man das provocacións e insultos dos propios agresores, que lle fan o corredor de luxo aos vidos do pasado, e polo que se pasean co seu cínico sorriso cargos de relevancia política como Corina Porro. Fronte a isto, calquera denuncia ha ser afogada nas augas do “extremismo independentista”, que leva implícito ese “culpábeis sempre” só porque si, só por existir, só por pensar así. Un apuntamento máis: hoxe mesmo coñeciamos a citación de varios membros de Causa Galiza pola súa participación na manifestación do pasado 6 de Decembro, unha mobilización que polo que se ve fixo moito daño nas estruturas do poder: en Galiza tamén se rexeita a constitución do 78, Galiza tampouco está cómoda baixo o xugo español. Ao fío disto mesmo, a conciencia galega saíu o pasado domingo ás rúas para esnaquizar a credibilidade da clase política, ao que non tardaron en respostar dirixentes do PSOEBNG (así, como un único partido) cunhas declaracións intolerábeis.

Neste espazo de tensión e violencia continua, no que PSOE e PP se atopan cómodos, o terceiro en discordia en Galiza é o BNG, que só ten boca para venderse como a opción galega, pero que non ousa contradicir os outros dous en casos como os que vimos de relatar. A campaña a nivel estatal supón non só a eliminación explícita das forzas independentistas vascas, senón a supresión implícita de todas as opcións fóra do bipartidismo que todo o acapara. Toda a campaña é presentada como un enfrontamento a dous no que non existe nada que non sexa centralismo madrileño. A propia histórica terceira opción –Izquierda Unida- está absolutamente invisibilizada. O caso dos partidos nacionalistas é outro: están crimininalizados pero tanto PP coma PSOE saben que son a chave da que antes ou despois han botar man.

Pero esta non é a situación dunha formación que non chegará nin a acadar grupo parlamentar propio e que supón tan só 2 asentos dos 350 dos que se compón o Congreso dos Deputados. Esta formación, o BNG, non ten a habilidade de achegarse aos movementos populares que defenden a terra e/ou a lingua para de verdade facer visíbel Galiza.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis