Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

13/03/2008 GMT -6

SISTEMA COXO, DEMOCRACIA MUTILADA, REPRESENTACIÓN IRREAL

augasceives @ 14:47

Presentamos as valoracións das Eleccións Xerais do pasado domingo asinadas por Alberte Outeiro. Afortalamento do bipartidismo: fanse fortes no sistema que deseñan.

Son múltiples os factores sobre os cales se podería opinar á hora de facer unha análise das Eleccións Xerais do pasado 9 de marzo. Podemos comezar por unha visión xeral da precampaña para írmonos achegando no tempo até hoxe. O máis salientábel é a cesión do PSOE ás esixencias do PP, que logo de pasarse toda a lexislatura reclamando a ilegalización das opcións políticas da esquerda abertzale, atopou o asentimento de Zapatero a falla de só uns meses. Durante as negociacións con ETA as opcións do independentismo vasco eran legais pero nas vésperas das eleccións tornáronse en ilegais. A resposta que o pobo vasco puidera dar nas votacións daría de seguro con representación no Congreso dos Deputados de Madrid, o cal deixaría en complicada situación o discurso do Goberno Español.

Xa en campaña, os principios democráticos ficaron esquecidos e o que se presentou foi unha carreira entre dous excluíndo aos demais contendentes, entre eles, opcións da extrema dereita racista, xenófoba e golpista do 36 e ou do 81. O bipartidismo superou límites e asistimos a quince días de promoción persoal dos dous candidatos pola circunscrición eleitoral de Madrid. O sistema español non é presidencialista, os cidadáns non escollen ao presidente do Goberno e só votan listas pechadas. O descoñecemento do sistema por parte da poboación permite acotío escoitar a calquera cidadán do estado que votará “a Zapatero” ou “a Rajoy”, cando é absolutamente falso se quen o di non vota na provincia pola que eles se presentan. Non imos afondar en máis déficits democráticos, como o do voto exterior, ilegalizacións, debates de promoción con medios públicos, etc. por seren xa sobradamente coñecidos e repetitivos.

Non faremos referencia aos discursos de campaña, que por seren precisamente iso, non merecen máis atención ca o que realmente son: iso, discursos de campaña. Con todo, e ao igual ca hai catro anos, un atentado terrorista fixo esquecer toda a dialéctica e incluso en moitos casos as propias actuacións e feitos duns e doutros durante a lexislatura. O asasinato por parte de ETA dun cidadán vasco acelerou a mobilización até chegar a un 75 por cento de media estatal. Esta porcentaxe superou en moitos puntos á rexistrada en Euskal Herria, mais ese será un dato a citar máis adiante. A nova do atentado paralizou a campaña e enfriou ao PSOE e ao PP, desúpeto choutou á memoria o acontecido en 2004, cando a propia xestión dos feitos e da información decantou os resultados chegando a rachar co previsto e situar na presidencia do Goberno Español a Zapatero. Ningún dos dous quixo repetir o que daquela reportara beneficios e prexuízos a esgalla, por medo.

Os resultados, aínda sen seren definitivos (pois estase a recontar os votos do CERA) presentan un Congreso dos Deputados para a vindeira lexislatura máis bipartidista ca nunca, resultado lóxico da precampaña e de cómo se presenta a política en España, onde discrepar coa “lóxica” dominante pode ser, incluso delito. Velaí a A. N. para enxuízar, a versión democrática do TOP franquista, o Tribunal de Orde Pública. 169 escanos para o PSOE e 154 para o Partido Popular. A partires de aí, CiU con 10 e PNV con 6 serán os outros dous grupos parlamentares. O resto, ao Grupo Mixto. A pluralidade política vai ser unha utopía nesta lexislatura.

Se atendemos aos resultados de cada un dos partidos, do que primeiro hai que falar é que todos foron engulidos polo bipartidismo. A relación de votos e deputados obtidos deixa en evidencia o sistema eleitoral español. Vexamos. Fóra dos dous principais partidos a nivel estatal, o caso máis grave é o da terceira forza española, IU que con case un millón de votos obtén os mesmo escanos (2) ca BNG (con pouco máis de 200.000) e CC (con 164.000). Porén, os máis de 303.000 de Na-Bai tan só lle van permitir salvar a súa representación cun asento. Tantos como o novo enxendro de Rosa Díez, UPD que entra con tan só 62.000 votos. Un dato relevante é que, fóra do PP e do PSOE, tan só o BNG e Na-Bai medran en apoios eleitorais, malia que non lles permitan aumentar a súa presenza parlamentar. Á hora dos recontos obviase nos medios falar de Euskal Herria, das súas circunscricións eleitorais. A chamada á “abstención activa” da esquerda abertzale como resposta ao sistema español que ilegaliza ideas e nega dereitos foi atendida por preto de 185.000 votantes (segundo fontes do propio independentismo vasco) que non acudiron ás urnas para entrar nun xogo político feito para que gañen os de sempre.

Unha democracia máis coxa ca nunca é que se nos presenta para os vindeiros catros anos. A impresión que queda é a inutilidade dos feitos durante catro anos, xa que as dúas ultimas semanas poder ser suficientes para que adormecida poboación española decidade conforme lle indican. Os debates televisados ensinan o camiño e os pistoleiros etarras seguen a darlle motivos aos votantes do PP e do PSOE para crérense os garantes da paz e das liberdades españolas. Sistema coxo, democracia mutilada, representación irreal.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis