Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

EN MANS DE QUEN ESTÁ A NOSA LINGUA?

augasceives @ 17:05

A situación da nosa lingua é motivo das reflexións, unha vez máis, de Alberte Outeiro. Ao igual ca noutras materias, o noso idioma non ten voz no Parlamento Galego que o defende decididamente. O que ten é unha Secretaria de Política Lingüística á que lle é absolutamente indiferente cal sexa a situación do noso idioma.

  

Como cada ano, conforme se vai achegando o mes de maio avívase o debate arredor da situación da nosa lingua na Nosa Terra: publícanse estudos, coñécense declaracións, convócanse manifestacións e multiplícase todo o que ten a ver coa figura homenaxeada no Día das Letras. Este ano todo se repite, mais co complemento que tivemos durante os primeiros meses do ano, coa aparición electoral dalgunha plataforma españolista autobuseira que avivou as chamas da resistencia fronte ás provocacións e mentiras do sector social da dereita española en Galiza. Polo demais, hai uns días A Mesa convocaba unha manifestación para o 18 de maio en Compostela coa pretensión de amosar a forza que defende a nosa lingua: nós. “Polo dereito a vivir en galego” temos que estar e dicirlles a uns que non nos van amedrentar nin lles imos ceder un só paso de terreo e aos outros que estamos fartos das súas promesas incumpridas e dos seus decretos gardados nos caixóns. Case como resposta a esa convocatoria aparecía en escena nin máis nin menos ca o Valedor do Pobo, que non merece nin que lembremos a súa traxectoria de provocacións con respecto ao idioma galego. Estes días, diversas entidades como NEG denuncian a “escandalosa parálise” da Consellaría de Educación no que á aplicación do famoso “decreto do galego” no ensino.

Abofé que o cualificativo “escandaloso” non é esaxerado. Dise, con razón, que a Consellaría de Educación non saíu ao paso das acusacións e falsidades que tanto colectivos xa citados como o propio PP espallaron sobre ese decreto. Nin a consellaría nin ninguén. Non iamos reclamar que saíra dona Marisol, a Secretaria Xeral de Política Lingüística, a dicir algo pois seguramente precisaría dunha semana para que alguén lle redactara algo. Non somos tan inxenuos como agardar algo desta señora, que dende que chegou ao cargo ten demostrado a súa incapacidade para ocupalo. Marisol López é unha desas dirixentes políticas que cumpriría, para ir comezando a normalizar este país, desaloxar dos despachos, xunto ao xa citado Valedor ou a Manuel Ameixeiras, entre outros e outras. Nun mesmo saco, xunto con personaxes como Gayoso que proxectan acotío sobre nós a alongada sombra de Fraga, ao país do esquecemento! Noutro envío irían os que presuntamente desatados dos complexos desa sombra pretender tecer outra á súa imaxe e semellanza, que non ten nada que envidiar a esoutra.

Política Lingüística négase a aplicar o cativo decreto e convértese, ao igual ca outros como o Plano de Normalización Lingüística (aprobado por unanimidade no Parlamente con Fraga como presidente de “corpo presente”) e todo o discutido e votado vai a ese lugar no que fican as cousas polas que ninguén pregunta… ninguén con resonancia mediática, incluíndo aos propios medios subvencionados.

Da oposición deste Partido Popular non se pode agardar que os asuntos lingüísticos vaian por estes camiños, senón polos opostos. O PP dos Feijóo, Rueda e Calvo é máis españolista ca o de Fraga, Cuíña, Baltar, etc. A este PP só lle queda axeonllarse perante a estratexia madrileña porque o seu novo “líder” non é ninguén no seo do formación, como si o era Fraga, que era o mesmísimo fundador e que, ademais de gobernar en Galiza tiña certa liberdade para “ir por libre” dentro do Partido Popular. En abondosas ocasións ten manifestado opinións non concordantes coas do seu partido, algo que Feijóo, se o fai (en Galiza), vese na obriga de rectificar a ollos dos dirixentes estatais.

O realmente preocupante é que semella que para ningún dos tres partidos do Parlamento a normalización da nosa lingua é unha prioridade. Exposto o caso do PP, o PSOE (no goberno) endexamais amosou nin a máis mínima sensibilidade cara o noso idioma. A proba máis evidente é nas mans de quen deixaron a materia, ou o galego do que fai gala Touriño (cando o fala). Por se fora pouco, resulta moi pouco críbel que para unha formación nas que pesos pesados son Abel Caballero, Paco Vázquez ou Vicente Irisarri (entre outros, pero poderiamos seguir citando exemplos de galegofóbicos) a cuestión lingüística sexa importante.

O caso do BNG é distinto. Se ben o lingüístico é un piar do seu discurso e para a inmensa maioría da súa militancia e simpatizantes o galego é a lingua que empregan acotío, as formas dos seus dirixentes (e polo tanto os feitos do partido) deixan bastante que desexar. O primeiro incomprensíbel é que no pacto de goberno deixaran Política Lingüística en mans do PSOE, pois debería ser unha prioridade absoluta (xunto a, cando menos, Cultura e Pesca) e unha condicio sine qua non para o pacto. Pero chegado o momento, decatámonos de que para o BNG non existen ese tipo de condicións e que o poder e o acceso a recursos orzamentarios e o único ao que non están dispostos a renunciar. É ben certo que se teñen visto xestos (especialmente do deputado Bieito Lobeira, presentando algunhas interesantes iniciativas) pero en raras ocasións accións contundentes e decididas en prol da defensa en promoción do galego. E cando nos referimos a “defensa” tamén incluímos o rexeitamento firme e público e mesmo certa intransixencia con quen ataca ou non cumpre as súas funcións no tocante á cuestión lingüística.

En resumo. Esta, como outras tantas tarefas, será cousa da cidadanía deste país. Da sociedade e dos movementos asociacionistas de base. Ao igual cá defensa da Terra ou as reivindicacións nacionais no eido deportivo. Non contamos cos partidos estatais e vemos que non podemos contar tampouco co BNG, máis centrado nas cuestións de Madrid ca na defensa dos intereses e bens de Galiza. Non contamos con voz ningunha que poña no Parlamento que se están a incumprir cantas normas existen no referido a normalización lingüística, decrétanse medidas cativas que nin tan sequera se chegan a executar. O panorama non é esperanzador pero, cando o foi? Non nos imos deixar vencer polo desacougo e non imos abandonar agora que a nosa lingua sobrevivíu e chegou até os nosos días, sendo a nós a quen nos corresponde mantela viva e forte. Temos en fronte a quen non contabamos con telo a carón, e non temos á xunto a nós quen si o estivo algún día. A situación é complicada mais como se adoita dicir …a loita continúa!