Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

COA LINGUA NA RÚA

augasceives @ 12:40

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de convocar unha manifestación nacional en Compostela para o vindeiro 18 de maio baixo a lenda "Polo dereito a vivirmos en galego". Non é máis ca unha resposta necesaria aos ataques varios que nos últimos tempos vén padecendo o noso idioma dende diversos sectores da dereita española e a desprotección dos poderes públicos.

Este vai ser o acto central que a asociación organice co gallo do Día das Letras Galegas deste ano. Con todo, vai ser algo máis ca o acto central dun colectivo determinado. Vai ser a reivindicación de todo un pobo da defensa e protección da súa lingua, da "única lingua propia de Galiza", como ben se dixo na presentación desta mobilización onte por parte do presidente da Mesa. O pobo ha respostar na rúa para avisar de que non imos ficar impasíbeis perante tanta manipulación e mentira por parte duns e pasividade por parte doutros. Unha vez máis, e van xa unhas cantas nos últimos tempos, Galiza vai saír á rúa sen ningunha atadura partidista, ceibe na súa conciencia e decidida na súa acción.

Na rolda de imprensa de presentación da manifestación sinaláronse os obxectivos fundamentais desta convocatoria: “Lembrarlles aos poderes públicos que teñen obriga de cumprir e facer cumprir a lexislación en materia lingüística” e “demandar que o galego sexa lingua cooficial na realidade, e non só no papel”, así como “recordar que o galego é o único idioma natural de Galiza, o que o Estatuto denomina lingua propia do país", en palabras de Carlos Callón, presidente da Mesa.

Ademais, nos vindeiros días será presentado un manifesto co que a Mesa pretende que a sociedade galega se identifique e apoie simbolizando deste xeito tamén a participación neste acto, ademais de acudir á propia manifestación. Aquí mesmo teredes cumprida conta do citado manifesto para asinar.

O vindeiro 18 de maio vai ser un día para medir forzas. Imos saír á rúa e convidar tamén a estes colectivos minoritarios que durante os últimos meses estiveron facendo o ridículo con autobuses polo país e concentracións aquí e alí, falando de imposicións, persecucións e mentiras, mais que agora, xa celebradas as eleccións e coa derrota colleitada nada se sabe deles.

En Galiza en galego!!