Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

GALIZA RESPOSTA CON PEGATINAS

augasceives @ 06:43

 

Os documentos que onte sacaba á luz o MpDC nos que ficaba de manifesto a fixación da Garda Civil española contra o nacionalismo galego supuxeron un impacto considerábel na rede e en diversos foros nos que a indignación se multiplicou ao momento. A práctica totalidade dos medios independentes galegos fixémonos eco de tan reveladora información. Que o nacionalismo galego nunca foi do agrado das FSE está fora de toda dúbida, pero agora fica demostrado con documentos e tamén queda á luz o inmenso descoñecemento da realidade social galega por parte destes individuos vestidiños de verde.

As respostas son unha mestura de indignación, xenreira e brincadeira. Hai mesmo quen propón facer unha campaña de pegada de "GZs" nos propios automóbiles da benemérita. O xornal GZnación publica hoxe unha interesante conversa con Renato Núñez, voceiro do MpDC, que recomendamos ler e da que salientamos o seguinte:

"O que si van facer é mirar o coche, dicirlle “baixe vostede do coche”, pedirán o carné, tomarán nota do carné e despois che dirán “podes marchar”. Pero a matrícula do coche, o número de carné… irá a unha base de datos chamada ‘FICHAS DE INTERÉS POLICIAL’ que son absolutamente alegais, que non ten ningún amparo legal. Estas fichas servirán para o día de mañá, se hai algún altercado, atentado, algunha cousa… pois dicir, “en tal sitio, preto do lugar en cuestión había un coche cunha matrícula tal cun colante de ‘GZ’ conducido por fulanito de tal”. Entón esa persoa pasará a ser sospeitosa dese atendado"

"nesa documentación repartida hai fotos de xente na rúa na que se lles pon a etiqueta de ‘persoas de interese policial’"

A gravidade do asunto do que estamos a falar sería ben merecente dunha resposta inmendiata non só parte da sociedade (que a da, na rede) senón tamén polos seus supostamente lexítimos representantes no Parlamento de Galiza. Coincidimos con Renato Núñez en afirmar que non agardamos absolutamente nada deles, por non dicir que son os primeiros e directos responsábeis. Nun estado democrático isto é unha práctica totalmente ilegal e pola que os responsábeis terían que tomar medidas de inmediato. Non o van facer, non sexamos inxenuos. Tampouco nos imos asustar agora pensando que isto é novo e que non hai persoas ou colectivos no punto de mira, tan só é a demostración irrefutábel. É traballo adiantado para cando en Madrid decidan espallar a Lei Antiterrorista ao noso país, daquela saíran fichas policiais a esgalla de xente cuxo único delito podería ser pertencer a unha asociación cultural, estudantil, ecoloxista ou mesmo levar un autocolante no seu automóbil.

Por outra banda, e coa nosa sempre clara vontade de colaboración, imos achegar datos para cando nos visiten (que probabelmente o farán). Esa suposta rede que dan en chamar MLNG é totalmente irreal. Non existe tal movemento, o que si hai é unha consciencia social galega artellada en numerosos colectivos que non necesariamente teñen relación entre si. Existe un movemento crítico que asume a idea da Nación Galega e que en poucos anos agromou tiranpo por terra aquela visión da Galiza sumisa de Fraga e do PP. Agora a nosa realidade nacional protagonízana colectivos comprometidos, autoorganizados e independentes do poder político que son conscientes dunha opresión da que é artífice, entre outros, a propia Garda Civil española. As múltiples diferenzas que nalgúns casos se dan entre os colectivos dos que saíu o nome son unha boa mostra do lonxe que están de coñecer o que para eles sería ese "movemento". Hai que aplicarse máis e infiltrase mellor!!!!