Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

27/03/2008 GMT -6

QUE SE PREPARE A AUDIENCIA NACIONAL QUE ALÁ IMOS!!

augasceives @ 13:28

Sabela Ferreirós opina sobre a información que onte achegaba o MpDC e que confirmaba con documentos a fixación da Garda Civil cos movementos sociais galegos.

 

Onte choutaba a todas as primeiras dos meios de información independentes (non subvencionados) o contido de varios informes internos da Garda Civil aos que o MpDC (Movemento polos Dereitos Civís) tivo acceso. Neles instrúese a membros do corpo sobre o que para a banda armada española é o “segundo problema de terrorismo en España”: nada máis nin nada menos ca o MLNG. A mestura de siglas da de por si unha idea do descoñecemento que as FSE teñen do que en realidade é o movemento social galego, enténdase político, cultural, ecoloxista, estudantil, sindical, feminista, etc. Preséntanse unha serie de colectivos que todos xuntos e revoltos considéranse verdadeiras ameazas para a santa unidade de España e mesmo se insinúa que poden chegar a ter vencellos co terrorismo. Algo semellante ao que en Euskal Herría denominan “entorno abertzale” e polo cal todo individuo pertencente a tan amplo colectivo pasa a ser presunto, afín, colaborador, etc. Unha nubeira de sospeitas infundadas sen atender a ningún delito concreto, senón ao carácter e/ou ideoloxía dos propios individuos ou colectivos. Pero o máis significativo non é o exposto até aquí senón os criterios para identificar posíbeis “terroristas”: a benemérita tomará datos de automóbiles que leven algún autocolante que puidera delatar ideas nacionalistas tales como os coñecidos de GZ, bandeira galega con estrela vermella, escudo da serea de Castelao, etc.

Chegados a este punto, non se considera necesario expor unha serie de argumentos polos cales rexeitar este tipo de actuacións. Razóns ben coñecidas e mesmo repetidas das que temos que botar man cando temos novas que atinxen á Garda Civil ou aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, deste estado libre, democrático e constitucional. Se sospeitoso é todo aquel individuo que viaxe nun vehículo que leve un autocolante de grupos tan dispares como Galiza Non Se Vende ou Causa Galiza van ter que facer unha sección especial na A. N. adicada só a potenciais terroristas galegos, colectivo do que unha boa parte de cidadáns e cidadás deste país pasaremos a formar parte. Non imos preguntar pola liberdade de expresión, pola liberdade de “tunear” o noso coche como nos pareza. Moito menos pola liberdade de asociación. Liberdades que neste estado nin están ni se agardan. Por suposto, nin que dicir ten que libre é todo aquel cidadán que no seu automóbil particular porte no canto dun “GZ” un “E” ou unha “rojigualda” (co seu correspondente paxaro negro) no canto dunha bandeira galega (coa súa correspondente estrela vermella no centro); dende este preciso instante retirade as vacas das bandeiras galegas e mudádeas polas rojigualdas cos seus touros de raza!

Non queda moita máis opción ca tomalo a brincadeira e rir por non chorar, como se adoita dicir. É curioso que tamén estes días dabamos de fronte con datos que falan de que o Estado Español (co PSOE á fronte) sitúa o número de presos políticos en cifras históricas, mesmo superando épocas pasadas non cualificadas como “Democracia”.

Neste escenario é no que estamos asistindo estas datas ás relacións mesmo adúlteras para chegar a pactos que den comezo a unha nova lexistalatura do Executivo español de Zapatero. Cos coches galegos ollados de preto segundo a simboloxía que porten, o BNG (garante da defensa dos dereitos e liberdades de Galiza e dos galegos) preséntase en Madrid á procura de parella estábel a confirmar en santo matrimonio para, polo menos, os vindeiros catro anos.

A nova dos sistemas empregados pola Garda Civil percorreu axiña pola rede ese submundo que é movemento social galego, que non MLNG. Unha desproporcionada cantidade de entidades de todas as castes foron sinaladas, mais entre elas non figura o que noutros tempos sería o centro das sospeitas. Falamos do Bloque Nacionalista Galego, hoxe insertado no sistema e asentado no poder e en cuestións de máis alta diplomacia e negociacións en Madrid. É posíbel que o abandono do BNG dos submundos sociais dera no nacemento de colectivos a esgalla para cubrir o que dalgún xeito antes podía ter o xugo común desa formación con obxectivos claros: a defensa da nosa cultura, da nosa lingua, da nosa terra, a autoorganización estudantil, feminista, etc. E sempre de fondo, na maioría dos casos (mais non en todos), a autodeterminación. Isto non significa, nin de lonxe, que exista unha coordinación formal entre todos.

Se nos quedamos co superficial da nova, co que máis cabeceiros deu, non podemos deixar de referirnos aos autocolantes dos coches galegos. Que pasará con aquela masa de simpatizantes e mesmo militantes do propio BNG que porten esa simboloxía nos seus vehículos? Pasarán a encher esas fichas policias sen o apoio* contundente e decidido do seu partido? Non se referiría Quintana con iso de “ter forza en Madrid” a que nos apliquen a Lei Antiterrorista a todas e todos que levamos no noso coche un distintivo nacionalista? Serán tidos en conta outro tipo de medios de desprazamento como bicicletas ou monopatíns que tamén leven “GZs”, bandeiras ou sereas?

*cando falamos de apoio contundente e decidido non nos estamos a referir a unha simples pregunta no Horreo.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis