REVOLTA GANDEIRA
A pasada semana dabamos conta das protestas dos gandeiros nas instalacións de Puleva (en Nadela) contra a baixada unilateral dos prezos do leite en orixe (neste caso concreto, até 6 ctms/l), que supoñen unha volta máis no lento afogar do sector. Avisaban xa que a seguinte data chave había ser esta quinta, 13 de marzo. E así foi, desta vez en Pontedeume nunha pranta de Leite Celta.
O primeiro a salientar é a absoluta unidade do sector, saben que se están a xogar co seu pan e están decididos a non permitilo. Proba disto, ademais da unión dos tres sindicatos agrarios (XX.AA., SLG e UU.AA.), e a mobilización dos máis de tres mil gandeiros que onte se desprazaron até o norte. Entre fortes medidas de seguridade, que desta vez (hai que dicilo) non interviron, e logo da intervención dos representantes sindicais, varios gandeiros forzaron o portelo e accederon ás instalacións da multinacional explotadora, onde lle deixaron ben claro que non aceptan a súa prepotencia nin os seus métodos escravizantes que non levan a outro porto máis ca á desaparición do sector leiteiro galego, o que noutrora foi punteiro e base da nosa economía.
Os controis aos que están sometidos os produtores e a transparencia que se lles esixe non é de aplicación nin para as multinacionais (cuxos beneficios non deixan de medrar) nin para os intermediarios. A subsistencia faise imposíbel coas continuas baixadas unilaterais que día si e día tamén deciden as empresas. Un exemplo das consecuencias son os datos que reflite o IPC, no que o leite baixou un 1%. Porén, os seis ctmos/l que lles rebaixas aos gandeiros supoñen por enriba dun 10%. Quen sostén isto?
E cal é a solución? O tan repetido diálogo, que desta vez aínda non comezou e polo tanto non se pode desbotar. Os gandeiros esixen de inmediato que na Mesa do Leite se fixen os prezos por acordo a tres (lácteas, produtores e administración) e non unilateralmente. Diante do todo isto, sorprende a pasividade da Consellaría de Medio Rural e incluso de todo o goberno galego, por tratarse dun problema grave que afecta a un dos sectores primarios e punteiros de Galiza. As solucións non se agochan en privilexiadas cabezas nin están reservadas para iluminados pensadores. Dende a nosa humilde visión achamos que un dos principais problemas é o leite que chega dende o exterior (Francia ou Portugal, por exemplo) desprazando ao autóctono e rebaixando os prezos desorbitadamente. As multinacionais non poden atender a estas entradas para rebaixar os prezos e facer que o leite galego deixe de ser competitivo. A administración non pode seguir permitindo que os beneficios das empresas acaden o 150% e os produtores non gañen por enriba dos 5 ctms/l.
"Se isto non se amaña: caña, caña, caña!!"






Chúzao
del.icio.us
