Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

TAMÉN PROHIBIDO MANIFESTARSE...

augasceives @ 21:41

O día 8 de marzo estableceuse internacionalmente como o Día da Muller Traballadora, unha desas datas nas que todo o mundo se identifica coa causa a conmemorar. Este ano, o 8 de marzo é a véspera das Eleccións Xerais e, segundo o calendario eleitoral español, a "véspera" recibe o nome de "xornada de reflexión", na que está supostamente prohibido calquera acto que poida considerarse propaganda ou que poida entenderse como destinado a influír no voto do día seguinte.

MMM, 8 de marzo de 2008 

Non é preciso lembrar o que acontecía nesa "xornada de reflexión" de hai catro anos, aquel 13 de marzo de 2004 en pleno clima de axitación polos atentados de Al-Qaeda en varias estacións de metro na cidade de Madrid. Os dous principais partidos políticos empregaron o sábado como un máis, quizais en maior medida, dos de campaña. O PP dende o Goberno mentindo e utilizando os medios de comunicación públicos, o PSOE con concentracións fronte ás sés do PP.

Tornando a este ano, a Marcha Mundial das Mulleres tiña previsto como cada ano as súas concentracións nas distintas cidades de Galiza, cos seus actos simbólicos que este ano incluían a presentación de centos de autoinculpacións por abortar en diferentes Xulgados do país. Fronte a isto, a Subdelegación do Goberno español prohibíu estas concentracións por celebrárense na data previa á xornada eleitoral alegando, entre outros disparates, "a súa incidencia política na xornada de reflexión" ou que "non todos os partidos políticos comparten os mesmos postulados respecto das reivindicacións da muller".

Atendendo a isto, e como ben se afirma dende a MMM, tamén se deberían "prohibir as misas" xa que "o episcopado leva máis de seis meses en campaña electoral, pedindo o voto explicitamente para unha determinada opción política". Do mesmo xeito, preguntámonos (como a MMM) porque non están prohibidos os actos institucionais deste día se son artellados por políticos.