Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

10 DE MARZO: DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA

augasceives @ 09:38

A celebración desta data ten as súas orixes no ano 1972. Durante a negociación do Convenio Colectivo de Bazán sucedéronse episodios que chegaron á cimeira da gravidade cos asasinatos de Amador Rei e Daniel Niebla, na honra dos cales e como homenaxe a toda a clase obreira do país se instaurou o 10 de marzo como Día da Clase Obreira Galega na súa lembranza.

Producíronse daquela numerosos despedimentos de sindicalistas, detencións, malleiras en comisarías, agresións policiais, feridos e os dous mortos xa citados. Tal que agora pero baixo o paraugas da Ditadura Franquista. Cando o sete de marzo se anuncia a sinatura do Convenio do sector en Madrid a indignación multiplicouse e o conflito radicalizouse, os traballadores rexeitaban tal sinatura e esixían o dereito de negociar o seu convenio en Galiza. A raíz disto, dous días despois, o 9 de marzo, iníciase un paro total na empresa. A seguir a empresa anuncia a suspensión de emprego e soldo de varios traballadores prohibíndolles acceder incluso á propia fábrica. A resposta dos traballadores non se fai agardar e deciden ocupar as instalacións de Bazán, razón pola cal a Policía entra e carga indiscriminadamente contra eles. Na fuxida, máis “grises” agardábanos nas portas para de novo cargar contra eles producíndose numerosos feridos.


Ao día seguinte, 10 de marzo, os traballadores deciden concentrarse nos Cantóns para explicárlle ao pobo de Ferrol a situación e ir polas empresas solicitando a súa solidaridade. Parten, máis de 4.000, cara a Ponte das Pías. Alí son detidos pola Policía e inícianse fortes disturbios entre os armados e os traballadores. As metralletas do Estado rematan coa vida de Amador Rei e Daniel Niebla e causan máis de corenta feridos de bala. Malia isto, os traballadores non retroceden en ningún caso.

Ese mesmo día as mostras de solidariedade espállanse por toda Galiza, rexístranse importantes paros nas principais factorías do país e escóitanse lemas como “Galiza con Ferrol” ou “Policía asasina”. As mostras de solidariedade obreira continúan no enterro dos dous compañeiros asasinados (ao día seguintes), aínda estando no punto de mira das metralletas dos centos de policías presentes nos actos.

Durante os días seguintes, a axitación social na cidade ferrolá é duramente reprimida polo Réxime. Non sería até o 20 de marzo cando os traballadores se reincorporarían aos seus postos de traballo na factoría tomada pola Policía franquista.

fonte: CIG