POTENCIAR O GALEGO ONDE PRIME O VALEDOR
As últimas declaracións do Valedor do Pobo nas que afirmaba que había que potenciar o castelán alí onde primara o galego protagonizan o artigo de opinión de Alberte Outeiro.
A imaxinación e os métodos da Garda Civil arredaron durante esta semana outra desas novas que incitan á violencia mental contra o seu protagonista. Estoume a referir á nova intervención estelar do Valedor do Pobo, que afirmou no propio Parlamento de Galiza o pasado luns que “hai que potenciar o castelán alí onde prima o galego”. Era como a súa resposta á convocatoria da manifestación do dezaoito de maio por parte da Mesa.
Hai persoas que con só abrir a boca fan bo a calquera predecesor seu por nefasto que fora. É o caso. Benigno López, designado ao chegaren ao goberno galego as forzas supostamente progresistas (aínda que por consenso), gosta de acaparar portadas de xornais e artigos coma este e semella sentirse cómodo cando as súas verbas espertan iras entre sectores das sociedade galega, nomeadamente diso que para a Garda Civil sería o MLNG, é dicir, a “Galiza consciente”. Segundo o Valedor do Pobo seica "hai que potenciar o castelán onde prima o galego e viceversa" para que "calquera cidadán poda optar libremente pola utilización dun e outro idioma”, afirmacións feitas na presentación do informe correspondente ao ano 2006 da institución que preside. Dito doutro xeito: bilingüismo harmónico e demais teorías dos colectivos ultras que percorrían Galiza en autobús antes do pasado nove de marzo.
Para o Sr. Benigno López hai que tratar de igual xeito á lingua que leva centos de anos afogando á nosa, hai que tratar igual á lingua en risco de desaparición cá que conta co favor da inmensa maioría de medios de comunicación e outros sectores sociais, hai que tratar por igual á potenciada polo poder cá que resiste pola forza do pobo, á imposta cá propia… Un país con lingua de seu non pode permitirse un cargo público que dende o mesmísimo Parlamento Galego realiza este tipo de afirmacións, ou o que é peor, está disposto a aplicalas para contribuír na “morte digna” que o poder lle está dando ao galego, como non hai moito dixera Díaz Pardo.
Nin as recomendacións que ten feito o Consello de Europa para potenciar a normalización lingüística da nosa lingua en Galiza, nin o que di o propio Estatuto de Autonomía, nin a Lei de Normalización Lingüística (art.4: “O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma”) nin a máis esmagadora de todas cantas razóns lle podemos presentar a Don Benigno, que é a propia realidade a pé de rúa ou de despacho oficial, lle ha entrar na cabeza non á súa persoa, senón ao cargo de ocupa. Polo tanto, a solución que nos deixa é, unha vez máis, esixir o seu cesamento.
Posto que non haberá Valedor que nos faga retroceder ao Pobo Galego nas nosas pretensións de vivirmos na nosa lingua, a substitución desta figura é a saída máis razoábel que queda. Tarefa agora para os que o elixiron, pola súa banda, ten feito méritos dabondo para ser merecente do noso rexeitamento e do de toda a sociedade galega.
Non existe bilingüismo harmónico, non se garanten os dereitos lingüísticos de todos os cidadáns galegos potenciando outra lingua que non sexa a propia en ningún lugar nin circunstancia.


Chúzao
del.icio.us
