VENTOS DE CUNTIS QUE ENCHEN PETOS ALLEOS
Sabela Ferreirós escribe sobre unha nova entrega do exercicio do poder nestes gobernos de esquerdas que tanto proliferan agora: a venda do noso ar ao que máis ofreza, á máis grande multinacional do sector. Miramos cara a nosa comarca, a terras de Cuntis. Ilustramos coa curta "A dúas velas", pertencente a aquela serie chamada "Hai que botalos". Conseguímolo, pero quen entrou?
Houbo un tempo no que se decidíu que o progreso era a construción de pantanos para fornecernos de enerxía eléctrica. Eran tempos nos que a conciencia ecoloxista e a preocupación polo medio e polos ríos non agromaba, pois a principal preocupación era entón sobrevivir. Eran tempos de Ditadura.
Posteriormente, a tan anceiada democracia chegou a Galiza da man de Fraga Iribarne, perfecto exemplo de Transición onde os haxa… A política medioambiental, como as formas, non mudou en exceso. O asasinato masivo dos ríos galegos co método dos encoros, saltos hidroeléctricos, minicentrais e demáis derivados nominativos deu converter ao noso país no paraíso das multinacionais sen escrúpulos da enerxía eléctrica. A perfecta simbiose poder político – poder económico fixo madurar os froitos medidos tanto en quilovatios coma en euros ao tempo que os ríos galegos ían esmorecendo ao non aturar tantos golpes e paredes de formigón ergueitas a produciren para os ricos mentres poboacións afectadas convivían con normalidade coas restricións de auga potábel e cos cortes eléctricos. Tempos do PP, tempos de Fraga, tempos de encoros.
Os derradeiros anos do fraguismo coincidiron co espertar social da conciencia galega na defensa do súa terra. Ese imparábel movemento foi un dos maiores obstáculos que padeceu o bipartito PSOE-BNG na súa pretensión de asentamento no poder, un movemento ao que chegaron a desprezar cando baixo o nome de Galiza Non Se Vende saíu á rúa para denunciar que nada cambiara no tocante a política medioambiental na Xunta de Galicia. Baixo as sorrintes caras dos novos gobernantes portadores do cambio seguíronse a promover e construír encoros e a executar asasinatos paisaxísticos dignos da época do primeiro parágrafo. A sumisión do “goberno progresista” ás grandísimas multinacionais non se pode diferenciar por reparto de consellarías, igual Medio Ambiente ca Industria, os dous principais actores desta historia do século XXI.
Con todo, cómpre engadir un novo modelo de “progresismo medioambiental” ao imaxinario destes gobernos de esquerdas. Os parques eólicos. Eses muíños de vento que asolagaban primeiro as serras máis altas do país para soprar o noso vento cara a onde declarar os seus impostos, ben lonxe da Nosa Terra. E despois, coas máis senlleiras serras ocupadas, o nivel de altura tivo que ir minguando a medida que o negocio medraba. Calquera pequeno monte é válido xa para ampliar os petos dos novos deuses do vento. A enerxía eólica ten ese “nonseiqué” de non contaminante nin agresiva cara o medio. As pistas necesarias para a instalación dos aeroxeradores (como disque gostan de chamarlle) así como os propios aparellos en si nin destrúen ecosistemas nin causan impacto ambiental… claro, afeitos a ver as augas contaminadas dos ríos encorados (Encoro do Umia), milleiros de peixes mortos (Encoro da Fervenza, Río Xallas), etc. O ar non parece contaminarse se non é por fume!
A nosa comarca é boa coñecedora das políticas medioambientais duns e doutros. Velaí o Encoro do Umia, a Minicentral da Ermida, o proxecto eólico de Arca, e como anticipo… o do monte do Caeiro (na parroquia de Arcos de Furcos). Esta mesma semana o Concello de Cuntis decidía “outorgar” a instalación dun aeroxerador e súa posterior explotación á multinacional GAMESA. Cremos que é un dato irrelevante pois procurar diferenzas a estas alturas parécenos inxenuo, pero apuntamos que a proposta é do grupo municipal do BNG e a aprobación por unanimidade contou cos votos de PSOE e PP. Diremos, como datos adicionais, que as contraprestacións que ha recibir a administración cuntiense (que non os veciños afectados) baséase principalmente na creación dunha rota de sendeirismo e no pago dun canon. Economicamente, as contas falan de 6000 € (máis o correspondente IPC anual) polos trinta anos que dura a concesión máis dous pagos de 12.000 €. Propagandisticamente, os datos dinnos que se ha crear unha rota de sendeirismo aparellada do seu correspondente mantemento, etc. Tamén o aparello de propaganda funcionara cando Cuíña ideara o Encoro do Umia imaxinando un futuro glorioso para o seu entorno e plasmándoo nun vídeo de ficción. Non temos porque crelo!
Gamesa é unha das principais protagonistas do negocio enerxético en Galiza, principalmente nos sectores eólico e solar. A súa sé está en Gasteiz (Euskal Herria) e o seu volume de negocio é tan abraiante como a súa retórica de compromiso medioambiental e demais literatura empresarial. O pasado ano, Gamesa medrou un 36 % fixando uns beneficios netos de máis de 220 millóns de euros; cun plantel de preto de 7000 traballadores ao longo de todo o mundo (descoñecemos os datos de Galiza). Os tres principais negocios de Gamesa son EE.UU. China e o Estado Español, que tamén son os tres territorios que ocupan os tres primeiros postos entre os estados nos que se instalaron os 20.000 MW totais a nivel mundial. Galiza inclúese en “España”, pero o seu peso é infinitamente superior o do resto de territorios do Estado. Co cal, poderíase dicir que o noso país é unha das principais fontes do negocio enerxético de Gamesa en todo o mundo, por non dicir a que máis. Os datos son claros: dende Grecia até Alemaña, pasando por Pennsylvania ou a Toscana, ningún territorio no mundo se achega ás abraiantes cifras de Galiza. Máis de 570 MW de potencia instalada repartida en 17 parques fican inacadábeis para a seguinte na lista, Castela e León con pouco máis de 350 MW. Aquí acollemos o 32% dos 53 parques que Gamesa posúe por todo o Estado e producimos preto do 36% dos megavatios de potencia “española” coa que enchen os seus petos. Dato significativo é o volume de negocio, parques e potencia instalada que representa Euskal Herria nestes totais: cero.
Estes datos pertencen aos parques eólicos construídos. Os nosos parabéns aos gobernantes de Cuntis pois han contribuír en boa medida e da man da Consellaría de Industria, que ha dar o visto bo definitivo, á expansión desta multinacional (unha máis) que se asenta con firmeza entre nós. Cantos postos de traballo xerará? Cal será o impacto ambiental nos montes de Arcos? E cal o beneficio real que o vento cuntiense deixará á marxe de canons irrisorios para as arcas da empresa?
Ventos que zoan por inescrutábeis sendeiros…


Chúzao
del.icio.us
