Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

02/03/2008 GMT -1

DE GOBERNOS, GOBERNIÑOS; DE DEBATES, DEBATIÑOS

augasceives @ 14:34

Alberte Outeiro escribe sobre a campaña eleitoral española na que nos vemos sumidos. Refírese, concretamente, á celebración esta semana do debate entre os tres líderes dos partidos do Parlamento Galego. Unha traslación do espectáculo ZP-Raxoi coa inclusión do Quintana cun despregue sen precedentes por parte da televisión pública galega.

 

 Enleados como nos teñen na campaña eleitoral das eleccións do vindeiro 9 de marzo, os “tres do Horreo” acordaron organizar –cos cartos de todos- un show de autopropaganda baixo o nome de “debate”. Os tres líderes galegos trasladaron a Galiza a escenificación do bipartidismo máis rancio e antidemocrático –só eles poden dispor dos fondos públicos empregados para organizar todo o esperpento de ZP e Raxoi-, coa excepción de que o bipartidismo galego tórnase en tripartidismo coa participación do BNG de Anxo Quintana.


Ao igual ca os de Madrid, este tipo de escenificacións tan só serven para escoitar unha e outra vez o discurso único de cada un, o que vimos escoitando sempre. No caso das forzas estatais, o que lles ditan dende a Meseta; no caso do BNG, centos de falacias para facerse un oco entre eles aínda sabendo que as súas aspiracións son limitadísimas. Como diciamos, non foi máis ca unha representación do que estamos acostumados a ver. Coma tal, o primeiro a salientar foi o nefasto galego do que fixeron gala os tres “líderes galegos”. Unha boa proba de que para ningún dos tres partidos a normalización lingüística é unha prioridade é o mal que o falan os seus dirixentes. De entre os tres, hai que preocuparse especialmente polo caso de Touriño, pero nin Feijóo nin Quintana poden gabarse de saber falar a súa lingua.

Dito isto, mágoa da ver como nos queren facer partícipes dunha realidade allea, como se esforzan por explicarnos canto mellor nos vai ir se os seus xefes ocupan a Moncloa. Non escoitamos máis ca a “galeguización” das retóricas de Raxoi e Zapatero en versión galaica, que non galega. O PP apura as súas opcións facendo fincapé no desastre económico ao que podemos vernos abocados se eles non taman inmediatamente o Goberno Español, cando de certo sabemos que as diferenzas entre as políticas económicas duns e doutros son case imperceptíbeis; pero non fai referencia á versión mantida durante estes catro anos sobre o atentado do 11 de marzo de 2004. Pola súa banda, o PSOE insiste nas súas reformas sociais e nas políticas de liberdades que espallou polo Estado Español; pero non na utilización da Xustiza para os seus fins políticos. En terceiro plano galego fica o BNG, que se aferra a unha mistura de crítica ao Partido Popular cunha defensa máis ou menos convencida de que son eles o garante de que Galiza teña presenza política no Congreso dos Deputados (concretamente unha presenza de 2 asentos de entre os 350 que hai). Encubertamente, o obxectivo é que ZP repita e poder seguir afortalando a relación fotográfica entre os dous sorrintes líderes.

Con todo, nin PP nin PSOE nos explican que xogo é este da súa democracia. Un xogo no que si poden participar uns pero non os outros, un xogo no que aparecen formacións xenófobas e racistas de ultradereita (cunhas propostas que serían extremistas hai cincuenta anos) pero non partidos do independentismo vasco ou galego. Evitan falar, porque os dous concordan, de cidadáns inocentes e sen implicacións demostradas aos que deteñen (non imos facer referencia hoxe á tortura) e sonlles esmagados os seus dereitos impedíndoselle participar nesta súa democracia. O BNG, sen aparentemente estar dacordo con estes feitos, cala –e outorga- e evita pronunciarse sobre esta face do sistema no que teima en estar presente. Poderiamos citar unha boa xeira de asuntos que non entran no debate do PP e do PSOE e que o BNG evita sacalos por non molestalos. A cada vez máis crecente oposición á Coroa Española non entra nesas discusións que supostamente amosan diferenzas no chamado modelo de Estado, que se limita a discutir se procede ou non respectar a vontade dos cidadáns de dotarse de novos estatutos ou mesmo decidir sobre o seu futuro pero que non ten reparos en modificar a “intocábel” Constitución do 78 se unha determinada familia ten fillos ou fillas para que herden a Xefatura de Estado. Isto é España!

Na versión galega, non só non se tocan estes “temas de Estado” senón que se evitan outros propios. Non imos ser tan inocentes como para crer que podería aparecer o asunto da profesionalidade vitalicia dos (altos) cargos. Ninguén, agás toda a sociedade, considera isto un verdadeiro escándalo e un atraco polas costas aos petos da cidadanía. Que pode dicir o pobo galego se eles tres deciden que iso ten que ser así? Tampouco ningún fixo referencia á grande manifestación do pasado 17 no que Galiza erguía a voz contra a consentida destrución do país e a entrega en bandexa do mesmo ás máis destrutivas multinacionais. Como é posíbel que non entre na campaña eleitoral un asunto de tanta relevancia e con presenza en todas as comarcas deste país? Mais por enriba disto, aínda hai algo máis noxento ca esquecelo: apropiarse del. Anxo Quintana tivo a indecencia e a desprezábel ocorrencia de manipular sacar o recorte dun xornal no que aparecía unha foto da grande manifestación de Nunca Máis en Madrid. Asegurou o máis cínico dos políticos imaxinábeis que eran galegos expresando unhas conviccións máis ou menos parellas ás que o BNG trata de levar a Madrid, apropiouse do meirande movemento cívico da historia de Galiza que rexeitou a alianza cos que nos traizoan, cos que nos esquecen ao sentar na poltrona do Hórreo. Nunca Máis paríu Galiza Non Se Vende, aquel espírito foi o que agromou o 17 en Compostela, o vento furacanado de raiba insostida contra os gobernantes –tamén contra Anxo Quintana, quizais especialmente-. Ese xesto foi o máis lamentábel de cantos se puideron ver até o de agora nesta súa campaña.

Do mesmo xeito, non atopamos entre as súas conversas –que non discusións, realmente- o asentamente inxusto e ilegal dunha bomba na Ría de Ferrol que ameaza a terra e a mesma vida de toda a comarca. Non sabemos porque Quintana non sacou fotos das mobilizacións xa citadas de GNSV, das de oposición ao Plano Acuícola, das concentracións de Serrabal, da dignidade dos traballadores do metal –e en xeral de todos e todas as do país-. Non sabemos porque Quintana non nos lembrou as fotos da caceroladas no Peirao de Curuxeiras e da resposta policial, das brutais malleiras a civís por parte das Forzas de Seguridade do Estado polas que o BNG fica caladiño.

 

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis