Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

COSOVA

augasceives @ 15:46

Un dos nosos habituais analistas, Alberte Outeiro, pronúnciase sobre un dos asuntos máis salientábeis no panorama internacional da última semana, xunto ao cociñado “adeus” de Fidel Castro en Cuba. A independencia de Cosova.

 size="2"> 

Pasou unha semana e xa coñecemos reaccións, respostas, manifestacións, etc. Cómpre salientar, de comezo, a “non grande” –digamos- relevancia que para os medios empresariais do Estado Español tivo. Non cómpre amosar que un pobo pode acadar a súa independencia sen maiores traumas ca os necesarios e que un Estado non sempre pode reter a vontade popular. E moito menos en campaña eleitoral, non vaiamos darlle acios agora aos mesmos independentistas aos que tentamos exterminar politica e policialmente. Referímonos, si, á independencia de Cosova.

Segundo apontamento de relevancia: bandeiras de Estados Unidos nos festexos cosovares, bandeiras españolas nas manifestacións unionistas serbias. Ninguén pode negar que sen o visto e prace ianqui isto, nin nada semellante en ningún outro lado do mundo, sería posíbel. E detrás do visto e prace están os intereses, sempre económicos e estratéxicos. A simples vista non albiscamos petróleo ou posíbeis cobizas polas que os estadounidenses puideran teimar en asentarse na rexión. Dende o punto de vista estratéxico, lembremos que nunca os EE.UU. desestimaron ter presenza no perímetro da antiga URSS…
A “comunidade internacional”, invento lingüístico para chamarlle ao feixe de estados que sempre dirán ou farán pensando nos seus propios intereses, dividíuse entre o recoñecemento –apoio- ao Estado Cosovar ou o non recoñecemento –rexeitamento- da independencia anceiada pola maioría dese pobo. Aquí, a primeira e abraiante contradición é dos propios EE.UU. que non só impiden a creación do Estado Palestino senón que son a verdadeira man que por detrás alimenta o xenocidio no que Israel executa. O resto da citada “comunidade internacional” fala da feira segundo lle vai nela e ao tempo miran a España. Está claro que o estado menos uniforme a ollos de Europa, e do Mundo, é este. Quizabes porque non median conflitos bélicos recentes e a unidade forzosa preséntanse por diante dunha opresión que por detrás é a que mantén dita unidade, a Democracia parida por unha “transición modélica” que algún deron en chamar comeza a ter goteiras e xa todo o mundo ve o que Putin afirmou: “En España tampouco a xente quere vivir nun mesmo Estado”, instando á UE a que recoñeza os movementos independentistas galego, vasco e catalán. Do mesmo xeito, os medios da imprensa sinalaron cara a España ao buscar comparanzas posíbeis.
Como non podía ser doutro xeito, o Estado Español –polo seu Ministro de Exteriores, que o Presidente está en campaña!- non tardou en negar o recoñecemento ao novo estado e en afirmar que non estabelecerá relación con el. Instou tamén, como se fora unha voz á que escoitar, a que o resto da “comunidade internacional” faga o mesmo. Os serbios soubéronllo agradecer amosando unha rojigualda nas manifestacións de raiba e non atacando a súa embaixada.