PRESENTADO O MANIFESTO DO 18 DE MAIO
Esta mañá foi presentado o manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística para a manifestación do vindeiro 18 de maio. O lema era xa coñecido: "Polo dereito a vivirmos en galego". Segundo explicou o colectivo, o obxectivo é buscar a participación de todo tipo de entidades na mobilización.
Promoverán nos concellos galegos as mocións ou declaracións institucionais en favor da participación cidadá na manifestación. Asímesmo, a Mesa pretende o apoio de todo tipo de entidades sociais: centros de ensino, asociacións veciñais, culturais, empresas, sindicatos, organizacións estudantís, etc.
Para facer efectivo ese apoio (tanto individual coma de colectivos) pódese enviar un correo electrónico ao enderezo amesa@amesanl.org ou enviar un fax ao 981 583 782.
Como xa avisaramos aquí, dende AugasCeives apoiamos tanto o manifesto como toda a campaña e a seguir copiamos o devandito texto que se lerá ao remate da mobilización do 18 de maio na Capital Galega.
manifesto "Polo dereito a vivirmos en galego"
As persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos en galego” este 18 de maio de 2008, declaramos:
1) Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a lingua propia” do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade.
2) Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas.
3) Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos.
4) Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós.


Chúzao
del.icio.us
