Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Á IGUALDADE CHÉGASE LOITANDO CONTRA A DISCRIMINACIÓN

augasceives @ 11:55

Mañá, 8 de marzo, conmemórase o Día da Muller Traballadora. Este ano os actos veñen marcados pola prohibición de concentracións ou manifestacións por entender a "autoridade competente" que poden constituír intervencións na chamada "xornada de reflexión". Opinión de Sabela Ferreirós.

A igualdade é o estado natural dunha sociedade no tocante á “convivencia” entre homes e mulleres. Como ben é sabido, na actualidade isto non acontece así. O patriarcado afoga dende tempos inmemoriais o normal discorrer das civilizacións, sempre alimentado dende as xerarquías políticas, económicas e doutras castes.

Porén, hoxe a “loita pola igualdade” é a bandeira á que se agarran as opcións políticas consideradas progresistas e até aquelas descaradamente conservadoras. Esta loita pola igualdade consiste no que alguén deu en chamar “discriminación positiva” en favor da muller, dando como resultado cousas tan absurdas como a “paridade” ou os costumes de repartir cargos dependendo do sexo das persoas e non das súas capacidades ou aptitudes. Hoxe, a loita pola igualdade consiste na promoción das mulleres fronte aos homes simplesmente polo feito de sermos mulleres. O xeito no que as forzas políticas entenden esta conquista da igualdade é rexeitada polo verdadeiro movemento feminista ao tempo que os electoralistas que procuran o voto feminino entenden esta tarefa como facérense fotos rodeados de mulleres, consideradas meros obxectos propagandísticos. De aí a falacia de moitas da conmemoracións institucionais que teñen lugar estes días, con ridículos xestos para a galería cando de seguro que non fondo moitos deles e delas non saben de onde procede o establecemento do oito de marzo como “Día da Muller Traballadora”.

Rexeitando os actos que enchen xornais cada ano por estas datas, é preciso aproveitar o día para reiterar unha vez máis que a loita non se limita a un día ao ano (certo que isto tamén é moi repetido) e que a tarefa non é colocarnos ás mulleres por enriba dos homes, non é pular pola igualdade, senón loitar contra a discriminación por razóns de sexo, así como por todas as outras razóns.

Esta sociedade, ao tempo que ergue a bandeira da igualdade, “consinte” que as mulleres vexamos como a diferenza de retribución polo mesmo traballo é alarmante con respecto aos homes, se menosprece a nosa valía por ser mulleres por parte de aínda moitos altos executivos, se nos considere en moitos casos obxectos sexuais con comentarios ou faltas de respecto por parte de responsábeis políticos vidos e mantidos do pasado ou mesmo compañeiros de traballo e/ou superiores, etc. A loita pola igualdade ou loita contra a discriminación non debe ser unha promesa electoral, debe ser efectiva con medidas claras e contundentes. O primeiro paso a dar é limitar o poder dos causantes desa perpetuidade da infravaloración feminina. Os progresistas non nos poden prometer leis de paridade ao tempo que alimentan os petos de institucións tan dubidosamente igualitarias como a Igrexa Católica, ou mentres permiten que homófobos ou misóxinos declarados poidan acceder a postos de reponsabilidade pública e espallar as súas prácticas e crenzas sostidas con fondos de todas nós e todos vós.

O oito de marzo, o Día da Muller Traballadora non representa nada para as acomodadas burguesas, para as fundamentalistas católicas autoconsideradas inferiores, etc. O oito de marzo tampouco é só para as mulleres. O Día da Muller Traballadora representa dúas loitas: a loita pola emancipación da muller e a loita pola emancipación da clase obreira traballadora.