O PREZO DA LIBERDADE DE EXPRESIÓN: 8.000 € (DESTA VEZ)
Só se pensamos nun estado totalitario e radicalmente antidemocrático, como o turco, podemos imaxinar unha historia como a que segue. A negación dun pobo como o curdo é unha cuestión de Estado, innegábel e indiscutíbel. Todo aquel que ouse afirmar a existencia do pobo afogado é sancionada e padecerá contundentes medidas represivas. Non nos poñamos no caso de amosar publicamente unha faixa que conteña lenda algunha relativa á situación do Curdistán. Entón, as consecuencias poden ser imprevisíbeis. Pero isto só sucede nun estado como o turco... ou non!!
O 31 de novembro, o Celta xogaba un encontro de competición europea fronte ao equipo turco do Fenerbahçe no estadio vigués de Balaídos. Queda dito entón que o contexto xeográfico desta historia non é o Estado totalitario e radicalmente antidemocrático de Turquía, senón o Estado totalitario e radicalmente antidemocrático de España.
Na bancada na que adoitan situarse os siareiros máis novos e socialmente comprometidos do Celta despregábase unha faixa coa lenda "Freedom for Kurdistan". De inmediato, as Forzas Policiais españolas acudiron ao lugar para retirar, ao seu xeito, a faixa e aos portadores da mesma. Atopáronse con que era inviábel desaloxar a toda unha bancada e decidiron sinalar os brancos máis doados: dous mozos que levaban senllas camisolas da Asocaciación de Solidaridade co Kurdistán de Vigo, legalmente rexistrada e constituída. Malia non opoñer resistencia ningunha, foron acusados de "conduta violenta".
A Subdelegación do Goberno Español impúxolles unha sanción económica de 4.000 € a cada un dos dous mozos. Os recursos foron desestimados e agora están á espera de xuízo coa ratificación das multas.
A liberdade de expresión, dereito recoñecido na tan mentada Constitución Española, é de novo unha utopía aínda por conquistar nos estados opresores de Turquía e España. Pero do mesmo xeito, si é un instrumento para os fascistas poderen ondear as súas bandeiras polos mesmos estadios deportivos nos que aos outros se multan por feitos como os que relatamos. A quen lle sorprende ver en numerosos estadios de futbol do Estado Español centos de bandeiras "preconstitucionais" (cultismo para agochar o termo "fascista")? Esas bandeiras que ondea o vento foron as mesmas polas que se cometeron milleiros de asasinatos e demais "limpezas ideolóxicas".
FREEDOM FOR KURDISTÁN!!!


Chúzao
del.icio.us
