A CLASE OBREIRA GALEGA CONTRA A FAMILIA PREGUICEIRA ESPAÑOLA
Tempo de datas para a memoria, tempo de loitas. Se onte sábado o motivo de festexo era o Día da Muller Traballadora, coma todos os anos chega o 10 de marzo e lembramos a Amador e Daniel: o Día da Clase Obreira Galega. Para este ano está prevista a visita a Ferrol dos Reis de España, o que constitúe unha clara provocación para o pobo traballador galego. A resposta non ha facerse agardar e a Monarquía Española terá cumprido testemuño en primeira persoa do rexeitamento ao que a familia Borbón representa.
Como é habitual, o 10 de marzo celebramos en Galiza o día da Clase Obreira Galega en
conmemoración dos feitos acontecidos en 1972, nos que Amador Rei e Daniel Niebla resultaron asasinados pola Policía Española. Este ano, a CIG traslada á cidade de Ferrol os actos e a manifestación central desta data, aproveitando tamén para rexeitar a presenza nesta cidade dos monarcas “nun día tan sinalado para os traballadores do país”. É un insulto á clase traballadora e á memoria dos asasinados en 1972.
Os actos de rexeitamento non se limitan aos que a Confederación Intersindical Galega ten programados. Os movementos populares, como a Fundaçom Artábria, tamén teñen convocadas concentracions de rexeitamento. Asímesmo, Briga, organizou xa o pasado sábado un concerto antimonárquico para expresar unha vez máis que Galiza non ten rei.
Independentemente das visitas monárquicas que teñamos que aturar, habemos seguir na loita na que estamos con ou sen Rei en Ferrol. Cómpre seguir esixindo o Marco Galego de Relacións Laborais, uns salarios dignos, a loita decidida contra a precariedade laboral, a non discriminación da muller no eido laboral e salarial, etc. Queda moito por facer e, tamén no traballo: do noso, decidimos nós! De seguro que á Familia Real que o 10 de marzo ha estar en Ferrol non padece nin a carestía da vida nin os salarios mínimos cos que as familias realmente reais viven en Galiza.


Chúzao
del.icio.us