RESULTADOS DO MOVEMENTO POPULAR
A grande manifestación de Galiza Non Se Vende do pasado 17 de febreiro en Compostela fixo dano. A primeira proba foron as declaracións coas que respostaron dirixentes tanto do PSOE (Manuel Vázquez, Conselleiro de Medio Ambiente) coma do BNG (Francisco Rodríguez). A segunda foi o absoluto silenciamento dos medios afíns e incluso dos públicos galegos ignorando a concentración de máis de dez mil persoas (dez mil votos que para si quixeran) na capital galega. A terceira foi a desaparición do asunto na campaña eleitoral e nos debates dos tres principais partidos galegos.
As consecuencias, que nunca serán recoñecidas como tales, comezan a verse. A Consellaría de Pesca anuncia a retirada de cinco piscifactorías do Plano Acuícola e a redución doutras oito. As que se suprimen son as de Punta Corvos e Couso, en Ribeira ámbalas dúas; a de Ardía no Grove; a de Touriñán en Muxía e a de Punta do Corno en Camariñas. Pola súa banda, reducirase o tamaño inicialmente previsto para dúas de Oia (Orelludas e Mougás), a de Seráns en Porto do Son, as de Lago e Rogodola en Xove, Cabo Cee en Corcubión, Meirás en Valdoviño e Foxolongo en Ribadeo.
O Plano Acuícola é un dos principais obxectivos a rexeitar no movemento cívico galego, tanto nos colectivos e poboación directamente afectada como na rede enteira de GNSV. Trátase da venda descarada do noso territorio aos intereses das multinacionais cobizosas do noso valor paisaxístico, sen escrúpulo ningún cara a este pobo nin cara as súas xentes. A forma na que coñecemos esta nova foi trala pregunta parlamentar do deputado Bieito Lobeira (BNG) á que un membro da Consellaría de Pesca respostou anunciando as novidades.
Non podemos ficar aquí na loita contra o P. A., pois isto, estamos seguros, non responde máis ca a inmensa presión da sociedade galega e é unha medida eleitoralista máis que se anuncia a unha semana das eleicións ás Cortes Xerais. Non o esquezamos. O que queremos é unha política real que poña por diante os nosos intereses, a nosa paisaxe e nos teña en conta á hora de lexislar. Non só os intereses dos que prometen riqueza pasándonos unha factura que temos que pagar coa nosa costa.






Chúzao
del.icio.us
